Gominolas: basicamente azucre e aditivos

O seu consumo frecuente promove a obesidade e a caries

Analizáronse oito tipos de gominolas (botellas cola, pexegos, quenllas, froitiñas, delicias, docepica amorodo, gomas e amoras) de catro marcas distintas e prezo idéntico, a 0,72 euros os 100 gramos.
1 Setembro de 2002
Img analisisap

O seu consumo frecuente promove a obesidade e a caries

As gominolas infantís son productos de confeitería compostos por unha pasta maciza elaborada con azucre, aromatizada e coloreada mediante un xeneroso uso de aditivos e que se presenta con formas e tamaños variados. O seu nutriente maioritario son os hidratos de carbono sinxelos: glicosa, sacarosa e fructosa supoñen entre un 70% e un 80% do peso. A proporción de proteína máis común é do 5%-6% aínda que unha mostra contén o 7% e outra só o 1,5%. A proteína preséntase principalmente a xeito de xelatina, que proporciona a textura gomosa típica destes productos. As graxas, pola súa banda, supoñen menos do 1%. O contido en auga foi sempre inferior ó 14% e nalgunhas aínda menor: entre o 5% e o 8%. E a achega enerxética é de 320 a 360 calorías cada cen gramos, demasiado elevada para un producto absolutamente prescindible na nosa dieta polo seu case nulo valor nutritivo.

O seu consumo frecuente pode xerar obesidade e caries: na nosa boca existen bacterias que transforman nuns 20 minutos certos azucres (principalmente, sacarosa) en ácidos, que se mesturan coa saliva e as partículas de comida na boca formando unha placa que se adhire ó esmalte, atacándoo e producindo a caries. Tras consumir estas e outras chucharías, aínda en pequenas cantidades, convén cepilla-los dentes para elimina-los restos de azucres da boca, xa que o risco de caries non depende da cantidade de azucre consumido senón da frecuencia da súa inxestión.

As gominolas están constituídas principalmente por azucres simples (glicosa, fructosa e sacarosa), fonte de enerxía de rápida asimilación. Estes azucres, ó se metabolizaren no noso organismo, transfórmanse en glicos,a que é absorbida no intestino, de onde pasa ó fígado; alí transfórmase en glicóxeno e almacénase como reserva enerxética ata unha cantidade máxima de 100 gramos no fígado e 200 gramos nos músculos. Se a cantidade de azucres inxerida é tal que se exceden os límites de almacenamento de glicóxeno, o exceso de glicosa no sangue transfórmase en graxa no tecido adiposo, constituíndo unha forma de reserva enerxética a longo prazo. A obesidade na idade infantil é particularmente desaconsellable, porque nesta etapa se produce un aumento do número de células deste tecido graxo, relacionado coa inxestión de enerxía. Se o aumento de células graxas é alto, supón un estadio inicial de obesidade difícil de reverter xa que se precisaría unha restricción calórica (que podería afecta-lo crecemento do adolescente) para compensar ese aumento de peso.

Na maioría das gominolas a proteína preséntase a xeito de xelatina, que se caracteriza por unha composición incompleta en aminoácidos xa que non achega as cantidades precisas dalgúns esenciais: metionina, lisina e triptófano. Non se deben considerar como productos que proporcionan proteínas.

En resumo, as gominolas representan unha elevada achega enerxética, pouca proteína de escasa calidade, moi poucos minerais e ausencia de vitaminas, polo que non deberían formar parte da dieta habitual. Aínda que non hai normativa referente a esta cuestión, as de gran tamaño supoñen un risco para os nenos pequenos: debido á súa textura gomosa mastíganse con dificultade, o que pode provocar atragantamentos que poderían desembocar en asfixia.

Detectáronse moitas irregularidades na etiquetaxe. Só Froitiñas Roypas cumpre a norma. Denominación de venda, lista de ingredientes, lote e modo de conservación son as informacións peor indicadas.

O case nulo valor nutritivo deste producto e os prexuízos que causa o seu consumo habitual (obesidade e caries) fan que non se elixa unha mellor relación calidade-prezo.

Cómo se elaboran

Á hora de envasa-las gominolas, a maioría dos fabricantes empregan un mesmo envoltorio para diferentes tipos de producto. As Fini (botellas cola, quenllas e pexegos) e Vidal (docepica amorodo e gomas) locen varias denominacións e listas de ingredientes, facendo referencia a diferentes tipos de gominolas, polo que non se pode sabe-la denominación do producto nin os ingredientes dunhas gominolas en concreto. O envase de Roypas (froitiñas e delicias) e Dulciora (amoras) ten unha única lista de ingredientes, que son: azucre, sirope de glicosa, xelificantes, auga, xelatina (froitiñas Roypas e Dulciora), amidón modificado (froitiñas Roypas), dextrosa (delicias Roypas), acidulantes, aromas e colorantes. As amoras Dulciora indican, ademais, os ingredientes do recubrimento: aceite vexetal, cera de abella e cera carnauba. De tódolos xeitos, e malia a que só se lles poden asignar ingredientes a tres das oito estudiadas, todas están compostas fundamentalmente de azucres, xelatina e aditivos.

A elaboración parte dunha mestura líquida quente formada por azucre, sirope de glicosa e aditivos que se introduce nun molde para que adquira a forma desexada. De seguido, redúcese a temperatura para o seu endurecemento. Trala solidificación, as gominolas cepíllanse para eliminar restos da mestura, que se reincorporarán á máquina para o seu aproveitamento.

Moitos aditivos

Este é un producto moi rico en aditivos. Os máis comúns son: aromas, colorantes, acidulantes e xelificantes. Os aromas proporcionan cheiro e sabor e os acidulantes empréganse como complemento de aromatización e/ou conservación. Segundo o etiquetado, algúns acidulantes empregados son ácido cítrico, ácido láctico, ácido málico e ácido tartárico. Os xelificantes forman un xel durante o arrefriamento. Os máis empregados son agar-agar, amidón modificado e pectinas. Os colorantes danlles cor ás materias primas, azucre e sirope de glicosa, ámbolos dous incoloros. Os colorantes atopados son tartracina (E-102), amarelo de quinoleína (E-104), amarelo alaranxado (E-110), azorrubina (E-122), vermello cochinilla (E-124), vermello allura (E-129) e azul patente (E-131). A lista de colorantes indicada nos envases tampouco corresponde ó producto concreto que contén, senón a toda a gama de lambetadas. Soamente amora Dulciora e froitiñas Roypas indican a lenda “colorantes segundo producto” e “posibles colorantes”, respectivamente. Tódolos colorantes utilizados son artificiais e o seu uso está autorizado na norma. Mesturando os colorantes devanditos obtense toda a gama de cores presente nestas gominolas. Dos sete colorantes, cinco son azoicos (tartracina, amarelo alaranxado S, azorrubina, vermello cochinilla A e vermello allura AC), algúns dos cales se asocian coa posibilidade de provocar alerxias e trastornos no comportamento dos nenos. A tartracina (E-102), por exemplo, pode producir reaccións adversas (alerxias non graves e manifestacións cutáneas ou respiratorias) en persoas asmáticas e no 10% dos alérxicos á aspirina. As gominolas con este aditivo son froitiñas e delicias, ámbalas dúas de Roypas. Das oito mostras, soamente Botellas cola, de Fini, non utiliza colorantes azoicos.

Etiquetaxe: incorrecta

Algúns fabricantes envasan diferentes tipos de gominolas empregando un mesmo adhesivo no que indican as diferentes denominacións e listas de ingredientes de tódolos productos que fabrican. Ó non lle asignaren ó producto contido no envase unha denominación e a lista de ingredientes, incumpren a norma. Cinco das oito inducen a confusión: Fini (botellas cola, pexegos e quenllas) e Vidal (docepica amorodo e gomiñas) locen diferentes denominacións e listas de ingredientes, mentres que Roypas delicias ten unha única lista pero non indica denominación, incumprindo a norma. Dulciora (amoras) non indica peso neto e lote, e Roypas (delicias) posúe dúas indicacións referidas ó lote.

A indicación do modo de conservación aparece unicamente en Dulciora (amoras), Vidal (docepica amorodo e gomiñas) e Roypas (froitiñas). Fini (botellas cola, pexegos e quenllas) e Roypas (delicias) non sinalan este dato, incumprindo a norma. A data de consumo preferente non é obrigatoria neste producto, pero Vidal (docepica amorodo e gomiñas), Dulciora (amoras) e Roypas (froitiñas) inclúena, o que é de agradecer. Outro tanto acontece co punto verde (propio de envases reciclables) nas de Fini e Vidal. Ningún dos envases inclúe información nutricional, non obrigatoria pero conveniente. A etiquetaxe de Froitiñas Roypas é a única correcta. A peor correspóndelle a Fini, pola súa denominación de venda e lista de ingredientes confusa e por non indica-lo modo de conservación.

Se se venden en réxime de autoservicio ou a granel, deben cumpri-los seguintes requisitos: o vendedor deberá conserva-la información da etiquetaxe ata o final da súa venda, o producto tense que expor en vitrinas ou recipientes protexidos nos que figurará de xeito claro, visible e indeleble a denominación do producto, lista de ingredientes e fabricante ou envasador. A venda deberaa realizar o vendedor, empregando os utensilios axeitados (pinzas, paletas, etc.), en calquera manipulación que realice.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito tipos de gominolas (botellas cola, pexegos, quenllas, froitiñas, delicias, docepica amorodo, gomiñas e amoras) de catro marcas distintas. O prezo é idéntico nas oito: saen a 0,72 euros os 100 gramos de producto.
  • Achegan moitas calorías (máis de 300 cada cen gramos) e teñen moi pouco valor nutricional. Compóñense maioritariamente de carbohidratos sinxelos (principalmente, sacarosa) e o seu contido en proteínas e graxas é case desprezable. Ademais, case non conteñen vitaminas nin minerais.
  • O consumo destas lambetadas non debe ser frecuente, xa que desequilibran a dieta, fomentan a obesidade e promoven a caries dental.
  • Cinco dos sete colorantes atopados son azoicos, dos que se sospeitan efectos secundarios como alerxias e trastornos no comportamento infantil, demostrados na tartracina (E-102), que non debe ser consumida por persoas asmáticas ou intolerantes á aspirina. As gominolas con este aditivo son froitiñas e delicias de Roypas. Botellas cola (Fini) é a única sen azoicos.
  • Só Froitiñas Roypas cumpre a norma de etiquetaxe. Denominación de venda, lista de ingredientes, lote e modo de conservación son as informacións peor indicadas.
  • O tamaño excesivo de certas gominolas -pola súa textura gomosa difícil de mastigar- pode provocar atragantamento en nenos aínda cativos.
MARCA FINI
B. Cola Gdes Azucre
FINI
Pexegos Gdes Az
FINI
Quenlla brillo
ROYPAS
Froitiñas Brillo
Denominación Confusa Confusa Confusa Caramelo de goma
Prezo (euros/100g) 0,72 0,72 0,72 0,72
Humidade (%) 10,3 12,1 11,8 10,2
Carbohidratos (%) 83,43 81 82,8 84,9
Proteínas (%) 6,2 6,9 5,4 4,9
Graxa (%) 0,07 0 0 0
Valor calórico (kcal/100 g) 359 351,6 352,8 359,2
Sacarosa (%)1 48,6 45,3 29,9 51,7
Glicosa (%) 20,3 19 10,6 1,9
Fructosa (%) 1,3 2,5 0,5 1
Colorantes2
Tartracina3(E-102) No No No
Amarelo de quinoleína (E-104) No No
Amarelo alaranxado3S (E-110) No No
Azorrubina3 (E-122) No No No
Vermello cochinilla3 A (E-124) No No
Vermello Allura3 AC3 AC (E-129) No No No No
Azul Patente V (E-131) No
MARCA ROYPAS
Delicias
VIDAL
Docepica Amorodo
VIDAL
Gomiñas
DULCIORA
Amoras
Denominación Non indica Confusa Confusa Caramelo de goma
Prezo (euros/100g) 0,72 0,72 0,72 0,72
Humidade (%) 13,8 5,7 8,6 7,8
Carbohidratos (%) 81,1 92,8 86,3 89,2
Proteínas (%) 5 1,5 5 3
Graxa (%) 0,07 0 0,11 0
Valor calórico (kcal/100 g) 345 377,2 365,7 358,8
Sacarosa (%)1 65,0 60,2 52,7 64,7
Glicosa (%) 4,5 12,9 7,2 6
Fructosa (%) 3,9 8,1 2 3,1
Colorantes2
Tartracina3(E-102) No No No
Amarelo de quinoleína (E-104) No No No
Amarelo alaranxado3S (E-110) No No No
Azorrubina3 (E-122)
Vermello cochinilla3 A (E-124) No No No No
Vermello Allura3 AC3 AC (E-129) No
Azul Patente V (E-131) No No

1. Sacarosa: azucre común

2. Tódo los colorantes empregados son artificiais

3. Colorantes azoicos

Unha a unha

Unha por unha, oito gominolas

FINI BOTELLAS COLA

  • 0,72 euros/100 gramos.
    Forma de botellas de cor verde e castaña, recubertas de azucre.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe: non se lle pode asignar unha denominación de venda nin lista de ingredientes, ó posuír varias na súa etiquetaxe. E non indica modo de conservación. A porcentaxe de glicosa máis elevada (20%).
  • Emprega dous colorantes: amarelo de quinoleína (E-104) e azul patente V (E-131). Ningún destes colorantes é azoico (con posibles efectos secundarios).

FINI PEXEGOS

  • 0,72 euros/100 gramos.
    Forma de corazón de dúas cores vermella e alaranxada, recubertas de azucre.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe, ó non se lle poder asignar unha denominación nin unha lista de ingredientes ó producto envasado. Non informa do modo de conservación. O de máis proteína (6,9%). Non contén graxa. Unha das de menor valor enerxético (352 calorías cada cen gramos).
  • Emprega dous colorantes: amarelo de quinoleína (E-104) e vermello cochinilla A (E-124), este último azoico (con posibles efectos secundarios).

FINI QUENLLAS BRILLO

  • 0,72 euros /100 gramos.
    Forma de quenlla en cor amarela, vermella, azul e alaranxada.
  • Incumpre a normativa de etiquetaxe por non se lle poder asignar unha denominación de venda nin unha lista de ingredientes e por non sinala-lo modo de conservación.
  • O seu contido en sacarosa e fructosa é o máis baixo (29,9% e 0,5%, respectivamente). Non contén graxas. Emprega tres colorantes: amarelo alaranxado S (E-110), vermello cochinilla A (E-124) e azul patente V (E-131). Só este último non é azoico (con efectos secundarios).

ROYPAS FROITIÑAS BRILLO

  • Denominación: “Caramelos de goma”.
  • A xeito de diferentes froitas de pequeno tamaño: amorodo, plátano, pera, laranxa e ananás, en cor vermella, amarela, verde, alaranxada e morada, respectivamente. As únicas que cumpren coa normativa.
  • O seu contido en glicosa é o máis baixo (1,9%). Non contén graxa. Emprega catro colorantes: tartracina (E-102), amarelo alaranxado (E-110), azorrubina (E-122) e azul patente V (E-131). Este último é o único non azoico (que ten posibles efectos secundarios).

ROYPAS DELICIAS

  • 0,72 euros/100 gramos.
  • Sen forma concreta en particular, en cor amarela, verde, vermella e alaranxada.
  • Incumpre a normativa de etiquetaxe: unha única lista de ingredientes, pero non indica denominación de venda, e tampouco o modo de conservación; e, no tocante ó lote, aparecen dúas indicacións diferentes. Os seus contidos en humidade (14%) e sacarosa (65%) son os máis elevados.
  • O menos calórico: 345 calorías cada cen gramos. Emprega catro colorantes: tartracina (E-102), amarelo alaranxado (E-110), azorrubina (E-122) e azul patente V (E-131). Este último é o único non azoico (que ten posibles efectos secundarios).

VIDAL DOCEPICA AMORODO

  • 0,72 euros/100 gramos
  • A xeito de pequenos paos vermellos cheos de gominola branca e recubertos de azucre. Incumpre a normativa de etiquetaxe: indica varias denominacións e lista de vendas.
  • O seu contido en humidade (5,7%) e proteínas (1,5%) é o máis baixo, mentres que en carbohidratos é o máis alto (93%). A de máis fructosa (8%). Sen graxa. A máis enerxética: 377 calorías cada cen gramos. Emprega dous colorantes: azorrubina (E-122), vermello allura AC (E-129), ámbolos dous azoicos (que teñen posibles efectos secundarios).

VIDAL GOMIÑAS

  • 0,72 euros/100 gramos.
    Pequenas bólas recubertas de azucre, de cor verde, amarela e vermella.
  • Incumpre a normativa ó non se lle poder asignar unha denominación de venda nin unha lista de ingredientes. O seu contido en graxas é o máis elevado (0,1%). Das máis calóricas: 366 calorías cada cen gramos.
  • Usa catro colorantes: azorrubina (E-122), vermello allura AC (E-129), amarelo de quinoleína (E-104) e azul patente V (E-131). Só estes dous últimos non son azoicos (que teñen posibles efectos secundarios).

GUMMY AMORAS

  • 0,72 euros/100 gramos.
    Denominación: “Caramelos de goma”.
  • A xeito de amoras, vermellas e negras. Non indica lote, nin cantidade neta do producto, incumprindo polo tanto a normativa. O seu contido graxo é nulo.
  • Os dous colorantes que utiliza son: azorrubina (E-122) e vermello allura AC (E-129), ámbolos dous azoicos (con posibles efectos secundarios).