Máquinas de afeitar

O afeitado é máis suave e seguro coas máquinas caras

As máquinas e follas de afeitar son un producto moi cambiante: en poucos anos pasamos da innovación que supuxo a primeira máquina de dobre folla, á de dobre folla basculante con banda lubricante
1 Abril de 2000

O afeitado é máis suave e seguro coas máquinas caras

E, por último, á de triple folla con cabezal móbil en tres dimensións e outras innovacións. Os fabricantes saben o que os usuarios buscan (eficacia, apurado, coidado da pel e comodidade de uso) e, tras custosos procesos de investigación tecnolóxica, propoñen melloras que comunican mediante as súas perseverantes campañas de mercadotecnia. Ante tanta novidade e diversidade, resulta complicado elixir.

CONSUMER analizou e comparou oito máquinas: tres refugables de dobre folla e cinco non refugables. Destas últimas, catro eran de dobre folla e unha, Gillette Mach3, de triple folla. No relativo á adaptación da máquina ó contorno do rostro do usuario, tres (Lea, Wilkinson Extra II e Gillette GII Plus) teñen as follas fixas; as demais son basculantes. As diferencias de prezo son moi importantes: cada máquina Lea custa só 16 pesetas (é moito máis barata cás outras dúas refugables, Wilkinson Extra II e Gillette Blue II Plus) mentres que pola Gillette Mach3 con dous recambios hai que pagar 968 pesetas, e cada recambio posterior sae a 258 pesetas. As outras catro non refugables (Wilkinson FX Performer, Wilkinson Protector 3D, Gillette Contour Plus e Gillette II Plus) son máis económicas, pero bastante máis caras cás refugables.

En realidade, o barato ou caro que resulte cada máquina dependerá moito do número de usos que cada consumidor obteña delas. Estudiáronse no laboratorio as características destas máquinas: dimensións, ángulos de afeitado, forza de corte, avellentamento das follas, adaptabilidade dos recambios a diferentes máquinas… As prestacións e a aptitude ó uso (apurado, suavidade, comodidade, irritabilidade…) determináronse mediante unha proba práctica realizada por un cadro de usuarios adestrados para analizar este producto. A mellor de todas é a Gillette Mach3, a máis cara e única con triple folla. Destaca tanto nas súas características coma na aptitude ó uso. O cadro de usuarios definiu o seu afeitado coma “flexible, adaptable, cómodo, suave e eficaz”. É a única con follas que se sitúan gradualmente en relación ó plano de contacto coa pel do usuario, o que converte o afeitado en sinxelo, suave e seguro. Así e todo ten unha tacha seria: é a que peor chega a vella, xa que tras un mesmo número de usos (dez, na proba) é a que perde máis capacidade de corte. A segunda mellor é a Wilkinson FX Performer (non refugable e de dobre folla basculante), xustamente a segunda máis cara. As súas características son satisfactorias e non avellenta dun xeito tan rápido coma a Gillette Mach3.

Ademais, efectúa un afeitado eficaz e suave. Os usuarios situárona detrás da Wilkinson Protector 3D, da que destacaron a seguridade do afeitado e o deseño ergonómico. Esta última, de prezo semellante á FX Performer, é tecnoloxicamente moi boa, pero a súa capacidade de corte é escasa. Entre as refugables, a mellor é a Wilkinson Extra II, a 66 pesetas a unidade, que proporciona un “bo afeitado, cómodo e ergonómico”. En catro mostras (as refugables Lea e Gillette Blue II Plus, e as Gillette Contour Plus e Gillette II Plus) os usuarios comprobaron certa tendencia a xeraren cortes e/ou irritacións na pel. A peor máquina é Lea (refugable, con dobre folla fixa e a única sen banda lubricante), que presenta características técnicas insatisfactorias e que foi a menos valorada polos usuarios. Agora ben, Lea é tamén a máis barata: cada unha custa só 16 pesetas, mentres que as outras refugables custan 66 pesetas (Wilkinson Extra II) e 95 pesetas (Gillette Blue II Plus). Esta última ten dobre folla basculante pero ofrece peores prestacións cá Wilkinson Extra II, con follas fixas.

O porqué destes resultados

Os criterios de calidade destas máquinas son a eficacia do corte, o apurado, a seguridade e coidado da pel, e a comodidade de uso. A análise cualificou as oito mostras segundo estes baremos, e fíxoo comprobando as súas características (no laboratorio) e prestacións (na proba do cadro de usuarios). Por eficacia entendemos que a máquina proporcione un afeitado satisfactorio con pouco esforzo e nun reducido número de pasadas. O apurado, en cambio, é a capacidade de afeitar moi a fondo e eliminar restos de barba na pel. Estas prestacións, interrelacionadas, vense condicionadas polo ángulo de afeitado e do cabezal ou mango: inclinación das follas con respecto á pel, ou do cabezal con respecto ó mango. O estudio de ámbolos ángulos ten que ser conxunto. Se a máquina é de cabezal basculante, tamén cómpre fixarse nese ángulo. Tamén inflúen a forza de corte das follas (mediuse cortando unha folla de papel e un fío de poliéster) e a posición das follas con respecto á superficie de contacto coa pel: a disposición ideal é aquela na que as follas rozan o plano que forma a superficie da pel, xa que se non alcanzan o plano, a máquina perde en eficacia. E se, pola contra, sobresaen con respecto ó plano de contacto poden provocar cortes e irritación.

Por último, na eficacia e apurado da máquina intervén o ángulo que forma o fío da folla con respecto ó corpo da mesma. Ángulos baixos indican que o fío é maior, o que proporciona maior capacidade cortante, aínda que a folla perda o fío con maior rapidez e avellente antes. Por outra parte, para avalia-lo comportamento dunha máquina convén estudia-las súas características coa folla nova e cando está usada, porque algunhas mostran unha mellor resistencia ó avellentamento ca outras. Isto mídese anotando cánto se incrementa a forza de corte cando a folla está usada, con respecto á precisa cando era nova. De acordo con isto calcúlase o avellentamento. A seguridade e a suavidade, pola súa banda, veñen determinadas pola existencia ou non da banda lubricante, pola posición das follas con respecto á superficie de contacto da pel (se as follas sobresaen con respecto ó plano de contacto, poden provocar cortes e irritación; e se non chegan ó plano de contacto, a eficacia do afeitado será menor) e polos dispositivos de seguridade, coma fíos protectores, cabezais flexibles, coitelas retráctiles, etc. Os fíos protectores impiden o comportamento agresivo das coitelas na pel, e as coitelas retráctiles e cabezais flexibles amortecen os excesos de presión. A comodidade do uso, pola súa banda, está moi influída polo mango (ergonómico ou non, e antiesvarante ou non) e polo espacio entre as follas (se está perforado, a limpeza e aclarado da escuma de afeitar e dos restos de barba que quedan nas follas resulta máis sinxela). Por último, o recambio que se adapta a outros mangos permite que o usuario poida adquirir só os recambios, e non as máquinas.

Refugables de dobre folla

Deste tipo analizáronse tres mostras: Lea, Wilkinson Extra II e Gillette Blue II Plus. Están formadas por unha parte plástica (poliestireno) e dúas follas de ferro temperado. Unha barra de espacio plástica mantén as follas separadas. Wilkinson e Gillette inclúen bandas lubricantes na parte máis adiantada dos seus cabezais para faceren máis doado o afeitado e diminuíren a irritación da pel. Polo que se refire ós compoñentes, forma e dimensións, Lea é diferente das outras dúas. É lixeira, pero de mango moi curto. E as follas e barra espaciadora de Lea non presentan perforacións, o que dificulta a limpeza e aclarado do espacio entre as follas. Wilkinson Extra II e Gillette Blue II Plus son máis homoxéneas, aínda que con diferencias.

A principal é que Gillette ten cabezal basculante (adáptase mellor ás formas da cara), mentres que o de Wilkinson é fixo. As súas dimensións son semellantes, aínda que difiren no deseño do mango (o de Wilkinson é ergonómico) e na espesura das follas (as de Gillette son máis finas). A finura das follas asóciase a unha fabricación tecnoloxicamente máis avanzada e a mellores resultados de afeitado. O aclarado do espacio entre follas é sinxelo nas dúas, polas perforacións en follas e barra espaciadora de Gillette e polo botón asociado á barra espaciadora en Wilkinson. Lea é a peor das tres. Amais do devandito, a capacidade de corte das follas non é boa e o seu afeitado é o peor, segundo os usuarios. Iso si, é a máis barata e con diferencia: custa só 16 pesetas por unidade. Xa nas outras dúas, a posición das follas respecto do plano da cara é mellor en Wilkinson ca en Gillette. Nesta última, as follas superan o plano de contacto, o que explica que Gillette Blue II Plus cause cortes e irritacións na pel, tal e como se percibiu na proba práctica. Wilkinson Extra II, a mellor destas tres para os usuarios, é máis barata (66 pesetas a unidade) ca Gillette, que custa 95 pesetas.

Non refugables de dobre folla

Nestas máquinas, tras varios usos de cada dobre folla, substitúese o cabezal e mantense o mango para posteriores afeitados. Analizáronse Gillette Contour Plus, Gillette GII Plus, Wilkinson FX Performer e Wilkinson Protector 3D. Se describímo-las súas características, Gillette Contour Plus ten dobre folla con cabezal basculante e banda lubricante. Gillette II Plus difire, amais de na forma e dimensións, en que o cabezal non é fixo. Wilkinson FX Performer ten cabezal flexible basculante (defórmase, arqueándose cara a dentro ante a presión e adaptándose ós detalles da cara). Ademais, inclúe unha banda lubricante e outra protectora, e mango ergonómico e antiesvarante.

A Protector 3D é aínda máis sofisticada e ofrece un cabezal con movemento en dúas dimensións (basculante frontal e lateral) e as súas follas son “dinámicas” (retroceden ante un exceso de presión) e incorporan uns fíos finos transversais de función protectora. Nas catro, o espacio entre follas fai máis doada a limpeza e aclarado. Nas Gillette, a posición das follas no cabezal é menos axeitada ca nas Wilkinson. Isto repercute na seguridade do afeitado, como confirmaron os usuarios, que percibiron que, malia a que afeitan ben, as dúas Gillette provocaban cortes ou irritacións na pel. As follas máis finas corresponderon de novo a Gillette. A capacidade de corte de Wilkinson Protector 3D, unha máquina de gran calidade e moi segura, describiuse en laboratorio como insatisfactoria. A Wilkinson FX Performer é, en resumo, a que ofrece un mellor afeitado dentro das desta categoría. A Protector 3D, a mellor valorada polos usuarios entre as non refugables de dobre folla gracias ós seus elementos protectores de última xeración e á súa ergonomía, é outra opción: é un pouco máis barata cá FX Performer, aínda que os seus recambios resulten máis caros e o seu avellentamento sexa máis rápido.


Non refugable de triple folla, a de máis calidade

Neste grupo incluíuse só a Gillette Mach3, innovadora máquina con cabezal basculante de triple folla con banda lubricante. O deseño do cabezal é moi peculiar, xa que bascula nun único sentido aínda que cun ángulo moi amplo. Ademais, as follas posúen mobilidade individual, o que proporciona maior protección durante o afeitado. O seu elevado ángulo de báscula faina moi manexable. E o cabezal basculante nun só sentido permite que as follas se coloquen automaticamente no plano de contacto coa pel. A posición das follas é gradual, o que proporciona sensación de suavidade ó afeitar. Gillette Mach3 foi a máquina que o cadro de usuarios definiu coma a mellor das oito estudiadas. Cualificárona coma moi bo producto, pola súa flexibilidade, adaptabilidade e comodidade de uso, así coma pola súa eficacia e suavidade. Tamén gustou o seu deseño e estética. O inconveniente é o seu prezo: é a máquina máis cara; o mango e mais dous recambios custan 968 pesetas e cada recambio posterior sae a 258 pesetas cada un. Ademais, as follas desta máquina son as que mais rapidamente avellentan co uso e isto encarece aínda máis o producto. E, para rematar, os seus recambios non se axeitan a ningún mango que non sexa o de Gillette Mach3.

En síntese

En síntese

  • Analizáronse oito máquinas, tres refugables e cinco con follas de recambio. Segundo o cadro de usuarios, só a metade (Wilkinson Extra II, Wilkinson FX Performer, Wilkinson Protector 3D e Gillette Mach3), ofrecen un afeitado seguro, sen cortes nin irritación da pel.
  • Entre as refugables, a mellor é Wilkinson Extra II (66 pesetas cada unha), con dobre folla fina. Lea (a máis barata, 16 pesetas) é a peor e máis elemental. Gillette Blue II Plus (dobre folla basculante) é cómoda e afeita ben, pero a posición das súas follas provoca cortes e irritación na pel.
  • Entre as non refugables de dobre folla, as Wilkinson son mellores cás Gillette, que, aínda que afeitan ben, provocan cortes e irritación. Das Wilkinson, a elección máis atinada é a FX Performer (pola suavidade do seu afeitado e as súas satisfactorias características), aínda que a Protector 3D é moi moderna e permite un afeitado seguro.
  • O cadro de usuarios inclinouse claramente polas máquinas máis caras e avanzadas tecnoloxicamente, debido á comodidade do seu uso e á maior seguridade que lle proporcionan ó afeitado. Polo tanto, designaron como mellor de todas a Gillette Mach3, única con triple folla e cabezal basculante. É a máis cara: 968 pesetas con dous recambios, e cada recambio a 258 pesetas.
  • Entre as refugables, a mellor opción é Wilkinson Extra II, sinxela pero de uso cómodo e que permite un bo afeitado. Entre as non refugables, a elección é Gillette Mach3, a mellor das oito máquinas. É cara, pero vale o seu prezo.

Unha a unha

MÁQUINAS DE AFEITAR, UNHA A UNHA

Gillette Mach3

  • Triple folla, cabezal basculante. O mango e mais dous recambios custan 968 pesetas. Os recambios novos, a 258 pesetas cada un.
  • A mellor, pero a máis cara. A única con tres follas. Satisfactorias características técnicas. As follas colócanse gradualmente con respecto ó plano de contacto coa pel. Dous defectos: a capacidade de corte das follas diminúe rapidamente co uso, e os recambios non son adaptables a outras máquinas. Cadro de usuarios: “A mellor. É flexible, adaptable e cómoda de usar. Afeitado suave e eficaz”.

Wilkinson Extra II

  • Refugable, de dobre folla fixa. Sae a 66 pesetas a unidade.
  • Unha opción interesante. A mellor entre as refugables, tanto tecnicamente coma na proba práctica. Inclúe un botón para facer máis doada a súa limpeza. É sinxela, pero eficaz. A única das refugables comparadas que non irrita a pel. Cadro de usuarios: “A sexta mellor. Bo afeitado, cómodo, ergonómico”.

Wilkinson FX Performer

  • Dobre folla, cabezal flexible basculante. O mango e mais dous recambios custan 825 pesetas. Os recambios novos, a 162 pesetas cada un.
  • Outra interesante opción. Tecnicamente, moi boa. Ángulos de afeitado e forzas de corte, satisfactorios. Ángulo de báscula débil, pero o cabezal flexible protexe contra excesos de presión ou a posible mala posición das follas. Recambios non adaptables a outras máquinas. Cadro de usuarios: “A terceira mellor. Bo afeitado, suavidade”.

Wilkinson Protector 3D

  • Dobre folla, cabezal en rotación. Custa 712 pesetas e inclúe dous recambios. Os novos recambios saen a 206 pesetas cada un.
  • Moi avanzada tecnoloxicamente, prevalece a seguridade do afeitado. A capacidade de corte é inferior á das demais máquinas e, ademais, diminúe moito co uso. Recambios non adaptables a outras máquinas. Cadro de usuarios: “A segunda mellor. Seguridade. Deseño ergonómico”.

Gillette GII Plus

  • Dobre folla, cabezal fixo. O mango e 2 recambios custan 590 pesetas. Os recambios saen a 135 pesetas cada un.
  • Moi boa capacidade de corte, pero as follas sobresaen con respecto ó plano de contacto coa pel, o que provoca cortes e irritacións. Recambios adaptables a outras máquinas fixas. Duran bastante: as follas tardan en perde-la súa capacidade de corte. Cadro de usuarios: “A quinta mellor. Afeitado correcto, pero provoca cortes e irritación”.

Gillette Contour Plus

  • Dobre folla, cabezal basculante. O mango e mais dous recambios custan 725 pesetas e cada recambio sae a 134 pesetas. Ángulos de afeitado e capacidade de corte, satisfactorios. A posición das follas depende moito do desgaste da banda lubricante. Recambios adaptables a outra máquinas basculantes. Cadro de usuarios: “A cuarta mellor. Esvara e afeita ben, pero provoca cortes”.

Gillette Blue II Plus

  • Refugable. Dobre folla, basculante.
  • Cada unha custa 95 pesetas. Ángulos de afeitado e capacidade de corte, satisfactorios. As follas superan o plano de contacto coa cara, o que provoca cortes na pel. Cadro de usuarios: “A segunda peor. Afeitado cómodo, pero provoca cortes e irritación”.

Lea

  • Refugable. Dobre folla, fixa. A máis barata, con diferencia: cada máquina custa só 16 pesetas. A súa calidade técnica é a peor das oito. Mango curto. Disposición pouco axeitada das follas con respecto ó plano de contacto coa pel (non o tocan, polo que afeitan pouco). O único positivo: avellentan ben. Cadro de usuarios: “A peor. Mala manexabilidade, mala calidade do afeitado, provoca cortes e irritación. E o aclarado resulta difícil”.