Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Aprender idiomas : Os idiomas, materia pendente

Prezos moi desiguais

No tocante ó custo de aprender un idioma, o abano é moi amplo. Nas máis das academias tradicionais, o pagamento realízase ó mes ou por niveis, e varía moito en función do centro e do número de horas lectivas. Neste sentido, o habitual son cursos intensivos dun mes cun custo de 179 euros, cursos trimestrais de 36 horas por 270 euros e cursos adaptados a horarios especiais (desenvólvense venres ou sábado pola mañá e duran 2 horas e media) de 237 horas. Un curso completo (9 meses lectivos) custa arredor de 765 euros (85 euros mensuais), con 3 horas semanais de clases, un curso de dúas horas lectivas semanais sae por uns 612 euros o curso (68 euros ó mes). Aprender un idioma nun centro multimedia ten un custo medio duns 300 euros ó trimestre, e inclúe 50 horas de asistencia ós cursos. Algúns destes centros esixen o cobro por adiantado, polo que moitos alumnos se ven obrigados a asinar préstamos vinculados: o banco ou caixa de aforros adiántalle o importe total do curso á academia e o alumno vaille pagando cada mes á entidade bancaria as cotas correspondentes. Os préstamos vinculados son legais sempre que o alumno sexa informado deles e acepte asinalos. Se, por motivos alleos á academia, o estudante abandona o curso antes de rematalo, debe seguir pagando as mensualidades. Por iso, antes de contratar estes cursos é fundamental sopesar se realmente se van aproveitar ata o final.

Un método para cada alumno

Métodos que se apoian en soportes informáticos. Estes centros multimedia son os máis axeitados para persoas con horarios inestables, xa que poden aprender un idioma ó seu ritmo e utilizando os momentos do día que mellor lle vaian. Agora ben, son caros e cómpre ter unha gran forza de vontade, pois ó non ser un horario prefixado, permite minorar o ritmo de traballo.

Clases de idiomas tradicionais. Método clásico, indicado se se ten un horario académico ou laboral estable e fixo. Componse nun 70% aproximadamente de clases presenciais baseadas na ensinanza oral e no contacto directo entre profesor e alumnos. Estes cursos adoitan ser máis baratos, pero esixen dispor de máis tempo para ter unha continuidade na asistencia á clase.

Escola Oficial de Idiomas. As clases impártense en centros públicos de ensinanzas de idiomas, dependentes das administracións autonómicas. A duración total destes estudios é de 5 cursos dun mínimo de 130 horas cada un, distribuídos en ciclos de 3 e 2 cursos respectivamente. A ensinanza pode ser oficial presencial (o alumno asiste regularmente á clase ó longo dun curso académico) ou libre (soamente dá dereito á realización das probas para a obtención dos certificados, a preparación vai a cargo do alumno), aínda que tamén se imparten cursos especiais destinados a cubrir necesidades específicas de aprendizaxe tales como tradución, destrezas orais, linguaxes especializadas, etc.

Vivir durante un tempo no país onde se fala a lingua que se vai aprender. Resulta moi eficaz, pois obriga a se mergullar na cultura e unicamente permite a comunicación na lingua que se ten como obxectivo de aprendizaxe. Pero son poucas as persoas que poden abandonar a súa vida cotiá durante unha longa tempada para ir a outro país a dominar unha lingua.

Cursos de autoformación. Mediante CD e vídeos, acompañados de libros de texto e de exercicios, o estudante realiza o curso pola súa conta e avalía os seus progresos a medida que vai avanzando. Atópanse á venda en moitas librerías e tamén se poden tomar en préstamo nalgunhas bibliotecas municipais.

Idiomas on-line. Os ordenadores e os novos sistemas audiovisuais permiten aprender outro idioma sen saír da casa e a calquera hora do día ou da noite. Os máis destes programas dispoñen dun sistema de recoñecemento de voz e conversas simuladas que axudan e corrixen á hora de perfeccionar a pronuncia. A memoria do ordenador almacena cada día os progresos realizados e proséguese desde a última lección.

Método tradicional vs. multimedia

Para Minie Izagirre, unha lingua é, basicamente, “unha interacción social”. Segundo esta licenciada en Filoloxía Inglesa, “os mecanismos de imitación, substitución e ensaio/erro, básicos na aprendizaxe dos idiomas, danse de xeito natural na familia cando un neno aprende a súa lingua materna”. Aínda que recoñece que a situación que se presenta nunha aula é inicialmente artificial, xa que normalmente os alumnos nin sequera se coñecen entre eles, non dubida en afirmar que “co tempo se desenvolve un contorno social que dá lugar a unha comunicación natural”, e así, “o alumno aprende directamente coas correccións do profesor, pero tamén indirectamente, aproveitando as correccións que se lles fan ós outros alumnos”. Na súa opinión, esta interacción pérdese nos métodos multimedia que, ademais, presentan o problema de que algúns estudantes poidan pensar que é o ordenador o que vai facer o esforzo de aprendizaxe no seu lugar. Minie coida que un CD-ROM ou un programa informático son só unha sucesión de contidos, que aínda que poidan estar moi ben estruturados “non substitúen a tarefa metodolóxica dun profesor”.
Carmen Ros coincide en afirmar que “as academias de tipo máis tradicional outórganlle máis importancia á clase con profesor, e aínda que incorporaron as novas tecnoloxías, estas introdúcense como un complemento, pero sen perder o papel do profesor como elemento clave para o seguimento da aprendizaxe do alumno”. Ademais, afirma que os cursos dirixidos a adultos privilexian a comunicación oral fronte á escrita, e a conversa fronte á gramática, aínda que puntualiza que “nos cursos de iniciación na lingua si se dan nocións e unha base gramatical, pero sempre coa ollada posta na conversa”.
Así e todo, o método multimedia tamén ten as súas vantaxes, como non dubida en recoñecer Minie Izagirre, para quen a liberdade de horarios que permite é “unha vantaxe innegable”. Sinala, ademais, que “cómpre ter en conta que aprender idiomas é un labor árido, sexa cal sexa o método escollido, e os sistemas multimedia poden ser moi valiosos para introducir unha novidade que rompa a rutina das clases”. Tamén recoñece que “a multimedia é unha boa ferramenta de práctica fonética, especialmente válida no caso de idiomas que presenten esta dificultade como o inglés ou o francés”.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións