Analizados 101 cámpings de 18 provincias

Os cámpings melloran as súas prestacións, aínda que seguen suspendendo un de cada tres

As carencias en servizos e accesibilidade para minusválidos, principais puntos fracos, xunto coa seguridade e a asistencia sanitaria. As deficiencias medran canto menor é a categoría, e o prezo, do cámping
1 Xuño de 2007
Img tema de portada listado

Os cámpings melloran as súas prestacións, aínda que seguen suspendendo un de cada tres

/imgs/20070601/img.tema-de-portada.01.jpg As vacacións baixo o toldo dunha tenda de campaña ou do teito dunha caravana atraen, e moito, a unha porción nada pequena de turistas en España, en concreto, a 6,6 millóns no 2006, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Os cámpings, tanto no interior coma na costa, son o destino duns usuarios que buscan un ámbito agradable, unha boa atención, mellores servizos, e todo iso a un prezo razoable.

A teor da análise realizada por CONSUMER EROSKI, un de cada tres non cumpre con estas expectativas, fundamentalmente pola carencia de equipamentos e servizos básicos, e mais pola súa falta de accesibilidade para minusválidos (a metade non está preparado para as necesidades destas persoas) e deficiencias en seguridade (só un de cada catro dispón de cámaras de vixilancia) e asistencia médica (o 90% sen persoal médico propio ou asistencia médica concertada). As carencias agrávanse a medida que diminúe a categoría, e as tarifas, da instalación. Así, os mellores resultados obtéñense nos cámping de primeira categoría (tamén os máis caros), e os peores, nos de terceira categoría (os que menos cobran). Malia as deficiencias e necesidades de mellora, constatouse unha evolución positiva con respecto a un estudo similar realizado por esta revista cinco anos antes. De feito, a proporción de suspensos diminuíu (do 37% ao 29%) e o de boas cualificacións (“ben” e “moi ben”) duplicouse (do 21% ao 45%). Ademais, a satisfacción dos seus usuarios, tal e como reflicten os resultados dunha enquisa realizada a 400 clientes destas instalacións, é xeneralizada (valórana con oito puntos sobre dez). O prezo medio dunha estancia de quince días para un matrimonio cun neno en tempada alta (agosto) é de 380 euros, fronte aos 300 euros do 2002, o que supón un aumento do 27%, dez puntos por riba do IPC acumulado (16,6%).

Os resultados baseáronse na visita que técnicos de CONSUMER EROSKI, facéndose pasar por clientes, realizaron en 101 cámpings (en España hai na actualidade 1.206) de 18 provincias: 10 en Barcelona e Madrid, 8 en Alacante e Málaga, 7 en Valencia e Murcia, 6 en A Coruña, Cantabria, Granada, Guipúscoa e Navarra, 5 en Huesca, 4 en Asturias, 3 en Córdoba e Biscaia e 2 en Álava, Valladolid e Zaragoza. En dous de cada tres a visita incluíu facer noite. Valoráronse aspectos relacionados coas características dos cámpings, equipamento e servizos, o seu estado de conservación e limpeza, o seu grao de accesibilidade, a súa seguridade e a información ao campista.

Usuarios satisfeitos malia as deficiencias

/imgs/20070601/img.tema-de-portada.02.jpgA satisfacción é a palabra dominante na valoración dos usuarios sobre o servizo que reciben nos cámpings. De feito, cualifícano cun notable alto (oito puntos sobre dez). Así o constatou CONSUMER EROSKI, que entrevistou a 400 clientes dos cámpings analizados e lles pediu a súa opinión, entre outras cuestións, sobre as instalacións e servizos, a limpeza, a seguridade ou a información ao usuario.

A inmensa maioría, nove de cada dez, considera que os establecementos nos que se aloxaban contaban con persoal abondo para atender as necesidades dos campistas. En relación ao trato recibido, o 97% sinalou non ter ningún tipo de problema cos empregados.

A proporción de satisfeitos diminúe ata o 80% dos enquisados cando se abordou a cantidade e calidade de servizos e instalacións ofertadas nos cámpings (piscinas, aparcamento, cafetería, restaurante, zonas deportivas, aseos, duchas…). Os estudados na Coruña e en Barcelona son os peor dotados en equipamento, segundo os clientes consultados, e é que un de cada catro campistas afirma que as instalacións son insuficientes e sinalan principalmente a carencia de zona de xogos para nenos, instalacións deportivas e piscinas, así como a escaseza de aseos e lavabos, sobre todo en tempada alta.

Unha boa oferta de servizos, como a venda de gas butano, conexión eléctrica, subministración de auga, consigna, follas de reclamacións, prensa, etc… resulta primordial para determinar a calidade da estancia. O 85% dos usuarios asegurou estar satisfeito coas prestacións que ofrece o campamento no que se aloxa. Os cámpings de Córdoba e Málaga son os peor valorados, e é que un de cada tres campistas recoñece sentirse insatisfeito ante a carencia deste tipo de servizos.

O 94% dos usuarios considera que os cámpings están limpos. Seis de cada dez afirman que o estado de limpeza é “bo” e tres de cada dez que é “moi bo”, mentres que só o 6% dos campistas sinala que están porcos.

Malia as deficiencias detectadas polos técnicos no tocante a plans e sistemas de seguridade, case nove de cada dez campistas afirman sentirse seguros nos cámpings nos que se aloxan e coidan que os campamentos contan con extintores abondos, con medidas de vixilancia, sistemas de alarma, e mais coa asistencia médica necesaria. Non obstante, esta proporción diminúe nos cámpings de terceira categoría, onde o número de campistas desconforme (15%) dobra aos insatisfeitos aloxados en campamentos de primeira categoría (7%).

Xunto coa seguridade, a información ao usuario é outro dos aspectos relevantes. O 86,5% dos campistas opina que dende o campamento se ofrece información abonda, é dicir, a maioría deles considera que hai bastantes carteis, sinais e mapas, así como que se dan a coñecer os datos necesarios sobre o campamento, para que a estancia sexa os máis satisfactoria e agradable posible. De novo, nos establecementos de terceira categoría detéctase o maior grao de insatisfacción (o 39,4% dos seus usuarios non se sente debidamente informado).

Pouca información na entrada

/imgs/20070601/img.tema-de-portada.03.jpgA maioría dos técnicos non tivo problemas para atopar o cámping ao que se dirixía (aínda que case tres de cada dez que se encamiñaban a campamentos de segunda e terceira categoría non atoparon indicacións da ruta axeitadas). Unha vez alí, puideron comprobar que o 79% contaba cun acceso asfaltado. Así e todo, entre os de terceira categoría case en tres de cada dez o camiño non estaba pavimentado.

Na entrada da maioría dos establecementos indicábase o seu nome (92%), en bastantes menos a súa categoría (o 58%), a dotación do equipamento que tiñan, ou as normas de comportamento, e case ningún (o 14%) precisaba a súa capacidade. A pesar de que o horario de descanso e silencio nocturno é un dato relevante nestas instalacións, só dous de cada tres cámpings o especificaban. Fundamentais son tamén as súas tarifas, que só aparecían expostas na entrada do 42% dos cámpings. Menor aínda é a porcentaxe de instalacións con información noutros idiomas (o 54% en inglés, o 35% en francés e o 25% en alemán). Ademais, a metade dos establecementos contaba con mapas ou paneis que indicaban a situación das instalacións.

Unha das primeiras impresións, e máis influentes, que causa un establecemento é, sen dúbida, o primeiro contacto que se mantén coa persoa da recepción. Só no 9% o trato foi insatisfactorio. En oito de cada dez cámpings, o horario de apertura de recepción era, ademais, como mínimo, de nove da mañá a nove da noite. Con todo, o 6% carecía deste servizo e atendían o campista no bar.

