Analizados 4 ferros de pasar e 4 centros de pasada

Os centros de pasada só compensan coas grandes coadas

Os centros de pasada son tres veces máis caros e poden tardar ata 10 minutos en quecer. Máis liviáns ca os ferros cheos de auga, expulsan vapor durante máis tempo, pero só achegan valor diferencial con grandes cantidades de roupa
1 Xuño de 2009

Os centros de pasada só compensan coas grandes coadas

/imgs/20090601/analisis2-1.jpgAínda que hai quen goza pasando o ferro mentres escoita a radio ou mira para a televisión, para a maioría é unha das tarefas máis ingratas do fogar. Hai máis de mil anos, os chineses xa premían os tecidos con tixolas cheas de carbón ben quente para alisalos e nas tumbas viquingas atopáronse pezas de vidro escuro ás que se lles atribúe a mesma función. Aínda que as ferramentas usadas evolucionaron moito, o proceso para alisar as engurras segue a ser o mesmo: aplicar calor para eliminar as unións entre os polímeros de cadea longa das fibras e premer cunha superficie lisa. En tecidos como o algodón, engádese auga para liberar as unións moleculares. A pasada ten, ademais, unha función hixiénica, dado que, grazas á calor, reduce a cantidade de microorganismos dos tecidos.

CONSUMER EROSKI analizou catro ferros de vapor e catro centros de pasada que custan dende os 19,92 euros do ferro de Ufesa ata os 177,20 euros do centro de pasada Delonghi. Os centros de pasada son, de media, case tres veces máis caros ca os ferros de pasar convencionais. Amais do prezo, distínguense deles en que teñen un xerador de vapor independente. Este depósito de auga autónomo ten máis capacidade ca o dos ferros convencionais e xera maior cantidade de vapor, o que pode facilitar a pasada. Non obstante, os centros de pasada tardan máis en quecer, polo que alcanzan as súas maiores cotas de eficacia cando hai grandes cantidades de roupa que alisar.

A ‘mellor relación calidade-prezo’ foi para o ferro Bosch Sensixx  Illnox. Custa 31,60 euros (o segundo máis barato), é o máis lixeiro de todos os ferros e só hai que agardar minuto e medio dende que se enchufa ata que comeza a liberar vapor. Entre os centros de pasada, sobresae Taurus: é o máis barato e o único de todo o comparativo que ofrece 12 meses de garantía adicional, amais dos dous anos obrigatorios por lei. Para os que desexen un resultado profesional para grandes cantidades de roupa e estean dispostos a gastar máis cartos, a opción máis interesante é o centro de pasada Di4 Jet Expresing Kappa. Custa 99 euros pero ten o ferro máis lixeiro e amosou unha boa temperatura de sola.

Peso e temperatura

O peso do ferro non é unha cuestión menor, xa que alisar a roupa leva tempo e cargar moito peso pode xerar molestias. Para determinar que referencia era a máis liviá durante a operación de pasada, enchéronse os ferros de auga e comparáronse cos centros de pasada. Comprobouse que os ferros, aínda que máis lixeiros baleiros, así que se enchen pesan case medio quilo máis ca os centros de pasada. O máis pesado foi Rowenta (1.735 gramos) e o máis livián Di4, con menos dun quilo de peso (940 gramos).

Canto maior sexa a temperatura da sola do ferro, máis sinxela será a operación de pasada, sempre dentro duns límites que eviten que se queime a roupa. A norma establece que tanto os ferros como os centros de pasada deben ter tres temperaturas de sola distintas sinaladas cos símbolos (* entre 70 ºC e 120 ºC para poliamidas e tecidos semellantes), (** entre 100 ºC e 160 ºC para poliéster e la, por exemplo) e (*** entre 140 ºC e 210 ºC para tecidos como o algodón ou o liño). As oito referencias analizadas cumpriron neste apartado.

