11 preservativos a exame

Moi diferentes en prezo, non en calidade

Aínda que algunhas marcas custan case o triple ca outras, todas superan folgadamente a norma
1 Xullo de 2002

Moi diferentes en prezo, non en calidade

Analizáronse once marcas de preservativos de látex de caucho natural con lubricante cun prezo por unidade que varía entre os 23 céntimos de euro de Farmacoton e os 72 céntimos de Profil. Tódalas mostras examinadas superaron folgadamente as probas que esixe a lei (UNE-EN600, modificada en 1996), polo que os máis baratos (Farmacoton) poden considerarse a mellor relación calidade-prezo. Outras opcións máis resistentes e de prezo algo maior son Harmony, Control Nature (55 céntimos) e Presttys (43 céntimos). Profil é a única marca analizada que só inclúe dez unidades por envase, o resto leva doce.

O profiláctico converteuse nun dos sistemas anticonceptivos máis usados ó non precisar prescrición médica para o seu emprego e se-lo único que, amais da súa función contraceptora, impide o contaxio de enfermidades de transmisión sexual coma o sida, a gonorrea, a sífilis ou a hepatite B.

Os primeiros condóns que se coñecen confeccionábanse coa tripa natural de animais coma o año. Co tempo, os materiais empregados evolucionaron ata o látex de caucho natural, o elemento máis utilizado na actualidade, que se obtén da árbore Heyca Brasilensis e doutras árbores de caucho de Malaisia. Os alérxicos ó látex dispoñen no mercado de preservativos fabricados con poliuretano, un material hipoalerxénico que aínda só está presente nun número moi reducido de marcas á venda.

A lexislación marca un valor mínimo para a lonxitude (170 milímetros) e un rango de tamaños para a anchura, que debe estar entre 50 e 54 milímetros. As once mostras cumpren estes valores, de feito Galanty, Profil e Durex presentaron unha lonxitude incluso superior ós 200 milímetros. Pola contra, o profiláctico máis curto é Harmony, con 193 milímetros. No tocante á anchura, tódolos condóns miden 52 milímetros agás Family Natural, que mide un milímetro menos.

A capacidade de inchar de cada unidade debe ser, polo menos, de 18 dm3 (decímetros cúbicos). O mellor nesta proba, Durex Natural, superou sobradamente (55 dm3) o valor mínimo establecido pola norma. Incluso os de menor capacidade (Family Natural e Farmacoton) chegaron a admitir máis do dobre có parámetro esixido: 37 dm3. A norma dicta que os profilácticos deben aturar como mínimo a presión de 1 KPa (quilopascal). Galanty e, de novo, Control Natural foron os que máis presión soportaron (1,6 Kpa). O peor valor obtívoo Androtex, que aguantou 1,2 Kpa.

Para detecta-la presencia de buratos encheuse cada mostra con 300 milímetros de auga destilada e inspeccionáronse as súas paredes durante 1 minuto co obxecto de localizar posibles fugas. En ningún caso se detectaron poros polos que entrase a auga. Os ensaios sobre a resistencia e o alongamento do preservativo ata a súa rotura realizáronse así que se extraeron do estoxo (estado inicial) e “avellentados”. Para avellenta-los condóns sometéronse durante 48 horas, tal e como indica a norma, a unha temperatura de 70 graos centígrados, o que pode facer que a resistencia varíe (para mellor ou para peor). En ámbalas situacións os profilácticos han de resistir, cando menos, 39 N (Newton) de forza e alongar sete veces máis có seu estado inicial (700%) sen sufriren roturas.

En condicións iniciais o preservativo Harmony foi o que obtivo os valores máis altos en resistencia (80 Newtons) e alongamento ata a rotura (870%, é dicir, estirou máis de oito veces e media por riba do seu tamaño inicial). Presttys e Control Nature tamén obtiveron bos resultados nada máis saíren do envoltorio. O preservativo menos resistente, aínda que con resultados aceptables, foi Prime (50 N), e o que menos estiramento aguantou foi Family Natural (750%, un 7% máis do lexislado).

Unha vez avellentados, os Control Nature son os máis resistentes: cómpre aplicar 78 Newtons para rompelos. Pola contra, Androtex é o que menos forza atura (52 Newtons). A capacidade de alongamento unha vez avellentados é maior en Prime e Harmony (estiran ata 8,3 veces máis có seu tamaño real), mentres que o peor nesta proba foi Presttys (rompeu ó ser alongado 7,4 veces por riba do seu tamaño).

A embalaxe e etiquetaxe foi correcta nas once mostras estudiadas. Todas cumpren cos requisitos da norma: en cada estoxo inclúese a identificación do fabricante e/ou distribuidor xunto co seu enderezo, o lote, as unidades que contén, a data de caducidade, as indicacións do producto e os consellos para unha óptima conservación. No interior de cada estoxo os preservativos preséntanse en envoltorios individuais de plástico ou papel de aluminio, e deben levar inscritos en cada un deles o lote e a data de caducidade. Tódalas marcas analizadas cumpren con este punto, pero en Presttys, Cosmos, Galanty e Family Natural nalgunhas ocasións non é posible ler con claridade estes datos ó coincidiren con outros textos ou lendas.

Nas once caixas inclúese un pequeno folleto explicativo coas características do preservativo, o seu modo de emprego e instruccións de conservación e refugo. Resulta moi aconsellable ler esta información antes do seu emprego, xa que a rotura dos profilácticos case nunca se produce por un fallo do producto, senón que adoita estar relacionada cun mal uso ou cunha mala conservación.

MODO DE EMPREGO

Para acada-la máxima protección fronte a embarazos non desexados e fronte a enfermidades de transmisión sexual coma o sida, a sífilis ou a hepatite B, é importante seguir adecuadamente as instruccións de uso e conservación que se detallan no interior dos envases. Velaquí as máis importantes.

