Bolígrafos de tinta azul

Moi diferentes en prezo e duración

Están construídos sen materiais perigosos e soportaron ben as esixentes probas de resistencia
1 Setembro de 2007
Img analisis

Moi diferentes en prezo e duración

Parece que sempre estivo entre nós, pero o bolígrafo é un invento relativamente recente, en concreto, dos anos corenta do século pasado. Laszlo Biro, un xornalista húngaro afincado na Arxentina, foi o primeiro en unir un tubo de plástico cunha punteira sobre a cal unha bóla metálica xira cando toca o papel. Así, a tinta dosifícase a medida que roda a bóla deixando o trazo no papel.

Indispensables no material escolar, o seu baixo prezo fai que, cando se quere adquirir un, rara vez se adopte máis criterio ca o vinculado aos gustos persoais. Pero, desde logo, hai diferenzas entre eles.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso oito bolígrafos de tinta azul, que custaron desde os 24 céntimos de euros de Staedtler ata os 2,56 euros de Stabilo. Pero como non todos teñen a mesma cantidade de tinta (nin gastan o mesmo para escribir) calculouse o seu prezo relativo, isto é, canto custa trazar unha liña dun quilómetro, con resultados dispares: 0,06 euros/quilómetro con Staedtler fronte aos 1,20 euros/quilómetro de Bic Cristal xel.

A mellor relación calidade-prezo é Staedtler, o máis barato e o que menos custa por quilómetro escrito. Se o usuario busca un bolígrafo cun deseño máis coidado e cun trazo máis fino, outra opción interesante resulta Pilot BL-VB5, notablemente máis caro, pero o preferido na proba de uso.

Pesos e medidas

Un bolígrafo pesado acaba sendo molesto, sobre todo se se vai escribir con el durante horas. Bic Cristal, de 6 gramos, é o máis lixeiro, e Stabilo, con 13 gramos, o máis pesado. En canto ao diámetro da súa cana, vai dos 5,8 mm de Bic Cristal aos 11,4 mm de Stabilo Bionic. En lonxitude foron semellantes: os máis curtos, os dous Pilot (sobre os 13 cm), apenas son un par de centímetros máis pequenos ca o máis longo, Bic Cristal xel. Os trazos máis finos son os dos dous Pilot (0,5 mm de ancho) e o de Staedtler (0,56 mm), mentres que o máis groso é Bic Cristal xel (0,74 mm).

Unha das probas de resistencia consistiu en deixalos caer de punta (sen capuchón) sobre unha superficie dura, simulando o que ocorrería de caeren desde unha mesa ao chan. Logo, volveuse a medir a anchura do seu trazado, que se fixo máis fino, non sendo Stabilo, que mantivo o valor inicial (0,64 mm), e Staedtler, que aumentou (de 0,56 mm a 0,62 mm).

Os que máis tinta ofrecen son Pilot BL-VB5 e Bic Cristal xel (os dous, 2 mililitros), e o que menos Bic Cristal (0,33 mililitros). Pero os que máis tinta conteñen non son necesariamente os que máis metros son quen de escribir porque varía significativamente a cantidade de tinta usada por cada un deles.

Quilómetros de escritura

Para comprobar canto duran, deseñouse un dispositivo que mide cantos metros debuxa cada bolígrafo. Consistía nunha máquina que suxeitaba un bolígrafo e realizaba movementos cíclicos a unha velocidade constante, realizando trazos de 20 centímetros, sen pasar nunca por unha liña xa pintada. Estes datos, evidentemente, son orientativos porque nun uso real un bolígrafo escribirá máis ou menos. Os bolígrafos que menos escriben son Bic Cristal xel, que só chega a 510 metros e Inoxcrom, que non pasa de 1,5 quilómetros. Stabilo Bionic, o que máis dura, supera os catro quilómetros. Non se puido comprobar a durabilidade de Paper Mate porque a súa tinta non flúe de xeito regular e queda pegada nas paredes da cana, polo que non se poden extrapolar os resultados.
Na proba de flexión apoiáronse os bolígrafos sobre dúas superficies que distaban 7,5 cm e aplicóuselles unha carga crecente ata a súa rotura. Inoxcrom, o máis resistente, chegou aos 29,7 quilogramos forza (kgf), seguido de Staedtler (24,8 kgf). O que menos aguanta é Paper Mate (6,4 kgf).

Para medir a súa resistencia ao esmagamento puxéronse entre dúas pranchas que se xuntaban ata rebentar as mostras. Paper Mate e os dous Pilot nin sequera romperon cando soportaron 2.000 kgf (o máximo aplicable). Seguíronos Inoxcrom e Stabilo, que romperon con 540 kgf. Os dous Bic foron os máis fráxiles: romperon con só 73 kgf.

Non estouparon

Un dos temores cos bolígrafos é que “estoupen” pola calor e manchen a roupa. Introducíronse as oito mostras en posición vertical nunha estufa de 40 ºC durante dous días. Cando volveron á temperatura ambiente, escribíronse 200 metros con cada bolígrafo. Ningún estoupou.

Moitas persoas chuchan ou morden a parte superior dos bolígrafos. Por iso se mediu a posibilidade de que migrasen certos materiais do bolígrafo á boca. Para comprobalo, introducíronse os bolígrafos esnaquizados nunha probeta cun líquido que simulaba a saliva dun neno (solución de ácido clorhídrico de 0,07 N, a 37 ºC) durante unha hora. Ese líquido arrefríase, fíltrase e analízase para descubrir se nel hai algún produto contaminante (buscouse antimonio, arsénico, bario, cadmio, cromo, chumbo, mercurio e selenio): non apareceu ningún.

O benceno é un potente disolvente que se emprega para facer as tintas máis fluídas, pero é moi tóxico, por iso a norma non permite máis de 5 mg/kg. As tintas quentáronse dúas horas a 120 ºC para poder facer unha cromatografía de gases, que demostrou que ningún bolígrafo ten máis de 1 mg/kg de benceno.

Para evitar que un neno ou unha nena que tragara un tapón sufra asfixia, estes produtos deben cumprir cunhas normas mínimas de seguridade se van ser utilizados por menores de catorce anos. A norma indica como deben ser as súas dimensións e o seu sistema de ventilación (un ou varios orificios dun diámetro determinado). Todos son seguros, porque permiten o paso suficiente de aire se se inxiren ou inhalan para evitar a asfixia. A Paper Mate, que non ten capuchón (a punta é retráctil), non se lle aplica esta severa norma.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito bolígrafos de tinta azul con tapón, agás Paper Mate, que dispón de pulsador retráctil. Staedtler é o máis barato (24 céntimos de euro) e Stabilo Bionic, o máis caro (2,56 euros).
  • Se se calcula canto custa trazar unha liña dun quilómetro con cada un, Staedtler é de novo o máis económico (0,06 euros/km) fronte a Bic Cristal xel (1,20 euros/km), o máis caro.
  • Stabilo Bionic é o que máis dura (4.140 m). Co que menos palabras se pode escribir é Bic Cristal xel (510 m). Os de trazo máis fino son os dous Pilot e Staedtler (0,5 mm).
  • Os tapóns cumpren a norma de seguridade para evitar a asfixia nos nenos. O contido en benceno é inapreciable e non se produce migración de metais perigosos do bolígrafo á boca se se chucha.
  • Tampouco “estoupou” ningún logo da proba de quentamento.
  • Na proba de uso os consumidores clasificaron os bolígrafos de mellor a peor nesta orde: Pilot BL-VB5, Inoxcrom, Pilot BX-V5, Stabilo, Paper Mate, Bic Cristal, Bic Cristal xel e, por último, Staedtler.
  • A mellor relación calidade-prezo é Staedtler, o máis barato e co que menos diñeiro custa escribir 1.000 metros, aínda que non gustou o seu deseño. Outra opción de máis calidade e que resultou a preferida dos consumidores foi Pilot BL-VB5. Iso si, notablemente máis caro ca Staedtler (1,85 euros fronte a 0,33 euros).
Marca Modelo Staedtler Stick Pilot BL-VB5 0,5mm Bic Cristal Pilot BX-V5 0,5mm
Formato compra 1 unidade 1 unidade 1 unidade 1 unidade
Prezo (euros/bolígrafo) 0,24 1,85 0,33 2,03
Prezo (euros/1.000 m escritura) 0,06 0,48 0,20 0,62
Etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Correcto
Peso (g) 7 10 6 10
Lonxitude (cm) 13,5 13,3 14,8 13,4
Diámetro (mm) 7 8,8 5,8 8,8
Cantidade de tinta (ml) 1,21 2 0,33 1,67
Anchura do trazado (mm) 0,56 0,55 0,63 0,5
Anchura do trazado, logo da caída (mm) 0,62 0,5 0,62 0,47
Resistencia á flexibilidade (kgf) 24,8 16 17,8 17
Resistencia ao es magamento (kgf) 116 >2000 69 >2000
Toxicidade dos metais Conforme Conforme Conforme Conforme
Toxicidade da tinta Conforme Conforme Conforme Conforme
Seguridade de tapóns Conforme Conforme Conforme Conforme
Durabilidade tinta (m escritos) 1 3790 3832 1.683 3269
Cantidade escritura por unidadee (m2) 2,122 2,108 2,819 1,635
Consumo (g/m2) 0,570 0,949 0,401 1,022
Estabilidade a 40ºC Estable Estable Estable Estable
Calidade percibida
Deseño 4,5 6,8 4,8 6,3
Facilidade de uso 5,8 7,1 6,3 7,6
Escritura (grosor, cor) 6,8 7,3 6,3 7,3
Escritura (trazo, fiabilidade) 4,8 7,5 4,8 7,7
Escritura (fixación da tinta) 7,3 4 6,5 7,5
Marca Modelo Stabilo Bionic Inoxcrom Slick Pen Bic Cristal gel Paper MateFlexigrip Ultra
Formato compra 1 unidade Pack 4 unidadees 1 unidade 1 unidade
Prezo (euros/bolígrafo) 2,56 0,96 0,61 1,43
Prezo (euros/1.000 m escritura) 0,62 0,67 1,20 ——-
Etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Correcto
Peso (g) 13 9 7 7
Lonxitude (cm) 14,3 14,9 15,3 14,2
Diámetro (mm) 11,4 8,2 6,8 7,7
Cantidade de tinta (ml) 1,67 1,01 1,96 0,92
Anchura do trazado (mm) 0,64 0,59 0,74 0,63
Anchura do trazado, logo da caída (mm) 0,64 0,55 0,69 0,58
Resistencia á flexibilidade (kgf) 16,7 29,7 21,6 6,4
Resistencia ao es magamento (kgf) 541,2 535,7 73 >2000
Toxicidade dos metais Conforme Conforme Conforme Conforme
Toxicidade da tinta Conforme Conforme Conforme Conforme
Seguridade de tapóns Conforme Conforme Conforme Conforme
Durabilidade tinta (m escritos) 1 4140 1438 510 Non realizado
Cantidade escritura por unidadee (m2) 2,650 0,848 0,377 Non realizado
Consumo (g/m2) 0,630 1,190 5,193 Non realizado
Estabilidade a 40ºC Estable Estable Estable Estable
Calidade percibida
Deseño 7,1 5,7 4,7 5,7
Facilidade de uso 6,8 6,8 4,3
Escritura (grosor, color) 4,9 6,5 5,3 6,3
Escritura (trazo, fiabilidade) 6,3 4,8 6,7 6,3
Escritura (fixación da tinta) 4 6,7 4,7 6,3

