Pantallas planas para ordenador TFT

Non todo é calidade de imaxe

A ausencia de píxeles defectuosos, o número de conexións e as posibilidades de inclinación e mobilidade, esenciais na súa elección
1 Maio de 2004

Non todo é calidade de imaxe

/imgs/20040501/analisisb01.jpg
Analizáronse sete monitores TFT (planos) de ordenador, que custan entre os 299 euros de Feton e os 449 euros de Packard-Bell. A mellor relación calidade-prezo é LG L1510P, por non ser dos máis caros (384 euros), por ser o único que acada un ‘moi ben’ en calidade global, e por ser tamén o único en incluír unha conexión dixital, amais da analóxica, que evita minguas de calidade se se dispón da conexión adecuada no ordenador (cada vez máis habitual).

Á hora de mercar un monitor de ordenador o usuario débese decantar por unha voluminosa pantalla convencional de tubo de raios catódicos (CRT) ou por unha pantalla plana de cristal líquido do tipo TFT. A calidade de imaxe e precisión nas cores dos TFT non é tan sobresaliente coma nos monitores tradicionais, pero a cambio son máis descansados para a vista e avultan moito menos espazo sobre a mesa de traballo. Os monitores TFT analizados, de 15 polgadas, equivalen en superficie útil ás pantallas convencionais de 17 polgadas.

Aínda que a pantalla dos sete monitores analizados é de 15 polgadas, o tamaño real do monitor completo non é idéntico en todos os casos. HP e Sony son os que menos avultan, Samsung e Packard-Bell os máis liviáns e Feton o máis voluminoso e pesado.

Información en pantalla

A información sobre o estado da pantalla e sobre os axustes realizados sobreimpresiónase nos sete monitores (OSD), polo que resultan máis sinxelos de utilizar. No tocante ó consumo, HP e Fujitsu-Siemens son os que máis gastan (40 W de consumo máximo), mentres que Sony é a menos voraz (25 W). Packard-Bell e Feton non indicaron este importante dato.

A resolución dun monitor indica a cantidade de información que pode amosar na súa pantalla, é dicir, o número de puntos horizontais e verticais que forman unha imaxe. As pantallas TFT veñen cunha resolución nativa, polo que só ofrecerán un resultado óptimo nesa resolución (limitando a capacidade de elección do usuario). Se se intenta traballar con outra resolución (para traballar cun programa específico, por exemplo), o resultado será moi pobre. A resolución destes sete monitores é de 1024×768 (ou, o que é o mesmo, dispoñen de 1024 puntos horizontais e 768 verticais).

Descanso para a vista

/imgs/20040501/analisisb02.jpg
A taxa de refresco indica o número de veces que a imaxe se rexenera na pantalla cada segundo. Canto máis alto sexa este parámetro, máis descansará a vista (seremos menos capaces de discernir que a imaxe está en constante cambio). Nos monitores analizados, a taxa máxima (a que convén utilizar sempre) é de 75 hercios (por exemplo, a televisión convencional ten 50 hercios).

Os monitores de HP, Feton e Fujitsu-Siemens incorporan altofalantes, e Samsung, amais de altofalantes, ofrece un micrófono integrado. A inclinación dos sete monitores pódese regular e en Samsung e LG tamén se pode cambiar a súa altura. LG e Feton son os únicos cunha pantalla que pivota para pasar de formato apaisado (o habitual) a vertical (máis adecuado, por exemplo, para facilitar a lectura de textos longos ou para modificar partituras). Fujitsu-Siemens xira horizontalmente sobre a súa base e Samsung, LG e HP poden colgarse dunha parede.

Todos os monitores ofrecen o conector estándar analóxico de vídeo (chamado VGA ou D-sub). LG é o único que ademais inclúe o conector de vídeo dixital DVI, moito máis eficiente á hora de evitar minguas de calidade, aínda que poucos ordenadores o poden usar aínda. No tocante ás conexións que non son propiamente de vídeo, HP, Feton e Fujitsu-Siemens inclúen entrada de audio, á que Samsung engade unha conexión para o seu propio micrófono integrado. LG incorpora un concentrador (‘hub’) de dúas entradas USB, o que permite dispor dunha conexión destas características no monitor (moito máis cómodo que telo na parte traseira do ordenador).

A proba dos expertos

Varios expertos someteron os monitores a diferentes probas para avaliar a súa calidade de imaxe, sempre coas mesmas condicións de luz ambiental, o mesmo ordenador e o mesmo tipo de conexión: a entrada analóxica, presente en todos os equipos. LG ten, amais da analóxica, unha entrada dixital (mellor), que non se usou neste test para que os datos fosen comparables.

Os resultados foron moi similares entre as sete pantallas, e variaron só desde os 3,8 puntos sobre 5 de Samsung (o máis discreto) ós 4,1 puntos de LG, Feton e Fujitsu-Siemens. As diferenzas máis significativas estiveron en que HP incorpora un preaxuste de brillo desde fábrica que o usuario case non pode modificar (peor).

Mención á parte merecen os píxeles (puntos de imaxe) defectuosos que se atoparon en Feton (tres píxeles), Fujitsu-Siemens (dous píxeles) e Sony (un píxel). Este é un fallo moi visible que algúns fabricantes afirman que non é motivo de devolución do produto, polo que convén probar o monitor a conciencia antes de mercalo. Que nas mostras de Packard-Bell, Samsung, LG e HP non aparezan píxeles erróneos non é en absoluto garantía de que outra pantalla do mesmo modelo non teña o mesmo fallo.

Amais dos expertos, tres usuarios habituais probaron para CONSUMER os sete monitores, e valoraron diferentes parámetros do un ó cinco. Todas as mostras aprobaron, aínda que con diferenzas: Packard-Bell (3,1 puntos sobre 5), Fujitsu-Siemens (3,2 puntos) e Feton (3,4 puntos) non pasaron do ‘normal’. O ‘ben’ alcanzárono HP e Sony (4 puntos), así como Samsung e LG (4,1 puntos).

Packard-Bell, ó non ofrecer ningún manual, obtivo a peor puntuación neste apartado. Fujitsu-Siemens suspendeu polo seu moi mellorable manual e pola súa escasa flexibilidade de movementos (2,7 puntos en ambos os dous apartados). No tocante ó aspecto exterior, o de Samsung e o de Sony son os máis logrados. HP e Sony ofrecen os controis e iconas máis útiles e doados de utilizar.

Packard-Bell FT500 é o único que non dispón de manual de instrucións, un elemento indispensable para un uso correcto e seguro do aparello. Feton e Fujitsu-Siemens só presentaron un manual en papel, e Samsung, LG, HP e Sony tamén incluíron un manual en formato electrónico (en CD-ROM).

Seguridade

Todos os equipos, salvo Packard-Bell, son seguros: mantéñense estables sobre unha superficie inclinada, non contan con fíos nin arestas perigosas, están suficientemente illados, o seu consumo eléctrico é correcto e aturaron de xeito satisfactorio diversos esforzos mecánicos e caídas. Packard-Bell non incumpre a norma de seguridade polo seu comportamento nas probas de laboratorio (nas que foi bo), senón por non incluír o imprescindible manual de seguridade.

Comprobouse a compatibilidade electromagnética, é dicir, que os equipos funcionasen con normalidade tras recibir varias descargas electrostáticas por aire (8 kV) e por contacto (4 kV). Este dato é importante, porque un monitor está ideado para traballar preto doutros equipos electrónicos (ordenador, altofalantes, impresora…) que poden causar interferencias. Feton foi o único que non superou esta proba, ó sufrir interferencias polas que cumpriu apagalo e volvelo acender.

Samsung e Sony foron os únicos que cumpriron a lei de garantías. Fixérono, ademais, de xeito sobresaliente: a norma obriga a dous anos, e ambos os equipos deron tres anos. O resto, ou ben non chegou ós dous anos mínimos, ou si o fixo pero a garantía estaba en inglés (LG), ou nin sequera incluíu un documento de garantía (Feton). De calquera xeito, tanto se o afirman na súa documentación coma se non, todos estes produtos están amparados pola norma que lle ofrece ó usuario dous anos de garantía.

No tocante á súa calidade global, os sete monitores poden englobarse en catro categorías: LG é o único con moi boa calidade, polas súas completas prestacións e características técnicas e por acadar as puntuacións máis altas na proba de uso e no test de calidade de imaxe. Samsung, HP e Sony alcanzan o ‘ben’. Packard-Bell e Fujitsu-Siemens quedan en ‘aceptable’, mentres que Feton obtén un insuficiente polos seus moi modestos resultados nos máis dos parámetros analizados, amais de suspender a proba de compatibilidade electromagnética.

Vantaxes e desventajas
  • As pantallas TFT avultan e pesan significativamente menos.
  • Son máis caras cás súas equivalentes tradicionais.
  • Non sofren distorsión xeométrica (un mal clásico dos tubos catódicos). A cambio, só ofrecen unha resolución, a diferenza das convencionais, nas que este parámetro se pode elixir dentro dun rango. A relación de aspecto (o ancho polo alto) tamén é fixa (5:4), e diferente á dos monitores tradicionais (4:3), polo que con certas aplicacións se desaproveitará unha parte da pantalla.
  • Cansan menos a vista.
  • Ofrecen un peor contraste e a súa calidade e gama de cores non é tan boa coma nun monitor tradicional. Por iso, algúns expertos non as recomendan para aplicacións de deseño gráfico.
  • O seu consumo eléctrico, emisión de calor e emisións electromagnéticas son máis reducidas.
  • Amais da clásica conexión analóxica, admiten unha conexión dixital.
  • Hai máis posibilidades de que un punto de imaxe (píxel) non funcione ou sexa máis débil có resto.
  • Os seus tempos de resposta son lentos, polo que son peores para ver imaxes en movemento (como as películas ou a maioría dos videoxogos).

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete monitores TFT de 15″ (equivalentes a un convencional de 17″), de prezo entre os 299 euros de Feton LM15D e os 449 euros de Packard-Bell FT500.
  • Os monitores TFT teñen menos fondo, son máis liviáns, producen menos calor e son máis descansados para a vista cós tradicionais, pero a súa calidade de imaxe non é tan boa.
  • A garantía de Packard-Bell, LG, HP, Feton e Fujitsu-Siemens non é correcta. Packard-Bell non ofrece manual de instrucións nin cable de rede eléctrica, o que fai que suspenda a proba de seguridade eléctrica. Feton non aproba o test de compatibilidade electromagnética (sofre coas interferencias).
  • A calidade de imaxe dos sete monitores só variou desde os 3,8 puntos sobre 5 de Samsung ata os 4,1 puntos de LG, Feton e Fujitsu-Siemens. Sony, Feton e Fujitsu-Siemens tiñan os moi visibles píxeles defectuosos (puntos de imaxe que non funcionaban).
  • Na proba de uso, os modelos mellor valorados son os de Samsung e LG (ambos os dous 4,1 puntos sobre 5) e Packard-Bell obtivo a valoración máis discreta (3,2 puntos). No tocante á calidade global, LG é o único que chega ó ‘moi ben’. Samsung, HP e Sony van detrás cun ‘ben’, e Packard-Bell e Fujitsu-Siemens cun ‘aceptable’. Feton suspendeu.
  • A mellor relación calidade-prezo é LG, por ser o mellor en calidade de imaxe e na proba de uso, por incorporar unha conexión de vídeo dixital e por non ser dos máis caros.
Marca
Modelo
LG
Flatron l1510P
HEWLETT-PACKARD
Pavilion F1523
FUJITSU-SIEMENS
CTM5010
SAMSUNG
SM 152S
Prezo (euros) 384 353 349 395
Información e protección ó consumidor
Manual de instrucións Si Si Si Si
Marcaxe CE Si Si Si Si
Información de seguridade Si Si Si Si
Garantía Incumpre Incumpre Incumpre Correcto
Compati- bilidade electro- magnética (EMC) Correcto Correcto Correcto Correcto
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto Correcto
Características técnicas
Dimensións externas (mm) 356×380
x229
340×343
x190
380×394
x184
357×365
x185
Dimensións pantalla 15″ (mm) 304×228 304×228 304×228 304×228
Peso (base incluída) (kg) 5,1 4,2 5,1 3,1
Consumo máximo (W) 30 40 40 31
Luminancia (cd/m2) 300 NI NI 250
Taxa de contraste 400:1 NI NI 330:1
Dot pitch (mm) NI 0,297 0,297 0,297
Tempo de resposta (ms) 25 NI NI 25
Cores (millóns) 16,2 NI NI 16,2
Resolución máxima 1024×768 1024×768 1024×768 1024×768
Ángulo de visión (horizontal/vertical) (º) 160/140 NI NI 140/120
Altofalantes integrados Non Si Si Si
Micrófono integrado Non Non Non Si
Conectores D-sub
Digital DVI
Hub USB (2)
D-sub
Entrada audio
Auriculares
D-sub
Entrada audio
Auriculares
D-sub
Entrada audio
Auriculares
Entrada/saída micrófono
Ergonomía Inclinación regulable
Altura regulable
Pivotable 90º
Instalación mural
Inclinación regulable
Instalación mural
Inclinación regulable
Xiro horizontal sobre a súa base
Inclinación regulable
Altura regulable
Instalación mural
Calidade de imaxe (escala 1 a 5) 4,1 4,0 4,1 3,8
Proba de uso (escala 1 a 5) 4,1 4,0 3,2 4,1
Calidade global Moi ben Ben Aceptable Ben
Marca
Modelo
SONY
S-53
PACKARD-BELL
FT500
FETON
LM15D
Prezo (euros) 423,36 449 299
Información e protección ó consumidor
Manual de instrucións Si Non Si
Marcaxe CE Si Si Si
Información de seguridade Si Si Si
Garantía Correcto Incumpre Incumpre
Compati- bilidade electro- magnética (EMC) Correcto Correcto Incorrecto
Seguridade eléctrica Correcto Incorrecto Correcto
Características técnicas
Dimensións externas (mm) 339×370
x186
351×362
x186
440×410
x175
Dimensións pantalla 15″ (mm) 304×228 304×228 304×228
Peso (base incluída) (kg) 3,7 3,7 6
Consumo máximo (W) 25 NI NI
Luminancia (cd/m2) NI NI NI
Taxa de contraste NI NI NI
Dot pitch (mm) NI 0,297 0,297
Tempo de resposta (ms) NI NI NI
Cores (millóns) NI NI 16,7
Resolución máxima 1024×768 1024×768 1024×768
Ángulo de visión (horizontal/vertical) (º) NI NI 140/140
Altofalantes integrados Non Non Si
Micrófono integrado Non Non Si
Conectores D-sub D-sub D-sub
Entrada audio
Auriculares
Ergonomía Inclinación regulable Inclinación regulable Inclinación regulable
Pivotable 90º
Calidade de imaxe (escala 1 a 5) 3,9 3,9 4,1
Proba de uso (escala 1 a 5) 4,0 3,1 3,4
Calidade global Ben Aceptable Insuficiente

Un a un

Unha por unha, sete pantallas TFT

LG Flatron L1510P

  • /imgs/20040501/FLATRON2.jpg 384 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo. Incumpre a normativa de garantías por ofrecela en inglés. É o segundo máis grande e pesado. O único con entrada de vídeo dixital DVI e ‘hub’ de dous portos USB. Altura regulable, pivotante 90º e admite instalación mural. O de maior flexibilidade de movementos, pero o seu manual non está totalmente traducido e non indica todos os pasos para a súa posta en marcha.
  • Proba de uso: 4,1 sobre 5, o mellor. Calidade de imaxe: 4,1 puntos sobre 5, o mellor.

Hewlett-Packard F1523

  • 353 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • Non ofrece os dous anos mínimos de garantía. É o máis pequeno. O maior consumo eléctrico máximo (40 W). Entrada de audio e auriculares e instalación en mural. Guía de instalación, manual e funcións moi claros e detallados.
  • Proba de uso: 4 puntos sobre 5. Calidade de imaxe: 4 puntos sobre 5.

Fujitsu-Siemens CTM5010

  • 349 euros, o segundo máis barato.
  • Calidade global: Aceptable.
  • Non ofrece os dous anos mínimos de garantía. O segundo máis pesado. O maior consumo eléctrico máximo (40 W). Entrada de audio e auriculares e xiro horizontal sobre a súa base. Dous píxeles defectuosos. Dos máis voluminosos e manual mal traducido.
  • Proba de uso: 3,2 puntos sobre 5, o segundo peor. Calidade de imaxe: 4,1 puntos sobre 5, o mellor.

Samsung SM 152s

  • 395 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • O máis lixeiro. Con micrófono e auriculares. Entrada de audio e de micrófono. Altura regulable e instalación mural. Guía de instalación e manual moi completos, con explicacións e funcións moi claras. O aspecto exterior máis coidado.
  • Proba de uso: 4,1 puntos sobre 5, o mellor. Calidade de imaxe: 3,8 puntos sobre 5, o peor.

Sony S-53

  • 423,36 euros, o segundo máis caro.
  • Calidade global: Ben.
  • O segundo máis pequeno e o de menor consumo máximo (25 W). Poucas prestacións. Un píxel defectuoso. Aspecto exterior moi coidado e boas posibilidades de axuste dos parámetros de imaxe.
  • Proba de uso: 4 puntos sobre 5. Calidade de imaxe: 3,9 puntos sobre 5.

Packard-Bell FT500

  • 449 euros, o máis caro.
  • Calidade global: Aceptable.
  • Sen manual de instrucións, manual de seguridade, nin cable de rede. Non ofrece os dous anos mínimos de garantía e incumpre a norma de seguridade eléctrica. Poucas prestacións.
  • Proba de uso: 3,1 puntos sobre 5 posibles, o peor. Calidade de imaxe: 3,9 puntos sobre 5.

Feton LM15D

  • 299 euros, o máis barato.
  • Calidade global: Insuficiente.
  • Sen documento de garantía. Fallou na proba de compatibilidade electromagnética. O máis grande e pesado. Entrada de audio e auriculares e pivota 90º. Tres píxeles defectuosos (o peor). Menús pouco atraentes e confusos. Aspecto exterior mal valorado.
  • Proba de uso: 3,4 puntos sobre 5. Calidade de imaxe: 4,1 puntos sobre 5, a maior puntuación.