Solarios

O abuso e unha utilización incorrecta entraña riscos serioss

Lucir un corpo bronceado converteuse hoxe en día case nunha obriga estética e en toda unha carta de presentación ante os demais
1 Xuño de 2001

O abuso e unha utilización incorrecta entraña riscos serioss

Os canons de beleza actuais impoñen os tons dourados na pel en calquera estación, e o único xeito de mante-lo moreno durante todo o ano é recorrer a medios artificiais como o solario. Os amplos horarios de apertura dos centros de bronceado -algúns abren as súas portas mesmo os domingos- e uns prezos económicos -un bono de 12 sesións custa unhas 5.000 pesetas- incrementaron notablemente a demanda deste tipo de servicios, e hoxe en día todo bo salón de peiteado, de beleza ou ximnasio incorpora lámpadas de raios UVA, prometendo un bronceado rápido e inofensivo.

Sen embargo, as radiacións UVA artificiais non son tan inocentes como semellan se non se realiza un correcto emprego dos solarios. Amais de manchas na pel e cataratas precoces, o exceso de raios UVA -lembremos que a pel ten memoria- pode provocar efectos moito máis graves. Hai expertos dermatólogos que mesmo relacionan os raios UVA co cancro. Non se trata de crear falsa alarma, pero devén fundamental que o emprego de raios UVA se realice de maneira responsable, sen abusar deles e en centros con persoal cualificado.

Cómo actúan os raios UVA

A acción das camas solares é o resultado dunha complexa tecnoloxía que consiste, grosso modo, en filtra-los raios B, responsables tradicionalmente da formación de distintos tipos de cancro cutáneo, de xeito que a pel só estaría exposta á radiación ultravioleta A, a cal, en teoría, provoca avellentamento cutáneo pero non problemas de saúde. Pero só na teoría, xa que os especialistas insisten en que os raios UVA están directamente relacionados coas alteracións do ADN celular, reaccións fotoalérxicas e fototóxicas, lesións actínicas (precursoras de lesións tumorais), o avellentamento prematuro da pel e a aparición de cataratas.

O doutor Carlos Guillem, presidente da Academia Valenciana de Dermatoloxía non dubidou en declarar a CONSUMER que os raios UVA son un perigo para a pel. Este especialista, que desenvolve o seu labor no Instituto Valenciano de Oncoloxía (IVO), considera que estar moreno supón máis un inconveniente ca unha vantaxe, “os raios ultravioleta danan a nosa pel porque a atravesan afectando ás células vivas da pel, inflamándoas e producindo a coñecida queimadura solar. Nun esforzo por evita-lo futuro dano, a pel xera pigmentos (a melanina), dándolle un aspecto bronceado. Pero o dano acumúlase ano tras ano, bronceado tras bronceado. Os efectos máis graves tenden a aparecer a longo prazo e por iso aínda son moitos os españois que non ven relación ningunha entre o binomio Raios UVA-Cancro”.

O prezo do moreno

Moito cambiaron as cousas desde que nos anos 70 saíron ó mercado os primeiros modelos de lámpadas bronceadoras. Daquela, as camas solares só tiñan unha parte superior, polo que para conseguir ter moreno todo o corpo era preciso estar “volta e volta”. O mundo do sol artificial evolucionou de tal xeito que actualmente é posible adquirir un rápido e uniforme bronceado en 3 sesións de 15 minutos, ou facelo de pé en sesións de pouco menos de 6 minutos. O prezo de cada sesión oscila entre as 600 e as 2.450 pesetas, dependendo de se o sistema de bronceado é “normal” ou “ultrarrápido”. Sen embargo, o habitual, e máis económico, é adquirir bonos de 6, 10 ou 12 sesións.

Tamén é posible alugar estes aparellos, hai empresas que se dedican a iso instalándoas no domicilio do cliente, por unha ou varias semanas. O custo de pórse moreno na casa varía entre as 9.500 pesetas por unha semana, e as 25.000 pesetas por un mes completo. Quen desexe ter un aparello de raios UVA á súa libre disposición as 24 horas do día, 365 días ó ano, e dispoña dun lugar na súa casa para iso, tamén pode merca-la súa propia cama solar. Hainas desde 90.000 ata 500.000 pesetas, dependendo do modelo.

Tipos de pel

Distínguense catro tipos de pel, dependendo da súa resistencia ó sol que virá dada polo seu capital solar, a cantidade de melanina que se teña e polo código xenético.

  • Tipo I. Persoas con pel moi branca e sensible, pencas, pelo louro ou roxo, e ollos claros. Adoitan queimarse con facilidade e case nunca se broncean. Precisan protección 25 a 30. Ten o límite para a queimadura solar ós 5 ou 10 minutos de comeza-la súa exposición solar.
  • Tipo II. Persoas con pel clara, fina e sensible. Ó principio quéimanse, e despois adquiren un lixeiro ton bronceado. O seu índice de protección é de 20 a 25, e o seu límite para que se produza a queimadura solar está entre 10 e 20 minutos de exposición.
  • Tipo III. O seu ton de pel é claro ou castaño claro. Broncéanse ben debido á súa maior resistencia ó sol. Precisan unha protección comprendida entre 6 e 15, dependendo do tempo de exposición e o límite para que se queimen está entre 20 e 30 minutos de exposición.
  • Tipo IV. É máis grosa e máis resistente á exposición solar. A súa cor natural vai do castaño claro a un ton máis escuro. Broncéase con gran facilidade e é difícil que se queime. O índice de protección que precisa é menor cós anteriores, entre 4 e 10. O límite de queimadura solar está entre os 30 e 45 minutos de exposición.

Un risco coñecido, pero sen lexislar

O risco que entrañan os aparellos de raios UVA levou a que o Instituto Nacional de Consumo (INC) puxese en marcha unha campaña nacional para controlar que se realice un correcto emprego dos 168.000 aparellos de bronceado que existen nos salóns de beleza, de peiteado, ximnasios e solarios. O INC lémbralles ós responsables dos centros que empregan estes artigos “a obriga de garantir un servicio libre de riscos”.

Pero malia ó interese amosado polas Administracións Central e Autonómicas, o certo é que, como denuncian os dermatólogos, no noso país hai unha notoria lagoa legal no tocante ó emprego deste tipo de aparellos. Segundo os especialistas, sería preciso un control das doses emitidas, da cantidade de días que se pode recibir, así como un axuste regular deste tipo de aparellos, que co tempo se estragan e sofren un proceso de contaminación, que implica unha emisión menor de UVA e o comezo dunha emisión de raios ultravioleta B (UVB), que son os responsables do cancro de pel, podendo chegar a producilo. Ademais, no caso de avaría ou mantemento incorrecto, algúns destes aparellos poden comezar a producir radiacións ultravioleta de tipo C, provocando queimaduras na pel.

Os dermatólogos tamén denuncian que o persoal que manexa estas camas, cabinas e lámpadas adoita carecer dos coñecementos mínimos de fotobioloxia e dermocosmética. Para o doutor Guillem ” a este baleiro legal cómpre sumar, ademais, a existencia dunha publicidade totalmente enganosa nalgúns folletos publicitarios empregados polos Centros de Raios UVA”.

No Boletín de Infoconsumo do INC número 20 (ano 1998) xa se facía alusión a un proxecto de decreto en regulación dos centros de bronceado. Entre os anos 1998 e 1999, varias publicacións fixéronse eco desta noticia no sentido da tramitación dun proxecto polo Ministerio de Sanidade que obrigaría a estes centros a poñer nun lugar visible as advertencias precisas para un emprego correcto dos aparellos de raios UVA e as precaucións no caso tomar certos medicamentos, entre outras obrigas. E semella que todo quedou en proxecto.

O melanoma

A tendencia cada vez maior a toma-lo sol con escasa precaución e, sobre todo, con pouca protección, triplicou a incidencia do melanoma (o máis agresivo dos cancros de pel, que se orixina nas células que producen a melanina, a substancia que lle dá cor á nosa pel) que en todo o mundo e dun xeito especial en España, onde o cancro de pel é xa o segundo máis frecuente, só é superado polo de pulmón no home e o de mama na muller.

O melanoma maligno está escalando postos a pasos axigantados na escala de procesos oncolóxicos máis frecuentes na poboación mundial (anualmente diagnostícanse en todo o mundo 100.000 casos novos, e aínda que a súa frecuencia dentro dos cancros de pel está entre o 1,5 e o 7%, representa o 65% de tódalas mortes por cancro de pel, o que indica o seu alto potencial de agresividade) e as perspectivas de futuro son pouco alentadoras. A súa incidencia aumenta exponencialmente, cun crecemento do 7% anual e duplícase cada 10 ou 20 anos.

No caso de España, nos últimos anos, os casos de melanoma triplicáronse debido ós novos hábitos de toma-lo sol con pouca precaución e con menos protección. Ademais, trátase dun tumor difícil de diagnosticar, sobre todo porque se acode tarde ó médico por non darlles demasiada importancia ás queimaduras solares.

Moderación igual a saúde e benestar

Malia a todo o devandito, non se debe esquecer que o astro rei é unha fonte de saúde que, como acontece con tódalas demais, se debe usar de maneira axeitada para aproveitar tódolos seus beneficios, xa que tódolos seus perigos se derivan dunha exposición excesiva e irresponsable.

Está demostrado que o sol é fonte de saúde e enerxía. A luz solar axuda a fortalecer ósos e músculos, mellora o estado de ánimo, aumenta a capacidade do sistema inmune para facer fronte ás agresións externas e é imprescindible para produci-la vitamina D no corpo (fundamental no metabolismo do calcio. Tamén prevén o raquitismo nos nenos e, para rematar, é beneficiosa no tratamento de patoloxías dermatolóxicas como a psoríase ou o acne (a PUVA terapia, aplicada por especialistas, mellora o estado das lesións, acelera a cicatrización e reduce a intensidade da enfermidade).

A clave para gozar do sol é, unha vez máis, a moderación. As autoridades sanitarias repiten ano tras ano mensaxes que, ata o de agora, tiveron pouca repercusión na sociedade. De feito, nove de cada dez españois saben que o sol provoca danos e que a maneira de evitalo é utilizar unha protección axeitada. Sen embargo, só seis de cada dez adoptan algunha medida preventiva que, a maioría das veces, resulta insuficiente.

Efectos sobre a pel do exceso de raios UVA

  • Inmediatos

    • Acción calórica
    • Pigmentación rápida da pel
  • Crónicos

    • Avellentamento prematuro da pel
    • Alteración na estructura molecular do ADN
    • Inmunosupresión (baixa as defensas da pel)
    • Cancro de pel
  • Colaterais

    • Manchas na pel e beizos
    • Fotosensibilidade
    • Desencadeamento ou reactivación dalgunhas enfermidades da pel
    • Problemas oculares (cataratas precoces)
Cómo acadar un bronceado saudable
  • Ó elixir un centro de bronceado teña en conta a ventilación, hixiene e características do aparello.
  • Esixa que o persoal especializado do centro analice as características da súa pel antes de marca los minutos que vai permanecer baixo os efectos dos raios UVA.
  • Tanto os nenos coma as persoas de pel moi branca e as mulleres embarazadas deben absterse de usa los solarios.
  • Non use raios UVA se ten nevos ou antecedentes familiares ou persoais de cancro de pel.
  • Sexa prudente se ten pencas ou outras manchas e pigmentos na pel, pois poderían dexenerar en melanomas.
  • Se está tomando medicamentos asegúrese de que non son incompatibles coa radiación ultravioleta. Consúltelle ó seu médico.
  • Non tome máis de 10 sesións ó ano. Lembre que a súa saúde está en xogo.
  • Lembre que o programa de bronceado nun centro especializado debe ser progresivo.
  • A frecuencia das sesións depende de cada tipo de pel. Como norma xeral, entre sesión e sesión deben transcorrer un mínimo de 48 horas.
  • Respecte sempre tanto a periodicidade coma a duración de cada unha das sesións. Non permaneza nin un segundo máis do recomendado segundo o seu tipo de pel.
  • Non tome sesións UVA e se expoña ó sol natural o mesmo día.
  • É conveniente que, como mínimo, media hora antes de introducirse na cabina bronceadora, sexa do tipo que sexa, bote unha crema que conteña un factor elevado de protección.
  • Antes de se introducir na cabina, non esqueza desmaquillarse e retira los restos de perfume da pel para evitar manchas e reaccións alérxicas. Tras cada sesión é recomendable hidrata la pel en profundidade.
  • Antes de iniciar unha sesión, despréndase de calquera obxecto metálico que leve, como cadeas, pulseiras e aneis.
  • Non esqueza usar gafas protectoras e, como medida de seguridade, manteña os ollos pechados durante o tempo de exposición. Protexa o cabelo cun gorro illante.