CDs virxes gravables e regravables

Moi diferentes en prezo, pero non en calidade

A súa durabilidade case non difire, polo que o prezo e a velocidade á que poden ser gravados son claves na súa elección
1 Maio de 2006

Moi diferentes en prezo, pero non en calidade

/imgs/20060501/analisisbg.jpgO primeiro medio de almacenamento dixital masivo, o Compact Dics (CD) cumpriu o seu primeiro cuarto de século. O que comezou sendo un sistema para almacenar música (o primeiro que permitía reproducir sen pausas a Novena sinfonía de Beethoven), serve hoxe para gardar calquera información dixitalizable, desde fotografías ata películas enteiras. E non perde vixencia: mesmo os sistemas chamados a substituír o DVD (Blu-ray e HD-DVD) comparten co DC tamaño e forma e, o que é máis importante, os seus reprodutores len sen problemas os xa veteranos CDs. O motivo desta lonxevidade pouco habitual no mundo tecnolóxico? A pesar do ‘exiguo’ da súa capacidade (seis veces menos ca un DVD) os gravadores e discos compactos virxes son moi económicos e a súa capacidade de almacenamento resulta abonda para a maioría dos usos domésticos.

Analizáronse no laboratorio dez discos gravables (isto é, que só poden ser gravados unha vez, coñecidos polas siglas CD-R) e outros dez regravables (pódese borrar e volver a gravar neles, CD-RW). Os que só admiten unha gravación custan practicamente a metade que os segundos. As diferenzas de prezos entre eles son significativas: nos CD-R desde os 0,40 euros de E.com e ThinkXtra ata os 1,10 euros de Philips e nos CD-RW desde os 89 euros de TDK e Super Max2000 ata o 1,50 euros de Emtec. A mellor relación calidade prezo dos gravables (CD-R) é Verbatim, que supera todas as probas e é un dos máis baratos (0,45 euros). Entre os regravables (CD-RW), é TDK, o máis barato e cunha boa calidade global.

Máis ca datos e audio

Aínda que algúns compactos afirman estar indicados para “datos” e outros para “datos” e “audio” o certo é que os vinte gardan a información que desexemos: ben sexa música, documentos ou vídeo. O laboratorio comprobou que a capacidade dos vinte é, polo menos, de 700 megabytes (o que afirmas nas súas etiquetaxes, o cal equivale a 80 minutos de música se se grava como un compacto de música convencional).

As gravadoras de CD evolucionaron ata permitiren gravar a unha velocidade moi superior á que reproducen, pero non todos os CDs virxes soportan estas velocidades (se se forzan os compactos poderían non soportar o número de revolucións e esnaquizarse dentro da unidade). A velocidade de reprodución dun CD de música convencional coñécese como 1x, e a velocidade de gravación indícase polo múltiplo desa velocidade. Así, unha gravadora 24x gravará 24 veces máis rápido que o que tarda de reproducirse un compacto de música. Super Max2000 omite o dato da velocidade de escritura recomendada. A velocidade dos gravables móvese entre valores moi similares: 48x e 52x. Entre os regravables (regravar leva máis tempo ca gravar) a velocidade oscila entre os 4x de Sony, Fujifilm e Maxel e os 24x de Memorex. Todos gravan axeitadamente á velocidade recomendada nas súas etiquetas.

O tempo de gravación dun disco depende de diversos factores (moitos dos cales afectan ao propio ordenador ou ao programa utilizado). Por iso, o laboratorio gravou estes CDs baixo condicións idénticas, seguindo as directrices que recomendan nas súas etiquetas. Entre os CD-RW as variacións no tempo que necesitaron para a gravación foron significativas: desde os case 22 minutos de Fujifilm, Sony e Maxel ata os pouco máis de seis minutos de Memorex. Entre os CD-R as variacións non foron tan grandes. Mx Onda necesitou 4 minutos e 38 segundos para a gravación completa do disco e Emtec, o que máis tardou, un minuto máis.

A calidade destas gravacións mediuse cun programa que realiza un diagnóstico de erros no disco, mesmo dos fallos menores que non afectan á calidade da súa reprodución. Nos CD-R de Philips, Sony, Memorex, Ecom e Maxell e os CD-RW de Super Max2000, Emtec e Fujifilm producíronse erros na fase final de gravación, pero non afectan ao seu uso. Tamén se comprobou (mediante sucesivas gravacións e borrados) que funcionan de igual maneira coas aplicacións de gravacións máis comúns.

As cores

A capa de pintura superior é branca, agás en TDK que é turquesa. A tintura inferior é verde nos CD-R e gris nos CD-RW, se ben ningún compacto indica nas súas etiquetas de que tintura orgánica se trata. Moitos usuarios confiren a esta cor unha importancia excesiva para definir a calidade do CD, se ben os expertos indican que en condicións normais as diferentes tinturas funcionan igual de ben, sendo tan só en condicións extremadamente desfavorables cando se aprecian as diferenzas.

A durabilidade dun disco óptico depende da luz solar, a humidade, a temperatura e, por suposto, dos accidentes que poida sufrir. O laboratorio comprobou como se desenvolvían ante condicións climáticas extremas sometendo dúas mostras de cada produto (unha vez gravados) a baixas temperaturas (-20ºC) durante 24 horas e a altas temperaturas (60ºC) outras 24 horas. O regravable de Memorex foi o único compacto en non superar a proba, ao perder a información trala proba de quentamento. Para comprobar a incidencia do Sol expuxéronse polas dúas caras durante 72 horas aos raios directos. Memorex tampouco superou esta proba.

Ante a posibilidade de que o usuario derrame café ou refresco sobre os compactos, comprobouse como reaccionaban ante o contacto con estes líquidos. Someteuse os CD a unha impregnación de alcol e a outra con refrescos, tras o cal limpáronse con auga enxaboada e un produto multiusos. Os vinte seguiron funcionando tras este test. É coñecida a fraxilidade destes discos que carecen de carátula que os protexa (a diferenza das casetes, as cintas VHS ou os disquetes). Realizáronse dúas probas de raiado: unha suave, como a que se produciría ao facelo esvarar sobre unha superficie e outro máis profundo, usando un punzón. Os corenta discos (dous CDs por cada produto analizado) superaron a proba menos estrita. como era de esperar o comportamento na segunda non foi tan positivo: Verbatim gravable é o único que seguiu funcionando.

Vida útil

A vida de uso mediuse reproducindo durante 48 horas seguidas cada CD-R e gravando e borrando 50 veces cada CD-RW. Todos seguiron funcionando sen problema. En canto á súa resistencia ás caídas, deixáronse caer tres veces (unha por cada cara e outra de canto) desde un metro de altura sobre unha superficie de formigón. Un dos dous discos de Thinkxtra que se lanzaron rompeu.

Mención á parte merecen as etiquetas coas que algúns usuarios rotulan os compactos. En xeral están desaconselladas porque poden desestabilizar e acabar por romper o disco cando xira a alta velocidade. Pero, para comprobar se o propio adhesivo podía producir algún dano, pegáronse dúas etiquetas sobre a cara superior do compacto. Dous días despois despegáronse. Nunha segunda proba entre a posta e o despegamento do adhesivo só transcorreron cinco segundos. Emtec fallou en ambas (despréndese parte da superficie prateada onde está escrita a información), aínda que advirte na súa etiquetaxe que esta non é unha práctica aconsellable. E.com falla só na primeira proba, pero a súa etiquetaxe vén en inglés, polo que un usuario non ten por que saber que esa práctica é perigosa para a integridade do disco.

Con moito agarimo

Todos os CDs, mesmo os de maior calidade, son fráxiles e sofren o paso do tempo. Por iso é recomendable conservar sempre unha segunda copia do contido (unha copia de seguridade) noutro CD ou noutro formato, como un disco duro ou un DVD. Tamén convén replicalo cada sete anos para evitar que o avellentamento do material acabe coas fotos ou as cancións que teñamos gardadas nel. Pero, máis aló destas precaucións, unha correcta manipulación aumentará a súa lonxevidade de maneira notable.

  • Gardar os CD en envases individuais, preferentemente opacos e protexidos de temperaturas e humidades altas.
  • Collelos polos bordos para evitar deixar pegadas dactilares.
  • A exposición solar dánaos. Unhas horas no salpicadeiro do coche a pleno sol pode inutilizalos.
  • Para marcalos é preferible utilizar un rotulador para CD (os que escriben tamén sobre cristal), que non sexa de punta ríxida. Non pegar etiquetas, e menos aínda despegar as xa colocadas.
  • Non sometelos a golpes nin á acción de obxectos punzantes.
  • A mellor forma de limpalos é cunha gamuza para limpar lentes. Nunca fregar en sentido circular, senón radial. Para limpalos non convén usar disolventes ou substancias agresivas.
  • Se a información se vai almacenar durante un longo período, é preferible utilizar CD-R, xa que os CD-RW (regravables) son máis sensibles a cambios bruscos de temperatura.

En síntese e Táboa comparativa

En síntese

Analizáronse vinte discos compactos virxes de 700 megabytes / 80 minutos; a metade só admiten unha gravación (CD-R) e a outra metade pódese borrar e volver a gravar a vontade (CD-RW).

  • Aínda que na denominación indican que son de “audio” ou de “audio e datos”, os vinte permiten almacenar calquera información dixital: audio, vídeo ou programas informáticos.
  • A súa capacidade é, polo menos, a que afirman (700 Mb) e gravan adecuadamente á máxima velocidade indicada (que pode ser menor que a máxima que ofreza a gravadora, polo que esta deberá “ralentizarse” para evitar roturas). Super Max2000 non indica a velocidade máxima de gravación.
  • A maioría pasou folgadamente as probas de durabilidade. As excepcións: o CD-RW Memorex deixou de funcionar a 60ºC e ao expoñer a cara gravable á luz solar durante 72 h. O CD-R ThinkXtra rompeu na proba de caídas. CD-R Emtec e E.com romperon cando se despegou unha etiqueta posta 48 horas antes, algo que nunca debe realizarse tal e como Emtec indica na súa etiquetaxe. Nos CD-R Philips, Sony, Memorex, Ecom e Maxell e os CD-RW Super Max2000, Emtec e Fujifilm detectouse un erro na calidade de gravación que non inflúe na súa reprodución.
  • A mellor relación calidade-prezo entre os que só admiten unha gravación é Verbatim 52x (0,45 euros) e Emtec 52x (0,44 euros), e entre os regravable TDK 12x (0,89 euros). Os dous son os máis baratos no seu grupo e superan todas as probas realizadas.

CD gravable

Marca VERBATIM EMTEC THINKXTRA MX ONDA MEMOREX
Prezo (euros / unidade) 0,89 1,89 1 1,19 1,36
Formato Tarro 25 unid. Tarro 25 unid. Tarro 25 unid. Tarro 25 unid. Tarrina 10 unid.
Características técnicas:
Formato de gravación Datos Datos/Audio Datos/Audio Datos/Audio Datos/Audio
Capacidade max1 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB
Velocidade2 52x 52x 52x 52x 52x
Tempo de gravación (min:sg) 4:47 5:49 4:58 4:38 5:07
Cor anverso Branco Branco Branco Branco Branco
Cor reverso Verdoso Verdoso Verdoso Verdoso Verdoso
Aptitude á función:
En que fallan? Correcto Correcto Resistencia a caídas Correcto Calidade de gravación
Calidade global Boa Boa Aceptable Boa Aceptable
Marca TDK SONY MAXELL PHILIPS E.COM
Prezo (euros / unidade) 1,46 1,50 1,19 1,32 0,95
Formato Tarro 25 unid. Caixa 10 unid. individuais Caixa 10 unid. individuais Caixa 10 unid. individuais Tarro 25 unid.
Características técnicas:
Formato de gravación Datos/Audio Datos/Audio Datos/Audio Datos/Audio Datos/Audio
Capacidade max1 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB
Velocidade2 48x 48x 52x 52x 48x
Tempo de gravación (min:sg) 5:13 5:07 4:58 4:57 5:00
Cor anverso Branco Branco Branco Branco Branco
Cor reverso Verdoso Verdoso Verdoso Verdoso Verdoso
Aptitude á función:
En que fallan? Correcto Calidade de gravación Calidade de gravación Calidade de gravación Calidade de gravación e despegamento de etiqueta3
Calidade global Boa Aceptable Aceptable Aceptable Regular

CD regrabable

Marca TDK SUPER MAX 2000 PLATINUM VERBATIM MEMOREX
Prezo (euros / unidade) 0,89 0,89 1 1,19 1,36
Formato Tarrina 10 unid. Tarrina 10 unid. Caixa 10 unid. individuais Individual Caixa 10 unid. individuais
Características técnicas:
Formato de gravación Datos/Audio Datos/Audio Datos/Audio Datos/Audio Datos
Capacidade max1 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB
Velocidade2 12x NI 12x 12x 24x
Tempo de gravación (min:sg) 8:51 8:59 8:57 8:58 6:04
Cor anverso Turquesa Branco Branco Branco Branco
Cor reverso Gris Gris Gris Gris Gris
Aptitude á función:
En que fallan? Correcto Calidade de gravación Correcto Correcto Condicións ambientais
Calidade global Boa Aceptable Boa Boa Regular
Marca PHILIPS EMTEC SONY FUJIFILM MAXELL
Prezo (euros / unidade) 1,46 1,50 1,19 1,32 0,95
Formato Caixa 10 unid. individuais Caixa 10 unid. individuais Caixa 10 unid. individuais Individual Caixa 10 unid. individuais
Características técnicas:
Formato de gravación Datos Datos/Audio Datos/Audio Datos Datos/Audio
Capacidade max1 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB 700 MB
Velocidade2 12x 10x 4x 4x 4x
Tempo de gravación (min:sg) 8:58 8:57 21:37 21:43 21:28
Cor anverso Branco Branco Branco Branco Branco
Cor reverso Gris Gris Gris Gris Gris
Aptitude á función:
En que fallan? Correcto Calidade de gravación Correcto Calidade de gravación Correcto
Calidade global Boa Aceptable Boa Aceptable Boa

(1) Comprobouse que todos os CD son capaces de almacenar os 700 megabytes que indican no seu envase

(2) Verificouse que todos os CD poden ser gravados á Velocidadee que especifican no seu envase

(3) Despegamento etiquetas: Tras o ensaio de “Adhesión e despegamento de etiquetas” os CD-R Emtec e E.com son os únicos que deixan de funcionar. No caso de Emtec non o consideramos de peor calidade ca os seus homólogos porqueno seu envase avisa que non se realice esa práctica. No de E.com si o consideramos unha irregularidade porque a súa etiquetaxe só está en inglés (é ilegal) e, se avisa disto, non temos por que entendelo