Pero non só é importante a temperatura máxima que alcanza a sola, tamén convén que a calor se distribúa por toda a superficie. Para medir este extremo axustouse o termóstato a 150 ºC e calculouse a temperatura no punto máis quente, no punto medio, a 20 milímetros da punta da sola e a 20 milímetros do final da sola. Delonghi amosou unha maior homoxeneidade de temperatura e Bosch foi o máis irregular.

Duración do vapor

Os centros de pasada tardan, de media, cinco minutos máis ca os ferros de pasar en obter o caudal de vaporización óptimo que indica a norma. Valorouse positivamente o ferro Bosch, que só precisou 1 minuto e 29 segundos fronte aos máis de 10 minutos que tardou o centro de pasada Polti en expulsar vapor. Non obstante, unha vez quentes, os centros de pasada deron mantido o chorro de vapor durante moito máis tempo. Así, mentres o vapor de Bosch durou apenas dez minutos, o centro de pasada Delonghi mantivo o chorro durante 85 minutos. Por outra banda, o ferro que máis auga liberou con cada pulverización foi Rowenta (0,9 gramos por pulsación). Os centros de pasada non contan con esta opción, polo que convén usalos tendo preto un pulverizador cheo de auga.

Como contrapartida, os centros de pasada son, de media, un 14% máis rápidos ca os ferros convencionais. Dez consumidores alisaron unha camisa e un pantalón idénticos e cronometraron o que lles levaba ata que consideraron que estaban lisos. Entre a mellor e a peor referencia as diferenzas foron de máis dun minuto: co ferro de pasar de Rowenta tardaron 6 minutos e 36 segundos e co centro de pasada Delongui, 5 minutos e 21 segundos.

Seguridade eléctrica e etiquetaxe

Para comprobar que todos os centros de pasada e ferros de pasar cumprían coa norma de seguridade eléctrica curtocircuitouse o dispositivo de control de temperatura e en ningún aparello se observaron lapas, metal fundido, gas velenoso ou inflamable en cantidades perigosas (aínda que o ferro de Bosch quedou completamente inservible). Mediuse tamén a rixidez dieléctrica aplicando unha tensión de corrente alterna entre as terminais da batería. En todos os casos, o illamento evitou correntes perigosas. Os aparellos tamén superaron as probas de potencia e corrente, xa que a diferenza entre a potencia nominal e a consumida en ningún caso superou o 10%. Todos estaban ben construídos, coas partes amovibles ben fixadas, sen bordos cortantes ou afiados nin terminacións en punta e coas tomas de terra correctas. Ningún ferro queceu excesivamente durante o seu funcionamento e todos incluían unha placa cos datos obrigados pola norma (nome do fabricante e potencia nominal, entre outros), e o seu marcado demostrou a súa durabilidade (non se borrou despois de fregalo con auga e gasolina durante 15 segundos). Por outra banda, considerouse mellorable o manual de instrucións de Polti. A diferenza do resto, non incluía unha advertencia desaconsellándolles o seu uso a persoas con minusvalideces mentais, físicas ou sensoriais.

