8 pans de molde, brancos e integrais, analizados

O pan de molde integral é máis saudable e barato ca o branco

Para un consumo frecuente, o pan de molde, en xeral, é menos saudable ca o pan común: ten máis graxa, máis azucre e máis sal e numerosos aditivos
1 Novembro de 2009
Img analisis

O pan de molde integral é máis saudable e barato ca o branco

Analizáronse catro pans de molde brancos e catro integrais de Bimbo, Panrico, Moldipan e La Hornada Casera. O seu envase era unha bolsa de plástico de entre 295 e 545 gramos e o número de rebandas ía de 14 a 25. Os máis baratos, de Moldipan, saían a 1,5 euros o quilo e os máis caros, de Bimbo, a 5,02 euros o quilo de pan de molde branco e a 3,58 euros o integral. O pan de molde pertence á categoría de pans especiais e os seus ingredientes son fariña de trigo, sal, lévedo, auga potable, aditivos e outros como aceites e graxas vexetais, azucre, lácteos e fariña de leguminosas ou malte.

A primeira conclusión é de tipo xeral. Os pans de molde, aínda os de mellor composición nutricional, son menos saudables para un consumo frecuente ca o pan fresco do día. Teñen máis graxa, dende o 2,7% ata o 6,1%, que se incorpora para lle dar sabor, tenrura e textura ao produto; o pan común ten só o 1,5% de graxa. Tamén levan máis sal (de media, o 1,3% de sal e algúns superan o 1,5%, cando o pan fresco ten o 1%) e empregan numerosos aditivos (todos autorizados) dos que o pan fresco carece. Iso si, o de molde é só un chisco máis enerxético (235 a 275 calorías cada cen gramos) ca o fresco (250 cal/100 g). O que lle proporciona moitas calorías e graxa saturada ao sándwich non é o propio pan, senón os alimentos que van dentro: embutidos, touciño entrefebrado, queixo, maionesa, hamburguesas, manteiga. A vantaxe do pan de molde é a súa conservación, moi superior á do pan do día, e que é máis bo de mastigar.

O pan común ten entre o 2,2% e o 3,5% de fibra, segundo variedades; os de molde brancos evidenciaron no laboratorio entre o 1,6% e o 3,9% e os integrais dende o 4,3% ata o 6,5% de fibra. Outra constatación: os de molde integrais son máis saudables ca os brancos (máis do dobre de fibra, menos caloríficos e menos graxa saturada) e máis baratos. O integral Panrico sae a 3,03 euros o quilo cando o branco desta marca sae a 4,69 euros/kg. Os únicos incumprimentos coa lexislación, pouco relevantes, afectaban á etiquetaxe de dúas mostras (véxase “Un por un”). En realidade, o único parámetro regulado especificamente para o pan de molde é a humidade, que non debe superar o 40% nos brancos e o 42% nos integrais, e as oito mostras analizadas (tiñan entre o 33% e o 38% de humidade) cumprían. Por outra banda, o estado hixiénico dos oito pans era correcto e ningún contiña ingredientes modificados xeneticamente. Comprobouse que algúns fabricantes de pans de molde empregan aceites vexetais (oliva, xirasol, soia), máis saudables por conteren menos graxas saturadas, mentres que outros recorren ás graxas vexetais, cun perfil lipídico menos saudable polo seu exceso de graxas saturadas. En Panrico branco e nos dous de La Hornada Casera, a graxa saturada representa arredor do 50% da graxa cando nas outras cinco mostras esta proporción vai do 20% ao 26%.

Non son iguais, hai que elixir

Son ben diferentes, a cantidade de graxa déixao claro: vai dende o 2,7% de Bimbo branco ata o 6,1% de Panrico integral, e entre os brancos hai tres de preto o 5% de graxa. En fibra, os integrais teñen máis ca os brancos, pero entre estes últimos hai un co 1,6% (La Hornada Casera) e outro que roza ao 4% (Panrico). En poder enerxético, os pans de molde apenas difiren: os extremos ocúpanos os brancos Moldipan e La Hornada Casera -case 275 calorías cada cen gramos- e Bimbo integral, con 235 cal/100 g. En sal houbo diferenzas importantes: do 1,1% de Panrico branco ata o 1,5% de Panrico integral e o 1,6% de Moldipan branco; lembremos que un alimento é demasiado salgado cando supera o 1,5% de sal.

