Certificados de calidade para praias

Praias certificadas

A Bandeira Azul, as normas de calidade ISO 9001 e 14.000, a Q de Calidade do ICTE ou o sistema de xestión EMAS, son mecanismos con que as autoridades públicas contan para comprobar e xestionar a calidade e o bo estado das praias e ofrecer ós seus visitantes uns parámetros en mellora constante ano tras ano.
1 Xullo de 2004

Cada unha destas normas ten un nivel de esixencia diferente, pero todas tenden a prestixiar en maior ou menor grao o areal que consegue estes títulos, e, por ende, a zona, provincia, comunidade autónoma ou país que en maior medida os obtén. Ademais, configúranse como unha ferramenta de márketing e publicidade para as praias.

Praias certificadas

/imgs/20040701/informe01.jpg
A importancia de acreditar a calidade e a xestión das praias maniféstase no feito de que o territorio español conta con 3.000 puntos catalogados como praia, algunhas das cales reciben máis 30.000 visitantes diarios. Tampouco pode desdeñarse o impacto económico que o aproveitamento da praia supón: con só o 0,001% do territorio, a economía xerada polas praias supón o 10% da renda do noso país. Mellorar e acreditar esa mellora, e a salubridade e o respecto ó medio natural convértense, polo tanto, nun elemento esencial para captar e conservar visitantes.

Bandeira Azul: unha fotografía da situación

O sistema máis coñecido por consumidores, usuarios e turistas é a Bandeira Azul, recoñecemento que supón unha fotografía, unha imaxe estática, da situación dunha praia nun momento determinado tras a inspección por parte dos membros da ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e que ano tras ano hai que renovar. A concesión da Bandeira Azul non é para toda a vida, xa que se impón unha renovación anual. Sen embargo, a inspección realízase nun momento concreto e non valora as melloras ou o empeoramento dunha praia. Se cumpre os requisitos, entrégaselle a bandeira sen analizar se se produciu un empeoramento desde o ano anterior.

Aínda que nos últimos anos o prestixio deste galardón púxose en cuestión, a entrega da Bandeira Azul segue sendo un acto emblemático nas praias españolas. Este verán, un total de 450 praias e 68 portos recibiron o galardón, que entregan a Fundación Europea de Educación Ambiental (FEEE) e a citada ADEAC, organización española que pertence á Fundación encargada de visitar e analizar os emprazamentos que aspiran a esta distinción.

O consumidor pode recoñecer facilmente a praia con Bandeira Azul: hai un sinal distintivo emprazado na entrada das praias. Ademais, dado o prestixio que outorgou a concesión deste galardón, é un motivo de fachenda para os responsables municipais, que acostuman pregoar o éxito a través dos medios de comunicación.

Para conseguir a Bandeira Azul, as praias deben acreditar uns mínimos en aspectos relacionados coa legalidade, sanidade, limpeza, seguridade, información e xestión do medio natural. Os concellos pasan o exame a principios de verán coa visita de inspectores que investigan tamén as denuncias formuladas polos usuarios.

A concesión da Bandeira Azul realízaa un xurado internacional, sempre que a praia cumpra con 27 criterios relacionados coa calidade da auga, a educación ambiental e información, xerencia ambiental, seguridade e servizos.

Normas ISO 9001 e ISO 14001: a mellora continua

A incorporación das normas ISO 9001 (Xestión da calidade) e 14001 (Xestión do medio natural) á certificación das praias supuxo un avance na mellora continua dos servizos e na situación do litoral. Estas normas acreditan unha constante mellora, xa que as praias, igual que calquera empresa ou entidade, deben renovar a súa certificación ano tras ano mediante a visita anual dos auditores independentes que verifican a mellora de instalacións, calidade de augas e area, servizos, xestión de refugallos etc. Mentres que na Bandeira Azul é unha organización a que toma a iniciativa para a concesión do galardón, nas normas de xestión da calidade e do medio natural son os consistorios os que dan comezo ó proceso e se implican ata o final na obtención do certificado. Os pasos que deben seguir os concellos comezan pola toma de conciencia para obter esas certificacións, e por xestionar con calidade e pór en marcha unha política do medio natural. Para iso, cómpre elaborar un documento que reflicta un compromiso explícito de prevención da contaminación, de mellora continua e do cumprimento da lexislación ambiental de cada territorio.

Posteriormente, débense identificar todas as actividades que se desenvolvan na praia e que poden provocar impactos na natureza (lixo, refugallos dos “chiringuitos”, residuos sanitarios, restos de utensilios de praia -plásticos, pelotas, pas etc.- residuos de motos acuáticas -se está permitido o seu uso- etc.).

O seguinte paso é fixar metas para previr a contaminación, conseguir a mellora continua etc. Para desenvolver este proceso, os concellos contan con auditores -de empresas independentes- que axudan tanto na redacción do Sistema de Xestión Ambiental como nos plans de prevención e de identificación dos focos de contaminación. Finalmente, outra empresa, a certificadora, encárgase de determinar se efectivamente se cumpren os requisitos que establecen as normas ISO 9001 e 14001. Os visitantes atoparán, xunto ó panel que informa dos servizos que ofrece a praia (duchas, posta sanitaria etc.), o cuño da empresa que certificou o servizo. Ademais, os concellos que obteñen esas certificacións utilizan estes cuños nas súas políticas de márketing, polo que é fácil descubrir nos folletos informativos e nos medios de comunicación información sobre a obtención da certificación.

Segundo SGS ICS, multinacional certificadora implantada no noso país, “a obtención dun certificado, tanto de calidade de servizo como do medio natural, é só o principio do traballo, xa que é obrigatorio renovalo cada ano, tras a inspección de auditores independentes que avalían non só que se manteñen os niveis que esixe a norma, senón que se mellora de xeito continuado, principal característica dos certificados, fronte a outras distincións que só valoran que se cumpran certos requisitos”. As normas de calidade e de medio natural ISO implican, polo tanto, un compromiso cunha mellora continua, acreditada coa renovación do certificado.

Sistema EMAS: o máis esixente e prestixioso

EMAS (Sistema de Ecoxestión e Auditoría) é o sistema máis prestixioso da Unión Europea e esixe para a súa obtención o cumprimento estrito da lexislación vixente. Un concello non pode inscribir as súas praias nin ningún outro servizo no rexistro EMAS se amosa unha soa carencia ou desconformidade no informe realizado polos verificadores. O concello que desexe obter a certificación EMAS debe facer unha declaración sobre o medio natural cun resumo da súa xestión. Esta declaración é un documento público. No sistema EMAS é a propia Administración, a través da figura de verificador, quen se inscribe nun rexistro europeo, o que supón a proba do cumprimento co sistema.

EMAS aposta pola comunicación e a transparencia cara á opinión pública. O sistema comeza por unha revisión desde o punto de vista do medio natural das actividades que realiza o concello nas praias do seu municipio. Nesta revisión descríbese o impacto que ocasionan as actividades realizadas no contorno. Despois redáctase o sistema de xestión do medio natural (efectivo e realista) e, por último, hai que promover unha declaración sobre los logros obtidos en relación a ese compromiso.

Varios concellos enclavados en zonas turísticas están inmersos no proceso de redacción do sistema de xestión do medio natural, que implica desde a recollida de lixo e o seu tratamento, ata a implicación dos traballadores e funcionarios na posta en marcha de todo o sistema.

Dado que é un método de traballo relativamente novo, menos coñecido e moito máis esixente, a inscrición de municipios neste sistema é notablemente inferior á entrega de certificados ou Bandeiras Azuis.

Marca Q de Calidade Turística: o modelo dos empresarios turísticos

É a certificación máis recente que se aplica ás praias. No momento de redactar este informe estábanse realizando as auditorías previas nas praias para que se puideran entregar as certificacións a mediados de xullo, coincidindo coa época de maior afluencia a estes espazos. Segundo fontes do ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española), é esta institución a que forma os auditores nas peculiaridades de cada sector para que poidan coñecer perfectamente os puntos críticos e febles ós que deben prestar atención preferente. Para manter a marca de Q de Calidade Turística, a praia ou empresa que a obteña debe auditarse e ratificar anualmente a certificación. O ICTE informou a esta revista que, pola falta de auditores, nesta primeira edición de auditorías en praias non se puideron atender todas as demandas e solicitudes .

A marca Q de Calidade Turística avalía o que afecta o usuario final: unidade de dirección, de seguridade, salvamento e primeiros auxilios, información, limpeza e recollida selectiva de residuos, mantemento de instalacións e equipamentos, accesos, servizos hixiénicos e lecer. E fai o propio con todos os aspectos que afecten á natureza. A principal diferenza desta marca co resto de sistemas de certificación é que provén dunha institución española que ten coma obxectivos a defensa e mellora dos servizos turísticos españois. As normas son definidas por empresarios, Administración e implicados e expertos no sector, polo que se cinguen moito máis, segundo os seus promotores, ás necesidades e demandas dos usuarios do servizo turístico, neste caso das praias. Para identificar as praias coa marca Q, o ICTE deseñou uns paneis que se situarán na entrada das praias, xunto ós paneis con información dos servizos.