Análise documental para coñecer o panorama internacional e nacional da natalidade

Natalidade en caída libre

En España, pasouse dos 18,7 nacementos por cada 1000 persoas en 1976 aos apenas 9 de 2014. Os expertos urxen políticas de apoio á fecundidade, como redistribuír os custos dos fillos, e como reformar a xornada laboral e reformular a política dos permisos de paternidade e maternidade.
1 Outubro de 2015
Img tema de portada listado 167

Natalidade en caída libre

A natalidade é, hoxe en día, un motivo de preocupación no noso país. Desde hai décadas, non se cumpre coa taxa de substitución: 2,1 fillos por muller, o índice de fecundación mínima necesaria para que unha poboación se manteña no tempo sen que diminúa o seu volume.

Unha adecuada taxa de fertilidade permítelles ás sociedades manter o seu nivel de benestar e crecemento económico. Segundo o economista Paul Wallace, “o principal investimento de calquera sociedade debe ser na súa propia substitución”. E é que se os índices de fecundidade caen dunha forma constante, o envellecemento da poboación pode ter un efecto negativo no crecemento do PIB. España é un caso extremo, posto que as taxas de natalidade non cesan de baixar e calcúlase que o cociente de dependencia da poboación maior se incrementará aproximadamente nun 140 % no ano 2050.

Por outra banda, a natalidade é fundamental para o ser humano porque non hai que esquecer que ter fillos é un desexo vital para gran parte da poboación. De feito, as preferencias dos cidadáns nos países avanzados sitúanse ao redor dos dous fillos ou máis. Pero están a producirse diferenzas importantes entre o número de fillos que se teñen e os que se desexaría ter. En España, por exemplo, un 30 % das mulleres vense obrigadas a conformarse con ter un só fillo.

Ante esta situación, EROSKI CONSUMER quixo coñecer de primeira man cales son os datos estatísticos que debuxan o panorama da fertilidade no mundo e, máis concretamente, en territorio español; datos que permiten realizar unha retrospectiva do problema da natalidade. Para iso, revisáronse varios estudos publicados en datas recentes por diversas entidades internacionais (Nacións Unidas e o Banco Mundial de datos) e tamén nacionais (o Instituto Nacional de Estatística, INE), entre outras.

A conclusión principal é que os países avanzados están a perder natalidade, e España atópase entre eles. Malia todo, algúns países europeos xa tomaron medidas para reverter esta tendencia; de feito, conseguiron manter unha taxa de fecundidade equilibrada.

Non é o caso do noso país, onde se seguen mantendo taxas persistentemente baixas, sen que se tomen medidas para evitalo. Por iso, os expertos urxen políticas de apoio á fecundidade porque, de seguir así, o futuro non é nada alentador.

A fertilidade no mundo

No mundo

A fertilidade no mundo diminuíu significativamente desde a década dos 60; concretamente, a partir do ano 1964, cando cada muller tiña unha media de 5 fillos. Esta cifra nunca se volveu recuperar e, na actualidade, o índice medio de fertilidade sitúase en 2,5 fillos por muller.

No último medio século, esta diminución da fertilidade produciuse en todas as rexións do mundo a ritmos diferentes: desde un 70 % en Asia Oriental e o Pacífico, ata un 24 % en África Subsahariana.

Con todo, naquela época, cada unha das rexións partía cun nivel de fertilidade distinto. Mentres Oriente Medio, África, Asia Meridional, Asia oriental, o Pacífico, América latina e o Caribe tiñan unha taxa moi alta de fertilidade (máis de 6 fillos por muller), en Europa, Asia Central e América do Norte, era moderada (ao redor de 3,5 fillos por muller).

Cincuenta anos despois, só África Subsahariana mantén unha taxa de fertilidade alta (5,1 fillos por muller). En América latina, o Caribe, Oriente Medio, norte de África e Asia Meridional, o índice é moderado (ao redor de 2,5 fillos por muller) e en Europa, Asia Central e Oriental, o Pacífico e América do Norte, é baixo (menos de 2 fillos por muller).

A pesar destes datos, segundo un informe elaborado en 2014 por Nacións Unidas, en Europa, os niveis de fertilidade aumentaron lixeiramente nalgúns países no últimos cinco a dez anos, aínda que non bastou para alcanzar o nivel de substitución de 2,1 fillos por muller, o nivel de fecundación mínima necesaria para que unha poboación se manteña no tempo sen que diminúa o seu volume, sen ter en conta as migracións.

Así, países de Europa Occidental (como Austria e Alemaña) e a práctica totalidade dos países de Europa Oriental e Meridional seguían tendo niveis de fertilidade inferiores a 1,5 fillos por muller en 2014.