O nutriente fundamental do pan de molde son os hidratos de carbono e dentro destes, o amidón. Os pans de molde estudados neste comparativo teñen, de media, un 45% de hidratos de carbono (o branco, o 47%; o integral, un 42%), proporción similar á do pan común (ten o 47% de hidratos, dos cales o 2% son azucres engadidos). Amais do amidón (hidrato de carbono complexo) que procede das fariñas, os oito pans de molde conteñen azucre (hidrato sinxelo), engadido no proceso de elaboración coa finalidade de favorecer a fermentación e mais o torrado. Os pans de molde analizados conteñen de media un 3,6% de azucres engadidos, un chisco máis os pans brancos ca os integrais. O de molde branco Panrico (6,1%) é o de máis azucre, e o integral La Hornada Casera (2,4% de azucre) o que menos.

Mellor relación calidade-prezo e táboa comparativa

Mellor relación calidade-prezo

Na cata, entre os pans de molde brancos destacaron Panrico e La Hornada Casera; Bimbo quedou en terra de ninguén e Moldipan foi o menos preferido.

Nos integrais, Moldipan foi o peor, e os outros tres acadaron puntuacións similares. Unindo os resultados desta análise sensorial cos de composición nutricional xurdidos do laboratorio e co prezo dos oito produtos, o pan de molde integral Bimbo (a mellor composición nutricional e dos máis valorados na cata), faise merecente da mellor relación calidade-prezo; para quen non poida co integral, a elección máis atinada é Panrico: peca dunha elevada proporción de graxa saturada e de azucre, pero achega moita fibra, é o menos salgado e gustoulles moito aos catadores.

Marca Bimbo Panrico Moldipan La Hornada Casera
Denominación de venda Pan de molde Pan de molde Pan de molde Pan de molde
Formato (g) 295 310 500 500
Prezo (euros/quilo) 5,02 4,69 1,5 2,7
Humidade (%)1 37 35 33 34,5
Proteína (%) 9 10 9 7
Graxa (%) 2,7 4,8 5 5,1
Ácidos graxos saturados (%) 26 47 20 50
Ácidos graxos insaturados (%) 74 53 80 50
Carbohidratos (%) 47 44 48 50
Azucres totais (%) 3 6,1 4,3 3,8
Valor enerxético (Cal/100g) 250 260 274 274
Fibra total (%)2 2,4 3,9 2,3 1,6
Sal (%) 1,3 1,1 1,6 1,4
Alérxeno leite Negativo Negativo Negativo Negativo
Alérxeno ovo Negativo Negativo Negativo Negativo
Cata (de 1 a 9) 5,6 7,2 4,6 7
Marca Bimbo (integral) Panrico (integral) Moldipan (integral) La Hornada Casera (integral)
Denominación de venda Pan de molde integral Pan de molde integral Pan de molde integral Pan de molde integral
Formato (g) 545 520 500 500
Prezo (euros/quilo) 3,58 3,03 1,5 2,7
Humidade (%)1 38 35,5 35 36
Proteína (%) 10 10 10 8
Graxa (%) 3,9 6,1 4,7 4,7
Ácidos graxos saturados (%) 23 24 20 47
Ácidos graxos insaturados (%) 77 76 80 53
Carbohidratos (%) 40 41 42 44
Azucres totais (%) 3,2 3,1 3,2 2,4
Valor enerxético (Cal/100g) 235 257 252 253
Fibra total (%)2 6,5 5,5 5,7 4,3
Sal (%) 1,2 1,5 1,4 1,2
Alérxeno leite Negativo Positivo Negativo Negativo
Alérxeno ovo Negativo Negativo Negativo Negativo
Cata (de 1 a 9) 6,5 6,7 5,2 6,2

1. Humidade: a norma fixa un máximo do 40% para o pan de molde branco e do 42% para o integral.

2. Fibra total: reflicte o contido en fibra soluble e insoluble.

Un a un

8 pans de molde (4 brancos e 4 integrais)

Panrico (branco)

  • “Pan de molde”
  • Bolsa de 310 gramos, con 16 rebandas. Sae a 4,69 euros o quilo, un dos máis caros. A mellor elección para aqueles aos que non lles gusta o pan de molde integral, que é máis saudable e barato.
  • Ingredientes: fariña de trigo, auga, lévedo, azucre, graxa vexetal, sal, fariña de faba, emulxentes (E-471, E-481), vinagre, conservadores (E-282, E-200) e estabilizador (E-412).
  • No nutricional, desigual: o 47% da súa graxa é saturada e a súa proporción de graxa (4,8%) tampouco é das menores; de feito, ten un dos peores perfís lipídicos deste comparativo. Ademais, é o de máis azucres engadidos (6,1%). Dúas importantes características positivas: o de máis fibra dos pans brancos (3,9%) e o de menos sal de todos (1,1%).
  • Na cata consegue 7,2 puntos (a maior nota dos oito comparados) e foi un dos máis preferidos entre os brancos. Gusta polo seu “sabor” e “tenrura” e non é criticado por ningún dos parámetros.

Bimbo (branco)

  • “Pan de molde”
  • Bolsa de 295 gramos, 14 rebandas. Sae a 5,02 euros o quilo, o máis caro dos oito.
  • Ingredientes: fariña de trigo, auga, lévedo, azucre, sal, aceite de oliva refinado (0,8%), emulsionante (E-472e, E-481, E-471, E-472c), vinagre, conservante (E-282, E-200), regulador de acidez (E-341i), antioxidantes (E-307, E-304), fariña de soia e de faba.
  • No nutricional, o mellor dos brancos. ?0 o único con aceite de oliva. O menos graxo (2,7%, cando os hai que chegan ao 6% de graxa) dos oito e o menos enerxético (250 cal/ 100 g) dos brancos. Un 2,4% de fibra, cantidade intermedia nos brancos (o que máis ten, o 3,9%; e o que menos, o 1,6%).
  • Na cata recibe 5,6 puntos: gabado polo seu “sabor” e “aparencia”, é criticado por “pouco substancioso”.

Moldipan (branco)

  • “Pan de molde”
  • Bolsa de 500 gramos, 24 rebandas. Sae a 1,5 euros o quilo e é, con diferenza (xunto ao integral da mesma marca), o máis barato dos oito.
  • Ingredientes: fariña de trigo, auga, aceite vexetal, azucre, sal, lévedo, emulxentes (E-471, E-472e e E-482), mellorantes (E-300, encimas alfa-amilasa), fariña de centeo, conservadores (E-200 e E-282), estabilizante (E-412), regulador de PH (vinagre) e fariña de leguminosas.
  • No nutricional, mediocre. Un dos máis graxos (5%), aínda que a súa proporción de saturados (20% da graxa) é a máis saudable dos oito. Un dos dous máis enerxéticos (274 calorías cada cen gramos) e o máis salgado (1,6%).
  • Na cata, con 4,6 puntos acada a peor nota deste comparativo e foi o menos preferido dos pans de molde brancos. Non é gabado por ningún dos parámetros e recibe críticas por “tamaño” e “tenrura”.

La Hornada Casera

  • “Pan de molde”
  • Bolsa de 500 gramos, con 18 rebandas. Sae a 2,70 euros o quilo.
  • Etiquetaxe incorrecta. Declárase “Pan de molde natural”, cando na listaxe de ingredientes recoñece conter varios aditivos.
  • Ingredientes: fariña de trigo, auga, graxas e aceites vexetais, azucre, sal, lévedo, conservador (propionato cálcico), aroma, emulxentes (mono e diglicéridos dos ácidos graxos, Estearoil-2-lactilato sódico), fariña de faba, estabilizador (goma guar), vinagre, axente de tratamento da fariña (ácido ascórbico).
  • No nutricional, dos menos interesantes. O máis graxo (5,1%) dos brancos e un dos de graxa menos saudable, pola súa elevada proporción de saturados (50%). O de máis carbohidratos (50%) e un dos máis enerxéticos (274 cal/100g). E o de menos fibra (1,6%).
  • Na cata, 7 puntos, o segundo con maior nota e un dos máis preferidos dos pans brancos. Gusta por “aparencia”, “sabor” e “tenrura” e non é criticado en ningún parámetro.

Bimbo Silueta (integral)

  • “Pan de molde integral”
  • Bolsa de 545 gramos, 22 rebandas. Sae a 3,58 euros o quilo, o máis caro dos integrais e o terceiro máis caro dos oito. Mellor relación calidade-prezo de todo o comparativo.
  • Ingredientes: fariña integral de trigo, auga, lévedo, azucre, aceite vexetal, sal, fibra vexetal soluble de raíz chicoria (1,2%), vinagre, emulsionante (E-472e, E-471, E-481, E-472c), conservante (E-282, E-200), fariña de faba, fariña de cebada maltada, fariña de soia, regulador de acidez (E-341i), antioxidantes (E-307, E-304).
  • No nutricional, o mellor dos oito. ?0 o único con aceite de oliva. O de menos graxa (3,9%) dos integrais e un dos de perfil lipídico máis saudable (23% da súa graxa, saturada). O menos enerxético (235 cal/100 gramos), o de máis fibra (6,5%) e dos menos salgados (1,2%).
  • Na cata acada 6,5 puntos e foi un dos máis preferidos entre os integrais. Gabado polo seu “sabor”, “aparencia” e “tenrura”, non recibiu críticas por ningún dos parámetros.

Moldipan (integral)

  • “Pan de molde integral”
  • Bolsa de 500 gramos, con 25 rebandas. Sae a 1,5 euros o quilo, o máis barato, xunto ao branco desta mesma marca.
  • Ingredientes: fariña de trigo integral, auga, aceite vexetal, lévedo, azucre, sal, emulsionantes (E-471, E-472e), antioxidante (E-300), encimas alfa-amilasa, conservadores (E-200 e E-282), regulador de pH (vinagre).
  • No nutricional non destaca en nada, non sendo en que -aínda que por unha diferenza ben pequena- é, a carón do pan branco da mesma marca, o de perfil lipídico máis saudable: só o 20% da súa graxa é saturada. A súa cantidade de sal (1,4%) está na media, aínda que catro pans dos oito teñen entre o 1,3% e o 1,1% de sal.
  • Na cata, 5,2 puntos, o menos preferido dos integrais. ?0 eloxiado por “sabor”, e recibe críticas por “pouco substancioso”.

Panrico Senzial

  • “Pan de molde integral”
  • Bolsa de 520 gramos, 22 rebandas. Sae a 3,03 euros o quilo.
  • Etiquetaxe incorrecta: dise “100% fibra natural”, cando a fibra é un ingrediente natural deste produto e non está permitido suxerir que se posúen calidades particulares cando produtos similares as posúen de modo natural.
  • Ingredientes: fariña integral de trigo, auga, lévedo, aceite vexetal, azucre, sal, fariña de malte, inulina (fibra alimentaria), glute de trigo, emulxentes (E-471, E-481), soro de leite en po, conservadores (E-200, E-282), vinagre, estabilizador (E-412).
  • No nutricional, destaca por ser o de máis graxa (6,1%) e un dos de máis sal (1,5%). E o único que contén leite; indícao e é moi útil para os que padecen alerxia ou intolerancia a este alimento.
  • Na cata recibe 6,7 puntos e foi un dos máis preferidos dos integrais. Gusta polo seu “sabor”, “aparencia” e “tenrura” e non é criticado por ningún dos parámetros.

La Hornada Casera

  • “Pan de molde integral”
  • Bolsa de 500 gramos, 18 rebandas. Sae a 2,7 euros o quilo.
  • Ingredientes: fariña de trigo, auga, farelo de trigo, graxas e aceites vexetais, azucre, glute de trigo, sal, aromas, lévedo, emulxentes (mono e diglicéridos dos ácidos graxos, Estearoil-2-lactilato sódico), fariña de faba, conservador (propionato cálcico), vinagre, estabilizador (goma guar), axente de tratamento da fariña (ácido ascórbico).
  • No nutricional, destaca polo perfil pouco saudable (47% saturados) da súa graxa, e por ser o de menos fibra (4,3%) dos integrais. O positivo: é un dos menos salgados (1,2%) e o de menos azucre (2,4%).
  • Na cata, con 6,2 puntos, foi dos máis preferidos entre os integrais: gusta por “aparencia”, “sabor” e “tenrura” e non é criticado por ningún dos parámetros.