Analizados 160 aparcadoiros públicos de pagamento e rotación en 18 capitais españolas

Párkings: encareceron o dobre ca o IPC, pero a súa calidade practicamente non mellora

Nos últimos catro anos o prezo medio de unha hora de estacionamento aumentou un 33%, cando o IPC acumulado é do 14%. Un de cada cinco aparcadoiros suspende en calidade por mor de carencias en servizos, información e seguridade
1 Xaneiro de 2009
Img tema listado

Párkings: encareceron o dobre ca o IPC, pero a súa calidade practicamente non mellora

/imgs/20090101/tema1.jpg
Prestacións de suspenso a prezo de sobresaínte. Os aparcadoiros públicos seguen a arrastrar carencias nos servizos (a imposibilidade de pagar con tarxeta de crédito, nun 40% dos casos, é unha das principais); en información (en un de cada catro non indican os seus horarios e constatáronse deficiencias na sinalización) e en seguridade (en 8 de cada 10 non hai vías de seguridade para peóns), o que non obsta para que as súas taxas aumenten notablemente. Tanto é así que nos últimos catro anos o custo medio dunha hora de estacionamento subiu un 33%, máis do dobre do aumento do IPC no mesmo período (un 14,1%). Así o constatou CONSUMER EROSKI no estudo realizado en 160 aparcadoiros públicos de pagamento e de rotación (non exclusivos para residentes ou aboados) de 18 capitais españolas. Os mellores atopáronse en Barcelona, Málaga, Murcia, Sevilla, Valencia e Zaragoza e, os peores, na A Coruña e enCórdoba. A cidade condal tamén encabeza a lista coas tarifas medias máis caras (2,7 euros por unha hora), seguida por Valencia (2,5 euros), Bilbao e Madrid (2,2 euros). Entre os máis económicos, os de Alacante (un euro por unha hora), Almería (1,2 euros), A Coruña e Valladolid (1,4 euros).

Actuando como clientes, os técnicos desta revista visitaron aparcadoiros da Coruña, de Alacante, Almería, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Tres de cada catro atopábanse no centro da cidade e case o 80% eran subterráneos. A proba realizouse durante tres días laborables (luns, martes e venres) e mais en sábado, tanto en horas sen moito tráfico (10.00 horas) como en horas punta (13.30, 18.00 e 20.00 horas). Durante a observación, aparcouse durante unha hora co fin de comprobar se a información ao usuario era completa, se se cumprían as normas de seguridade e accesibilidade, e se as instalacións se atopaban en bo estado. Ademais, efectuouse un estudo comparativo das tarifas.

Un de cada cinco aparcadoiros suspendeu a proba e a nota media dos 160 analizados quedou nun ‘regular’, que non chega ao aprobado. A proporción de suspensos diminuíu (pasa dun 40% a un 20%) con respecto aos resultados do estudo realizado por CONSUMER EROSKI no 2005 e a cualificación media mellorou (dun ‘mal’ a un ‘regular’), pero a evolución é, evidentemente, insuficiente.

As maiores carencias constatáronse nos servizos, que reciben un ‘mal’. A información e a seguridade que se lle ofrece ao usuario superaron o exame desta revista, pero cun pobre ‘aceptable’. As mellores valoracións rexistráronse na limpeza (cun ‘moi ben’) e na accesibilidade (cun ‘ben’ fronte ao ‘regular’ do 2005).

Recomendacións aos usuarios
  • Non deixar o tícket dentro do vehículo e, por suposto, intentar non perdelo.
  • De se cobrar por hora ou fracción, solicitar o libro de reclamacións (de existencia obrigatoria) para facer constar a queixa polo cobramento dun tempo superior ao realmente utilizado.
  • Para reclamar indemnizacións por perdas e danos contra o propietario do aparcamento, a Lei establece a posibilidade de solicitar a mediación das Xuntas Arbitrais de Consumo. Trátase dunha medida apropiada, xa que o usuario ten a posibilidade de resolver a súa reclamación sen necesidade de acudir aos tribunais de xustiza, co conseguinte aforro económico e de tempo.
  • Preguntar, se non está claramente indicado, polo horario de apertura e de peche do párking.
  • Non deixar obxectos de valor dentro do vehículo: o aparcamento non se fai cargo da súa reposición.
  • Coidado ao pagar nas máquinas de pagamento automáticas: non aceptan todos os billetes, de xeito que hai que procurar levar cambio en moeda ou en billetes de 5 e 10 euros.

Os prezos non entenden de crise

/imgs/20090101/tema2.jpg
Dende o 1 de setembro do 2007 todos os aparcadoiros, xa sexan públicos ou privados, deben cobrar por minuto de estacionamento e renunciar aos abusivos redondeos á alza. Non obstante, esta nova lei non impediu que os prezos, nalgúns casos, se dobrasen en catro anos, ou que noutros estacionamentos se aplique o coñecido como “minuto de ouro”. Baixo esta expresión agáchase un prezo máis elevado polo primeiro minuto de estacionamento, unha práctica común nos aparcadoiros seleccionados en Vitoria (custa, de media, 0,50 euros). Xunto a Vitoria, as instalacións estudadas en Valladolid, Oviedo e Valencia (0,20, 0,18 e 0,16 euros) son as máis onerosas por ese primeiro minuto. Pola contra, eses 60 segundos iniciais resultan máis económicos nos aparcadoiros escollidos na Coruña e en Alacante, nos que non chegan aos dous céntimos de euro.

O prezo medio por estacionar unha hora anda arredor dos dous euros (1,9). Este desembolso representa un incremento de medio euro, preto dun 33%, con respecto á media do 2005. Os maiores incrementos con respecto ao 2005 atopáronse nos aparcadoiros estudados en Vitoria (0,75 máis, un 79%), en Zaragoza (80 céntimos máis, un 62% de incremento); en Pamplona, 0,72 euros (un 52%) e en Valencia, 77 céntimos de euro (un 45% máis ca no 2005). No extremo contrario, Madrid e Almería, con subas de 0,19 euros (9%) e 0,25 euros (26%). Non obstante, o prezo en Madrid por estacionar o coche 24 horas é o dobre de caro ca o que se pagaba hai catro anos (34,4 euros por día completo de media fronte aos 17,12 de 2005). Barcelona e San Sebastián repiten os postos máis onerosos (ao igual ca no 2005), con 32,4 e 22,7 euros por 24 horas.

O menor desembolso medio constatouse en Alacante (10,9 euros) e en Oviedo (12,8 euros), a metade do que se paga polo mesmo tempo nos estacionamentos máis custosos. En catro anos, o prezo por aparcar o automóbil un día completo incrementouse en algo menos de 5 euros: de 15,26 euros a 20 euros, un aumento similar en termos porcentuais ao rexistrado por unha hora de aparcamento. Amais dos prezos por hora, nalgúns aparcadoiros hai que sumar a taxa de acceso. Este sobreprezo aplícase na metade dos aparcadoiros estudados en Pamplona (con prezos entre 0,05 e 0,25 euros) e en seis dos oito tomados en conta en Valladolid (o custo por acceder ao garaxe sitúase nos 0,14 euros de media). Ademais, en todos os párkings analizados en Oviedo e en seis dos oito de Alacante cóbrase entre 5 e 20 céntimos de euro, aínda que non se estacione o vehículo e o condutor saia tan só un par de minutos despois de entrar.

En case unha de cada tres instalacións visitadas obrigábase o usuario a pagar a tarifa máxima diaria en caso de perda do billete. Para evitar este abuso, o estacionamento debería contar con cámaras de identificación de matrículas para coñecer o tempo exacto que permaneceu ese automóbil aparcado e cobrar unicamente esa fracción. Acontece en todos os garaxes públicos analizados en Barcelona, Granada e Pamplona, nos que, malia a perder o tícket, o usuario non ten que desembolsar máis cartos do que debería. Cando o condutor entra nun aparcamento de rotación, é fundamental que coñeza todos os datos sobre a instalación. De feito, a lexislación esixe que se indique “por calquera medio” e de maneira “perceptible” (en lugares visibles) os prezos, horarios, normas de uso e funcionamento do aparcamento. Obriga ademais a dispor de follas de reclamacións.

Malia as normativas, a información ofrecida ao usuario só obtivo un mediocre ‘aceptable’, unha nota inferior ao ‘ben’ acadado no 2005. En 6 dos 160 aparcadoiros estudados non expoñen claramente as súas tarifas á vista dos usuarios. O máis atinado é que eses sinais cos prezos vixentes se sitúen na entrada do garaxe, nas ventás e nas máquinas onde se efectúe o pagamento do servizo, e mais nas escaleiras, ascensores ou entradas peonís de acceso ás instalacións, como acontece na metade dos estacionamentos estudados.

Os horarios non eran visibles en un de cada catro aparcadoiros. A sinalización tampouco era abonda: en case a metade non había un sinal de acenda as luces e no 28% nin sequera se limitaba a velocidade, recomendada a 10 ou 20 quilómetros por hora. Na entrada era moi común sinalar a altura máxima permitida. Só no 46% dos casos se viu unha barreira oscilante pintada con franxas vermellas e brancas ou unha barreira de luz que controlase a altura dos vehículos. A sinalización das prazas libres tampouco é a idónea: nun 84% dos casos non dispuña dalgún sistema que guiase os condutores cara a elas (poden ser sinais luminosos) no interior do recinto.

É fundamental dirixir o tráfico de vehículos e o de peóns por diferentes lugares para evitar posibles atropelos. Así e todo, un 10% dos aparcadoiros non dispuñan dunha sinalización completa das saídas para vehículos e peóns. En moitas ocasións, o cliente precisa situarse no párking, especialmente naqueles que son moi grandes, pero só en un de cada catro se viu un cartel co plano da instalación, e no 18% nin sequera guiaban os usuarios cara ás máquinas de pagamento. Outra das normas é comunicar a existencia dun libro de reclamacións, pero en un de cada tres casos non se facía. Só un 10% indicaba un número de teléfono de atención ao cliente.

Obrigas e responsabilidades do titular do aparcadoiro
  1. Facilitar un espazo axeitado para que o usuario poida aparcar con total comodidade.
  2. Entregar un resgardo ou xustificante en papel ou noutro soporte duradeiro onde apareza a data e hora de entrada do usuario ao párking, identificación do coche e se se fai entrega das chaves do vehículo.
  3. Restaurar no mesmo estado en que foi entregado o vehículo, os seus compoñentes e accesorios. Non se inclúen nesta norma os accesorios non fixos e extraíbles (aparellos de música e teléfonos móbiles) dos que non se responsabilizan os donos do aparcamento en caso de roubo ou deterioración. O máis adecuado é que sexa o propio usuario quen os retire.
  4. Os aparcadoiros que conten con servizo de custodia (consignas) responsabilizaranse da restitución dos accesorios depositados, sempre que os usuario os declarase á entrada do aparcamento e que respecte as medidas de seguridade que o persoal encargado do aparcadoiro lles indiquen.
  5. Os aparcadoiros poderán establecer prezos e tarifas distintos para os seus servizos de consigna, no caso de que dispoñan dela.
  6. Os aparcadoiros deberán indicar claramente as tarifas de prezos, horarios e normas de uso do aparcamento e dispor de follas de reclamacións á disposición dos clientes.
  7. O propietario do aparcadoiro terá dereito de retención sobre o vehículo como garantía de pagamento do prezo do aparcamento.
  8. Tamén poderá proceder á retirada do vehículo cando estea aparcado de maneira continuada durante máis de seis meses no mesmo lugar do aparcadoiro e polo seu estado se presuma o abandono deste.
  9. O titular do aparcadoiro responderá das perdas e danos causados polo incumprimento da lei.

Carencias de servizos e seguridade pero mellora a limpeza

Falta de servizos

Oito de cada dez estacionamentos permanecían abertos 24 horas ao día, o 43% indicaba que abría os domingos e festivos, un 7% sinalaba que non o facía e no resto non se informaba (cando é obrigatorio). Dos 160 aparcadoiros incluídos no informe, en 20 non había máquinas de pagamento e os usuarios debían dirixirse á ventá de pagamento. Só o 11% destes dispositivos admitían todo tipo de billetes, mentres que no resto non aceptaban os superiores a 20 euros. Ademais, en 2 de cada 5 aparcadoiros non se podía pagar con tarxeta de crédito e en un de cada tres nin sequera había cobertura de telefonía móbil. Na metade dos aparcadoiros non hai espazo para as motos e só era posible alugar unha bicicleta nalgún dos estudados en Madrid, Vitoria e Zaragoza.

A limpeza mellora

O cliente espera nun aparcamento limpeza e un correcto estado de mantemento. A teor dos resultados dos 160 aparcadoiros analizados, o habitual é que sexa así. Os mellores estacionamentos nesta materia atopáronse en Barcelona, Granada, Málaga, Murcia, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza (cun ‘moi ben’). Os peores: os de Alacante, Almería, Bilbao e Córdoba (cun mediocre ‘aceptable’) e os da Coruña (cun ‘regular’).

O mantemento das instalacións era moi bo, aínda que ás marcas viarias do chan cumpríalles unha man de pintura no 14% dos casos. A limpeza tamén era correcta e o chan estaba porco só nun 11% dos aparcadoiros. No 14%, os aseos precisaban reparacións e limpeza.

As medidas para garantir a accesibilidade destes espazos públicos incrementáronse e melloraron, aínda que aínda queda moito que facer. Observáronse prazas de aparcadoiros específicas para persoas en cadeira de rodas en 3 de cada 4 garaxes visitados (o 85% estaban perfectamente localizadas a carón dos accesos peonís que dan á rúa e aos ascensores); a metade dos 160 párkings contaba con aseos adaptados e, en idéntica proporción, atopáronse ascensores de dimensións axeitadas e botóns a baixa altura para persoas en cadeiras de rodas. Non obstante, as máquinas de pagamento só están adaptadas en un de cada cinco aparcadoiros públicos examinados.

Peóns sen protección e táboa comparativa

En oito de cada dez estacionamentos non se viu nin rastro de carrís protexidos para o paso de peóns, no 57% non se atoparon beirarrúas e o 56% carecía de pasos de peóns para uso e seguridade dos transeúntes. Non obstante, no 90% as máquinas automáticas de pagamento estaban perfectamente protexidas do tráfico rodado. Non se atoparon cámaras de videovixilancia no interior do 20% dos estacionamentos nin tampouco se viron carteis avisando da súa colocación.

Non obstante, a dotación é xeneralizada nos accesos dos párkings. Estas medidas compleméntanse con persoal de vixilancia, aínda que en seis de cada dez non se atopou a ninguén. Para rematar, o equipamento de sistemas antiincendios catalogouse como satisfactorio: no 98% víronse extintores, detectores de fume ou de lume en 3 de cada 4, mangueiras no 90% dos garaxes públicos e luces de emerxencia no 78%.