6 sistemas "mans libres" para o teléfono móbil por Bluetooth

O mellor valorado polos usuarios foi un dos máis baratos

Os modelos que requiren instalación son máis pequenos, non cómpre recargar a batería e ofrecen mellor calidade de son
1 Febreiro de 2009
Img analisis 2 listado 197

O mellor valorado polos usuarios foi un dos máis baratos

Falar por teléfono mentres se conduce aumenta o risco de accidentes de tráfico. Non obstante, moitos condutores desexan estar localizables mentres viaxan, en contacto permanente coa súa oficina, cos seus clientes e familiares. O único xeito legal admitido pola Lei de tráfico de poder facelo é mediante un sistema “mans libres” para o teléfono móbil: grazas á tecnoloxía sen fíos Bluetooth, os automobilistas poden conducir mentres contestan ou realizan chamadas.

Analizáronse seis destes sistemas de “mans” que custan dende 60,40 euros (Motorola T305) ata 104 euros (Nokia HF-300). Dous deles, os modelos máis caros de Motorola e Parrot, requiren dun especialista para seren instalados, co que o seu prezo final aumenta, pero, a cambio, achegan dúas vantaxes: ao iren conectados ao equipo de son, silénciano cada vez que entra unha chamada (Parrot CK3000 Evolution utiliza os altofalantes do equipo de son e Motorola T605 inclúe un altofalante adicional). A outra vantaxe é que toman a enerxía directamente da batería do coche, polo que non cómpre recargalos.

Os “mans libres” sen instalación, pola súa banda, recárganse mediante conexión ao chisqueiro do vehículo. Todos inclúen cargador para realizar esta operación e na maioría dos casos teñen baterías fixas. Só o de Nokia ten unha batería extraíble que se pode substituír por unha nova cando a vella se esgota. A duración da batería en funcionamento varía moito duns modelos a outros. Hai ata cinco horas de diferenza entre os modelos con máis autonomía Parrot minikit (nove horas e quince minutos) e Nokia (nove horas) e os de menor capacidade de carga, Motorola T305 e Supertooth Voice (ambos os dous, catro horas de funcionamento).

A mellor relación calidade-prezo deste comparativo é o “sen mans” Motorola T305, un dos máis baratos, o que ofrece a conexión con Bluetooth de maior alcance e o mellor valorado polos usuarios na proba práctica. Parrot CK3000 é interesante para os condutores que prefiren un “mans libres” con instalación.

Funcións adicionais

Todos os dispositivos analizados ofrecen son sen fíos e mais axuste de volume, función rechamada e marcación por voz. Ademais, tanto os dous de Parrot como o Supertooth Voice anuncian o nome da persoa que chama e permiten gravar contactos. Parrot CK 3000 e Supertooth contan con indicación de instrucións por voz, é dicir, podemos descolgar unha chamada entrante dicindo “acepto” ou “contesto teléfono”.

Outra función interesante é a que ofrece Motorola T605, o único que pode estar conectado simultaneamente a dous dispositivos Bluetooth: un teléfono móbil e un reprodutor de música. Permite tamén silenciar o micrófono, e dispón tanto do modo chamada en espera como da posibilidade de realizar unha chamada a tres. Non obstante, o modelo sen instalación de Motorola e o Nokia HF-300 só ofrecen dúas funcións adicionais. Motorola ten chamada en espera e silenciador de chamadas, mentres que Nokia ofrece a posibilidade de silenciar o micrófono e conta con modo discreto, é dicir, permite pasar do mans libres ao teléfono e viceversa. Todos os modelos contan con esta función agás Motorola T305.

Os mans libres con instalación (dous dos seis aquí comparados) teñen a botoeira máis pequena e son, en xeral, de menor dimensión e máis lixeiros (uns 50 gramos máis lixeiros, de media). Dos catro sen instalación, o modelo máis grande era Parrot Minikit. E, dos seis analizados, o mans libres que menos pesa é Parrot CK 3000 Evolution (33 g) e o máis pesado, Supertooth Voice (108 g). Como o resto de bens duradeiros, os sistemas mans libres contan con garantía de dous anos (só Motorola e Supertooth Voice o indican, pero este prazo de garantía é obrigatorio, establéceo a lei). Todos eles, por outra parte, inclúen manual de instrucións co selo CE (indica que o fabricante afirma cumprir a normativa europea) e as marcas e avisos de seguridade preceptivos.

Ben construídos

Os equipos de tecnoloxía deben incluír frases de seguridade eléctrica cun marcado duradeiro e lexible. Para comprobar que os mans libres cumprían con esta esixencia, fregouse á man o marcado de cada dispositivo durante 15 segundos cun anaco de tea enchoupada en auga e, deseguido, durante outros 15 segundos con alcohol de petróleo. O marcado de Parrot minikit borrouse. O resto superaron a proba.

Todos os aparellos cumprían coas especificacións da norma en materia de construción (os bordos e esquinas eran redondeados, as conexións correctas e os parafusos e roscas estaban ben fixados) e mais de illamento eléctrico (as terminais de batería e outras partes activas estaban ben illadas). Ao provocar fallos curtocircuitando as baterías e cambiando a polaridade, os seis comportáronse de xeito seguro. E ningún se estragou ou deixou de traballar cando se lle aplicaron 10 descargas electrostáticas en distintos puntos dos dispositivos para avaliar a súa resistencia ante esta eventualidade. A pantalla do Motorola T605 mudou de cor durante a descarga e o botón superior dereito (con luz verde) apagouse, pero mantívose o Bluetooth en todo momento. A maioría dos sistemas mans libres demostraron estar fabricados para resistiren golpes e caídas: salvo Nokia HF-300 (abriuse a tapa e perdeu a batería), superaron sen problemas 100 caídas consecutivas nun tambor de volteo. Finalmente, para comprobar a súa resposta ante a baixada de tensión de batería que se produce cando se arranca o coche, os equipos sometéronse a unha proba de pulso transitorio, baixando a tensión durante un tempo prefixado. Todos os equipos superaron esta proba, pero apreciouse un clic en CK3000, aínda que o enlace Bluetooth non deixou de funcionar durante o ensaio.

Aptitude ao uso

Á hora de nos decidirmos por un sistema de mans libres interésanos saber non só se está ben construído e se cumpre coas esixencias da normativa, senón tamén as características de uso propiamente ditas: como vai avellentar, que calidade sonora ofrece ou cal é o radio máximo de alcance ao que o Bluetooth deixa de funcionar. Para comprobar este último extremo, realizáronse probas cun teléfono Nokia N81 e determinouse que o Motorola T305 tiña maior alcance c o resto (244 metros), seguido de Parrot Minikit (227 metros). O de menos alcance foi Motorola T605 (120 metros). Amais do maior alcance sen fíos, o Motorola T305 tamén pode presumir do altofalante con maior presión sonora. No apartado de vibración e choque, Motorola T605 foi o dispositivo que deu peores resultados. Realizáronse ensaios para simular as condicións de uso no interior dun vehículo e escacharon os amarres de suxeición do altofalante.

Para observar como avellentan estes dispositivos, introducíronse nunha cámara de luz ultravioleta e foron sometidos a fortes doses de radiación UVA/UVB (5kWh/m2). A excepción de Nokia e Motorola T305, o resto de equipos sufriron danos de diversa consideración. O material plástico de Parrot CK3000 e Parrot minikit amoleceu e quedou viscoso ao tacto e o de Motorola T605 e Supertooth Voice cambiou de tonalidade.

Tamén se avaliou a resistencia dos botóns sometendo os equipos a 5000 ciclos de colgar e descolgar cunha forza de 10 newtons. Todos superaron a proba pero, non obstante, cando se premeron os botóns cunha forza superior, de 50 newtons, os botóns de Nokia afundíronse bastante e ao abrir o equipo comprobouse que un dos botóns estaba roto internamente.

Calidade global

Motorola T305 obtén unha cualificación global sobresaínte e distínguese como a mellor relación calidade-prezo deste comparativo. É un dos máis baratos, ofrece unha conexión con Bluetooth con maior alcance e foi o mellor valorado polos usuarios. Parrot CK3000 é unha opción interesante, xa que ao estar instalado no coche non cómpre recargalo e silencia automaticamente o equipo de música ou a radio cando hai unha chamada entrante. En todo caso, CONSUMER EROSKI recomenda usar estes dispositivos con prudencia, xa que a condución máis segura é aquela que permite concentrar toda a nosa atención nas condicións do tráfico e da estrada.

A opinión dos consumidores

Oito usuarios probaron todos os dispositivos e valoraron o deseño exterior e o equipamento e mais outros aspectos relacionados co uso. Os mellor valorados, ambos os dous cun 7,4 sobre dez, foron o Motorola T305 e mais o Parrot CK3000.

Os consumidores consideraron que o Motorola era cómodo e doado de utilizar, moi pequeno e cun aspecto exterior moi bo, aínda que a calidade de son pareceulles regular. No caso do Parrot CK3000 foi precisamente este aspecto, o son, un dos mellor valorados, pero convén aclarar que este dispositivo utiliza os altofalantes do equipo de música do coche. O que menos lles gustou aos consumidores pola súa posta en funcionamento e polas súas conexións foi o Supertooth Voice (6,6 de nota sobre dez). Ademais, considerouse que o dispositivo ten unha voz desagradable e que fala demasiado.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 6 dispositivos “mans libres” para teléfono móbil por Bluetooth que custan dende os 60,40 euros de Motorola T305 ata os 104 euros de Nokia HF-300.
  • Motorola T605 e Parrot CK3000 requiren instalación, pero a súa vantaxe é que non cómpre recargar a batería e que silencian o equipo de son do vehículo cando entra unha chamada nova.
  • Nos que precisan recargar a batería, hai cinco horas de diferenza entre as que máis duran (Parrot Minikit e Nokia, unhas 9 horas) e os de menos autonomía (Motorola T305 e Supertooth Voice).
  • Os equipos están ben construídos e superaron os ensaios de seguridade eléctrica e compatibilidade electromagnética. A única excepción foi Parrot Minikit: o seu marcado, que debería ser duradeiro, non superou a proba de borrado.
  • Amosaron todos un radio de alcance de sinal Bluetooth moi superior ao necesario para o interior dun vehículo, entre 120 metros -Motorola T605- e 244 metros -Motorola T605-. Motorola T305 ten o altofalante de maior presión sonora.
  • Motorola T605 non superou o ensaio de vibración e choque: os amarres de suxeición do altofalante escacharon ao simular as condicións do interior do vehículo.
  • Só Nokia e Motorola T305 superaron a proba de avellentamento acelerado sen danos. Logo dunha intensa exposición solar, o material plástico de Parrot CK3000 e de Parrot minikit amoleceu e quedou viscoso ao tacto; e o de Motorola T605 e Supertooth Voice cambiou de tonalidade.
  • Na proba de uso, os mellor valorados foron Motorola T305 e Parrot CK3000. E o que menos lles gustou aos consumidores, Supertooth Voice.
  • A mellor relación calidade-prezo é Motorola T305, por ser un dos máis baratos, o que ofrece unha conexión Bluetooth con maior alcance e o mellor valorado polos usuarios. Parrot CK3000 é tamén interesante: non cómpre recargalo e silencia automaticamente o equipo de música ou a radio cando entra unha chamada de teléfono.
Marca Motorola Parrot Parrot
Modelo T305 CK3000 evolution Minikit
Instalación Sen instalación Con instalación Sen instalación
Prezo (euros/unidade) 60,40 84 60,09
Características generales
Accesorios non comúns (1) Soporte teléfono móbil Cableado con conectores ISO Cargador de parede
Funcións non comúns (2)
  • Silenciado de chamadas.
  • Chamada en espera
  • Indicación de instrucións por voz.
  • Posibilidade de gravar contactos.
  • Anuncia o nome da chamada entrante.
  • Modo discreto.
  • Posibilidade de gravar contactos.
  • Anuncia o nome da chamada entrante.
  • Modo discreto
Marcado e información ao consumidor (3) Correcto Correcto Correcto
Peso (g) 59,8 32,8 101,9
