Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Solarios : O abuso e unha utilización incorrecta entraña riscos serioss

Lucir un corpo bronceado converteuse hoxe en día case nunha obriga estética e en toda unha carta de presentación ante os demais

O prezo do moreno

Moito cambiaron as cousas desde que nos anos 70 saíron ó mercado os primeiros modelos de lámpadas bronceadoras. Daquela, as camas solares só tiñan unha parte superior, polo que para conseguir ter moreno todo o corpo era preciso estar “volta e volta”. O mundo do sol artificial evolucionou de tal xeito que actualmente é posible adquirir un rápido e uniforme bronceado en 3 sesións de 15 minutos, ou facelo de pé en sesións de pouco menos de 6 minutos. O prezo de cada sesión oscila entre as 600 e as 2.450 pesetas, dependendo de se o sistema de bronceado é “normal” ou “ultrarrápido”. Sen embargo, o habitual, e máis económico, é adquirir bonos de 6, 10 ou 12 sesións.

Tamén é posible alugar estes aparellos, hai empresas que se dedican a iso instalándoas no domicilio do cliente, por unha ou varias semanas. O custo de pórse moreno na casa varía entre as 9.500 pesetas por unha semana, e as 25.000 pesetas por un mes completo. Quen desexe ter un aparello de raios UVA á súa libre disposición as 24 horas do día, 365 días ó ano, e dispoña dun lugar na súa casa para iso, tamén pode merca-la súa propia cama solar. Hainas desde 90.000 ata 500.000 pesetas, dependendo do modelo.

Tipos de pel

Distínguense catro tipos de pel, dependendo da súa resistencia ó sol que virá dada polo seu capital solar, a cantidade de melanina que se teña e polo código xenético.

  • Tipo I. Persoas con pel moi branca e sensible, pencas, pelo louro ou roxo, e ollos claros. Adoitan queimarse con facilidade e case nunca se broncean. Precisan protección 25 a 30. Ten o límite para a queimadura solar ós 5 ou 10 minutos de comeza-la súa exposición solar.
  • Tipo II. Persoas con pel clara, fina e sensible. Ó principio quéimanse, e despois adquiren un lixeiro ton bronceado. O seu índice de protección é de 20 a 25, e o seu límite para que se produza a queimadura solar está entre 10 e 20 minutos de exposición.
  • Tipo III. O seu ton de pel é claro ou castaño claro. Broncéanse ben debido á súa maior resistencia ó sol. Precisan unha protección comprendida entre 6 e 15, dependendo do tempo de exposición e o límite para que se queimen está entre 20 e 30 minutos de exposición.
  • Tipo IV. É máis grosa e máis resistente á exposición solar. A súa cor natural vai do castaño claro a un ton máis escuro. Broncéase con gran facilidade e é difícil que se queime. O índice de protección que precisa é menor cós anteriores, entre 4 e 10. O límite de queimadura solar está entre os 30 e 45 minutos de exposición.

Un risco coñecido, pero sen lexislar

O risco que entrañan os aparellos de raios UVA levou a que o Instituto Nacional de Consumo (INC) puxese en marcha unha campaña nacional para controlar que se realice un correcto emprego dos 168.000 aparellos de bronceado que existen nos salóns de beleza, de peiteado, ximnasios e solarios. O INC lémbralles ós responsables dos centros que empregan estes artigos “a obriga de garantir un servicio libre de riscos”.

Pero malia ó interese amosado polas Administracións Central e Autonómicas, o certo é que, como denuncian os dermatólogos, no noso país hai unha notoria lagoa legal no tocante ó emprego deste tipo de aparellos. Segundo os especialistas, sería preciso un control das doses emitidas, da cantidade de días que se pode recibir, así como un axuste regular deste tipo de aparellos, que co tempo se estragan e sofren un proceso de contaminación, que implica unha emisión menor de UVA e o comezo dunha emisión de raios ultravioleta B (UVB), que son os responsables do cancro de pel, podendo chegar a producilo. Ademais, no caso de avaría ou mantemento incorrecto, algúns destes aparellos poden comezar a producir radiacións ultravioleta de tipo C, provocando queimaduras na pel.

Os dermatólogos tamén denuncian que o persoal que manexa estas camas, cabinas e lámpadas adoita carecer dos coñecementos mínimos de fotobioloxia e dermocosmética. Para o doutor Guillem ” a este baleiro legal cómpre sumar, ademais, a existencia dunha publicidade totalmente enganosa nalgúns folletos publicitarios empregados polos Centros de Raios UVA”.

No Boletín de Infoconsumo do INC número 20 (ano 1998) xa se facía alusión a un proxecto de decreto en regulación dos centros de bronceado. Entre os anos 1998 e 1999, varias publicacións fixéronse eco desta noticia no sentido da tramitación dun proxecto polo Ministerio de Sanidade que obrigaría a estes centros a poñer nun lugar visible as advertencias precisas para un emprego correcto dos aparellos de raios UVA e as precaucións no caso tomar certos medicamentos, entre outras obrigas. E semella que todo quedou en proxecto.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións