Cidades e exclusión social: analizados os recursos sociais dirixidos a persoas sen fogar nin medios económicos de 18 cidades españolas

Os concellos aumentan o gasto social para os máis pobres, pero seguen a faltar recursos

-Os servizos asistenciais de aloxamento e hixiene priman sobre as axudas sociais de tipo laboral ou sanitario
-A gran diversidade e heteroxeneidade dos servizos sociais ofrecidos polos concellos marca a comparación entre as 18 cidades seleccionadas por CONSUMER EROSKI
1 Xaneiro de 2010
Img tema listado 111

Os concellos aumentan o gasto social para os máis pobres, pero seguen a faltar recursos

A pobreza chama con insistencia a un número cada vez maior de fogares en España. O aumento do desemprego, a precariedade laboral e mais o endebedamento asociado ás hipotecas dispararon a petición de axudas, un 40% máis no primeiro semestre do 2008 segundo Cáritas. A exclusión social é un drama que se espalla a medida que se murcha a economía: un millón e medio de familias viven en España en infravivendas e hai máis de 30.000 persoas sen fogar. Os seus efectos impulsaron as Administracións públicas a potenciar os recursos para mitigar os danos. É o caso dos concellos; as súas partidas para os menos favorecidos rexistraron un xeneralizado incremento nos cinco últimos anos (en cidades como Málaga triplicáronse, mentres que noutras como Pamplona, Madrid e Zaragoza se duplicaron), aínda que o orzamento continúa a ser insuficiente. O gasto en protección social en España (un 20,9% do PIB) atópase seis puntos por baixo da media europea malia contar cunha maior proporción de persoas con escasos recursos (un 20% fronte ao 16% europeo). Á marxe de cifras estatísticas, aínda queda moito por facer, tal e como constata o informe de CONSUMER EROSKI que analiza as iniciativas municipais contra a exclusión social en 18 capitais española.

A normativa (Lei 7/85) establece que cada concello debe exercer as competencias que lles sexan atribuídas en materia de prestación de servizos sociais e de promoción, e favorecer a reinserción social dos cidadáns que menos recursos teñen. Ademais, os concellos de máis de 20.000 habitantes están obrigados a conceder estas prestacións sociais.

CONSUMER EROSKI fixou o seu enfoque nos servizos facilitados polos concellos a persoas excluídas (persoas sen fogar, transeúntes…), e mais nun informe publicado a finais do 2005. A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Burgos, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza foron as cidades incluídas no estudo. Remitiuse un cuestionario aos concellos e utilizáronse os datos achegados nas memorias de execución das áreas sociais municipais. Sevilla e Córdoba foron os únicos Concellos que non responderon aos sucesivos requirimentos por parte da revista.

A diversidade e heteroxeneidade dos servizos sociais municipais marcan, e dificultan, a comparación. Aínda con esta salvidade, os orzamentos dedicados a Asuntos Sociais deparan diferenzas substanciais (convén lembrar que a atención ás persoas sen fogar supón só unha pequena parte dun orzamento que financia medidas destinadas a persoas maiores, infancia e xuventude, familias, mulleres, educación social, cooperación ao desenvolvemento…). En Bilbao e Pamplona, os Departamentos de Acción Social e Benestar Social xestionaron máis de 40 millóns de euros (45 millóns na capital biscaíña e 43 na capital navarra), moi por riba dos preto de 31 millóns de euros do concello valenciano, capital cunha poboación que duplica os habitantes de Bilbao e cuadriplica os de Pamplona. Rechamante tamén é o caso de Málaga, que triplica os habitantes de San Sebastián e tivo unha dotación orzamentaria durante 2009 de 27,6 millóns de euros para a Área de Benestar Social (case cinco millóns menos que o que destinou o Concello donostiarra). O maior orzamento corresponde a Madrid, que dispuxo de 54 millóns de euros só nos capítulos de atención a persoas sen fogar, servizos sociais, emerxencia social e inmigración. Ségueo o concello vitoriano, con 53,2 millóns de euros de orzamento inicial. Os máis axustados corresponden aos concellos de Oviedo (8,2 millóns de euros), Alacante (case 11 millóns de euros sen contar gastos de persoal), A Coruña (máis de 12 millóns de euros excluídos os gastos de persoal), Granada e Córdoba (máis de 14 millóns cada un).

Se se fixa como referente o orzamento do 2004, todos os concellos aumentaron considerablemente a dotación en prestacións sociais. Os crecementos máis rechamantes obsérvanse en Málaga (triplica o orzamento do 2004) e en Zaragoza, Madrid e Pamplona, máis do dobre. O resto de cidades experimentaron un aumento do orzamento entre un 32% e un 79%, moi por riba en todo caso da suba do IPC neste período, un 9,4%.

O número de camas para os sen teito é outro dos indicadores destas prestacións municipais. A regra xeral sinala que canto maior é o tamaño da cidade, maior é a dotación. E así o constatan as 1.246 camas en Madrid, as 948 repartidas por Barcelona ou o medio milleiro contabilizado na capital valenciana e en Murcia. No extremo contrario: as 40 prazas do centro de acollida municipal de San Sebastián, as 54 do centro integral de atención a persoas sen fogar de Pamplona (ponse en marcha este mesmo ano) ou as 58 do centro municipal valisoletano. No resto das cidades estudadas, as prazas están entre as 100 e as 200 camas.

Pura subsistencia

A preeminencia dos servizos de información, manutención, primeira acollida, aloxamento e hixiene sobre os de reinserción sociolaboral, os formativos, ou os de atención sanitaria e psicolóxica é patente. Boa parte están concertados ou proporciónanos ONG (Cáritas, Cruz Vermella) que reciben das administracións públicas subvencións a xeito de dotación económica, material ou cesión de espazos municipais e que se mantiveron nos últimos anos. Non obstante, o desequilibrio entre demanda (incrementada pola crise económica) e oferta eleva a dependencia do labor de voluntarios que, de xeito desinteresado, traballan con estas entidades.

Comedores sociais

Os usuarios dos comedores sociais non son só persoas excluídas da sociedade. Unha alta porcentaxe dos que acoden a estes centros teñen vivenda propia, pero atravesan graves problemas económicos (aumentados pola recesión) e deben recorrer a eles para poder alimentarse. A maioría rexéntanos asociacións benéficas, ONG e fundacións particulares. Reciben axudas públicas para a súa xestión por medio de subvencións, convenios con achegas económicas ou mediante a cesión de espazos e recintos municipais. Todos os comedores incluídos no estudo son gratuítos e non supoñen custo ningún para os usuarios. Ademais, na maioría das cidades non se pide requisito ningún para poder entrar e beneficiarse desta prestación. O seu número vai dos doce de Madrid ao único comedor de Murcia, Oviedo, San Sebastián, Valladolid e Vitoria. Por número de prazas, sobresaen as 942 de Barcelona, moi por riba de boa parte do resto das cidades, que se moven entre as 50 e as 170 prazas (en Valencia son 700 prazas, Vitoria conta con 400 e Murcia con 300). Na maioría ofrécese xantar e cea e en un de cada dous os usuarios poden elixir menú por prescrición médica ou por motivos relixiosos. En todas as capitais estudadas, o servizo permanece aberto todo o ano (nos lugares que non é así durante o mes de agosto ou en fins de semana entréganse vales ou comida preparada).

