Analizadas 133 piscinas cubertas de 18 cidades españolas

O seu número é insuficiente e a información ao usuario, moi mellorable

O seu nivel xeral é bo, aínda que en unha de cada catro piscinas non se lle indica ao bañista o estado e a calidade da auga
1 Febreiro de 2007
Img temap 269

O seu número é insuficiente e a información ao usuario, moi mellorable

/imgs/20070201/img.afondo.01.jpg Un de cada dous españois asegura facer deporte tres ou máis veces por semana e a metade dos que o practican utilizan instalacións deportivas de titularidade pública, segundo datos publicados no 2005 polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que revelan que a natación, no seu aspecto recreativo e non competitivo, é o deporte máis practicado en España (case unha de cada tres persoas que fai deporte asegura nadar habitualmente). Nesta disciplina, cun número de adeptos crecente, a existencia dunhas instalacións adecuadas en número e calidade é un factor clave.

Por esta razón, CONSUMER EROSKI quixo analizar as piscinas cubertas españolas, todas elas de uso público, xa sexan de titularidade pública (polo xeral, municipal) ou privada. Comparouse o equipamento de 133 piscinas cubertas de 18 cidades (A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Burgos, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza). Ademais, analizáronse, a través dunha inspección in situ de técnicos desta revista, a información e os servizos ofrecidos aos usuarios, o estado de conservación e limpeza das instalacións e das propias piscinas, a accesibilidade para minusválidos e a seguridade dos equipamentos, así como a vixilancia das instalacións.

/imgs/20070201/img.afondo.02.jpg A análise mostra que, en liñas xerais, o estado en España das piscinas cubertas é bo, pero que o seu número é máis ben escaso. Aínda que a natación é o deporte non competitivo máis practicado en España, o número de instalacións para practicalo resulta insuficiente, xa que que, a teor dos datos recollidos, só hai unha piscina cuberta pública por cada 59.000 habitantes. Á escaseza de infraestruturas súmase a carencia de información ao usuario destas instalacións en apartados tan fundamentais como a calidade da auga, así como a multiplicidade e variedade de normativas que regulan o seu uso e funcionamento (unha diferente por cada cidade analizada). Malia todo, o estudio permitiu confirmar que a calidade das piscinas é, en xeral, satisfactoria. De feito, en dúas de cada tres a valoración final é de “moi ben” ou “excelente”, cualificación especialmente estendida nos apartados de limpeza e seguridade. Ademais, sobresae a amplitude dos horarios de servizo destas instalacións, abertas unha media diaria de 14 horas.

Instalacións insuficientes

A dotación de piscinas cubertas para practicar a natación nos meses máis fríos non é abonda: hai unha instalación, de media, con piscina cuberta de titularidade pública por cada case 59.000 habitantes (tomando en conta as piscinas de adultos e non as de cativos ou de “chapuzadura”), aínda que as cifras revelan claras diferenzas entre unhas cidades e outras: destaca a boa dotación de Vitoria (dispón de unha piscina de acceso público por cada menos de 28.000 habitantes), da Coruña, de Oviedo e de San Sebastián (contan cunha piscina de acceso público por cada menos de 37.000 veciños). No outro lado da balanza sitúanse Málaga (ten só unha piscina por cada 137.000 habitantes), Zaragoza (só dispón de seis piscinas cubertas de titularidade pública para os seus máis de 600.000 habitantes) e Madrid (a media son máis de 75.500 persoas por piscina). En Pamplona e Barcelona hai unha piscina por cada 65.000 habitantes, aínda que na capital navarra, segundo afirma o concello, o que priman son as asociacións deportivas privadas (hai un total de 15 na cidade que contan con piscina e é socio delas o 41% da poboación).

Malia o seu limitado número, o balance xeral da calidade destas instalacións é positivo, aínda que hai grandes diferenzas entre unhas cidades e outras. De feito, case dous de cada tres das piscinas estudadas son “moi boas” ou “excelentes”. Non obstante, a marxe de mellora é apreciable, porque un 7% das 133 piscinas suspende e un 8% non pasa dun aprobado raspado. O apartado con peor nota global foi a información facilitada aos usuarios e a diversidade de servizos ofrecidos, prestacións nas que suspende o 20% das piscinas. Estas deficiencias materialízanse en que en unha de cada catro non se informa aos usuarios sobre o estado e a calidade da auga ou que en tres de cada catro nin sequera se informa sobre o auditorio máximo do vaso.

Pola contra, a limpeza e conservación das máis das piscinas cubertas visitadas foi un dos aspectos máis salientables (nesta categoría só suspendeu un 4%). Un exiguo 2% dos vestiarios estaba en malas condicións de limpeza e hixiene. Non obstante, o 8% dos vestiarios e o 10% dos aseos nin sequera tiñan papeleiras ou recipientes para depositar residuos e desperdicios. Ademais, un 14,3% dos aseos carecían de xabón (o 57% dos de Oviedo, o 43% dos de Bilbao e o 37% dos de Sevilla) e ata un 16% dos vestiarios non tiñan perchas para colgar a roupa (carencia observada en sete de cada dez vestiarios das piscinas de Alacante e no 30% dos de Valladolid). Catro de cada dez aseos carecen de secador de pelo, nun 15% non había vasoira de váter e tan só un 42% dispuña dun cambiador para bebés.

Instalacións ben conservadas

/imgs/20070201/img.afondo.03.jpg O estado de conservación das instalacións visitadas tamén é positivo: só no 4% das instalacións se atoparon deficiencias significativas (pingueiras con caldeiros de plástico, falta dunha man de pintura, zonas en obras, equipamentos anticuados ou estragados, chans con deficiencias importantes, baldosas rotas, etc.). No 2% observouse como a auga da piscina estaba sucia ou descoidada: gomas do pelo, tiritas flotando, etc., e en unha de cada dez piscinas detectáronse malos cheiros (a proporción na Coruña e en Málaga supera o 30%), sobre todo debido á falta de ventilación de vestiarios ou aseos.

No tocante á seguridade das instalacións, ningunha das 133 piscinas cubertas suspende, aínda que un 8% debe conformarse cun mediocre “aceptable”. As principais carencias: só un 37% das instalacións informan ou contan cunha guía de evacuación e unicamente en dúas de cada tres hai carteis informativos sobre qué facer en caso de accidente ou emerxencia.

Malia o notable nivel de seguridade constatado, en case un 16% das instalacións observáronse elementos que poden pór en perigo a integridade física dos usuarios (chans e escaleiras escorregadizas en vestiarios e accesos a piscinas). En unha de cada dez, non se observaron bedeis nin conserxes nin persoal de mantemento que atendese o bo funcionamento da instalación e un 8% non conta con saídas de emerxencia sinalizadas.

A fundamental presenza de socorristas cúmprese nos máis dos casos, aínda que cómpre salientar que nun 11,5% se constataron deficiencias. Así, no 4,5% das piscinas non se observou ningún socorrista que atendese e vixiase os usuarios dentro da auga, e noutro 7% os socorristas non ían claramente identificados con camisetas ou bañador distintivos.

Non obstante, tan só seis de cada dez piscinas incluían escaleiras con varandas ou pasamáns situados a diferente altura (asimétricos), unha das medidas de seguridade máis recomendadas polos expertos consultados, xa que facilita subir ás persoas con menos forza, como nenos ou vellos.

Poucas duchas nas piscinas

/imgs/20070201/img.afondo.04.jpg No tocante ás duchas, aconséllase que se coloquen, preto do vaso, un número polo menos igual ao de escaleiras de acceso á piscina. Así e todo, en unha de cada tres piscinas esta recomendación incúmprese. E o que é peor: no 12% non hai nin tan sequera unha ducha, o que obriga a que os usuarios se duchen nos vestiarios antes de acceder ao vaso. Esta deficiencia observouse especialmente nas piscinas cubertas de Oviedo, Murcia (o 57% dos recintos das piscinas non teñen duchas en ambas as dúas capitais) e Málaga (a metade). Aínda que se promove, como medida de hixiene e seguridade, que a ducha previa ao baño sexa obrigatoria, só en tres de cada dez se lle obriga ao usuario a acceder á piscina pasando obrigatoriamente por baixo dunha ducha (que normalmente conta tamén con pediluvio).

Unha de cada catro non ten indicada a súa profundidade no exterior de cada tramo de piscina, polo que non se sabe cál é a zona profunda ou a que permite facer pé. Esta deficiencia é xeral en todos os vasos de Córdoba, e repítese en case seis de cada dez vasos de Bilbao e de Valladolid.

Escasa información sobre a calidade da auga

As maiores deficiencias en información ao usuario constatáronse nas informacións básicas, sobre a calidade da auga e aspectos similares, que todo usuario debería poder coñecer cando acode a unha piscina de acceso público: en unha de cada catro non se facilita información sobre a temperatura da auga, os seus niveis de cloro ou pH, a temperatura ambiente e a humidade relativa do recinto, etc.

Ademais, case todas as normativas obrigan a informar sobre a capacidade máxima de cada piscina (normalmente baseada no seu tamaño). Non obstante, no 75% delas non se observou esta información exposta con claridade.

Un 23% carece da sinalización suficiente (non se sabe a onde leva cada corredor ou onde está cada dependencia), dúas de cada tres carecen de planos de situación e nun 18% dos casos os carteis indicativos son claramente insuficientes. No 75% non se informa sobre as características e equipamentos da instalación, só unha de cada catro informan sobre o auditorio, etc. O mellor: en tres de cada catro infórmase sobre os prezos e tarifas de acceso e no 86% acláranse cáles son as normas de uso da piscina (obriga de levar gorro, de utilizar o calzado axeitado, de ducharse antes de bañarse, etc.). Non obstante, nun 46% das piscinas non se atopou unha caixa de suxestións e un 58% non dispuña de follas de reclamacións á vista.

Exceso de bañistas nunha de cada seis piscinas

/imgs/20070201/img.afondo.05.jpg Cómpre sinalar tamén que se apreciou un exceso de bañistas ou pouco espazo para o baño libre (debido, por regra xeral, a que se reservan rúas da piscina para adestramentos ou cursos) no 17% das piscinas visitadas, destacando as de Madrid (no 58% había aglomeración de xente), Málaga (no 38%) e Zaragoza (en tres de cada dez).

Doutra banda, a accesibilidade das instalacións é boa en xeral, aínda que con matices: suspende unha de cada dez instalacións (moito máis as de titularidade privada ca as públicas), sobre todo debido a carencias como que case dúas de cada dez piscinas non dispoñen de guindastre ou dun equipamento similar (cadeiras elevadoras) que lles facilite o acceso aos minusválidos á piscina (nalgunha instalación argumentouse que nese caso sería axudado polo socorrista). Ademais, no 14% non se observaron aseos adaptados.

Abertas, de media, 14 horas ao día

Como xa se sinalou, CONSUMER EROSKI remitiulles aos 18 concellos un cuestionario no que se lles solicitaba diversa información (número de instalacións, tarifas, control da calidade da auga, etc.) acerca das piscinas públicas de cada localidade. Catro concellos preferiron non facilitar os datos solicitados, malia as reiteradas peticións desta revista. Foron os de Alacante, Bilbao, Córdoba e Barcelona (este último só respondeu de xeito parcial).

Cómpre salientar a amplitude de horarios destas instalacións municipais: as piscinas permanecen abertas, segundo confirman os Concellos, unha media de 14 horas diarias (a maioría permanecen abertas entre as oito da mañá e as dez ou once da noite). Só as piscinas de Granada pechan ao mediodía durante os días laborables (unha hora).

/imgs/20070201/img.afondo.06.jpg Agora ben, só en Burgos, Granada, Valladolid e Vitoria todas as piscinas cubertas de titularidade municipal permanecen abertas durante toda a fin de semana. Ademais, unicamente as piscinas de Sevilla, de Pamplona e da Coruña non pechan ningunha tempada ao ano, mentres que na maioría de cidades pechan entre 7 e 15 días por mantemento (alternando, iso si, o peche das instalacións). Non obstante, en capitais como Madrid, Murcia e Vitoria permanecen pechadas un mes completo, e en Zaragoza ata dous.