Para os que viaxan coa súa mascota, o acceso destes animais é un factor fundamental para elixir o establecemento no que acampar. No 56% dos cámpings estudados permítese a entrada a todo tipo de animais de compañía, mentres que tres de cada dez admiten só os considerados non perigosos. Xa que logo, unicamente o 14% prohibe o acceso de animais ás súas instalacións.

En servizos de hostalería, o 96% dispuña de bar e o 81% de servizo de restaurante (proporción que baixa ao 57% nos de terceira categoría). Destes, tres de cada catro servían un menú do día, cun prezo medio de 10,2 euros. Para a venda de alimentos e doutros produtos, o 84% dos cámpings dispuñan de supermercado.

Un cámping seguro
  • A posibilidade de realizar unha evacuación con garantías o máis lixeiramente posible é un elemento determinante para a seguridade nos cámpings.
  • O cámping debe estar situado nun lugar adecuado, fóra de corgos, leitos secos de ríos e de terreos con risco de inundación. Tampouco se debe atopar preto de lugares de captación de augas potables para o abastecemento de poboacións. O campamento deberá estar cercado no seu perímetro para impedir o libre acceso, aínda que o valado non debe ser infranqueable pola súa excesiva altura.
  • Os camiños e accesos ao campamento deben ser amplos, estar ben iluminados e perfectamente accesibles para os vehículos de emerxencia, sen obstáculos (por exemplo coches) que impidan o seu tránsito. Ademais, débese evitar a existencia de chanzos, irregularidades, fochas ou outro tipo de zonas mal protexidas ou sen sinalizar.
  • As mangueiras e extintores deben ser accesibles para os usuarios e equipos de emerxencia, estar ben distribuídos polas instalacións e en perfectas condicións de uso. As tomas eléctricas deben estar ben illadas e protexidas. Non debe haber cables no chan.
  • Os refugallos inflamables deben ser recollidos canto antes. Ademais, elementos como as bombonas de gas deben estar protexidas do sol, afastadas das fontes de calor e fóra do alcance dos nenos. Outros elementos como cociñas, fogóns e grellas tamén deben estar situados en lugares seguros, separados e protexidos.
  • A sinalización dentro do campamento debe ser clara, para poder orientarse con facilidade (taboleiros con mapas, indicacións das vías de saída, planos, etc.) que lle permitan ao usuario saber onde está. Os usuarios deben estar informados da actuación que deben seguir en caso de que se produzan situacións de perigo.
  • O cámping debe contar con portas de emerxencia abondas, distribuídas por todo o seu perímetro e proporcionais ao número de persoas aloxadas. Teñen que se poder abrir e levar a un lugar seguro.
  • Os coches, mellor aparcados nunha área específica, preferiblemente nunha zona exterior do recinto ou afastada dos lugares de acampada. A velocidade para os vehículos dentro do cámping debe estar limitada (non se deben superar os 10 km /h), especialmente en zonas con movemento de nenos.
  • O cámping debe contar cun plan de prevención de catástrofes e mais cunha guía ou plan de evacuación.
  • Cómpre que as instalacións conten con asistencia sanitaria (polo menos cunha botica de primeiros auxilios de primeiros auxilios convenientemente equipada para poder atender coa maior eficacia posible os accidentes máis frecuentes).

Asistencia médica e seguridade deficientes

/imgs/20070601/img.tema-de-portada.04.jpgA seguridade e a asistencia médica son fundamentais para gozar dunhas vacacións ao aire libre sen preocupacións. Así e todo, tanto nunha coma noutra constatáronse deficiencias. A pesar de que a gran maioría contaba con botica de primeiros auxilios e en case catro de cada dez había sala de curas ou enfermaría, apenas un 10% estaba dotado con persoal médico de modo permanente ou cun servizo de asistencia sanitaria concertado, medidas que garanten unha mellor reacción ante calquera emerxencia.

Os responsables dos cámpings deben garantir a seguridade dos campistas en todo momento. A presenza de vixilantes ou gardas de seguridade é unha das medidas máis frecuentes (só dous dos 101 cámpings estudados carecían de persoal deste tipo). Pola contra, a instalación de cámaras ou sistemas de vídeo só se aplica en un de cada catro casos, e unicamente en cámpings de primeira e segunda categoría. Tamén é moi común que o cámping se peche de noite por motivos de seguridade; de feito un 85% faino e a maioría prohibe o tráfico rodado dentro das instalacións.

Tampouco sobresaen estas instalacións en prevención. O 29% non ten un plan de catástrofes elaborado e o 23% non dispón dun plan de evacuación para actuar en caso de emerxencia. Ademais, un 30% dos campamentos que dispoñen do plan de catástrofes non o revisa de xeito anual, ao igual que sucede co plan de evacuación, xa que a súa revisión non se contempla no 23% dos cámpings. Polo menos, todas as instalacións tiñan extintores.

Os defectos en materia de seguridade detectáronse en maior medida nos establecementos de terceira categoría. O 57% carecía dun plan de evacuación e, nunha proporción similar, dun plan para lles facer fronte ás posibles catástrofes.

Se unha persoa con mobilidade reducida decidise ir a un cámping de España atoparíase con serias dificultades. En case a metade dos analizados, non todas as instalacións están adaptadas para salvar os problemas de accesibilidade. No 23% dos cámpings nin sequera os baños son accesibles para persoas con problemas de mobilidade.

O prezo por gozar ao aire libre $

Dentro das alternativas para as vacacións, un dos principais “ganchos” do cámping, amais do contacto coa natureza, fronte a outras opcións é o menor desembolso económico que esixe, pero, é realmente tan barato?

Co fin de comparar os prezos, CONSUMER EROSKI estableceu dous supostos básicos. Dunha banda, un matrimonio cun neno de cinco anos que quere pasar a primeira quincena de agosto de acampada nunha tenda familiar e, doutra, a mesma familia pero nesta ocasión unha caravana substitúe á tenda de campaña. En ambos os dous casos calculáronse os prezos totais cos descontos incluídos para reflectir as diferenzas entre os cámpings das 18 provincias levadas a estudo, así como o salto de prezos entre categorías.

O primeiro que chama a atención é que o tipo de aloxamento escollido non inflúe demasiado no prezo, é dicir, o custo medio tanto no primeiro caso (en tenda de campaña) coma no segundo (nunha caravana) se sitúa arredor dos 380 euros.

Onde si se rexistrou unha notable variación é na comparación entre os prezos rexistrados nun informe similar elaborado no 2002 e os actuais. Hai cinco anos, o prezo medio a pagar era aproximadamente 80 euros máis barato ca na actualidade (380 euros no 2007 fronte aos 300 do 2002, un crecemento dun 27%, dez puntos superior ao do IPC acumulado neste período, un 16,6%). As diferenzas tamén son significativas por categorías. No suposto da tenda de campaña, no 2002 pagábase arredor de 346 euros polo aloxamento nun cámping de primeira categoría, prezo que cinco anos despois subiu ata os 426 euros, é dicir, que aumentou un 23%, case seis puntos por riba do aumento do IPC nestes cinco anos.

Nun de segunda categoría, o prezo medio encareceuse en 60 euros aproximadamente (o prezo medio no 2002 era de 311 euros fronte aos 372 de agora, unha suba do 20%, lixeiramente por riba do IPC). Os cámpings de terceira categoría son os que menos acusaron esta suba de prezos, xa que experimentaron unha suba inferior a 20 euros (custo medio hai cinco anos de 255 euros fronte aos preto de 272 da actualidade), o que representa un incremento do 7%, dez puntos por baixo do incremento do IPC.

Vertedoiros sen auga quente, en dous de cada dez

/imgs/20070601/img.tema-de-portada.05.jpg Todos os cámpings tiñan vertedoiros, aínda que en case dous de cada dez estaban sen auga quente, e lavadoiros (o 48% só con auga fría). O 94% dispuñan de polo menos unha lavadora e o custo medio por lavado era de 3,35 euros. A dotación de secadoras, se ben non é tan boa coma a de lavadoras, tamén está presente nos cámpings. O custo medio por utilizar a secadora é de 3 euros. Todos contaban con duchas para o aseo persoal dos usuarios. No 95% dos visitados había auga quente en todas elas. En catro deles cobraban por este servizo (entre 50 e 60 céntimos de euro). A piscina é para moitos campistas unha das instalacións favoritas, principalmente durante os meses máis calorosos. Case sete de cada dez cámpings tiñan, polo menos, unha.

Entre os cámpings que contan con aparcamento para vehículos, á parte do situado en cada parcela, un 75% facilitaba este servizo gratuitamente. Entre os que o cobran, o prezo medio é de 4,6 euros diarios por vehículo, aínda que a tarifa dalgúns ascendía a 10 euros e hai outros nos que o desembolso por vehículo apenas chegaba aos 2,5 euros.

Só o 7% dos cámpings tiñan ximnasio, o 38% cancha polivalente (campos ou pistas que serven para practicar diversos deportes, como baloncesto, fútbol, balonmán…) e o 20% pista de tenis. No estudo analizáronse tamén zonas de encontro e lecer destinadas aos campistas e os resultados amosan que en máis da metade dos cámpings (56%) hai salón social, no 44% sala de xogos e no 60% sala de televisión. Así mesmo, no 91% hai terraza, no 66% unha grella e ademais, no 20% hai biblioteca, nun 10% ludoteca, nun 12% discoteca e nun 9% cinema. O 86% dos campamentos dispón de parque infantil.

Os máis limpos, os de primeira categoría

O estado xeral de conservación e limpeza catalogouse como bo ou moi bo. Só se considerou unha limpeza mellorable nas duchas e lavabos do 8% das instalacións analizadas. A pulcritude é extensible ás zonas infantís (seis de cada dez catalogáronse como moi limpas) e aos bares e restaurantes, aínda que case en un de cada dez se rexistraron algunhas deficiencias.

Unha ampla oferta de servizos incrementa a sensación de comodidade do usuario. Un exemplo é o das conexións para caravanas e autocaravanas. Aínda que os máis dos cámpings dispuñan de conexión eléctrica, só o 69% incluía subministración de auga para estes vehículos. Case oito de cada de dez cámping vendían gas butano e o 86% estaban provistos de desaugadoiros químicos para autocaravanas.

Unicamente no 56% de cámpings os usuarios podían utilizar unha consigna para gardar obxectos persoais e o 69% tiña caixa forte. No tocante ao servizo de correspondencia, un de cada dez cámpings carecía del ou de caixa de correo (malia ser obrigatorio). No tocante á modalidade de pagamento, en case oito de cada dez cámpings foi posible facelo con tarxeta.

Novas tecnoloxías, presenza insuficiente, a reciclaxe, materia pendente, e taboa comparativa

/imgs/20070601/img.tema-de-portada.06.jpgOs cámpings tamén se van sumando ás novas tecnoloxías: en un de cada tres había servizo de Internet para o usuario e en máis do 30% instalaran zona wifi (sistema sen fíos que permite a conexión a Internet).

A iso súmase o feito de que o 81% dos cámpings analizados dispón de páxina web. Dos que teñen, máis da metade ofrécelle ao cliente a posibilidade de realizar a súa reserva por Internet.

A reciclaxe, materia pendente

A cultura da reciclaxe de residuos, cada vez máis espallada nos fogares españois, continúa a ser unha materia pendente nos cámpings. Os colectores para a reutilización de materiais como o vidro, o papel, o cartón e as pilas escasean en moitos cámpings.

Só na metade das instalacións hai colectores para papel/cartón e pilas, cantidade que ascende ata o 64% nos colectores de vidro.