Proba de uso

Realizáronse dúas probas de uso, unha para ferros de pasar eléctricos e outra para centros de pasada, con dez usuarios que avaliaron os produtos. O ferro de pasar que máis gustou foi Rowenta (7,3 puntos), polo seu deseño e polo acabado da roupa alisada, e o que menos, Solac (6,3 puntos), catalogado como ergonómico pero con problemas para escorregar pola roupa. Os consumidores non apreciaron diferenzas entre pasar cun ferro ou cun centro de pasada, xa que as notas nestes aspectos foron case idénticas. Entre os centros de pasada, a peor nota foi para o modelo de Polti, con 5,9 puntos e a mellor para o de Di4, que obtivo 7,5 puntos e é a única referencia do comparativo cun ”moi ben” en calidade final. Polti quedou nun mediocre ‘mellorable’ e a calidade de Ufesa e Solac considerouse ‘suficiente’, mentres que lograron un ‘ben’ os modelos analizados de Bosch, Rowenta, Taurus e Delonghi.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse catro ferros de pasar de vapor e catro centros de pasada, con prezos que van dos 19,92 euros do modelo de Ufesa aos 177,20 euros do de Delonghi. De media, os ferros foron case tres veces máis baratos ca os centros de pasada.
  • Taurus ofrece 12 meses de garantía adicional amais dos dous anos aos que obriga a lei. Polti é o único que non inclúe no manual de instrucións unha advertencia desaconsellándolles o seu uso a persoas con minusvalideces físicas, sensoriais ou mentais.
  • Cheas de auga, os ferros pesan máis ca os centros de pasada, que levan un depósito á parte coa auga e, polo tanto, resultan máis liviáns.
  • Os centros de pasada poden tardar ata 10 minutos en quecer, polo que son máis eficientes cando hai que pasarlles o ferro a grandes cantidades de roupa, e sempre cun pulverizador cheo de auga á man, xa que non contan con esta función. Entre os ferros, o de Rowenta libera máis auga ca o resto, 0,9 gramos de auga con cada pulsación.
  • Os centros de pasada Di4 e Taurus alcanzaron maior temperatura de pasada, o que resulta moi útil ante tecidos moi rebeldes. Delonghi demostrou unha temperatura máis regular en toda a superficie da sola e que era o que liberaba vapor durante máis tempo (hora e media).
  • Na proba de uso, centros de pasada e ferros de pasar obtiveron cualificacións similares, aínda que os centros foron algo máis rápidos alisando camisas e pantalóns, especialmente o de Delonghi. As mellores cualificacións foron para o centro de pasada Di4 (7,5 puntos) e para os ferros de Rowenta (7,3 puntos) e Ufesa (7,2 puntos).
  • A mellor relación calidade prezo é o ferro de Bosch (31,60 euros), o segunda máis barato e mais o máis lixeiro. Ademais, só hai que agardar minuto e medio dende que se enchufa ata que se comeza a liberar o vapor.
Marca Bosch Ufesa Solac Rowenta
Modelo Sensixx II Inox PV1456 Clarisse 75 PV2035 Supernova Dark DZ5010
Requisitos Ferro de pasar Ferro de pasar Ferro de pasar Ferro de pasar
Prezo (euros) 31,60 19,92 43,26 52,93
Información ao consumidor
Potencia declarada (W) 2000 1600 2200 2300
Garantía 2 años 2 años 2 años 2 años
Etiquetaxe e manual de instrucións Correcto Correcto Correcto Correcto
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto Correcto
Aptitude ao uso
Peso (g) (1) 1130 1175 1360 1735
Temperatura en posición * (ŒC) 70-120 101,49 90,41 78,04 97,84
Temperatura en posición ** (ŒC) 100-160 134,32 125,34 110,18 113,06
Temperatura en posición *** (ŒC) 140-210 183,41 164,12 163,37 156,97
Distribución da temperatura (ºC) (2) 8,1 6,6 4,1 6,4
Tempo ata vapor óptimo (3) 1 min. 29 s 1 min. 40 s 2 min. 01 s 4 min. 04 s
Duración do modo vapor (4) (segundos) 10 min. 37 s 18 min. 21 s 16 min. 22 s 12 min. 15 s
Pulverización (5) (g) 0,67 0,46 0,54 0,90
Nota de calidade Ben Suficiente Suficiente Ben
Proba de uso (de 0 a 10) 6,4 7,2 6,3 7,3
Nota de acabado tras a pasada con vapor (de 0 a 10) 6,6 7,0 6,6 7,9
Tempo preciso para lles pasar o ferro a unha camisa e a un pantalón 6 min. 32 s 6 min. 25 s 6 min. 30 s 6 min. 36 s
Marca Taurus Polti Delonghi Di4
Modelo Bravissimo Complet Pro Vaporella Easy Profesional Pro 1100 Jet Expressing Kappa
Requisitos Centro de pasada Centro de pasada Centro de pasada Centro de pasada
Prezo (euros) 77,90 79,90 177,20 99
Información ao consumidor
Potencia declarada (W) 2100 1750 2200 2000
Garantía 3 años 2 años 2 años 2 años
Etiquetaxe e manual de instrucións Correcto Mellorable Correcto Correcto
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto Correcto
Aptitude ao uso
Peso (g) (1) 1090 1310 1365 940
Temperatura en posición * (ŒC) 70-120 100,60 92,06 94,94 112,19
Temperatura en posición ** (ŒC) 100-160 141,86 129,49 132,25 144,73
Temperatura en posición *** (ŒC) 140-210 183,72 164,48 184,63 184,32
Distribución da temperatura (ºC) (2) 5,8 3,7 3,0 4,9
Tempo ata vapor óptimo (3) 5 min. 57 s 10 min. 56 s 5 min. 36 s 7 min. 15 s
Duración del modo vapor (4) (segundos) 34 min. 16 s 52 min. 51 s. 85 min. 4 s 60 min. 23 s
Pulverización (5) (g)
Nota de calidade Ben Mellorable Ben Moi ben
Proba de uso (de 0 a 10) 6,2 5,9 6,7 7,5
Nota de acabado tras a pasada con vapor (de 0 a 10) 7,8 6,0 7,6 7,3
Tempo preciso para lles pasar o ferro a unha camisa e a un pantalón 5 min. 52 s 5 min. 38 s 5 min. 21 s 5 min. 38 s