En liñas xerais, a media de idade do primeiro parto aumentou tanto nos países cunha baixa fertilidade coma naqueles cun índice alto. Porén, nestes últimos, aínda son mulleres moi novas, especialmente en África Subsahariana, onde en 9 países é de menos de 19 anos. Aínda así, nos países cunha fecundidade alta, tamén se produciu un importante aumento no uso de anticonceptivos, especialmente no leste de África.

Pola contra, nos países cunha taxa de fertilidade baixa, é moi común pospoñer a idade do primeiro parto. Por exemplo, en Grecia, Italia, Luxemburgo e Suíza o primeiro parto é a partir dos 30 anos.

O caso especial de España

En España

A natalidade en España non é allea ás tendencias dos seus veciños máis próximos. Segundo o INE, durante 2014, naceron no noso país un total de 426.303 nenos (son datos provisionais). Por primeira vez desde hai 6 anos, aumentou o número de nacementos, pero apenas o fixo nun 0,1 % con respecto a 2013 (apenas 588 nenos máis). E é que desde 2008, cando se alcanzou a cifra máxima de nacementos (519.779 nenos), a natalidade foi decrecendo e non se volveu recuperar.

A pesar deste pequeno repunte, os expertos non falan dun cambio de tendencia. Explican que simplemente se recuperaron os niveis de 2012, tras o pánico xerado coa chegada da crise en 2008, que supuxo importantes descensos en 2009 e 2013.

Por tanto, tras este pequeno espellismo, os datos non son alentadores. Cada muller en España ten agora unha media de 1,3 fillos, unha cifra moi afastada dos 2,8 fillos que nacían en 1976. De feito, 1980 foi o último ano en que se cumpriu coa taxa de substitución (entón, cada muller tiña unha media de 2,2 fillos).

E é que, se se bota a vista atrás, as taxas de natalidade en España precipitáronse a un ritmo vertixinoso e pasaron de 18,7 nacementos por cada 1000 persoas en 1976 a só 9 na actualidade. Diminuíron a metade.

Por outra banda, segundo o INE, o número de mulleres entre 15 e 49 anos (en idade de ser nais) tamén continúa baixando desde 2009. Entón, contabilizábanse 11,6 millóns de mulleres en idade fértil, mentres que agora son 10,9 millóns.

Este descenso débese a tres razóns. En primeiro lugar, porque chegan a ese rango de idades xeracións menos numerosas nadas durante a crise de natalidade dos 80 e da primeira metade dos 90. En segundo lugar, pola menor achega da inmigración exterior. E, en terceiro lugar, polo maior aumento de emigracións ao exterior dos últimos anos.

Pola súa banda, a idade media da maternidade elevouse a 31,8 anos en 2014, fronte aos 31,7 do ano anterior. En case 40 anos, as mulleres aprazaron 3 anos a maternidade (en 1975 a idade media situábase nos 28,8 anos).

No futuro, os expertos prevén que o número de nacementos seguirá descendendo debido á taxa de fertilidade tan baixa e ao número descendente de nais en idade fértil.

Caída brutal

Un recente estudo publicado na revista Anales de Pediatría e coordinado en 2014 polo pediatra Jesús María Andrés, analiza os máis de 38 millóns de nacementos rexistrados en España entre 1941 e 2010. Nel, faise fincapé no “descenso brutal” da natalidade, unha tendencia que non parece que vaia reverter.

Así mesmo, outra investigación elaborada en 2013 baixo a supervisión do sociólogo danés Gøsta Esping-Andersen, denominada “O déficit de natalidade en Europa”, lembra que España vive unha situación que chama a atención. E é que aínda que se produciu un descenso xeneralizado das taxas de fecundidade en todos os países avanzados, no territorio español a caída foi moito máis pronunciada.

O exemplo pódese atopar nos Estados Unidos, en Canadá e nalgúns países europeos (Reino Unido, Francia, Holanda e os países escandinavos), onde se produciron caídas máis modestas que se recuperaron despois e alcanzaron un equilibrio de fecundidade estable ao redor dos dous fillos por muller.

Entón, cal é o problema do noso país? Por que España pasou de ser o país coa maior fecundidade de Europa (2,9 fillos por muller en 1970) a ter o índice máis baixo do mundo (1,15 en 1998)?

No estudo do pediatra Jesús María Andrés, menciónanse algúns factores socioculturais que explicarían esta caída. Por exemplo, a maior porcentaxe de mulleres con traballo remunerado, o maior número de persoas con estudos universitarios, o incremento da renda familiar e a transformación do estilo de vida en España.

Pero o caso é que estas circunstancias tamén se produciron noutras sociedades desenvolvidas, nas que a taxa de fertilidade se conseguiu equilibrar. Por tanto, que ocorre en España?

Que factores explican esta situación?

Emprego e igualdade

A investigación supervisada polo sociólogo danés Gøsta Esping-Andersen pon o foco de atención en dous aspectos: as condicións de emprego e a igualdade de sexos.

Hoxe en día, en España, as elevadas taxas de paro xeran inseguridade laboral (especialmente entre os traballadores novos). A consecuencia é que se atrasa o paso a un emprego estable e a conseguir unha independencia económica. Por conseguinte, tamén se atrasa o feito de formar unha familia. Hai que lembrar que a decisión de ter un fillo está directamente relacionado coa seguridade económica.

Ademais, a principal dificultade á que se enfrontan as mulleres españolas non é a maternidade en si, senón alcanzar a posibilidade de ter máis dun fillo. Aquí entra en xogo a flexibilidade laboral, especialmente importante cando se pretende conciliar a vida laboral coa maternidade. Segundo o estudo, a dispoñibilidade de empregos a tempo parcial e no sector público inflúe positivamente nos niveis de fecundidade.

En canto á igualdade de sexos, a investigación insiste en que se debe alcanzar unha igualdade en todos os ámbitos da sociedade (tanto nas relacións coa familia coma coas institucións) para poder alcanzar a taxa de fecundidade desexada.

Ausencia de políticas

Os expertos aseguran que o precipicio que debuxaron ao longo dos anos as taxas de fertilidade se debe a unha histórica ausencia de políticas que promovan a natalidade. Por este motivo, urxe tomar medidas canto antes. Neste sentido, o estudo coordinado por Esping-Andersen identifica tres prioridades:

  1. Recoñecer e adaptarse ao compromiso das mulleres coa educación e coa súa traxectoria profesional. É un proceso irreversible e a sociedade, en todos os seus ámbitos, debe adaptarse a esta realidade.
  2. Redistribuír os custos dos fillos. España carece dun sistema adecuado de axudas ás familias e aos fillos e a demanda de prazas en escolas infantís para menores de 3 anos excede con moito á oferta. Ademais, a dispoñibilidade das avoas coidadoras esgotarase a curto prazo e o custo das escolas infantís privadas non está ao alcance da maioría das familias. Por tanto, a medida máis eficaz para combater a baixa natalidade é a de investir nas escolas infantís de 0 a 3 anos.
  3. O mercado laboral debe adaptarse. Existe unha imperiosa necesidade de reformar a xornada laboral (excesivamente longa), de que se ofreza a contratación a tempo parcial, de mellorar a protección laboral das mulleres traballadoras e de reformular a política dos permisos de paternidade e maternidade; estes son demasiado curtos e deberían incluír a posibilidade de que ambos os proxenitores poidan coidar dos seus fillos.
A lei para a conciliación en España

A Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes establece unha serie de medidas, entre elas:

Permisos retribuídos

  1. Maternidade: 16 semanas de permiso, que se amplían 2 semanas en caso de nacemento, adopción ou acollida de fillos con discapacidade.
  2. Paternidade: 13 días interrompidos por nacemento, adopción ou acollida, que se suman aos 2 días recoñecidos por convenio colectivo. É un permiso autónomo do da nai.
  3. Lactación: 1 hora diaria que pode acumularse en días libres ou xornadas completas. Se ambos os proxenitores traballan, pódenos gozar indistintamente.
  4. Vacacións: recóllese o dereito a gozalas fóra dos períodos de incapacidade temporal por embarazo, parto ou lactación e se coincide coa suspensión por paternidade ou maternidade.
  5. Outros: increméntanse 2 días (4 se é necesario un desprazamento) nos seguintes supostos:
  • Falecemento, accidente ou enfermidade grave de parentes, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
  • Hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade, sempre que se necesite repouso domiciliario.

Permisos non retribuídos

  1. Redución de xornada: para coidar de menores de 8 anos ou persoas con discapacidade que non desempeñen ningunha actividade retribuída, así como para coidar de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que non poidan valerse por si mesmos e que non desempeñen ningunha actividade retribuída. A xornada pódese reducir, con baixada de salario, entre un 1/8 e a metade da xornada.
  2. Excedencias: dous tipos:
  • Voluntaria: con polo menos un ano de antigüidade na empresa e por un prazo mínimo de 4 meses e máximo de 5 anos.
  • Garda legal: de duración non superior aos 3 anos para coidar de cada fillo (natural, de adopción ou acollida), computable desde a data de nacemento.
  • Coidado de familiares: menos de 2 anos para atender un familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade non poidan valerse por si mesmos.

Nos casos de garda legal e coidado de familiares, terase dereito á reserva do posto de traballo durante o primeiro ano. Ademais, os 2 primeiros anos de excedencia considéranse tempo cotizado para os efectos da Seguridade Social -por coidado de fillos- e o primeiro ano de excedencia -por coidado de familiares-.