As novas caras da pobreza
  • A pobreza ten novas caras. En pouco máis dun ano, a crise económica mundial traduciuse nun aumento da pobreza en España. E iso que os datos oficiais recollidos antes da recesión xa eran pouco esperanzadores: un de cada cinco españois atopábase por baixo do limiar da pobreza relativa, co que máis de nove millóns de persoas vivían con menos de 7.753,3 euros ao ano en fogares formados por unha soa persoa e de 16.282 euros ao ano en fogares de dous adultos e dous nenos.
  • Daquela, a pobreza afectaba especialmente aos vellos, aos nenos, ás mulleres e aos inmigrantes. En pouco máis dun ano, a forte caída do emprego danou a renda de moitos fogares e engrosou a lista dos que viven en situación de precariedade económica, en especial con mozos e con persoas sen cualificación académica ou profesional.
  • A taxa de paro entre menores de 30 anos multiplicouse por dous nos últimos dous anos. Esta situación agrávase a causa do seu acceso limitado ás prestacións contributivas de desemprego. O máis habitual é que estean a buscar o seu primeiro traballo ou que as súas traxectorias laborais sexan aínda breves. Este problema pode ser particularmente dramático para os que acaban de se independendizar.
  • A crise tamén bateu con crueza aos que teñen menor nivel de estudos e contratos máis precarios: no terceiro trimestre do 2009, o índice de desemprego entre as persoas cun menor nivel de estudos dobraba o daquelas con educación superior.
  • Cáritas tamén percibiu un cambio entre as persoas que solicitan a súa axuda. Aumentan entre os demandantes mulleres soas con cargas familiares e problemas de conciliación entre a vida familiar e laboral, mulleres inmigrantes de máis de 40 anos que buscan traballo por primeira vez (xeralmente esposas de maridos en paro), homes cunha baixa cualificación en paro recentemente (proceden dos sectores da construción e da hostalería e moitos son inmigrantes con permiso de traballo) e familias novas de 20 a 40 anos con nenos pequenos.

Obradoiros de inserción laboral

Obradoiros, cursos ou programas tratan de facilitar a reinserción na sociedade e o mercado de traballo das persoas socialmente excluídas. Estas iniciativas organízanse en colaboración con institucións, con outras administracións públicas (autonómicas sobre todo) e con ONG. Entre as materias impartidas destacan as técnicas de busca e de orientación laboral, de formación profesional específica, obradoiros educativos (idiomas para inmigrantes, alfabetización para adultos) ou de mellora da autoestima.

Axudas económicas directas

A variedade de iniciativas e de programas define a concesión de axudas económicas. Cada unha das normativas autonómicas que as regula denomínaas dun modo, pero pódense condensar nas rendas mínimas de inserción social e nas axudas económicas de urxencia. A renda mínima de inserción social ou renda básica é unha axuda periódica que ten como obxectivo cubrir os gastos básicos para a supervivencia daquelas unidades familiares que carecen de recursos económicos abondos, sempre que non poidan ser cubertas por outras prestacións como a de desemprego ou a Seguridade Social. As axudas de emerxencia social son un conxunto de axudas e prestacións económicas non periódicas para previr situacións de exclusión. Cobren gastos para a alimentación básica, vestido, mantemento da vivenda, educación, atención sanitaria non cuberta polos sistemas públicos, débedas previas orixinadas por atender necesidades básicas, etc. Para este tipo de prestacións, esíxese maioría de idade e estar empadroado cunha antigüidade dun ano no concello no que se solicita a axuda, ao que se suman outros baremos e criterios que delimitan a contía.

Tamén se subvenciona o labor de asociacións e ONG que realizan tarefas de acción social en cada concello. A listaxe de beneficiarias é ampla, aínda que a maioría dos concellos cita a Cáritas e Cruz Vermella, diversas asociacións de axuda ao colectivo xitano, fundacións e congregacións relixiosas.

Outros recursos sociais para os 'sen teito'

As iniciativas sociais que tratan de cubrir as necesidades básicas dos máis necesitados non acaban en comedores sociais, centros de acollida, renda básica ou axudas de emerxencia social. O esforzo por socorrer aos menos favorecidos adopta outras formas:

1. Equipamento

  • Centro de estancia nocturna: acolle persoas nunha situación extrema de exclusión social. Nestes centros é posible pasar a noite sen necesidade de requirimentos especiais (trámites burocráticos, obrigatoriedade de identificarse, etc.), aínda que deben cumprir a normativa do centro: non consumir drogas nin empregar a violencia contra as persoas ou equipamentos do centro, por exemplo. En ocasións, amais do aloxamento nocturno, dispoñen de atención médica, roupa, servizo de hixiene e alimentación.
  • Pisos tutelados ou de emerxencia social: o seu obxectivo é facilitar a inserción social de familias, polo que é habitual que conten con apoio socioeducativo. Permiten que as persoas sen recursos gocen dunha vivenda digna.
  • Centros de información e orientación: son lugares onde se informa e asesora sobre os recursos sociais dispoñibles nun concello ás persoas con algún tipo de necesidade social. Tamén se encargan de xestionar e de tramitar axudas, así como deseñar proxectos para a inserción social.
  • Servizo/equipo de emerxencia móbil: trátase dun equipo humano que detecta na vía pública e atende situacións de emerxencia social: persoas sen teito ou que practican a mendicidade, asentamentos, etc. A súa función principal é tratar de incorporalos á sociedade.

2. Prestacións económicas

  • Axudas a alugueiros: son prestacións dirixidas a familias que carecen dunha vivenda digna ou que non a poden apagar. Sufrágase o alugueiro por un período de tempo determinado e proporciónanse recursos para facilitar o acceso a unha vivenda digna.
  • Prestación económica para os servizos funerarios de persoas sen recursos económicos: é unha prestación económica que cobre o custo dos servizos funerarios prestados a persoas con recursos económicos insuficientes, é dicir, que non dispoñan de cobertura aseguradora nin de familiares que os asuman.

Albergues municipais, outros recursos residenciais e táboa comparativa

En case todos os concellos, os albergues son privados pero están concertados entre o Concello e asociacións, na súa maioría congregacións relixiosas. Empurrados pola demanda crecente, os concellos habilitaron centros, pisos, apartamentos tutelados ou estancias en pensións para aloxar estas persoas sen recursos e que carecen de domicilio. Madrid é a que ten un maior número de recursos residenciais de titularidade municipal: oito centros de acollida, sete centros para inmigrantes sen recursos e unha trintena de pisos compartidos para poboación sen domicilio nin recursos (amais do medio cento de camas habilitadas en pensións de Madrid coas que se subscriben convenios de colaboración). Tras ela sitúase Barcelona, con 11 aloxamentos municipais, e Bilbao, con sete espazos xestionados pola administración local. A iso hai que sumar os bonos ou vales que distribúen as casas do concello para que estas persoas sen recursos durman en pensións ou hostais cos que se establecen convenios de colaboración. Esta infraestrutura asistencial permanece aberta todos os días do ano. O servizo de hixiene préstase tanto nestes albergues e centros como en edificios específicos para este cometido como é o caso de Barcelona, Bilbao, Madrid, Valencia, Pamplona e Vitoria, que dispoñen de casa de duchas e de baños públicos. En todos os casos, esta prestación non ten custo ningún (en Madrid pídeselle ao usuario un pagamento de 0,15 euros amais de levar xabón e toalla; non obstante, tamén se lle permite usar este servizo gratuitamente a quen nin sequera poden facer fronte a este gasto).

As noites limítanse entre tres días e algo máis dunha semana cada mes, aínda que a estancia de cada usuario no centro depende de se se trata dun transeúnte que acaba de chegar á cidade e que vai marchar nuns días ou dunha persoa que se atopa en pleno proceso de reinserción social e laboral ou que por motivos de saúde teña que alongar a súa permanencia. En Alacante, Bilbao, Madrid, Valencia e Vitoria, a duración depende da valoración dos responsables de Servizos Sociais. Os centros de Madrid recibiron o maior número de noites (que non persoas) de todo o estudo no 2008: máis de 300.000. Para os días máis fríos de inverno, os concellos aumentan as prazas destes centros (así o fan en Alacante, Barcelona, Pamplona, Vitoria ou Valladolid) ou habilitan espazos concretos (albergues de frío) para que as persoas sen fogar non pasen a noite ao raso soportando xélidas temperaturas (casos de Bilbao, Barcelona, Madrid, Murcia, San Sebastián, Valencia e Zaragoza).

Algúns albergues esixen que os usuarios cumpran certos requisitos: ser maior de 18 anos (os menores deben estar acompañados polos seus pais ou ben por un titor), ter documentos de identificación, carecer de recursos económicos para poder vivir por conta propia, poder valerse por si mesmos, comprometerse a iniciar un proceso de inserción sociolaboral e, amais de cumpriren coas normas establecidas nestes centros, non consumir alcohol ou drogas nin amosar un comportamento violento cara aos responsables e traballadores do centro ou cara ao resto de persoas que utilizan o servizo.