1. Peso. Para os ferros de pasar indícase o peso co depósito cheo de auga. Para os centros de pasada indícase o peso da unidade de pasada sen o depósito.

2. Distribución de temperatura. Canto menor é o valor, maior é a homoxeneidade da temperatura da sola. É a media do valor absoluto das catro diferenzas de temperatura especificadas pola norma UNE-EN 60311.

3. Tempo ata vapor óptimo. Tempo que transcorre dende que se enchufa o ferro de pasar ata que se alcanza un caudal de vapor de 5 g/minuto nos ferros ou ata que o centro está preparado para pasar con vapor. Realizouse co termóstato na posición máxima.

4. Duración do modo vapor. Para os ferros é a duración dende o comezo do vapor ata que se consome o 90% da auga. Para os centros de pasada é o que duraría a auga en condicións ideais supoñendo que se conecta o modo vapor 5 segundos de cada 20.

5. Pulverización. Gramos de auga liberados tras unha pulverización.

Un a un

4 ferros de pasar e 4 centros de pasada, un a un

Bosch SensixxII TDA2138

  • Prezo: 31,60 euros. O segundo máis barato.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Calidade global: Ben
  • Entre os ferros é o máis livián, o que menos tarda, xunto con Ufesa, en comezar a liberar vapor (89 segundos) e o que maior temperatura alcanza nas tres posicións (*,** e ***). Non obstante, a súa temperatura de sola foi a menos homoxénea.
  • Proba de uso: 6,4 de 10.
  • Aos consumidores pareceulles cómodo e que esvaraba ben, aínda que non lles gustou o seu deseño e lles pareceu “pouco robusto”.

Ufesa PV1456

  • Prezo: 19,92 euros. O máis barato.
  • Calidade global: Suficiente.
  • O que menos tardaba en comezar a liberar vapor (100 segundos), xunto con Bosch, e o que o facía durante máis tempo (18 min. 21 s).
  • O que menos auga pulverizaba (0,46 g). O de menor potencia declarada (1.600 W).
  • Proba de uso: 7,2 de 10. A segunda mellor nota dos ferros de pasar.
  • Foi o ferro co que menos se tardou en pasar unha camisa (4 minutos e 9 segundos), aínda que a diferenza co resto de ferros foi pouco relevante (un segundo menos ca Bosch e tres ca Rowenta).
  • Salientouse que era cómodo e que esvaraba con facilidade. Non gustou o seu selector de vapor.

Solac PV2035 Supernova Dark

  • Prezo: 43,26 euros.
  • Calidade global: Suficiente
  • Un dos que menos temperatura alcanzaba en posición (* e **). A temperatura na sola foi menos homoxénea ca no resto de ferros.
  • Proba de uso: 6,3 de 10. O peor dos ferros de pasar.
  • Os aspectos mellor valorados foron a ergonomía da súa asa e a calidade dos seus materiais. O peor, como esvaraba. Foi ao que máis tempo lle levou pasar unha camisa (4 min. 19 s).

Rowenta DZ5010

  • Prezo: 52,93 euros. O máis caro dos ferros de pasar.
  • Calidade global: Ben
  • Dos que menos temperatura alcanzaba en posición (** e ***). O ferro máis pesado (1.735 gramos) e o que máis tempo precisaba para comezar a liberar vapor (4 minutos e 4 segundos). Así e todo, tamén foi o de maior potencia declarada (2.300 W) e o que máis auga pulverizaba (0,90 g).
  • Proba de uso: 7,3 de 10. A mellor nota dos ferros de pasar.
  • Gustou o deseño da sola (cun elevado número de orificios) e o acabado na roupa, aínda que se considerou un ferro grande e pesado. Foi ao que máis tempo lle levou pasar un pantalón (2 min. 24 s).

Taurus Bravísimo Complet Pro

  • Prezo: 77,90 euros. O máis barato dos centros de pasada.
  • A mellor relación calidade-prezo dos centros de pasada.
  • Calidade global: Ben
  • Dos que maior temperatura alcanzaba en posición (**), o único con tres anos de garantía e a segunda referencia máis pesada (1.090 gramos).
  • Foi o centro de pasada cunha temperatura menos homoxénea na sola e modo de vapor de menor duración (34 min. 16 s).
  • Proba de uso: 6,2 de 10.
  • O máis cómodo de utilizar, aínda que os consumidores o consideraron pouco atractivo. O mellor valorado para pasar o ferro con vapor.
  • O centro ao que máis tempo lle levou alisar unha camisa e un pantalón (5 min. 52 s).

Di4 Jet expressing Kappa

  • Prezo: 99 euros. O segundo máis caro.
  • Calidade global: Moi ben
  • O máis lixeiro do comparativo e un dos que alcanzou maior temperatura. Unha boa opción para aqueles que teñan que pasarlle o ferro a moita roupa e non lles importe pagar un pouco máis.
  • Proba de uso: 7,5 de 10. A mellor nota de todas.
  • Obtén a mellor puntuación na proba de pasada sen vapor. Con vapor, algúns consumidores destacan que o interruptor é difícil de usar e que extrae pouco vapor.

Delonghi Pro 1100

  • Prezo: 177,20 euros. O máis caro.
  • Calidade global: Ben
  • A referencia cunha temperatura máis homoxénea na sola e o que máis tempo pode manter o modo vapor (85 minutos e 4 segundos). O máis pesado dos centros de pasada (1365 g).
  • Proba de uso: 6,7 de 10. A segunda mellor nota dos centros de pasada.
  • Considerouse pesado pero cómodo (ten unha base inclinada para colocar o ferro e unha protección para que este non caia). É a referencia que menos tempo necesitou para pasarlles o ferro a unha camisa e a un pantalón (5 min 21 s).

Polti Vaporella

  • Prezo: 79,90 euros.
  • Calidade global: Mellorable
  • Unha das referencias con menor potencia declarada (1.750 W). O centro de pasada que menor temperatura amosou en todas as posicións e o que máis tempo necesitou ata liberar vapor (10 minutos e 56 segundos). Non lles desaconsellaba o seu uso a persoas con capacidades físicas, sensoriais ou mentais reducidas.
  • Proba de uso: 5,9 de 10. A peor nota de todas.
  • Criticouse o seu regulador de vapor (que resultaba pouco claro) e o seu elevado peso. Cualificouse negativamente como esvaraba.