Analizados prezos e coberturas de dez compañías aseguradoras logo de solicitar 480 orzamentos

O prezo medio dunha póliza básica pode variar dunha aseguradora a outra máis dun 50%

En 10 ocasións non se aseguraba a unha muller embarazada de 35 anos, e en catro tampouco a unha diabética de 60 anos
1 Febreiro de 2011
Img tema listado 156

O prezo medio dunha póliza básica pode variar dunha aseguradora a outra máis dun 50%

Unha muller de 35 anos embarazada dun mes desexa contratar un seguro médico privado co fin de se asegurar unha asistencia sanitaria eficaz durante o embarazo e mais o parto. Pide 120 orzamentos a dez compañías aseguradoras distintas e atópase con que en dez ocasións non a aseguran. Pode parecer un erro pero non o é. O motivo é precisamente estar embarazada. Curiosamente, cando si a admiten como cliente, as compañías analizadas aplícanlle un período de carencia (sen cobertura médica) dun mínimo de 8 meses e dun máximo de 24, segundo a entidade. En todos os casos, a muller corre o máis que razoable risco de que o seguro privado non cubra o parto do fillo que agarda, pero si dos futuros (se os hai).

Así o comprobou EROSKI CONSUMER logo de solicitar en seis cidades españolas (A Coruña, Barcelona, Bilbao, Madrid, Sevilla e Valencia) 480 orzamentos de pólizas de seguros médicos privados en dez compañías diferentes: Adeslas, Allianz, Aresa, Asisa, Axa Winterthur Salud, Caser, DKV Seguros, FIATC, Mapfre Caja Salud e Sanitas. Para recompilar a información, creáronse catro perfís de clientes con características diferentes. Por unha banda, escolleuse dous solteiros de 35 anos de distinto sexo e con diferentes condicións familiares: mentres el non tiña parella nin tampouco fillos, ela estaba embarazada dun mes, sen parella. Os outros dous perfís son dous matrimonios ben distintos: un, fórmano unha muller con diabete e un home sen ningunha enfermidade de 60 e 62 anos, respectivamente; e o outro é unha parella nova (de 37 anos ela e de 40 anos el) con dous fillos pequenos de entre 5 e 9 anos. En cada unha das cidades escollidas, os técnicos da revista actuaron como clientes potenciais interesados en coñecer os prezos que lles ofrecía cada entidade para asegurar a súa asistencia sanitaria. Concretamente, querían saber canto lles custaría a póliza máis básica en cobertura e canto a máis completa. Dos 480 orzamentos solicitados telefonicamente, en 10 deles as compañías non aseguraban a muller embarazada, en 8 ao matrimonio maior e noutros 4 á muller diabética. Ademais, en 34 ocasións a compañía non contaba cunha póliza básica e outra completa, senón que só ofrecía un tipo de seguro cun único prezo.

Amais do que lle aconteceu á muller embarazada, tamén se atopou outra peculiaridade: unha muller de 60 anos tampouco pode contratar unha póliza de saúde xunto ao seu marido en catro ocasións nas que solicita un orzamento. A razón? Sofre diabete.

Tan diferentes, por que?

En liñas xerais, as diferenzas nos prezos entre as aseguradoras teñen que ver co número de prestacións que cada unha ofrece ao contratar unha póliza. Así e todo, comprobouse que as pólizas máis completas inclúen nos catro perfís as prestacións máis básicas (a elixir entre medicina primaria, pediatría, especialidades médicas, hospitalización, urxencias e probas diagnósticas), mentres que a tendencia da maioría das compañías nos seguros máis básicos é a de non incluír a hospitalización. Con todo, EROSKI CONSUMER comprobou que as compañías máis caras son Axa Winterthur Salud (cos prezos mensuais medios máis caros en tres dos catro perfís) e DKV Seguros (onde a prima mensual media é máis onerosa para a familia). Pola contra, Caser e Fiatc contan cos custos medios mensuais máis económicos.

E é que o sexo, a idade, a saúde, o lugar de residencia e o tipo de póliza que se contrate condicionan o prezo final dun seguro médico privado. Pero tamén inflúe moito a compañía coa que se contrate a póliza. A tarifa media do seguro máis básico pode variar entre un 48% e un 58% en función da aseguradora que se elixa. Por exemplo: a muller embarazada que contrate a póliza máis básica pode pagar, de media, unha prima de 34 euros en Asisa e de 81 en Axa Winterthur Salud.

EROSKI CONSUMER comprobou que mentres que un solteiro de 35 anos paga unha prima mensual media de 46 euros ao mes, este custo aumenta ata os 65 euros no caso dunha muller de 35 anos embarazada. Ademais, a prima tamén se incrementa cando se anda arredor dos 60 anos, posto que un matrimonio desta idade pode pagar unha media de case 90 euros por persoa ao mes.

Por cidades, as tarifas mensuais medias máis competitivas atopáronse na Coruña (ofrece unha das medias máis baratas nos perfís correspondentes á muller nova embarazada e ao matrimonio maior) e en Sevilla (coas primas medias máis económicas para o solteiro e para a familia). O contrario acontece en Barcelona, Bilbao (dúas cidades onde se facilitaron as mensualidades máis caras para a muller nova e para a parella de maiores), Valencia (co custo máis alto para o solteiro) e Madrid (onde é máis caro contratar un seguro de saúde para unha familia).

O copagamento, un termo que non se debe obviar

Quen asegura a súa saúde non só paga unha prima e se esquece, senón que en moitas ocasións ten que sufragar un custo engadido cada vez que visita o médico ou chama a unha ambulancia. É o copagamento, é dicir, unha pequena cantidade de diñeiro que o asegurado aboa por determinados servizos médicos. No estudo, dúas das dez compañías analizadas non esixía en ningún caso esta franquía: foron Allianz e Fiatc. Axa só a requiría nas pólizas ofrecidas á familia, a diferenza de Aresa que esixía un copagamento en todos os perfís, agás nos seguros dirixidos á embarazada de 35 anos.

O copagamento medio máis económico corresponde a unha consulta de enfermería (uns 2 euros), mentres que os servizos máis onerosos son a preparación ao parto (10 euros por consulta en caso da muller nova embarazada) e urxencias (entre 6 e 7 euros nos outros tres perfís seleccionados na mostra). Por compañías, nos perfís das dúas persoas novas, Adeslas ofrece os copagamentos máis elevados, mentres que para os dous matrimonios é Asisa á que lle corresponden os prezos menos económicos. Pola contra, Mapfre é a compañía aseguradora que establece os copagamentos máis económicos nos catro perfís, cando os hai.

Asegurados si, pero con límites

Ao contratar unha póliza de saúde, o asegurado non pode facer uso ao instante de todas as coberturas que contratou, senón que ten que agardar uns meses: son os períodos de carencia. As compañías establécenos porque calculan as primas baseándose nas probabilidades de que as persoas sas contraian enfermidades. EROSKI CONSUMER quixo saber canto tempo terían que agardar os catro perfís seleccionados para utilizaren as seguintes prestacións: intervención cirúrxica con e sen hospitalización, ingreso no hospital para un tratamento médico e a asistencia ao parto. En liñas xerais, os catro asegurados debían agardar entre 6 e 7 meses para acceder á cobertura por hospitalización (con e sen intervención cirúrxica) e as mulleres, entre 9 e 10 meses para a asistencia ao parto.

Por iso, antes de contratar un seguro é fundamental ler polo miúdo as condicións da póliza, posto que o futuro asegurado pode levar algunhas sorpresas. Ao solicitar un orzamento, as compañías de seguros non adoitan ofrecer a información completa e limítanse a dar o prezo da prima e a enumerar os servizos máis importantes que se cobren. Non obstante, o cidadán ha de saber que establecen uns límites nas prestacións que se contratan e tamén que non cobren algunhas enfermidades, como por exemplo a enfermidade por VIH, a drogodependencia e o alcoholismo. En caso de guerras e epidemias declaradas oficialmente, danos nucleares ou radiactivos, as aseguradoras tamén eximen a súa responsabilidade, e se se producen danos físicos na práctica de deportes tampouco cobren a asistencia sanitaria. Do mesmo xeito, non se fan cargo de gastos médicos provenientes de terremotos e inundacións declaradas como catástrofe nacional.

Para demostrar os límites nas coberturas contratadas abondan dous exemplos: na asistencia no estranxeiro, na que se impón un límite económico entre 10.000 e 15.000 euros; e na hospitalización. Na proba telefónica, case todas as compañías insistían en que esta era ilimitada. Non obstante, en dez orzamentos ofrecidos por Asisa, indicábase que cubrían a hospitalización 30 días ao ano; e nunha ocasión en Adeslas, Fiatc e DKV, aseguraban que a cubrían 50, 90 e 180 días, respectivamente. Por último, en Caser afirmaron nun dos supostos que pedían un copagamento (4 euros) o primeiro día de hospitalización.

Para rematar, antes de aceptar un cliente, a entidade aseguradora esíxelle encher un cuestionario para avaliar o seu estado de saúde. Se sospeitan que pode ter complicacións de saúde nun futuro inmediato, poderían rexeitalo. É máis, se o futuro cliente declara ter unha enfermidade, poden excluír a cobertura sanitaria desa doenza explicitamente ou non o aceptar como asegurado. É o caso da muller diabética de 60 anos e da embarazada de 35 anos (dous dos catro perfís propostos por EROSKI CONSUMER).

Os catro perfís estudados, un a un

Muller nova de 35 anos embarazada

  • PRIMAS MENSUAIS. EROSKI CONSUMER quería saber se o feito de que esta muller estivese agardando un fillo influiría ou non á hora de asegurala. O custo medio dun seguro sanitario para este tipo de perfil era de case 65 euros mensuais, cifra que se reduce ata os 53 euros de media se se trata dunha póliza máis básica, e que aumenta ata os 76 no caso dun seguro que ofreza coberturas máis completas. Ademais, destaca que dos 120 orzamentos que se pediron para este perfil, en dúas ocasións nas que si a aseguraban pedíanlle un suplemento de máis de 2.000 euros. Segundo a cidade de residencia da asegurada, os prezos medios son máis elevados en Barcelona, Bilbao e Sevilla (preto dos 70 euros), mentres que A Coruña se sitúa como a capital co custo medio máis barato (uns 59 euros cada mes). E é que as diferenzas medias entre pólizas básicas e máis completas, segundo a localidade, é dun 30% neste caso. No que atinxe ás compañías seleccionadas, as cantidades medias máis onerosas correspóndenlles a DKV (70 euros cada mes), Mapfre e Sanitas (ambas as dúas roldan os 75 euros de media ao mes), Aresa (próxima aos 80 euros de prezo medio mensuais) e Axa Winterthur Salud (máis de 20 euros por riba da media xeral).
  • A PÓLIZA MÁIS BARATA. Con todo, o orzamento máis económico (non chega a 27 euros) ofreceuse por unha póliza básica de Adeslas para unha asegurada que cumpra este perfil e que viva en Madrid; pola contra, o prezo mensual máis oneroso correspóndelle a Aresa, compañía que facilitou un orzamento de máis de 145 euros mensuais por unha póliza máis completa e para unha persoa residente tamén en Madrid. Neste perfil, destacan os tempos de carencia (períodos de tempo que deben transcorrer dende a sinatura do contrato ata que se poden utilizar eses servizos médicos) que esixen as compañías para a asistencia ao parto. De media, a espera é de 10 meses (en calquera das dúas modalidades de seguro).

Home solteiro de 35 anos

  • EN CIFRAS. O prezo medio dun seguro médico privado neste caso é de 46 euros mensuais (36 euros de media nos casos de pólizas básicas, 55 nas máis completas). Por cidades, o prezo medio máis elevado correspóndelle a Valencia (aínda que son só catro euros máis ca a media) e o máis barato a Sevilla. Segundo a compañía, as cantidades medias máis onerosas correspóndenlle a Allianz e a Axa Winterthur, (arredor dos 55 euros) e despois a Asisa, Adeslas (arredor dos 50 euros mensuais en cada caso).
  • O MÁIS ECONÓMICO. Con todo, o orzamento máis económico (non chega a 10 euros ao mes) ofreceuse por unha póliza básica de Mapfre Caja Salud para un asegurado que cumpra este perfil e que viva na Coruña; mentres que o prezo mensual máis oneroso lle corresponde a unha póliza máis completa que se contrate en Valencia a través de Adeslas (máis de 85 euros ao mes).
  • COBERTURAS. As pólizas máis completas ofertan todas as coberturas comúns: medicina primaria, pediatría, especialidades, hospitalización, urxencias, análises e probas diagnósticas; no caso das pólizas máis sinxelas, unicamente a metade dos orzamentos inclúen a hospitalización e dous de cada dez non contemplan as urxencias como parte desa prima mensual. Cando esa hospitalización forma parte da póliza, en practicamente a maioría dos seguros o servizo é limitado e sen custo ningún. No caso dos seguros máis básicos, Adeslas e Asisa son as únicas compañías que nalgúns casos, estipulan un período máximo de permanencia no hospital sen facer desembolso ningún (50 e 30 días, respectivamente).

Matrimonio maior con cónxuxe diabético

  • EN NÚMEROS. Os resultados sinalan un prezo medio para este perfil de máis de 178 euros mensuais, cifra que se reduce ata os case 134 euros de media se se trata dunha póliza máis básica, e que aumenta ata os 220 euros no caso dun seguro que ofreza coberturas máis completas. Por cidades, o prezo medio máis elevado correspóndelle a Barcelona (15 euros máis ca a media), mentres que no caso de Valencia o desembolso medio anual é case 20 euros máis económico ca a media xeral. Por compañías, a cantidade media máis elevada correspóndelle a Axa Winterthur Salud (arredor dos 260 euros mensuais), mentres que o prezo medio máis barato lle corresponde a Caser e non chega a 133 euros ao mes. A diferenza de prezo entre tipos de pólizas, tanto por cidade como por compañía seleccionada, é dun 39%.
  • O MÁIS BARATO. Con todo, o orzamento máis económico (menos de 50 euros ao mes) ofreceuse por unha póliza básica de Adeslas para residentes en Bilbao; mentres que o prezo mensual máis alto correspóndelle a unha póliza máis completa que se contrate en Barcelona a través de Axa Winterthur (370 euros ao mes).
  • COPAGAMENTO. Amais da prima mensual, a maioría das compañías seleccionadas na mostra aplica copagamentos. Para este perfil, en tres de cada catro orzamentos ofertados (en pólizas básicas) especifícase a obriga de pagar este diñeiro á parte; mentres que no caso das pólizas máis completas, en máis da metade hai que facer este pagamento extra.

Ningunha compañía estableceu límites de idade para manter este contrato en vigor (en ningún dos dous tipos de seguros), ao tempo que todas elas coincidiron (en ambos os dous tipos de póliza) á hora de realizar un cuestionario de saúde previo á sinatura do contrato. Na maioría dos exemplos non se lle solicita ao futuro asegurado que faga un exame médico; aínda que en seis de cada dez orzamentos solicitados, si se lle esixiu á parella que antes de contrataren o seguro facilitasen informes do seu estado de saúde.

Familia de catro membros, pais novos e nenos pequenos

  • PRIMAS MENSUAIS. Neste caso, o desembolso é o maior de todos os perfís debido ao número de persoas que hai que asegurar. O prezo medio dun seguro médico privado para esta familia é de 188 euros mensuais. No caso de que sexa unha póliza máis básica, esa cifra redúcese ata os 130 euros de media; mentres que se dobra este importe cando se opta por unha póliza máis completa. Por cidades, o prezo medio máis elevado correspóndelle a Madrid (case 240 euros), mentres que no caso de Sevilla a cantidade media é case 30 euros máis económica ca o índice global. Segundo a compañía, a cantidade máis onerosa correspóndelle a DKV Seguros (arredor dos 290 euros mensuais de media), mentres que no caso de Caser ese desembolso medio é de 135 euros. Con todo, o orzamento máis económico (arredor de 45 euros ao mes) ofreceuse por unha póliza básica de DKV Seguros para uns asegurados que cumpran este perfil e que vivan en Sevilla; mentres que o prezo mensual máis alto correspóndelle a unha póliza máis completa que se contrate en Madrid e Barcelona a través da compañía antes mencionada (945 euros ao mes).
  • COBERTURAS. Mentres que no caso das pólizas máis completas se ofertan todas as coberturas comúns: medicina primaria, pediatría, especialidades, hospitalización, urxencias, análises e probas diagnósticas, no caso das pólizas máis sinxelas, unicamente un 20% dos orzamentos solicitados inclúen a hospitalización, un de cada tres dispón dunha cobertura relativa ás urxencias e en dúas de cada dez ocasións non se contemplan as especialidades médicas dentro desa prima mensual.

En sete de cada dez dos seguros básicos solicitados para este perfil aplicábanse períodos de carencia. A maioría das pólizas máis completas contaban tamén con períodos de carencia. Por exemplo, para unha intervención cirúrxica (con ou sen hospitalización) ou un ingreso no centro hospitalario para certas probas médicas, esta familia debe agardar, de media, entre 6 e 7 meses, tanto se contrata unha póliza básica como outra máis completa.

Antes de contratar un seguro médico privado... e táboas comparativas

Contratar un seguro nunca é doado. E menos ao se asegurar a saúde. Se malia a dispor dunha cobertura médica pública, se contrata un seguro médico privado, hai que ter en conta os seguintes aspectos:

  • MODALIDADE DO SEGURO. Existen dous grandes tipos de seguros médicos privados. Nos ‘de cadro médico’ pódese elixir o médico e a clínica, sempre dentro dos concertados pola compañía aseguradora. Nos ‘de reembolso’ é posible optar polo médico e a clínica sen necesidade de comprobar se está incluído no cadro médico da compañía aseguradora. Despois, a compañía reembólsache unha porcentaxe da factura.
  • COBERTURA. É importante saber que cobertura médica concreta se precisa e quen estará incluído no seguro. Por exemplo, unha muller nova en idade fértil e coa idea de ter un fillo, necesitará fundamentalmente os servizos de xinecoloxía e preparación e asistencia ao parto, entre outros.
  • COBERTURAS EXCLUÍDAS. As compañías aseguradoras non inclúen a totalidade dos servizos sanitarios e é especialmente relevante o apartado das enfermidades preexistentes, é dicir, as que o asegurado xa ten con anterioridade á sinatura do contrato. A aseguradora pode aceptalas ou non á hora de facer a póliza.
  • HOSPITALIZACIÓN. Na maioría dos casos, os días de hospitalización incluídos na cobertura médica do seguro están limitados. O máis normal é que o paciente só dispoña de entre 30 e 90 días ao ano.
  • PERÍODOS DE CARENCIA. Unha vez contratada a póliza, as compañías adoitan impor períodos de carencia (sen cobertura médica). É habitual que durante os primeiros seis meses de vixencia da póliza non se cubran intervencións cirúrxicas nin o internamento en hospitais.
  • TARIFAS. Amais do tipo de cobertura que se contrate, a idade, o lugar de residencia e o sexo tamén determinan a tarifa da póliza. Normalmente, a máis custosa correspóndelles aos maiores de 60 anos e, en segundo lugar, ás mulleres de idade fértil. Ademais, os cataláns adoitan ser os máis desfavorecidos polo prezo.
  • COPAGAMENTOS. A maioría das aseguradoras impoñen un custo engadido á parte das primas. Trátase dunha pequena cantidade que se aboa cada vez que se utiliza un determinado servizo médico.
  • RENOVACIÓN DO CONTRATO. O normal é que os contratos deste tipo de pólizas se realicen por un ano prorrogable automaticamente nos anos seguintes. Tanto a compañía como o asegurado poden opoñerse a prorrogalo, aínda que deben avisar con polo menos dous meses de antelación. Iso si, se xa comezou un tratamento, a compañía non pode rescindir a póliza ata que conclúa.