Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Cidades e exclusión social: analizados os recursos sociais dirixidos a persoas sen fogar nin medios económicos de 18 cidades españolas : Os concellos aumentan o gasto social para os máis pobres, pero seguen a faltar recursos

-Os servizos asistenciais de aloxamento e hixiene priman sobre as axudas sociais de tipo laboral ou sanitario
-A gran diversidade e heteroxeneidade dos servizos sociais ofrecidos polos concellos marca a comparación entre as 18 cidades seleccionadas por CONSUMER EROSKI

Pura subsistencia

A preeminencia dos servizos de información, manutención, primeira acollida, aloxamento e hixiene sobre os de reinserción sociolaboral, os formativos, ou os de atención sanitaria e psicolóxica é patente. Boa parte están concertados ou proporciónanos ONG (Cáritas, Cruz Vermella) que reciben das administracións públicas subvencións a xeito de dotación económica, material ou cesión de espazos municipais e que se mantiveron nos últimos anos. Non obstante, o desequilibrio entre demanda (incrementada pola crise económica) e oferta eleva a dependencia do labor de voluntarios que, de xeito desinteresado, traballan con estas entidades.

Comedores sociais

Os usuarios dos comedores sociais non son só persoas excluídas da sociedade. Unha alta porcentaxe dos que acoden a estes centros teñen vivenda propia, pero atravesan graves problemas económicos (aumentados pola recesión) e deben recorrer a eles para poder alimentarse. A maioría rexéntanos asociacións benéficas, ONG e fundacións particulares. Reciben axudas públicas para a súa xestión por medio de subvencións, convenios con achegas económicas ou mediante a cesión de espazos e recintos municipais. Todos os comedores incluídos no estudo son gratuítos e non supoñen custo ningún para os usuarios. Ademais, na maioría das cidades non se pide requisito ningún para poder entrar e beneficiarse desta prestación. O seu número vai dos doce de Madrid ao único comedor de Murcia, Oviedo, San Sebastián, Valladolid e Vitoria. Por número de prazas, sobresaen as 942 de Barcelona, moi por riba de boa parte do resto das cidades, que se moven entre as 50 e as 170 prazas (en Valencia son 700 prazas, Vitoria conta con 400 e Murcia con 300). Na maioría ofrécese xantar e cea e en un de cada dous os usuarios poden elixir menú por prescrición médica ou por motivos relixiosos. En todas as capitais estudadas, o servizo permanece aberto todo o ano (nos lugares que non é así durante o mes de agosto ou en fins de semana entréganse vales ou comida preparada).

As novas caras da pobreza

  • A pobreza ten novas caras. En pouco máis dun ano, a crise económica mundial traduciuse nun aumento da pobreza en España. E iso que os datos oficiais recollidos antes da recesión xa eran pouco esperanzadores: un de cada cinco españois atopábase por baixo do limiar da pobreza relativa, co que máis de nove millóns de persoas vivían con menos de 7.753,3 euros ao ano en fogares formados por unha soa persoa e de 16.282 euros ao ano en fogares de dous adultos e dous nenos.
  • Daquela, a pobreza afectaba especialmente aos vellos, aos nenos, ás mulleres e aos inmigrantes. En pouco máis dun ano, a forte caída do emprego danou a renda de moitos fogares e engrosou a lista dos que viven en situación de precariedade económica, en especial con mozos e con persoas sen cualificación académica ou profesional.
  • A taxa de paro entre menores de 30 anos multiplicouse por dous nos últimos dous anos. Esta situación agrávase a causa do seu acceso limitado ás prestacións contributivas de desemprego. O máis habitual é que estean a buscar o seu primeiro traballo ou que as súas traxectorias laborais sexan aínda breves. Este problema pode ser particularmente dramático para os que acaban de se independendizar.
  • A crise tamén bateu con crueza aos que teñen menor nivel de estudos e contratos máis precarios: no terceiro trimestre do 2009, o índice de desemprego entre as persoas cun menor nivel de estudos dobraba o daquelas con educación superior.
  • Cáritas tamén percibiu un cambio entre as persoas que solicitan a súa axuda. Aumentan entre os demandantes mulleres soas con cargas familiares e problemas de conciliación entre a vida familiar e laboral, mulleres inmigrantes de máis de 40 anos que buscan traballo por primeira vez (xeralmente esposas de maridos en paro), homes cunha baixa cualificación en paro recentemente (proceden dos sectores da construción e da hostalería e moitos son inmigrantes con permiso de traballo) e familias novas de 20 a 40 anos con nenos pequenos.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións