Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Parques infantís: estudados 739 aparellos de xogo de 132 áreas de recreo de uso público situadas en 18 cidades españolas : O mantemento de un de cada tres elementos de xogo é insuficiente

A seguridade das zonas de xogo é boa, aínda que precisa melloras

Seguridade na zona de xogos

En España non hai unha lexislación que regule como debería ser a seguridade dos parques infantís. Tan só Andalucía e Galicia avanzaron nesta materia co desenvolvemento de decretos baseados na normativa comunitaria vixente: UNE-EN 1176 e 1177. Con estes textos como referencia, EROSKI CONSUMER comprobou que a seguridade dos parques continúa a ser ‘boa’, igual ca no estudo elaborado no 2005 por esta revista. Non obstante, e ao igual ca daquela, aínda quedan aspectos por mellorar.

Un parque infantil debe estar acoutado de maneira segura e separado do tráfico rodado. Así e todo, en tres de cada cinco parques infantís analizados había tráfico preto, aínda que, iso si, a área estaba correctamente delimitada. Ademais, a superficie debe estar composta por materiais brandos que permitan a absorción de impactos e que amortezan golpes. Os expertos recomendan o caucho reciclado ou os chans naturais (como a area, o céspede ou a codia de árbore), aínda que cun mantemento axeitado. O caucho está instalado en dous de cada tres parques infantís visitados, por riba doutros chans naturais como a area (único material no 26% dos casos), o granulado, o céspede e a codia de árbore. Malia ao arriscado que resulta, aínda se utilizan materiais duros e con moi pouca capacidade para absorber impactos como as lousas (nunha zona de Zaragoza).

Comprobouse tamén o estado de conservación dos aparellos de xogo (se había partes rotas ou soltas, parafusos que sobresaían, elementos oxidados, zonas quebradas, arestas perigosas e estruturas mal ancoradas ao chan) e avaliouse o risco de atrapamento (cordas rubideiras demasiado anchas e nas que un neno pode meter a cabeza; aberturas en forma de V con perigo de que o neno enganche a roupa ou, o que é peor, o pelo; superficies con aberturas excesivas ou cadeas de bambáns demasiado anchas nas que os nenos poden ter a “curiosidade” de meter o dedo entre as arandelas, entre outros).

/imgs/20100401/tema3.jpg
No tocante ás ancoraxes que fixan os aparellos ao chan, constatouse que, agás no 3% dos resortes e balancíns observados, os máis estaban ben fixados ao pavimento. Tan importante como a ancoraxe é que os seus compoñentes estean correctamente unidos. A normativa de seguridade de aparellos infantís determina que os parafusos deben estar en bo estado, protexidos ou redondeados e, no caso de sobresaíren, que esa medida non exceda dos 8 milímetros máximos permitidos. Así acontecía as máis das veces. En liñas xerais, os mellores aparatos en materia de seguridade localizáronse nos parques infantís visitados en Pamplona e Córdoba (ningunha deficiencia nas áreas avaliadas), e os peores en Sevilla e Oviedo. E é que en Sevilla máis da metade dos elementos de xogo se atopaban en mal estado de conservación e en un de cada cinco observouse a posibilidade de que o neno pille os dedos ou que a roupa lle quede enganchada. En Oviedo, en un de cada seis aparatos detectáronse elementos que podían facer que os nenos se mancasen ao utilizalos.

Limpeza e mantemento das áreas de lecer

O mantemento dun parque infantil implica cartos e esforzo. O investimento está condicionado polo tamaño da poboación e pola extensión urbana da cidade: vai dende os 9’6 millóns de euros de Madrid aos 40.000 euros de Cádiz. Os técnicos de EROSKI CONSUMER certificaron que a maioría dos parques infantís se atopaba nun estado xeral correcto, e que só un 12% deles tiñan deficiencias. Destacaban negativamente Oviedo e Valladolid, onde oito das doce zonas visitadas estaban porcas, con pintadas, refugallos, cristais, excrementos de can e cabichas.

Malia que a maioría dos 739 elementos de xogo examinados polos técnicos da revista funcionaban correctamente e podían usarse sen problemas, non faltaron deficiencias: cadeas de suxeición rotas ou en moi mal estado, estruturas febles, desgaste de ramplas e resortes non óptimos de todo. O vandalismo é, sen lugar a dúbidas, a causa máis importante do estrago e estado do xogo. Nun 12% dos aparellos, os graffitis ou pintadas decoraban o elemento de xogo, unha proporción inferior á do informe do 2005. Malia todo, estas pintadas non enmascaran o mal estado dalgúns destes elementos de xogo que quedaron obsoletos e pendentes dunha boa revisión. Entre os aparellos con defectos de mantemento (que representan case a terceira parte do total analizados), a falta de pintura era rechamante en un de cada cinco casos, en case o 10% dos xogos infantís observáronse elementos oxidados e nun 5% había zonas escachadas, rotas ou soltas. Por cidades, nos parques analizados en Córdoba e en Pamplona non se viu este tipo de estragos; ao contrario ca en Oviedo, na Coruña e en Sevilla, onde os había en máis da metade dos espazos infantís.

Os elementos de xogo, un a un

Bambáns, tobogáns, resortes, estruturas multixogo e balancíns. EROSKI CONSUMER analizou un a un os cinco elementos de xogo máis habituais nestes recintos para comprobar posibles carencias en materia de seguridade.

  • Estruturas multixogos: Os aparellos con mais problemas de seguridade, xa que en case unha de cada dez (en total tomáronse en conta 129) non había varandas nin asideiros para subir ás plataformas superiores ou para agarrarse, e si había partes do xogo rotas ou soltas (nun 5% dos casos) ou parafusos sobresaíndo e non debidamente tapados (nun 3%).
  • Bambáns: Un dos aparellos de xogo con claros defectos en materia de seguridade. As carencias máis significativas correspóndense co estado das cordas ou das cadeas de onde colgan os asentos, xa que no 12% dos 254 bambáns avaliados non estaban tapadas e nalgúns casos se atoparon ocos por onde os nenos podían meter os dedos e mancarse.
  • Balancíns: A metade dos 40 balancíns analizados non contan con reposapés e só dous de cada dez dispoñen de elementos baixo o asento para amortecer a caída.
  • Resortes: Só no 13% dos 262 resortes analizados se observou na súa parte inferior un elemento para amortecer unha posible caída. As ancoraxes que fixan este aparello ao chan atopáronse en mal estado nun 3% dos casos.
  • Tobogáns: Dos 50 tobogáns analizados, un 16% non dispuña de varanda para subir e ademais un 8% non contaba con asideiro na plataforma superior onde os nenos agardan para baixar polo tobogán. Non obstante, o estado de ramplas e chanzos era adecuado na maioría destes elementos.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións