Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Cidades e exclusión social: analizados os recursos sociais dirixidos a persoas sen fogar nin medios económicos de 18 cidades españolas : Os concellos aumentan o gasto social para os máis pobres, pero seguen a faltar recursos

-Os servizos asistenciais de aloxamento e hixiene priman sobre as axudas sociais de tipo laboral ou sanitario
-A gran diversidade e heteroxeneidade dos servizos sociais ofrecidos polos concellos marca a comparación entre as 18 cidades seleccionadas por CONSUMER EROSKI

Albergues municipais, outros recursos residenciais e táboa comparativa

En case todos os concellos, os albergues son privados pero están concertados entre o Concello e asociacións, na súa maioría congregacións relixiosas. Empurrados pola demanda crecente, os concellos habilitaron centros, pisos, apartamentos tutelados ou estancias en pensións para aloxar estas persoas sen recursos e que carecen de domicilio. Madrid é a que ten un maior número de recursos residenciais de titularidade municipal: oito centros de acollida, sete centros para inmigrantes sen recursos e unha trintena de pisos compartidos para poboación sen domicilio nin recursos (amais do medio cento de camas habilitadas en pensións de Madrid coas que se subscriben convenios de colaboración). Tras ela sitúase Barcelona, con 11 aloxamentos municipais, e Bilbao, con sete espazos xestionados pola administración local. A iso hai que sumar os bonos ou vales que distribúen as casas do concello para que estas persoas sen recursos durman en pensións ou hostais cos que se establecen convenios de colaboración. Esta infraestrutura asistencial permanece aberta todos os días do ano. O servizo de hixiene préstase tanto nestes albergues e centros como en edificios específicos para este cometido como é o caso de Barcelona, Bilbao, Madrid, Valencia, Pamplona e Vitoria, que dispoñen de casa de duchas e de baños públicos. En todos os casos, esta prestación non ten custo ningún (en Madrid pídeselle ao usuario un pagamento de 0,15 euros amais de levar xabón e toalla; non obstante, tamén se lle permite usar este servizo gratuitamente a quen nin sequera poden facer fronte a este gasto).

As noites limítanse entre tres días e algo máis dunha semana cada mes, aínda que a estancia de cada usuario no centro depende de se se trata dun transeúnte que acaba de chegar á cidade e que vai marchar nuns días ou dunha persoa que se atopa en pleno proceso de reinserción social e laboral ou que por motivos de saúde teña que alongar a súa permanencia. En Alacante, Bilbao, Madrid, Valencia e Vitoria, a duración depende da valoración dos responsables de Servizos Sociais. Os centros de Madrid recibiron o maior número de noites (que non persoas) de todo o estudo no 2008: máis de 300.000. Para os días máis fríos de inverno, os concellos aumentan as prazas destes centros (así o fan en Alacante, Barcelona, Pamplona, Vitoria ou Valladolid) ou habilitan espazos concretos (albergues de frío) para que as persoas sen fogar non pasen a noite ao raso soportando xélidas temperaturas (casos de Bilbao, Barcelona, Madrid, Murcia, San Sebastián, Valencia e Zaragoza).

Algúns albergues esixen que os usuarios cumpran certos requisitos: ser maior de 18 anos (os menores deben estar acompañados polos seus pais ou ben por un titor), ter documentos de identificación, carecer de recursos económicos para poder vivir por conta propia, poder valerse por si mesmos, comprometerse a iniciar un proceso de inserción sociolaboral e, amais de cumpriren coas normas establecidas nestes centros, non consumir alcohol ou drogas nin amosar un comportamento violento cara aos responsables e traballadores do centro ou cara ao resto de persoas que utilizan o servizo.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións