Arroz con leite

O envase non fai o arroz con leite

Os catro máis caros (dous saen a máis de 7 euros o quilo) comercialízanse en frasco de cristal ou en tarro de barro pero non son máis saborosos nin máis saudables ca os que veñen en envase de plástico
1 Febreiro de 2008

O envase non fai o arroz con leite

O arroz con leite envasado é unha sobremesa doce de receita sinxela que, paradoxalmente, ten entre sete e dez veces máis leite ca arroz, e, mesmo a miúdo, máis azucre ca arroz. Amais destes ingredientes principais, son comúns a casca de limón e a canela, ou os seus aromas. Así mesmo, poden conter nata, vainilla, leite en po, leite concentrado, amidón, aromas e estabilizadores.

Aínda que sexa un preparado lácteo, non conta cunha normativa que regule os seus ingredientes ou composición e que fixe os seus parámetros de calidade. Para facer un arroz con leite abonda con cocer devagariño arroz en leite con azucre. A canela e o limón engádense para aromatizalo. A industria alimentaria, no básico, segue a receita tradicional. Logo de se lle engadir ao leite todos os ingredientes, sométese a mestura a un tratamento térmico suave que completa a elaboración do produto, que se debe manter conservado en frío e que ten como vida útil poucas semanas. Se o proceso térmico é máis severo, acádase unha esterilización que elimina os microorganismos e que fai posible que a conservación non requira frío e que o período de consumo se prolongue varios meses.

CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu ao seu panel de cata oito mostras de arroz con leite en envases e pesos ben distintos, que custan dende os 2,82 euros/quilo que custaba o único que se conserva sen frío (Pascual) ata os 7,64 euros/quilo de Kaiku ou os 7,38 euros/quilo de Goshua.

En poucas palabras, os resultados

A análise desvelou o perfil nutricional destes arroces con leite: ricos en hidratos de carbono (22% do produto, de media) e pobres en proteínas (3%) e graxa (tamén o 3%), non son tan enerxéticos como se podería pensar, xa que -de media- cen gramos achegan unhas 125 calorías. O máis azucrado e calorífico foi Casería La Madera e o que menos, Danone. O que máis leite contén é Goshua, mentres que Pascual e Central Lechera Asturiana son os de máis arroz.

A única irregularidade detectada é que a metade das mostras incumprían a norma de etiquetaxe: dúas non indican a cantidade de arroz e, ademais, parte da información vén en letra moi pequena. E outras dúas denomínanse “alimento natural”, cando teñen prohibido indicalo, xa que todos os arroces con leite o son. A análise de transxénicos demostrou que ningún contiña ingredientes modificados xeneticamente, e a análise microbiolóxica, que o estado hixiénico-sanitario era satisfactorio en todos. Na cata, “apreciáronse diferenzas significativas entre as mostras en todos os parámetros analizados”, que foron aparencia, sabor, sensación ao mastigar e sabor residual. Destacou Casería La Madera (7 puntos), e os peores foron Dhul, Kaiku, Pascual e Central Lechera Asturiana, que non superaron os 5,5 puntos.

A mellor relación calidade-prezo é Danone, que gustou na cata e que é o menos azucrado e calorífico e un dos máis baratos. Se se prioriza o organoléptico (sabor, textura, aroma…), a opción máis conveniente é Casería La Madera (5,33 euros/quilo). Os catro máis caros comercialízanse en tarros de cristal ou en envases de barro, probablemente para lle trasladar ao consumidor a imaxe dun produto artesanal ou máis selecto, pero non teñen mellor composición nutricional nin resultan máis sabedores ca os demais, presentados en envases de plástico semellantes aos da crema.

Máis leite ca arroz

O ingrediente principal é o leite nas súas diferentes versións (enteiro ou desnatado, e nata). É máis, o arroz ocupa a segunda posición só en Kaiku, Pascual e Central Lechera Asturiana; no resto, queda en terceira posición, por detrás do azucre. Sete conteñen canela e limón (que poden ir en forma de aromatizantes), e Danone emprega só canela. Estes cinco ingredientes básicos son os únicos que conteñen os arroces con leite Kaiku, La Madera e La Ermita. Goshua, Danone e Dhul incorporan nata; Danone engade tamén leite desnatado rehidratado, e Dhul, leite en po e vainilla. Para rematar, Central Lechera Asturiana é o único que emprega sal. O arroz, por rico en amidón, ten unha gran capacidade de xelatinización, polo que non se precisan espesantes, xelificantes nin estabilizantes para acadar a textura cremosa que caracteriza ao arroz con leite. Pascual é o único que emprega un destes aditivos, un estabilizante.

A humidade, a auga, representou dende o 67% en La Madera ata o 74% en Danone e en Kaiku. Unha porción de arroz con leite contén entre o 70% e o 80% de leite, e o arroz representa só entre o 6% e o 11% do produto, mentres que o azucre engadido equivale a entre o 7% e o 15%. De media, achega 123 calorías por 100 gramos, se ben hai que considerar que a porción individual deste produto é de 135-140 gramos. Cada tarro de arroz con leite achega de media unhas 175 calorías, menos ca sobremesas lácteas como cremas ou mousses, pero máis ca os iogures. Esta discreta achega calorífica faino interesante como sobremesa para os que precisan unha dose extra de calorías (nenos, adolescentes, deportistas…). E como resulta doce, saboroso, doado de mastigar e achega nutrientes esenciais, pode servir para que coman entre horas os que se amosan inapetentes ou están convalecentes.

De media, os hidratos de carbono supoñen o 22% do produto e proceden do arroz, do azucre engadido (sacarosa) e da lactosa ou azucre do leite (o leite ten uns 5 gramos de azucres cada cen gramos). Sacarosa e lactosa son hidratos de carbono sinxelos ou de rápida asimilación, mentres que o amidón do arroz é un hidrato de asimilación lenta, máis conveniente. A sacarosa (o azucre engadido) vai dende o 7% de Danone ou Kaiku ata o 15% de La Madera (un sobre de azucre contén 10 gramos; un arroz con leite La Madera -210 gramos- tres sobres de azucre). O contido de lactosa (azucre exclusivo do leite) indica a cantidade de leite. O máis rico en leite, e con gran diferenza, é Goshua (6% de lactosa); no resto, varía entre o 2,7% de Central Lechera Asturiana e o 3,9% de La Ermita. O contido en hidratos de carbono complexos (amidón, é un indicador da cantidade de arroz) foi dende o 7% en Goshua ata o 11% en Pascual e Central Lechera Asturiana. Pódese concluír que, agás Central Lechera Asturiana, os azucres simples superan aos complexos.

O contido proteico representa dende o 2,5% de La Madera ata o 4% de Goshua. O menos graxo foi Pascual (1,5% de graxa), e os máis graxos, La Ermita e Central Lechera Asturiana, cun 3,5%. Non é un contido excesivo para unha sobremesa. Calcio e fósforo, por outra banda, son os minerais máis abundantes no arroz con leite, que se pode converter nun substituto do leite para as persoas ás que lles desagrada tomar o leite tal cal, sempre tendo en conta que é unha sobremesa láctea azucrado e que a cantidade de leite é menor no arroz con leite ca nun vaso de leite ou nun iogur.

O arroz con leite e a saúde

Leite, alerxias e intolerancias

Ao se tratar dun produto lácteo, o seu consumo está contraindicado en persoas con alerxia á caseína, a proteína máis abundante do leite. E desaconséllase o consumo de arroz con leite por parte de quen amose intolerancia á lactosa (azucre do leite).

Azucre, diabete e exceso de peso

O arroz con leite é unha sobremesa láctea azucrada, polo que debe limitar o seu consumo quen sufra de diabete, obesidade e hipertrigliceridemia.

Arroz con leite e celiaquía

O arroz é un dos poucos cereais aptos para quen sofre intolerancia ao glute. Así e todo, aínda que leite, arroz e azucre son compatibles cunha dieta sen glute, algúns fabricantes engaden aromas sen especificaren a súa procedencia. Por precaución, e, xa en xeral, os celíacos non deberían consumir produtos elaborados que non se declaren libres de glute, nin os que non especifiquen todos os seus ingredientes. O risco é importante. Se lles gusta o arroz con leite, unha alternativa segura para os celíacos é elaboralo na casa: a receita é moi sinxela.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito mostras de arroz con leite envasado de formatos, pesos e prezos moi dispares. Saen dende os 2,82 euros/quilo de Pascual (o único que se conserva sen frío) ata os 7,64 euros/quilo de Kaiku ou os 7,38 euros/quilo de Goshua.
  • É unha sobremesa doce láctea elaborada con (de maior a menor contido): leite, azucre e arroz, e canela e limón ou os seus aromas.
  • Perfil nutricional: rico en hidratos de carbono (22% do produto, de media) e pobre en proteínas (3%) e graxa (tamén o 3%). É bastante menos enerxético ca a bolería ou ca os embutidos: de media, cen gramos de arroz con leite achegan 123 calorías.
  • O máis azucrado e calorífico é Casería La Madera e o que destaca polo contrario, Danone. Goshua é o que máis leite emprega e Pascual e Central Lechera Asturiana son os de máis arroz.
  • Catro incumpren a norma de etiquetaxe: Kaiku e La Madera non indican a súa cantidade de arroz e, ademais, parte da información esencial vén en letra excesivamente pequena. Goshua e Pascual din que son “alimento natural”, cando (xa que todos os arroces con leite son naturais) está prohibido indicalo.
  • En ningún se atoparon ingredientes modificados xeneticamente. E o estado hixiénico-sanitario en todos estes arroces con leite foi satisfactorio.
  • O mellor valorado na cata foi Casería La Madera (7 puntos), e os menos preferidos, Dhul, Kaiku, Pascual e Central Lechera Asturiana, os catro entre 5 e 5,5 puntos. La Ermita (6,3 puntos), Danone e Goshua (ambos os dous con 6,4 puntos) situáronse en posición intermedia.
  • A mellor relación calidade-prezo é o arroz con leite Danone: gustou na cata, é un dos máis baratos e ademais o menos azucrado e calorífico. Para os que prefiran o arroz con leite máis saboroso, a súa opción é Casería La Madera (5,33 euros/quilo).
Marca Danone Casería La Madera La Ermita de San Pedro Goshua
Formato (g) Pack 2 unid (140 g ud.) Frasco 210 g Frasco 270 g Tarro barro140 g
Prezo (euros / quilo) 3,48 5,33 6,56 7,38
Etiquetaxe Correcto Incorrecta Correcto Incorrecta
Humidade (%) 74,2 66,8 69,7 69,2
Proteína (%) 3,2 2,5 3 4
Hidratos de carbono totais (%) 19,8 27,1 23,1 22,5
Azucres totais (%) 10,2 18,3 14,7 15,4
Sacarosa (%) 1 6,8 15 10,6 9,3
Lactosa (%) 2 3,2 3,3 3,9 5,9
Hidratos de carbono complexos (%) 3 9,6 8,8 8,4 7,1
Graxa total (%) 2,1 3 3,5 3,4
Valor calórico (calorías/100 g) 109 142 132 133
OGM 4 Negativo Negativo Negativo Negativo
Estado microbio- lóxico Correcto Correcto Correcto Correcto
Cata (1 a 9) 6,4 7 6,3 6,4
Marca Pascual Dhul Central lechera Asturiana Kaiku
Formato (g) Pack 2 unid (150 g ud) Pack 2 unid (135 g ud) Pack 2 unid (140 g ud) Tarro barro 140 g
Prezo (euros / quilo) 2,82 3,48 3,52 7,64
Etiquetaxe Incorrecta Correcto Correcto Incorrecta
Humidade (%) 71,8 73,2 71,7 74,3
Proteína (%) 2,9 2,9 2,6 2,6
Hidratos de carbono totais (%) 23,2 19,9 21,6 19,6
Azucres totais (%) 12,1 11,6 10,5 10,1
Sacarosa (%) 1 8,4 8 7,7 7,3
Lactosa (%) 2 3,4 3,6 2,7 2,8
Hidratos de carbono complexos (%) 3 11,1 8,3 11,1 9,5
Graxa total (%) 1,5 3,3 3,5 2,9
Valor calórico (calorías/100 g) 116 118 125 112
OGM 4 Negativo Negativo Negativo Negativo
Estado microbio- lóxico Correcto Correcto Correcto Correcto
Cata (1 a 9) 5,3 5 5,5 5,2


(1) Sacarosa
: azucre branco ou azucre común engadido ao alimento.


(2) Lactosa
: azucre presente no leite. Indica aproximadamente a cantidade de leite que contén o alimento.


(3) Hidratos de carbono complexos:
a súa fonte principal é o arroz. O seu contido indica aproximadamente a cantidade de arroz no alimento.

(4) OXM: organismos modificados xeneticamente

Unha por unha

UN POR UN, 8 mostras de arroz con leite

Danone

  • Sae a 3,48 euros o quilo. Paquete de dúas unidades de 140 gramos.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • O menos azucrado (7%) e calorífico (109 calorías cada cen gramos).
  • Na cata recibe 6,4 puntos: non destaca en ningún apartado.

Casería La Madera

  • Sae a 5,33 euros o quilo. Frasco de 210 gramos.
  • Outra opción interesante.
  • Etiquetaxe incorrecta (non indica a cantidade de arroz). O máis azucrado (15%) e enerxético (142 calorías cada cen gramos).
  • Na cata acada 7 puntos, é o preferido: gusta por “cremoso”; pero tamén é criticado por “espeso”.

La Ermita de San Pedro

  • Sae a 6,56 euros o quilo. Frasco de 270 gramos.
  • O segundo máis azucrado (11%) e dos máis graxos (3,5% de graxa).
  • Na cata acada 6,3 puntos: gusta polo seu “sabor a canela” e por “cremoso”; á súa vez, tamén é criticado por “pastoso” e “sabor”.

Goshua

  • Sae a 7,38 euros o quilo, case tan caro como o que máis. Tarro de barro de 140 gramos.
  • Etiquetaxe incorrecta (asegura ser un produto natural, cando todos o son e por iso está prohibido indicalo). O máis proteico (4%) e dos máis graxos (3,4%). O de máis leite (6% de lactosa) e menos arroz (7,1% de amidón).
  • Na cata consegue 6,4 puntos: gusta o seu “sabor a canela” e a súa “cremosidade”; aínda que algúns participantes o consideran “pouco espeso”.

Pascual

  • Sae a 2,82 euros o quilo, o máis barato. Paquete de dúas unidades de 150 gramos cada unha.
  • O único esterilizado: non precisa frío para a súa conservación. Etiquetaxe incorrecta (asegura ser un produto natural, cando todos o son e por iso está prohibido indicalo). O único que engade aditivos estabilizadores. O menos graxo (1,5%). Dos de máis arroz (11% de hidratos de carbono complexos).
  • Né a cata acada só 5,3 puntos: gusta por “cremoso”, pero tamén criticado por “arroz duro”, “pastoso” e pola súa “cor”.

Dhul

  • Sae a 3,48 euros o quilo. Paquete de dúas unidades de 135 gramos cada unha.
  • Na cata acada só 5 puntos: gusta polo seu “sabor”, “cor” e “cremosidade”, pero é criticado por “pouco sabor” e “arroz duro”.

Central Lechera Asturiana

  • Sae a 3,52 euros o quilo. Paquete de dúas unidades de 140 gramos cada unha.
  • Dos máis graxos (o 3,5% do produto é graxa). Dos de máis arroz (11% de amidón) e menos leite (2,7% de lactosa).
  • Na cata obtén só 5,5 puntos: gusta por “sabor suave” e “sensación ao mastigar”; á súa vez, é criticado por “moi espeso”, “arroz moi feito” e “pouco sabor”.

Kaiku

  • Sae a 7,64 euros o quilo, o máis caro. Tarro de barro de 140 gramos.
  • Etiquetaxe incorrecta (non indica a cantidade de arroz, e a letra é demasiado pequena). Dos de menos leite (2,8% de lactosa).
  • Na cata consegue só 5,2 puntos: gusta pola súa “dozura” e “cremosidade”; á súa vez, é criticado por “pouco sabor” e “consistencia”.