A normativa: en cada cidade hai unha diferente

En cada cidade os parámetros de calidade da auga deben cumprir uns requisitos diferentes en función da gran diversidade que rexe en cada comunidade autónoma e en cada concello, o que dá idea da dificultade para que un usuario coñeza con certeza qué condicións debe ter a auga dunha piscina cuberta. Como mostra, a pluralidade de criterios na regulación da temperatura da auga das piscinas: en Oviedo, Pamplona e Vitoria debe oscilar entre os 27 e 28 graos centígrados, en Madrid, Valencia e Zaragoza entre os 24 e 28 graos, en Granada e na Coruña entre os 28 e os 30 graos, e en Murcia e San Sebastián entre os 28 e os 30 graos. A maior marxe para a temperatura da auga atopámola en Sevilla (debe oscilar entre os 24º e os 30 graos), mentres que en Burgos a temperatura dos vasos das piscinas non pode variar dos 28 graos.

As normativas son máis uniformes no que atinxe á temperatura ambiente do recinto, xa que a maioría establece que a temperatura ambiente debe ser entre 2 e 4 graos superior á temperatura da auga da piscina.

Por suposto, no resto de parámetros que rexen a calidade da auga das piscinas e dos seus recintos (valor do pH, humidade do ambiente, proporción de renovación da auga, períodos do tempo de recirculación, control da calidade da auga en laboratorios, etc.), as diferenzas son tamén frecuentes, de xeito que se pode concluír que ningunha normativa reguladora é igual en ningunha das 18 cidades.

No tocante ao auditorio das piscinas, as diferenzas entre as normativas tamén son considerables: as máis restritivas son as da Coruña, Granada, Málaga, Oviedo, Sevilla e Valencia, que permiten a entrada dun usuario por cada tres metros cadrados de superficie de auga. Non obstante, en Vitoria, Valladolid, San Sebastián, Murcia e Burgos, a normativa permite a entrada dun usuario por cada metro cadrado de lámina de auga, o que, sen dúbida, en horarios de máxima afluencia, redundará en prexuízo dos usuarios. Nas outras cidades (Madrid, Pamplona e Zaragoza), a normativa queda na metade (un usuario por cada dous metros cadrados).

Tarifas: Sevilla e Málaga desmárcanse do resto

Todas as cidades, agás Málaga e Sevilla, contan, para as súas piscinas cubertas de titularidade pública, coa posibilidade de que o usuario adquira unha entrada puntual ou ocasional. Agora ben, o seu prezo non é, precisamente, barato (a media son case 4 euros), polo que é máis económico adquirir bonos de usos (en función do número de baños ou entradas por día). No tocante ao prezo das entradas diarias (ou puntuais), as piscinas máis económicas son as de Oviedo, Valencia e Vitoria (o prezo da entrada diaria ás piscinas non chega de media aos tres euros), mentres que, pola contra, en Barcelona, a media do prezo das entradas diarias ás súas piscinas municipais ascende ata os 8 euros (prezo medio que lles custou aos colaboradores de CONSUMER EROSKI entrar ás 10 piscinas municipais visitadas como usuarios).

Os bonos de 30 usos (ou mensuais) son máis comúns e supoñen un desembolso medio para o usuario de case 50 euros (polo tanto, o baño libre diario vén supondo 1,7 euros). As diferenzas van dos 83,3 euros de Valladolid, dos 80 euros de Granada ou dos case 60 euros que custa en Valencia, aos escasos 27,5 euros en Murcia.

Hixiene básica na piscina
  • Utilice sempre chancletas ou zapatillas de goma no recinto da piscina e mais nos vestiarios para previr infeccións ou alteracións cutáneas por virus e fungos.
  • Utilice o gorro de baño, sobre todo se ten o pelo longo (en moitos casos o seu uso é obrigatorio). Para evitar conxuntivite, é conveniente utilizar gafas durante o baño.
  • Unha ducha antes e despois de bañarse nunha piscina axuda a eliminar os xermes e partículas (cremas, pelos, suor, etc.). Ademais, hai que afacer o organismo á nova temperatura. Case todas as normativas obrigan a ducharse antes do baño e recomendan facelo despois.
  • Hai que procurar secarse ben despois do baño, pondo especial coidado nos espazos interdixitais dos pés e nas dobras da pel. Ademais, para evitar otite, seque moi ben os oídos despois do baño.
  • As chancletas, toallas e gorro de baño son obxectos de uso persoal e non deben intercambiarse.
  • Os mareos e cortes de dixestión son relativamente frecuentes nas piscinas, polo que polo que convén agardar un tempo despois de comer e non cometer imprudencias, como darse un baño despois dun exercicio intenso.
  • Evite tragar a auga da piscina, mesmo a que entre na súa boca.
  • Para rematar, non esqueza que as condicións hixiénico-sanitarias das piscinas dependen en boa medida dos propios usuarios. Polo tanto, sexa respectuoso e cumpra as normas.

Pola súa seguridade…

  • Ollo cos mergullos: comprobe sempre a profundidade da piscina e se hai algún usuario mergullado.
  • Non deixe nunca sós os nenos e non os perda de vista, aínda que saiban nadar. Se non saben, deben levar posto un dispositivo (flotador, manguitos, etc.) adaptado á súa idade e que cumpra cos requisitos de seguridade. Evite ademais que corran arredor da piscina para evitar caídas ou esvaróns.
  • Se non sabe nadar ben, procure que a auga non supere a súa cintura. Extreme as precaucións.
  • A piscina infantil ten que ser independente da de adultos, e estar separada dela, de xeito que os nenos non poidan acceder de forma accidental ou voluntariamente.
  • Coidado cos flotadores tipo “parrulo” que se colocan na cintura dos nenos, é posible que envorquen e o neno non se saiba dar a volta. Comprobe que todo o material está homologado pola UE e adaptado á idade de cada neno.
  • Sexa esixente coas condicións hixiénico-sanitarias das piscinas. Poña en coñecemento dos responsables da piscina calquera anomalía que observe.
  • Cumpra coas normas de uso da piscina e siga as instrucións dos socorristas.

Podemos esixir...y táboas comparativas

  • A información sempre é fundamental. Nunha piscina deben estar indicadas, de maneira clara e visible, algunhas informacións básicas como as normas de uso (se esixen gorro de baño, se a ducha é obrigatoria, etc.), a calidade da auga (cos datos das últimas medicións de cloro e pH), etc.
  • As piscinas deben contar con duchas e pediluvios abondos de paso obrigatorio para acceder ao vaso.
  • Hai unha serie de equipamentos imprescindibles nestes recintos: botica de primeiros auxilios ou dispensario de primeiros auxilios, vestiarios independentes para os bañistas, aseos, accesos para minusválidos, teléfono público, etc.
  • É preciso que no exterior da piscina se advirta claramente sobre a súa profundidade nos distintos tramos.
  • Para garantir a seguridade hai que contar cun número de socorristas suficiente, axeitado ás dimensións, deseño e auditorio da instalación, coa titulación necesaria para desempeñar esas funcións. Os salvavidas son un elemento básico de seguridade. Deben estar instalados en lugares visibles, e de doado acceso para os bañistas, amais de ter unha corda atada a este o longa abonda para poder arrastrar ata a beira ao bañista accidentado.
  • Toda piscina debe contar cun Libro de rexistro e control da calidade da auga, que debería estar á disposición de todos os usuarios que o soliciten. Diariamente, polo menos no momento da apertura e no da máxima concorrencia, serán analizados e anotados nel os distintos parámetros necesarios para garantir as boas condicións hixiénico-sanitarias da auga.
  • Por regra xeral, está prohibido acceder aos recintos das piscinas con vasos, botellas e recipientes de cristal, e mais non se permite comer, beber ou fumar.
  • En moitos casos obrígase a usar gorro de baño. Ademais, non se permite o acceso con calzado ou roupa de rúa aos recintos das piscinas.
  • Non está permitido o acceso ás instalacións de persoas que padezan algunha enfermidade contaxiosa ou infecciosa.
  • Está prohibida a entrada de animais ás piscinas, agás dos cans guía para invidentes.