  • O preservativo ten que se colocar cando o pene está en erección e antes de calquera contacto sexual.
  • Cómpre abrir coidadosamente o envoltorio individual, sen empregar obxectos cortantes, dentes ou unllas que o poidan danar.
  • Se se teñen feridas nas mans non se debe toca-lo preservativo para reduci-la posibilidade de calquera contaxio.
  • Unha vez sacado o preservativo do envase hai que comprimi-lo depósito do extremo pechado para expulsa-lo aire. De seguido colócase sobre o pene erecto, respectando o espacio libre da punta para que se deposite o seme. Para rematar, débese desenvolver a modiño cubrindo totalmente o pene.
  • Trala exaculación, o pene debe retirarse de vagar antes de que desapareza a erección, termando do preservativo pola súa base para que non saia o seme.
  • De seguido retírase e desbótase o condón de maneira segura e hixiénica. Nunca se debe tira-lo profiláctico ó inodoro (poderíao obstruír). O lugar idóneo é o caldeiro do lixo.
  • Os preservativos son para un único uso .Non se deben lavar nunca.
  • No caso de desexar lubricación adicional, utilice lubricantes con base de auga como a glicerina. Non empregue nunca lubricantes con base de aceite (vaselina, aceite para bebés, cremas, locións corporais, etc.), xa que poden dana-lo preservativo e reduci-la súa eficacia.
  • En caso de ser alérxico ó látex, convén utilizar preservativos hipoalerxénicos de poliuretano.
  • Hai que ter en conta sempre a data de caducidade do preservativo, que vén impresa tanto na caixa coma no envoltorio individual, xa que a mingua de calidade logo desta data é notable.
  • En caso de rotura do preservativo, se este se empregaba con finalidade anticonceptiva, é aconsellable recibir atención especializada antes de 72 horas nun Centro ou Establecemento Sanitario que realice funcións de Planificación Familiar.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 50 unidades de 11 marcas dos seguintes preservativos: Presttys, Family Natural, Androtex, Galanty, Profil, Farmacoton, Prime, Cosmos, Harmony, Control Nature e Durex Natural. Ó superaren tódalas marcas a norma, a mellor relación calidade prezo é a máis económica: Farmacoton. Harmony, Control Nature e Presttys son opcións máis resistentes, pero máis caras.
  • Os resultados obtidos en tódolos preservativos cumpren coas especificacións da norma: lonxitude e anchura mínimas, capacidade mínima de inchamento, ausencia de buratos ou poros, resistencia e alongamento mínimos ata a súa rotura tanto en condicións iniciais coma avellentadas e veracidade dos datos subministrados na embalaxe e etiquetaxe.
  • Para aquelas persoas que lle prestan especial atención á resistencia do preservativo, a mellor elección é Harmony, que obtén os valores máis altos tanto en resistencia á tracción (resistencia e alongamento ata a súa rotura) en condicións iniciais coma en alongamento en condicións avellentadas. Este preservativo presenta, ademais, un prezo intermedio de 0,55 euros/unidade. Outras boas opcións foron Presttys e Control Nature.
  • As posibilidades de atopar preservativos defectuosos son, en condicións normais, moi pequenas, polo que cómpre prestarlles especial atención ás instruccións de emprego e conservación dos preservativos para evitar embarazos e previ-lo contaxio do VIH e outras enfermidades de transmisión sexual. Estas instruccións pódense atopar no interior de tódolos estoxos.
  • Segundo a batería de análises realizada por Consumer, os máis caros, Profil e Durex Natural (0,72 e 0,70 euros/unidade respectivamente), non son globalmente mellores cós máis económicos, Farmacoton (0,23 euros/unidade) e Galanty (0,26 euros/unidade).
VALO- RES MÍNIMOS REGU- LADOS FARMA- COTON GALANTY COSMOS FAMILY NATURAL PRESTTYS HARMONY
Prezo ( euros/ unidade) 0,23 0,26 0,35 0,38 0,43 0,55
Embalaxe e etiquetaxe Control e vera- cidade de datos Correcta Correcta Correcta Correcta Correcta Correcta
Lonxitude (mm) 170 196 200 196 195 197 193
Anchura (mm) 52 ± 2 52 52 52 51 52 52
Volume de explosión (dm3) 18 37 40 46 37 38 49
Presión de explosión (kPa) 1,0 1,5 1,6 1,4 1,5 1,5 1,4
Detección de buratos Ningunha fuga Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Resistencia á rotura inicial (N) 39 60 72 58 70 76 80
Alongamento á rotura inicial (%) 700 760 780 780 750 800 870
Resistencia á rotura avellentada (N) 39 67 67 66 68 63 58
Alongamento á rotura avellentada (%) 700 760 780 800 760 750 830
VALO- RES MÍNIMOS REGU- LADOS CONTROL NATURE ANDROTEX PRIME

DUREX

NATURAL

PROFIL
Prezo ( euros/ unidade) 0,55 0,59 0,63 0,70 0,72
Embalaxe e etiquetaxe Control e veracidade dos datos Correcta Correcta Correcta Correcta Correcta
Lonxitude (mm) 170 196 195 197 200 200
Anchura (mm) 52 ± 2 52 52 52 52 52
Volume de explosión (dm3) 18 45 42 46 55 41
Presión de explosión (kPa) 1,0 1,6 1,2 1,3 1,5 1,5
Detección de buratos Ningunha fuga Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Resistencia á rotura inicial (N) 39 74 58 50 60 58
Alongamento á rotura inicial (%) 700 800 790 760 800 780
Resistencia á rotura avellentada (N) 39 78 52 62 60 55
Alongamento á rotura avellentada (%) 700 820 770 830 810 790

Un a un

Un a un

FARMACOTON

  • 0,23 euros/unidade.
  • O máis barato e a mellor relación calidade-prezo. O de menor volume de explosión (37 dm3) xunto con Family Natural. A mellor elección para aquelas persoas que buscan o preservativo máis económico e con tódolos criterios de calidade en regra, xa que, ó igual có resto, cumpre con tódalas especificacións da norma.

