Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Estudo documental sobre a produción e o consumo de alimentos ecolóxicos en España : Produción ecolóxica: un mercado en auxe

España produce 1,7 millóns de toneladas de produtos ecolóxicos, especialmente de orixe vexetal, cuxo consumo no mercado interior alcanza os 1500 millóns de euros

Datos do sector

Superficie ecolóxica

España conta con máis de 1,9 millóns de hectáreas de superficie ecolóxica inscrita, o que supón aproximadamente o 8 % de todas as superficies de cultivos, prados e pastos de España (ao redor de 25 millóns de hectáreas). Esta extensión ecolóxica concéntrase en poucas rexións, especialmente no sur; un 51 % está en Andalucía, outro 19 % en Castela-A Mancha e o resto, sempre menos dun 7 %, en Cataluña, Estremadura, a Comunidade Valenciana, Murcia, Aragón e Navarra. O resto de comunidades autónomas reúnen en conxunto o outro 7 % restante.

Ademais, hai máis de 34.600 produtores agrarios ecolóxicos. O 86 % son agrícolas, uns 6 % gandeiros e outro 8 % son mixtos e doutro tipo. Segundo o MAPAMA, un dos trazos que caracterizan a estrutura produtiva básica implantada neste sector é o baixo nivel de desenvolvemento da produción ecolóxica de orixe animal. E é que conta cun número de explotacións gandeiras relativamente limitado; son ao redor de 7500, o 47 % de bovino, o 38 % de ovino e caprino, o 4 % de avicultura e o resto doutro tipo.

Produción ecolóxica

A produción ecolóxica de orixe vexetal é especialmente importante e sitúase preto dos 1,7 millóns de toneladas de produto ecolóxico. Concéntrase en determinados alimentos, como son as froitas e as verduras, o aceite, o viño e os froitos secos, entre outros.

Porén, para o MAPAMA o grupo de produtos de orixe animal aínda representa volumes pouco relevantes, concentrados basicamente na carne (especialmente a de vacún e ovino), no leite cru (sobre todo de vaca e de cabra), nos ovos e na acuicultura (especialmente ovos de esturión, mexillóns e troitas).

Así, o valor en orixe da produción ecolóxica alcanzou en 2015 os 1619 millóns de euros, un 35 % máis ca o ano anterior. O 84 % pertence á produción de orixe vexetal e o 16 % á de orixe animal.

Neste sentido, hai 6 tipos de producións ecolóxicas que concentran o 83 % dese valor económico, a maioría de orixe vexetal. Por orde, son: o aceite, as hortalizas frescas e as patacas, as carnes (de todos os tipos), os viños, as froitas e os froitos secos.

Consumo

O consumo no mercado interior dos produtos ecolóxicos aumentou un 24 % en 2015 e achegouse aos 1500 millóns de euros. Así, cada español gastou 32 euros ao ano e a súa cesta da compra de alimentos ecolóxicos inclúe especialmente hortalizas, patacas e os seus elaborados (supón o 16 %); froitas e os seus elaborados (un 15 %); cereais, arroz e derivados (13 %); carnes e derivados cárnicos (10 %) e aceites e graxas (9 %).

Segundo o MAPAMA, hai un desequilibrio na oferta de produtos ecolóxicos porque os de orixe vexetal supoñen o 77 %, mentres que os de orixe animal son o 23%.

Perfil de consumidor

Velaquí varios factores que condicionan o consumidor de produtos ecolóxicos á hora de comprar este tipo de alimentos e bebidas:

  • Saúde e seguridade alimentaria (percepción de máis saudables e nutritivos).
  • Rexeitamento ao uso de pesticidas, fertilizantes de síntese, hormonas, aditivos etc.
  • Produto de alta calidade, naturalidade, frescura, sabor.
  • Percepción dunha produción respectuosa co medio ambiente e co benestar animal.
  • Percepción de maior proximidade ao campo, con orixe coñecida, auténtico, autóctono, tradicional.
  • Percepción dunha caracterización do produto coherente cunha determinada cultura ou filosofía de vida.
  • Información sobre o produto.

Porén, respecto da percepción de que este tipo de produtos son máis saudables e nutritivos, convén salientar que non existe ningunha evidencia científica que demostre que isto sexa certo. E nisto insisten o recoñecido nutricionista Julio Basulto e o xornalista experto en nutrición Antonio Ortí, que din que “aínda que a agricultura ecolóxica exerce un menor impacto ambiental, tal e como recoñece a Academia Americana de Pediatría (AAP), non se debería afirmar, como se pregoa desde diversos círculos, que os alimentos ecolóxicos teñen moitísimos máis nutrientes, vitaminas, minerais, antioxidantes, oligoelementos, micronutrientes etc. que os que non o son”.

Info ga

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións