Enquisados máis de 1.900 consumidores de 9 comunidades autónomas para coñecer os seus hábitos de consumo de xoguetes

O gasto medio en xoguetes por neno será de 70 euros

Un de cada catro enquisados asegura que algunha vez tivo dúbidas sobre o xoguete que tiña que mercar
1 Decembro de 2011
Img tema listado 191

O gasto medio en xoguetes por neno será de 70 euros

O Nadal é felicidade, bos desexos… e para os cativos da casa tamén é sinónimo de novos xoguetes. Para investigar sobre os hábitos de consumo dos xoguetes en España, EROSKI CONSUMER entrevistou entre finais de outubro e comezos de novembro a 1.906 persoas de 9 comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco. Cada un dos entrevistados foi consultado, entre outras cuestións, sobre o gasto económico que realizaría en xoguetes no Nadal, sobre como lle afectaría a crise no seu desembolso, sobre o tipo de xoguetes que adquiriría e mais sobre o tipo de comercio que elixiría para realizar esas compras. Dos 1.906 fogares consultados, nun 73% vivían nenos, mentres que no 27% restante nos que se fixo a enquisa non tiñan fillos pero si mercarían xoguetes para familiares, fillos de amigos… A media de nenos por cada fogar é de dous, a maioría deles con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos.

En conclusión, un 80% das persoas consultadas estimaron que este Nadal desembolsarán unha media de 205 euros en xoguetes, arredor de 71 euros por neno (o resto dos entrevistados non sabían facer un cálculo concreto). Con todo, a mala situación económica causa efecto nos consumidores e un de cada catro asegura que o seu orzamento diminuirá unha media de 79 euros con respecto ao do ano pasado, principalmente pola crise económica, polo que hai que facer recortes no gasto final. Estes cartos en tres de cada catro ocasións destinarase á compra de xoguetes educativos, aínda que o factor que máis inflúe á hora de se decantar por un ou outro é o que pidan os máis pequenos da casa. Para iso, dous de cada tres enquisados non dúbida en percorrer varias tendas e establecementos para, previamente, comparar prezos e produtos.

71 euros por neno

O Nadal é unha época de gasto importante. Unha das maiores partidas destínase aos máis pequenos da casa: os xoguetes. Pero hai diferenzas entre as comunidades autónomas. Mentres que en Andalucía o gasto ascende a 253 euros de media, nas Illas Baleares gastarán 188 euros; en Castela A Mancha, en Galicia e na Comunidade Valenciana prevén gastar arredor de 190 euros; e en Navarra, no País Vasco, en Madrid e mais en Cataluña gastarán pouco máis de 200 euros (arredor da media). Por idades, mentres que os entrevistados entre 20 e 44 anos gastarán en xoguetes 195 euros de media, os maiores de 45 anos superarán o limiar dos 200 euros e desembolsarán 214 euros, un 10% máis ca os máis novos. Por outra banda, eles desembolsarán máis cartos ca elas, moito máis aforradoras: 215 euros de media os homes fronte aos 201 euros das mulleres.

Cando a estimación se fai por neno, un 78% respondeu que gastaría unha media de 71 euros por pequeno. Non obstante, hai diferenzas de ata o 40% entre comunidades autónomas: en Castela A Mancha o desembolso medio sería de 60 euros (teñen 2,5 fillos por fogar), mentres que no País Vasco alcanzaría 84 euros de media. Curiosamente, os máis novos (enquisados de 20 a 44 anos) gastarán máis (unha media de 76 euros) ca os entrevistados maiores de 45 anos (desembolsan 66 euros de media). Por sexos, o orzamento dos homes será un 15% maior ca o das mulleres: 78 euros de media eles fronte aos 68 euros de media delas.

Afecta a crise á ilusión?

Tres anos de crise convidan a ollar para o peto continuamente, ata polo Nadal. De feito, aínda que dúas de cada tres persoas consultadas por EROSKI CONSUMER consideren que o seu desembolso económico en xoguetes vai ser igual ca o do ano anterior, outro 31% asegura que variará. Pero ese orzamento será maior ou menor? En xeral, son máis os fogares que afirman que será menor (unha de cada catro persoas entrevistadas). Os motivos son variados: un 41% argumenta que o seu desembolso será menor pola crise e quere aforrar; un 25% di que o aumento dos prezos provoca ter que facer recortes; un 13%, por problemas económicos ou de emprego; un 12% por problemas económicos e un 8% porque ao longo do ano realizou outros gastos que lle impiden ter un orzamento maior. Neste sentido, os valencianos, os castelán-manchegos e mais os andaluces son, entre as nove comunidades, os que en maior proporción consideran que o seu desembolso en xoguetes vai ser menor este ano, fundamentalmente pola crise e a necesidade de aforrar.

Unicamente un 7% dos enquisados considera que o seu gasto en xoguetes vai ser maior. Un 45% coida que se debe ás datas de Nadal, un 34% porque mercando o mesmo, este ano parece que está todo máis caro; e un 21% porque mellorou a súa situación económica. Por comunidades, os madrileños e os baleares son os que en maior proporción (un 9%) creen que o seu desembolso aumentará, fundamentalmente porque din que este ano todo está máis caro.

Falta información pedagóxica

Sobre o papel, as claves para dar co xoguete “perfecto” parecen doadas para os enquisados: que sexa seguro para o pequeno, axeitado para a súa idade, que na súa fabricación se respectara o máximo posible a natureza, que conte cunha garantía que certifique a súa calidade, que conte con instrucións de uso ou ben que fomente valores axeitados para o desenvolvemento dos nenos… Pero, ao intentar poñelas en práctica, un de cada catro enquisados pola revista asegura que algunha vez se sentiu perdido e tivo dúbidas sobre o xoguete que tiña que mercar. Estes interrogantes multiplícanse cando o xoguete en cuestión é educativo, un videoxogo ou de tipo eléctrico.

Así e todo, oito de cada dez enquisados afirma que se fixa nas advertencias de seguridade que aparecen no xoguete. Ademais, sete de cada dez teñen en conta se o produto pode resultar tóxico para o neno ou se as pezas son demasiado pequenas e o neno as pode levar á boca, co conseguinte perigo. Os enquisados que máis se preocupan en materia de seguridade viven en Cataluña, na Comunidade Valencia e en Madrid, mais non se pode dicir o mesmo dos navarros, con porcentaxes lixeiramente por baixo da media.

Afortunadamente, é mínima a porcentaxe de consumidores (non chega a un 7%) que sufriu algún contratempo pola mala seguridade do xoguete. Amais de en criterios de seguridade, a maioría dos enquisados (o 88%) fíxase en se o xoguete é adecuado á idade do neno (o 91% dos cataláns enquisados e o 84% dos manchegos) e un 74% preocúpase por se o xogo fomenta a creatividade, a imaxinación ou o desenvolvemento do pequeno (un 81,6% dos vascos preguntados e un 69% dos manchegos enquisados). A isto cómpre engadir que case un 70%, de media, repara en se no envoltorio aparece un indicativo de garantía da CE, mentres que só un de cada tres se centra na composición do xogo, no seu lugar de fabricación ou en se ten instrucións de uso.

Erros na compra

A miúdo cométense erros no intre de mercar os xoguetes dos máis pequenos e hai algúns que son moi comúns e que se repiten decote:

  • Non ler ben as etiquetas: nelas indícanse as condicións de uso, o contido e as indicacións de seguridade. En ocasións non se lles dá importancia abonda, aínda que se poida estar a pór en perigo a seguridade do neno.
  • Deixarse influenciar pola publicidade: hai que lles explicar aos nenos que hai outros xoguetes que aínda que non saian pola tele tamén resultan divertidos e educativos.
  • Non ter en conta os desexos dos nenos ou só facerlles caso a eles: hai que buscar un termo medio, é dicir, coñecer e escoitar as peticións dos cativos, ao tempo que se lles ensinan outras alternativas máis axeitadas. Así e todo, sempre hai que buscar a variedade, non se deben adquirir xoguetes parecidos, xa que o neno debe ter diferentes experiencias de xogo.
  • Regalar xoguetes non adecuados para a idade do neno, en función do sexo ou que non transmitan os valores desexables: os xoguetes teñen que responder ás necesidades de crecemento do pequeno, deben ser libres e sen connotacións violentas, racistas e/ou sexistas.
  • Regalar moitos xoguetes: o exceso de xoguetes causa nos nenos unha falta de interese. En ocasións, mércanse de xeito impulsivo sen saber o realmente o que se compra. Pero antes de regalar un xoguete hai que pensar se o precisa ou se é o máis axeitado para o neno.
  • Mercar xoguetes instrutivos pero aburridos: aínda que os xoguetes son un excelente recurso para que o neno aprenda, ademais teñen que ser desenfadados e divertidos.
  • Non regalarlles xoguetes aos nenos maiores e ata ás persoas adultas: o xogo e os xoguetes son necesarios para o desenvolvemento educativo dos nenos en todas as súas etapas da infancia, non só nas primeiras. E tamén serven para mellorar a calidade de vida das persoas de todas as idades, favorecendo habilidades e reforzando aprendizaxes.

Sen orzamento previo

Aínda que é unha ferramenta que axuda a aforrar, o certo é que case a metade dos enquisados pola revista confirma que non elabora un orzamento previo que inclúa todo o que vai gastar en xoguetes. Fronte a eles, tres de cada dez enquisados aseguran que sempre o fan. Aínda que non é unha práctica moi común, o certo é que agora son máis as persoas (no caso desta enquisa, unha de cada cinco) que pensan plasmar nun papel cales van ser os seus gastos en xoguetes. Os máis previsores neste sentido son os andaluces (un 40% asegura que sempre fai un orzamento previo), os cataláns e os madrileños (35% en ambos os dous casos). Por sexo, unha de cada tres mulleres enquisadas fai o devandito orzamento, fronte a un de cada catro homes aos que se lles preguntou.

Fágase ou non un orzamento previo, a metade dos enquisados coinciden en sinalar que os xoguetes que se mercarán son os elixidos polos nenos, pero sempre supervisados por un adulto. Pola súa banda, un de cada cinco enquisados asegura que lle deixa liberdade ao neno para que elixa o que prefira, ao contrario que un de cada tres adultos, que deciden ser eles mesmos os que se decanten por un ou outro agasallo. Unha vez escoitados os desexos dos máis pequenos, na medida do posible, sete de cada dez enquisados decantarase por xoguetes que sexan útiles, fronte a un de cada catro consumidores que asegura que adquirirá aqueles agasallos que os nenos lles pidan (sen teren moi en conta o gasto que iso supoña). Para os que pensan no seu peto, apenas un 13% mercará menos xoguetes caros, un 12% fixarase naqueles con desconto e un 9% reducirá as súas compras compulsivas. Os máis concienciados neste sentido son os homes de entre 20 e 44 anos. Amais de pensar en facer un orzamento previo, os andaluces son os que en maior medida pensan no aforro, xa que intentan reducir os seus gastos por capricho e decántanse por xogos con descontos ou máis económicos.

Mercar por adiantado

O 92% dos enquisados, no intre en que responderon á enquisa, coidaban que era demasiado cedo para mercar os xoguetes, ao contrario ca un 8%, que a día de hoxe xa adquirira algún ou todos dos xogos. Así e todo, a maioría dos enquisados non vai agardar a estar de cheo no Nadal, senón que a finais de novembro ou principios de decembro xa se pon en marcha; os motivos principalmente esgrimidos son, nesta orde, evitar que se esgoten as existencias de certos xoguetes, non ter que sufrir as aglomeracións nos comercios durante eses días festivos, porque resulta máis barato mercar con algo de antelación e por ter maior oferta de produtos onde elixir. Iso si, hai unha porcentaxe considerable (3%) de consumidores á que non lle importa mercalos entre a multitude os días previos ás festas.

Despois de mercar...

O 97% dos enquisados pola revista admite que os nenos teñen máis xoguetes dos que precisan. Pero que se pode facer con todo o que os nenos non utilizan por desinterese ou porque xa medraron? Hai varias opcións:

  • Doar: é un dos mellores xeitos de reutilizar: ben a un irmán menor, amigo ou familiar, ben a outros nenos que non teñen medios para adquirilos. Evidentemente, non se poden dar xoguetes rotos ou estragados, por iso é importante aprenderlles aos máis pequenos a conservar e coidar ben os seus bonecos, coches ou xogos.Existen diversas entidades ou asociacións que recollen xoguetes onde se poden regalar xoguetes usados: dende parroquias, concellos e hospitais ata ONG ou campañas para a recollida de xoguetes promovidas por outras institucións.
  • Reciclar: os xoguetes tamén se poden reciclar para que non acaben en lugares inadecuados, separando os seus diferentes compoñentes: plásticos, cartón, metal, vidro, etc. Hai varios xeitos de facelo:

    • Se son xoguetes electrónicos ou eléctricos (como as consolas de videoxogos, libros falantes, xoguetes con melodías, bonecos que falan ou teñen luz), hai que lles quitar as pilas e guindalas ao colector correspondente.
    • Non é correcto guindar os xoguetes de plástico no colector amarelo. Débense levar aos ecoparques ou puntos limpos: alí poderase valorar a súa separación por materiais e o seu posterior tratamento.
    • Os xoguetes rotos de cartón plastificado non se poden depositar nos colectores de cor azul. Se o cartón está plastificado ou inclúe pezas doutros materiais, debémosllelas retirar previamente ou, se isto non é posible, debemos levalo ao ecoparque. Só se está feito exclusivamente de cartón ou papel pode desbotarse no colector azul.
    • Tampouco deben deixarse nos colectores azuis as caixas dos xoguetes coa cortiza e/ou as bolsas de plástico dentro. Hai que separar convenientemente cada material e depositalo no seu correspondente colector.
    • Sempre que sexa posible, convén reutilizar o papel de regalo tantas veces como se poida. É un xeito de aforrar cartos e consumo de papel.

O educativo: agasallo estrela

Lonxe queda esa idea de que aos nenos só se lles mercan caprichos. Segundo os resultados da enquisa elaborada por EROSKI CONSUMER, tres de cada catro consumidores afirman que mercarán especialmente xoguetes educativos para os seus fillos, familiares ou amigos. A segunda opción máis demandada son as manualidades (elección feita por un 37%), videoxogos (presentes en unha de cada catro respostas), xoguetes para facer deporte (22%) e bonecas e peluxes (20%). Os xoguetes menos apreciados son os musicais e os eléctricos, apenas escollidos nun 10% e nun 13%. Neste sentido, case non hai diferenzas entre os consumidores dunha comunidade ou doutra. Regalar tamén é unha cuestión de sexo, ao parecer: as mulleres decántanse por xogos educativos, de manualidades, musicais e bonecas-peluxes, mentres que, pola súa banda, os homes prefiren mercar xogos eléctricos e videoxogos.

Os grandes almacéns, os hipermercados e as tendas de xoguetes especializadas son os lugares preferidos polos españois para mercalos e non adoitan decantarse por establecementos como bazares, venda por catálogo, teletenda, outlets ou tendas de segunda man. A elección vén determinada porque nestes establecementos, segundo os enquisados, se mercamáis rápido e resulta máis doado facer a compra, a carón da confianza que inspiran estes comercios. A relación calidade/prezo é outro dos argumentos que busca o consumidor á hora de achegarse a estes comercios.

En ocasións, na busca de agasallos os consumidores atopan xogos que son parecidos, coa salvidade de que un deles é a imitación ou a versión económica do “famoso”. Nese caso, oito de cada dez enquisados afirma que esas imitacións non teñen cabida na súa casa, ao contrario que para o 20% restante, que asegura non ter problema ningún en mercar imitacións de xogos coñecidos. Especialmente reticentes a mercaren estas copias son os valencianos, os cataláns e mais os vascos, entre os que preto da metade das persoas consultadas asegura non mercalos nunca.

Publicidade enganosa e excesiva

Meses antes de que o Nadal bote a andar, os anuncios de xoguetes son constantes na tele, na radio, na prensa, nos medios sociais… Sobre este tema tamén se lles consultou ás 1.906 persoas que participaron no estudo: un 68% delas consideran que a publicidade dos xoguetes é excesiva. Ademais, outro 56% coida tamén que é enganosa. E é que tan só un 4% considera que fomenta valores correctos e axeitados, e outro 4% pensa que promove valores sociais e de desenvolvemento do menor. Neste sentido, entre as nove comunidades, destacan os cataláns e os madrileños, xa que son os que máis pensan (un 23% respectivamente, fronte á media do 18% do estudo) que na publicidade se impulsan xoguetes sexistas e tamén bélicos (un 20% fronte ao 17% da media).