GALANTY

  • 0,26 euros/unidade.
  • O segundo máis barato. Dos máis longos (máis de 200 mm.) xunto a Profil e Durex Natural. A súa presión de explosión é a máis alta (1,6 Kpa) xunto a Control Nature. Ó igual ca en Cosmos, Presttys e Family Natural, non se aprecian con claridade nin o lote nin a data de caducidade no envoltorio individual.

COSMOS

  • 0,35 euros/unidade.
  • Por coincidiren o lote e a data de caducidade con textos ou lendas no estoxo individual, estes datos resultan ilexibles, e son imprescindibles para un uso correcto do preservativo. Acontece o mesmo en Presttys, Galanty e Family Natural.

FAMILY NATURAL

  • 0,38 euros/unidade.
  • Ten un milímetro menos de anchura có resto. O de menor volume de explosión (37 dm3) xunto a Farmacoton, e o de menor alongamento ata a súa rotura en condicións iniciais (750%). No envoltorio individual de cada preservativo, aínda que están inscritos o lote e a data de caducidade, non resultan claramente lexibles ó coincidiren con textos do envoltorio (igual ca en Presttys, Cosmos e Galanty).

PRESTTYS

  • 0,43 euros/unidade.
  • O de menor alongamento ata a súa rotura en condicións avellentadas, pero o segundo mellor en resistencia en condicións iniciais. O lote e a data de caducidade presentes nos estoxos individuais non se entenden con claridade, por coincidiren con lendas do envoltorio. En Cosmos, Galanty e Family Natural acontece o mesmo.

HARMONY

  • 0,55 euros/unidade.
  • Unha elección interesante. O máis resistente en condicións iniciais, tanto en resistencia ata a súa rotura (80 N) coma en alongamento (870%). En condicións avellentadas, o de maior alongamento (830%), xunto con Prime. O de menor lonxitude, 193 milímetros.

CONTROL NATURE

  • 0,55 euros/unidade.
  • Unha elección interesante. O de maior presión de explosión, con 1,6 Kpa, xunto con Galanty. O máis resistente en condicións avellentadas (78 N). Ó igual có resto, cumpre con tódolos aspectos da normativa.

ANDROTEX

  • 0,59 euros/unidade.
  • A presión que hai que exercer sobre o preservativo ata a súa explosión, é a menor con respecto ós demais preservativos (1,2 Kpa.). É tamén o de menor resistencia ata a súa rotura en condicións avellentadas (52 N.). Así e todo, cumpre coa norma en tódolos aspectos analizados.

PRIME

  • 0,63 euros/unidade.
  • O de menor resistencia en condicións iniciais, aínda que o seu alongamento ata a rotura en condicións avellentadas foi o maior xunto con Harmony (830%, en ámbolos dous casos). Coma os demais, cumpre a norma en tódolos aspectos analizados.

DUREX NATURAL

  • 0,70 euros/unidade.
  • O segundo máis caro. En lonxitude, dos máis longos xunto a Profil e Galanty (máis de 200 mm.). É o que maior cantidade de aire admite ata a súa explosión (55 dm3). Coma os demais, conforme á norma en tódolos aspectos que regula a lexislación.

PROFIL

  • 0,72 euros/unidade.
  • O máis caro. Dos máis longos, xunto con Galanty e Durex Natural (máis de 200 mm.). Os únicos que se presentan nun estoxo de 10 unidades, o resto de marcas conteñen 12 unidades. Cumpre con tódolos aspectos establecidos pola norma.