Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Analizados 160 aparcadoiros públicos de pagamento e rotación en 18 capitais españolas : Párkings: encareceron o dobre ca o IPC, pero a súa calidade practicamente non mellora

Nos últimos catro anos o prezo medio de unha hora de estacionamento aumentou un 33%, cando o IPC acumulado é do 14%. Un de cada cinco aparcadoiros suspende en calidade por mor de carencias en servizos, información e seguridade

Os prezos non entenden de crise

/imgs/20090101/tema2.jpg
Dende o 1 de setembro do 2007 todos os aparcadoiros, xa sexan públicos ou privados, deben cobrar por minuto de estacionamento e renunciar aos abusivos redondeos á alza. Non obstante, esta nova lei non impediu que os prezos, nalgúns casos, se dobrasen en catro anos, ou que noutros estacionamentos se aplique o coñecido como “minuto de ouro”. Baixo esta expresión agáchase un prezo máis elevado polo primeiro minuto de estacionamento, unha práctica común nos aparcadoiros seleccionados en Vitoria (custa, de media, 0,50 euros). Xunto a Vitoria, as instalacións estudadas en Valladolid, Oviedo e Valencia (0,20, 0,18 e 0,16 euros) son as máis onerosas por ese primeiro minuto. Pola contra, eses 60 segundos iniciais resultan máis económicos nos aparcadoiros escollidos na Coruña e en Alacante, nos que non chegan aos dous céntimos de euro.

O prezo medio por estacionar unha hora anda arredor dos dous euros (1,9). Este desembolso representa un incremento de medio euro, preto dun 33%, con respecto á media do 2005. Os maiores incrementos con respecto ao 2005 atopáronse nos aparcadoiros estudados en Vitoria (0,75 máis, un 79%), en Zaragoza (80 céntimos máis, un 62% de incremento); en Pamplona, 0,72 euros (un 52%) e en Valencia, 77 céntimos de euro (un 45% máis ca no 2005). No extremo contrario, Madrid e Almería, con subas de 0,19 euros (9%) e 0,25 euros (26%). Non obstante, o prezo en Madrid por estacionar o coche 24 horas é o dobre de caro ca o que se pagaba hai catro anos (34,4 euros por día completo de media fronte aos 17,12 de 2005). Barcelona e San Sebastián repiten os postos máis onerosos (ao igual ca no 2005), con 32,4 e 22,7 euros por 24 horas.

O menor desembolso medio constatouse en Alacante (10,9 euros) e en Oviedo (12,8 euros), a metade do que se paga polo mesmo tempo nos estacionamentos máis custosos. En catro anos, o prezo por aparcar o automóbil un día completo incrementouse en algo menos de 5 euros: de 15,26 euros a 20 euros, un aumento similar en termos porcentuais ao rexistrado por unha hora de aparcamento. Amais dos prezos por hora, nalgúns aparcadoiros hai que sumar a taxa de acceso. Este sobreprezo aplícase na metade dos aparcadoiros estudados en Pamplona (con prezos entre 0,05 e 0,25 euros) e en seis dos oito tomados en conta en Valladolid (o custo por acceder ao garaxe sitúase nos 0,14 euros de media). Ademais, en todos os párkings analizados en Oviedo e en seis dos oito de Alacante cóbrase entre 5 e 20 céntimos de euro, aínda que non se estacione o vehículo e o condutor saia tan só un par de minutos despois de entrar.

En case unha de cada tres instalacións visitadas obrigábase o usuario a pagar a tarifa máxima diaria en caso de perda do billete. Para evitar este abuso, o estacionamento debería contar con cámaras de identificación de matrículas para coñecer o tempo exacto que permaneceu ese automóbil aparcado e cobrar unicamente esa fracción. Acontece en todos os garaxes públicos analizados en Barcelona, Granada e Pamplona, nos que, malia a perder o tícket, o usuario non ten que desembolsar máis cartos do que debería. Cando o condutor entra nun aparcamento de rotación, é fundamental que coñeza todos os datos sobre a instalación. De feito, a lexislación esixe que se indique “por calquera medio” e de maneira “perceptible” (en lugares visibles) os prezos, horarios, normas de uso e funcionamento do aparcamento. Obriga ademais a dispor de follas de reclamacións.

Malia as normativas, a información ofrecida ao usuario só obtivo un mediocre ‘aceptable’, unha nota inferior ao ‘ben’ acadado no 2005. En 6 dos 160 aparcadoiros estudados non expoñen claramente as súas tarifas á vista dos usuarios. O máis atinado é que eses sinais cos prezos vixentes se sitúen na entrada do garaxe, nas ventás e nas máquinas onde se efectúe o pagamento do servizo, e mais nas escaleiras, ascensores ou entradas peonís de acceso ás instalacións, como acontece na metade dos estacionamentos estudados.

Os horarios non eran visibles en un de cada catro aparcadoiros. A sinalización tampouco era abonda: en case a metade non había un sinal de acenda as luces e no 28% nin sequera se limitaba a velocidade, recomendada a 10 ou 20 quilómetros por hora. Na entrada era moi común sinalar a altura máxima permitida. Só no 46% dos casos se viu unha barreira oscilante pintada con franxas vermellas e brancas ou unha barreira de luz que controlase a altura dos vehículos. A sinalización das prazas libres tampouco é a idónea: nun 84% dos casos non dispuña dalgún sistema que guiase os condutores cara a elas (poden ser sinais luminosos) no interior do recinto.

É fundamental dirixir o tráfico de vehículos e o de peóns por diferentes lugares para evitar posibles atropelos. Así e todo, un 10% dos aparcadoiros non dispuñan dunha sinalización completa das saídas para vehículos e peóns. En moitas ocasións, o cliente precisa situarse no párking, especialmente naqueles que son moi grandes, pero só en un de cada catro se viu un cartel co plano da instalación, e no 18% nin sequera guiaban os usuarios cara ás máquinas de pagamento. Outra das normas é comunicar a existencia dun libro de reclamacións, pero en un de cada tres casos non se facía. Só un 10% indicaba un número de teléfono de atención ao cliente.

Obrigas e responsabilidades do titular do aparcadoiro

  1. Facilitar un espazo axeitado para que o usuario poida aparcar con total comodidade.
  2. Entregar un resgardo ou xustificante en papel ou noutro soporte duradeiro onde apareza a data e hora de entrada do usuario ao párking, identificación do coche e se se fai entrega das chaves do vehículo.
  3. Restaurar no mesmo estado en que foi entregado o vehículo, os seus compoñentes e accesorios. Non se inclúen nesta norma os accesorios non fixos e extraíbles (aparellos de música e teléfonos móbiles) dos que non se responsabilizan os donos do aparcamento en caso de roubo ou deterioración. O máis adecuado é que sexa o propio usuario quen os retire.
  4. Os aparcadoiros que conten con servizo de custodia (consignas) responsabilizaranse da restitución dos accesorios depositados, sempre que os usuario os declarase á entrada do aparcamento e que respecte as medidas de seguridade que o persoal encargado do aparcadoiro lles indiquen.
  5. Os aparcadoiros poderán establecer prezos e tarifas distintos para os seus servizos de consigna, no caso de que dispoñan dela.
  6. Os aparcadoiros deberán indicar claramente as tarifas de prezos, horarios e normas de uso do aparcamento e dispor de follas de reclamacións á disposición dos clientes.
  7. O propietario do aparcadoiro terá dereito de retención sobre o vehículo como garantía de pagamento do prezo do aparcamento.
  8. Tamén poderá proceder á retirada do vehículo cando estea aparcado de maneira continuada durante máis de seis meses no mesmo lugar do aparcadoiro e polo seu estado se presuma o abandono deste.
  9. O titular do aparcadoiro responderá das perdas e danos causados polo incumprimento da lei.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións