Cámaras compactas autoenfoque

Prestacións aceptables para un usuario pouco esixente

Analizáronse 8 modelos de cámaras fotográficas compactas automáticas, as máis sinxelas, esas nas que non é preciso axustar manualmente a distancia, a velocidade de obturación nin a apertura do diafragma. Algunhas cámaras compactas, máis caras cás aquí estudiadas, incorporan prestacións avanzadas pero as analizadas non dispoñen destes avances. Por iso, o seu prezo é relativamente modesto: custan entre 8.400 e 10.950 pesetas.
1 Febreiro de 2001

Prestacións aceptables para un usuario pouco esixente

Dos resultados da análise dedúcese que as oito cámaras cumpren a súa función, ó obteren fotografías aceptables para as condicións de emprego habituais dun usuario non experto, aínda que non satisfarían as expectativas dun afeccionado á fotografía ou de quen precisa realizar fotos de calidade artística ou especializadas: deportivas, paisaxes, animais…

Destaca polas súas mellores prestacións Canon Prima AF-8, que é precisamente a máis barata das comparadas. Por outra banda, a información ó consumidor, as instruccións de
emprego e a garantía eran correctas en tódalas cámaras estudiadas. En resumo, son cámaras axeitadas para captaren imaxes de familia ou grupo e para gardar lembranza dun acontecemento, viaxe ou excursión. Pero non se lles pode pedi-lo rendemento dunha cámara réflex, máis cara e complexa de usar. Os puntos débiles destas cámaras económicas e sinxelas de manexar son o visor (que non reflicte fielmente o que se fotografa) e o flash, do que debemos esquecernos para fotografar en malas condicións de luz obxectos ou
persoas situados a distancias superiores ós 2,5 metros.

Prezo e calidade

No tocante á calidade, estas cámaras sitúanse a medio camiño entre as cámaras de enfoque fixo e as que inclúen zoom. Quedan lonxe en prezo das máis baratas, as desbotables, que custan arredor de 1.000 pesetas; pero aínda máis lonxe das réflex, polas que deberemos pagar desde 40.000 ata medio millón de pesetas, segundo o noso nivel de esixencia e capricho.

En xeral, as cámaras compactas estudiadas cumpren cos modestos resultados esperados, tanto nas fotos en exteriores coma en interiores e nos primeiros planos.

Son doadas de utilizar e presentan unha información e garantía suficientes. Destacou no conxunto de probas, como xa se adiantou, Canon Prima AF-8 que, ó se-la máis barata (8.400 pesetas) merece o galardón de mellor relación calidade-prezo da análise. A mostra con resultados menos satisfactorios, aínda que aceptables en xeral, foi Olympus Trip XB41AF, que custa 9.900 pesetas.

Desbotables, compactas, réflex…

O mercado ofrece cámaras desbotables (de recente aparición e que se guindan unha vez entregada a cámara xunto ó seu carrete na tenda de revelado), compactas (con ou sen zoom), réflex (as máis caras e só para os realmente afeccionados á fotografía) e dixitais, estas últimas con aplicacións informáticas e prestacións específicas.

Nesta análise comparáronse 8 cámaras compactas autofoco sen zoom. Isto significa que non se pode axustar manualmente a distancia, a velocidade de obturación nin a apertura do diafragma. As oito inclúen autoenfoque, ou o que é o mesmo, os obxectos enfócanse automaticamente. Distínguense así das de enfoque fixo, máis rudimentarias e que enfocan todo o que estea entre un ou dous metros e o infinito, independentemente da súa distancia e con menor precisión cás autofocus. Ó careceren de zoom, non se pode modifica-lo ángulo de toma da imaxe: nunha panorámica, non poderemos fotografar un monumento en concreto.

O visor, o peor

O visor dunha cámara compacta non ten a precisión dunha réflex, na que o usuario ve a través do obxectivo todo o que vai saír reflectido na fotografía e, polo tanto, o encadre correspóndese exactamente co que aparece na foto. Nas cámaras compactas, canto máis preto estea o obxecto que queremos fotografar, máis acusada será a diferencia (o que se chama erro de paralelaxe).

En calquera caso, o que se ve a través do visor da maioría deste tipo de cámaras é xeralmente menor cá imaxe que sairá na foto, o que evita a posibilidade de mutila-lo obxecto principal da fotografía. Non obstante, moitas cámaras inclúen no seu visor unha indicación dos límites reais da foto proporcionando un mellor encadre. Os encadres do visor valoráronse coma bos, non sendo en Konica e Nikon. Na primeira, por dispor só de encadre central e non do limitador. E en Nikon, por ser pouco visible o encadre limitador e non dispor de encadre central. O visor máis preciso foi o de Canon. Os menos fiables, cun “regular” na proba, foron os de Samsung, Olympus, Konica e Pentax.

Dous conceptos esenciais

Diafragma e obturador son fundamentais á hora de facer unha fotografía. O efecto da luz sobre a película depende da luminosidade da imaxe e do tempo ó que expoñámo-lo negativo a esa luz concreta. A luz que entra na cámara contrólase co diafragma mentres que o tempo de exposición se regula mediante o obturador. Nas cámaras compactas, estes dous aspectos contrólanse automaticamente e veñen fixados de fábrica, pero comprobáronse diferencias entre uns modelos e outros. As velocidades de obturación van dun segundo a unha centésima de segundo, agás en Samsung -a súa velocidade foi de 1/125 segundos- e en Minolta, que chega ata 1/250 segundos. Saibamos que canto maior sexa a velocidade de obturación, mellor será a capacidade de fotografar movementos rápidos. Por outra banda, unha cámara con boa luminosidade permitirá facer fotos en peores condicións de luz sen necesidade de recorrer ó flash. Neste apartado, as peores foron Konika e Olympus cunha apertura máxima de diafragma de 6,3. Son “máis escuras” ca Canon, Samsung ou Ricoh, que teñen diafragmas de 4,5.

Aínda que estas cámaras teñan enfoque automático, non pode realizarse a fotografía á distancia que un desexe, porque hai unha separación mínima á que situarse para face-la foto: se nos achegamos máis, a foto sairá borrosa. En Samsung, esa distancia era de 1,3 metros, a peor da proba. As de Canon, Pentax e Olympus permítenlle ó fotógrafo achegarse ata 80 centímetros do obxecto ou persoa que queira fotografar. O resto sitúa esta distancia en 1 metro. Soamente se a cámara conta coa opción de fotografías marco (función que permite achegarse aínda máis) se poderán facer fotos a unha distancia menor.

O flash funcionou ben, pero…

Se non hai luz abonda para face-la fotografía, será preciso usa-lo flash. As cámaras compactas ofrecen prestacións moi inferiores ás do flash dunha cámara réflex, que xeralmente se vende como elemento independente da cámara. Amais de falta de potencia (só Pentax e Konica aseguran iluminar obxectos a algo máis de 3 metros, e non o fan ben) adoitan fallar á hora de iluminaren a escena, pois iluminan en exceso a parte central da imaxe e deixan a escuras o resto. Neste apartado, só Samsung obtén un bo resultado, aínda que recomenda a distancia menor (2,4 metros) xunto con Olympus. Polo tanto, é preciso pondera-los resultados tendo en conta a distancia. Os peores resultados de Konika e Pentax prodúcense a 3,7 metros. Pero esta é a distancia proposta por estas marcas e deberían realizar boas fotografías a esa distancia. A cámara que ofreceu resultados aceptables cunha distancia maior (3,4 metros) foi de novo Canon.

Se facémo-la foto con pouca luz, corrémo-lo risco de que a foto saia movida, ó se-la velocidade de obturación demasiado lenta. Para evitalo, o flash debe dispararse a unha velocidade maior ou avisar, no seu caso, de que a foto sairá mal. Tamén pode pasar que queiramos utiliza-lo flash (para realzar unha escena ou conxelar unha imaxe) en situación de luz suficiente. Nikon, Samsung, Canon e Minolta ofrecen tamén o modo manual, prestación interesante porque permite emprega-lo flash aínda que as condicións de luz non o fagan indispensable. Nikon e Olympus, pola súa banda, incorporan unha función de desactivación do flash en ausencia de carrete.

Ó usa-lo flash, a pupila non ten tempo de contraerse e o fondo do ollo ilumínase de cor vermella, polos vasos sanguíneos da retina. Para evitalo, estas oito cámaras disparan o flash dúas veces seguidas, unha vez para provoca-lo peche da pupila e a segunda para ilumina-la foto. Esta función coñécese como anti-ollos vermellos. Estas cámaras tamén foron probadas en condicións de escuridade absoluta. Sacáronselle fotos a un obxecto situado a metro e medio en total escuridade e de seguido comparáronse os resultados. As mellores foron Samsung, Nikon e Minolta. O resto cualificouse como aceptable.

Primeiros planos, exteriores e interiores

O mellor xeito de comprobar se as cámaras permiten realizar boas fotos é probándoas en distintos escenarios. Comprobáronse os seus resultados tomando primeiros planos e fotografando tanto exteriores coma interiores.

Nos primeiros planos, as mellores foron Canon, Samsung e Ricoh, que tamén resultaron ben valoradas en exteriores e interiores. Konika, Nikon e Minolta só acadaron o aceptable en interiores. Olympus e Pentax quedaron en aceptable tanto en interior coma en exterior. Nas fotos en exteriores, destacaron novamente Canon e Samsung, e tanto en obxecto fixo coma cando estaba en movemento. Pola súa banda, Pentax, Nikon e Minolta só acadaron o aceptable nalgunha das dúas probas, aínda que a Minolta foi a mellor co obxecto en movemento, o que é coherente coa súa velocidade de obturación, a mellor das oito cámaras.

Os modelos de Konika, Ricoh e Olympus cualificáronse como só aceptables nas dúas probas. Para rematar, as fotos de interior con flash (obxecto fixo a 5 e 10 metros) non saíron perfectas con ningunha das oito cámaras. De feito, nas instruccións os fabricantes recomendan distancias máximas para as fotos con flash de entre 2,4 e 3,7 metros. Con obxecto en movemento a 2 metros, seis cámaras obtiveron un ben. Só Konika e Olympus se consideraron tan só aceptables.

O carrete tamén conta

En fotografía empréganse tres sistemas: 35 mm ou paso universal, APS (Advanced Photo System) ou compacto, e o dixital (permite garda-las fotos en disquete, CD ou memoria flash, e en formato dixital). O de 35 mm (negativo de 24 x 36 milímetros) é o máis espallado. O APS diferénciase do anterior polo seu negativo máis pequeno (17 x 30 milímetros) e permite cámaras máis pequenas pero o revelado é máis lento e máis caro e a calidade de impresión é menor (nótase máis nas ampliacións). Tódolos modelos empregan carrete de 35 mm. O transporte da película, pasar á seguinte foto, é automático en tódalas mostras. En cambio, o rebobinado é automático só en Canon, Nikon, Minolta, Ricoh e Olympus. Os modelos de Canon, Minolta, Ricoh e Olympus contan coa función de autodisparador ós 10 segundos, que lle permite ó fotógrafo aparecer na foto, ó darlle tempo a incorporarse “á escena”. As oito cámaras requiren para o seu funcionamento dúas pilas alcalinas de 1,5 voltios (tipo LR6). Menos Samsung, todas ofrecen opción para trípode. Todas inclúen ademais correa de transporte, e agás Canon, teñen funda. Ademais, a funda ofrece a posibilidade de enganche no cinto, non sendo no caso de Ricoh. O modelo de Minolta é o único con pantalla de información dixital na que sinala: contador de fotos, axuste do flash, estado de carga das pilas e estado do autodisparador. Tamén só Minolta inclúe un dispositivo contra a apertura accidental da tapa do carrete cando non está rebobinado.

En síntese

En síntese

  • Analizáronse 8 cámaras fotográficas compactas automáticas. O seu prezo oscila entre as 8.400 e as 10.950 pesetas.
  • Todas cumpren, xa que obteñen fotografías aceptables para as condicións de emprego habituais dun usuario pouco esixente. Serven para captaren imaxes de familia ou grupo e gardar unha lembranza dun acontecemento ou viaxe, pero non se lles pode esixi-lo rendemento dunha cámara réflex, máis cara e complexa de usar.
  • Destacou nas probas, polas súas mellores prestacións, Canon Prima AF-8, a máis barata e a mellor relación calidade-prezo.
  • Información ó consumidor, instruccións de emprego e garantía, correctas en tódalas cámaras.
  • Os puntos débiles destas cámaras son o visor (que non reflicte fielmente o que se fotografa) e o flash, do que nos debemos esquecer para fotografar en malas condicións de luz obxectos ou persoas situados a distancias superiores ós 2,5 metros.
  • Rebobinado automático, soamente en Canon, Nikon, Minolta, Ricoh e Olympus.
  • A única con pantalla de información dixital é Minolta. E todas contan coa función anti-ollos vermellos cando se dispara o flash.

Unha a unha

Oito cámaras compactas, unha a unha

Canon prima AF-8

  • 8.400 pesetas. A mellor e máis barata. Polo tanto, a mellor relación calidade-prezo. O visor máis preciso. Unha das catro que
    tolera unha distancia menor de fotografía (80 centímetros). Ten autodisparador. Consegue boas fotografías en primeiros planos e en exteriores. Rebobinado automático. Boa luminosidade (apertura máxima de diafragma: 4.5).

Samsung Fino 30 S

  • 9.900 pesetas. En xeral, bos resultados. A precisión do visor, só regular. E a distancia mínima, un pouco excesiva (1,3 metros). É a única que ilumina realmente ben as escenas con flash (a unha distancia de 2,4 metros). Bos resultados en primeiros planos e fotos de exterior. Boa luminosidade (apertura máxima de diafragma: 4.5).

Minolta AF50 Big Finder

  • 10.950 pesetas, a máis cara. A terceira mellor nas probas prácticas. A máis completa en accesorios, ten unha pantalla dixital
    con informacións de interese. A maior velocidade de obturación e, en consecuencia, o mellor resultado nas fotos a obxectos en movemento. Conta con autodisparador e rebobinado automático.

Pentax PC 550

  • 9.900 pesetas. Resultados aceptables. Ben nas fotos en movemento. Distancia mínima, boa. O flash non alcanza a distancia anunciada. O seu visor non é moi preciso.

Konica AF200

  • 8.490 pesetas, a segunda máis barata. Resultados aceptables. Distancia mínima, boa. O flash non alcanza a distancia declarada. É a máis lixeira (152 gramos). O visor, pouco preciso. Non ten rebobinado automático nin autodisparador. Apertura do diafragma, escasa (6.3): pouca luminosidade.

Nikon AF 240SV

  • 10.290 pesetas. Resultados aceptables. Boa precisión do visor. Unha das menos pesadas. Carece de autodisparador. O rebobinado do carrete é automático. Distancia mínima, un metro.

Ricoh AF77

  • 10.500 pesetas. A única con dous tipos de visor (teno tamén panorámico). Bos resultados en primeiros planos. O resto, aceptable. A segunda mellor distancia de flash (3 metros). Boa apertura de diafragma (4.5).

Olympus XB41AF Trip

  • 9.900 pesetas. Resultados só aceptables en tódalas probas. Unha boa distancia mínima (80 centímetros). O visor non é moi preciso. Diafragma pouco luminoso (6.3).