Dimensións (Longo x ancho x profundidade) (cm) 7,5 x 4,8 x 2,5 5 x 1,9 x 2,5 10,9 x 6,3 x 2,9
Seguridade e compatibilidade electromagnética
Durabilidade do marcado Conforme Conforme Non Conforme
Construción Conforme Conforme Conforme
Illamento eléctrico Conforme Conforme Conforme
Comportamento fronte ao fallo (4) Conforme Sen batería Conforme
Contido da etiqueta Conforme Conforme Conforme
Ensaio de caída (5) Conforme Equipo fixo Conforme
Descargas electrostáticas (6) Conforme Conforme Conforme
Pulso transitorio (7) Conforme Mejorable Conforme
Aptitude ao uso
Duración da batería en funcionamento 4 horas Non ten 9 horas 15 minutos
Radio de alcance do sinal Bluetooth (m) 244 147 227
Presión sonora máxima do altofalante (dBA) 92 Non ten 88
Avellentamento UV Non avellenta Avellenta Avellenta
Resistencia dos botóns (8) Conforme Conforme Conforme
Vibración e choque (9) Conforme Conforme Conforme
Base de datos Bluetooth Incluído Incluído Incluído
Proba de uso (do 1 ao 10) 7,4 7,4 7,1
Aspecto exterior e acabado (do 1 ao 10) 7,6 7,6 6,6
Valoración xeral e equipamento (do 1 ao 10) 7,1 7,1 7,3
Valoración de uso (do 1 ao 10) 7,5 7,5 7,2
NOTA DE CALIDADE GLOBAL Excelente Moi ben Moi ben
Marca Motorola Supertooth voice Nokia
Modelo T605 HF-300
Instalación Con instalación Sen instalación Sen instalación
Prezo (euros/unidade) 74 69,17 104
Características generales
Accesorios non comúns (1) Cable de audio estéreo, altavoz externo Batería extraíble Li-ion
Funcións non comúns (2)
  • Modo música. Conexión de dos dispositivos a la vez.
  • Silenciado de chamadas.
  • Chamada en espera. Llamada a 3.
  • Modo discreto.
  • Indicación de instrucións por voz.
  • Posibilidade de gravar contactos.
  • Anuncia o nome da chamada entrante.
  • Descarga automática de contactos. Actualización de la agenda.
  • Modo discreto.
  • Silenciado del micrófono.
  • Modo discreto.
Marcado e información ao consumidor (3) Correcto Correcto Correcto
Peso (g) 55,1 108,1 99
Dimensións (Longo x ancho x profundidade) (cm) 6,1 x 2,8 x 1 12 x 6 x 2 8,5 x 6,8 x 1,6
Seguridade e compatibilidade electromagnética
Durabilidade do marcado Conforme Conforme Conforme
Construción Conforme Conforme Conforme
Illamento eléctrico Conforme Conforme Conforme
Comportamento fronte ao fallo (4) Sen batería Conforme Conforme
Contido da etiqueta Conforme Conforme Conforme
Ensaio de caída (5) Equipo fixo Conforme Conforme
Descargas electrostáticas (6) Mejorable Conforme Conforme
Pulso transitorio (7) Conforme Conforme Conforme
Aptitude ao uso
Duración da batería en funcionamento Non ten 4 horas 9 horas
Radio de alcance do sinal Bluetooth (m) 120 179 147
Presión sonora máxima do altofalante (dBA) 81 82 80
Avellentamento UV Avellenta Avellenta Non avellenta
Resistencia dos botóns (8) Conforme Conforme Non Conforme
Vibración e choque (9) Non conforme Conforme Conforme
Base de datos Bluetooth Incluído Incluído Incluído
Proba de uso (do 1 ao 10) 7,3 6,6 7,3
Aspecto exterior e acabado (do 1 ao 10) 8,0 6,4 6,7
Valoración xeral e equipamento (do 1 ao 10) 6,8 6,5 7,1
Valoración de uso (do 1 ao 10) 7,2 6,7 7,8
NOTA DE CALIDADE GLOBAL Moi ben Ben Moi ben

(1) Accesorios non comúns: as dúas referencias que precisan instalación (Parrot CK300 e Motorola T605). Incluían cable de alimentación de audio, módulo de control electrónico e micrófono. Dentro dos Mans Libres que non precisan instalación, todas as referencias ofrecían cargador de chisqueiro e pinza de fixación.

(2) Funcións non comúns: todos os mans libres ofrecían marcación por voz, axuste de volume e función de rechamada.

(3) Marcado e información ao consumidor: todas as referencias incluían instrucións de uso, marcado CE e marcas e avisos de seguridade.

(4) Comportamento fronte ao fallo: provocáronse dous fallos diferentes nas baterías (curtocircuíto e cambio de polaridade) e verificouse que os produtos seguen a ser seguros.

(5) Ensaio de caída: tapa da batería de Nokia abríase e esta soltábase.

(6) Descargas electrostáticas: no caso de Motorola T605, ao aplicar a descarga sobre os botóns de selección e envolvente, o led central muda de cor e o botón superior dereita (luz verde) apágase, aínda que mantén o enlace Bluetooth.

(7) Pulso transitorio: esta proba simula a baixada de tensión dunha batería cando se arranca o vehículo. O equipo Parrot CK 3000 fai un clic pero séguese mantendo o enlace Bluetooth.

(8) Resistencia dos botóns: sometéronse os botóns a unha pulsación de 50 newtons. Os botóns do Nokia HF-300 afundíanse bastante. Ao abrir o equipo comprobouse que un dos botóns estaba roto internamente na PCB.

(9) Vibración e choque: rompían os agarres de suxeición do altofalante do Motorola T605.

Un a un

Un a un, 6 sistemas de "mans libres"

Motorola T305

  • Prezo: 60,40 euros.
  • Calidade global: Excelente.
  • Mellor relación calidade-prezo.
  • Non require instalación e polo tanto hai que recargar a batería, que dura catro horas en funcionamento e é unha das de menos autonomía.
  • Permite silenciar as chamadas e ten función de chamada en espera, aínda que é o único que non conta con modo discreto para pasar do “mans libres” ao teléfono e viceversa.
  • É o segundo máis barato, o que amosou maior radio de alcance Bluetooth e maior volume de son.
  • Ademais, foi un dos dous mellores na proba de uso.

Parrot CK3000 Evolution

  • Prezo: 84 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • Unha opción interesante.
  • Require instalación, polo que non cómpre recargar a batería e pode silenciar a radio-CD cando entra unha chamada.
  • Anuncia o nome da chamada entrante, permite dar instrucións por voz e gravar contactos e mais pasar do “mans libres” ao teléfono (e viceversa).
  • Na proba de avellentamento acelerado, o plástico deteriórase e queda viscoso.
  • Un dos dous mellores na proba de uso.

Parrot minikit

  • Prezo: 60,09 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • Sen instalación; polo tanto, hai que recargar a batería, de grande autonomía (9 horas e 15 minutos).
  • Anuncia o nome da chamada entrante, permite pasar do “mans libres” ao teléfono e viceversa e gravar contactos.
  • É o máis barato, pero tamén o único que non superou a proba de borrado do marcado.
  • Na proba de avellentamento acelerado, o plástico deteriorouse e quedou viscoso.

Motorola T605

  • Prezo: 74 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • Require instalación, polo que non cómpre recargar a batería e silencia o equipo de son do coche cando entra unha chamada.
  • É o único que permite usar o Bluetooth para falar por teléfono e escoitar música ao mesmo tempo.
  • Ten silenciador de chamadas, chamada en espera, chamada a tres e modo discreto, para pasar do “mans libres” ao teléfono e viceversa.
  • Foi o único que non superou a proba de vibración e choque: os amarres de suxeición do altofalante escacharon.

Supertooth Voice

  • Prezo: 69,17 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • Non require instalación e, polo tanto, hai que recargar a batería, que dura só catro horas.
  • Permite dar instrucións por voz, gravar contactos, descargar datos de xeito automático e actualizar a axenda.
  • Conta con modo discreto para pasar do teléfono ao “mans libres” e viceversa e anuncia o nome da chamada entrante.

Nokia HF-300

  • Prezo: 104 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • Non require instalación, hai que recargar a batería, unha das que máis dura (nove horas) e a única extraíble; pódese substituír se se esgota.
  • Con modo discreto para pasar do “mans libres” ao teléfono e viceversa, e permite silenciar o micrófono.
  • E o máis caro e o único que sufriu danos na proba de resistencia dos botóns (o circuíto impreso rompeu ao aplicar 50 newtons de forza).