(1) Nun uso real un bolígrafo escribirá máis ou menos metros ca neste test de laboratorio.

O que opinan os consumidores

Seis homes e seis mulleres empregaron os bolígrafos e puntuáronos do 1 ao 10. A metade sinalou como elemento positivo que se vise a tinta que quedaba na cana. Ademais, a mesma proporción sinalou que preferían a armazón transparente, fronte ao 33% que a queren opaca (ao resto resultáballes indiferente). Case seis de cada dez quéreno con capuchón (non con pulsador), porque cren que así a cana queda máis protexida e evita que poida saír cando está gardado no peto. Tamén gustaron máis as armazóns de forma redondeada e lista (non hexagonal, como Bic). A cana lisa foi valorada como “moderna” e agradable ao tacto. Os usuarios decántanse como mecanismo de suxeición por un clip grande que saia desde a punta da tapa, non desde a súa base.

O deseño que máis gustou foi o de Stabilo Bionic (7,1 puntos sobre 10), pola súa cor laranxa, a forma, o tacto e por ser “actual” e “innovador”. Na “escritura” gustaron os Pilot, os únicos por enriba dos sete puntos, polo seu fino trazo, a homoxeneidade da súa escritura e a súa fiabilidade. Stabilo Bionic suspendeu (4,9 puntos) polo grosor do seu trazo e a intensidade da súa cor. Inoxcrom, Bic Cristal e Staedtler (os tres 4,8 puntos) tamén suspenderon na “escritura”. Stabilo Bionic, Pilot BL-VB5 e Bic Cristal xel suspenden (4 puntos sobre 10) pola facilidade coa que a tinta se estende sobre o papel.

Pero o máis importante é cando se lles pide aos consumidores que ponderen todos os resultados e elixan o bolígrafo co que quedarían. Pilot BL-VB5 foi o que máis gustou, seguido de Inoxcrom, Pilot BX-V5, Stabilo, Paper Mate, Bic Cristal, Bic Cristal xel e, por último, Staedtler.

Un por un

Un por un, 8 bolígrafos de tinta azul

Pilot BL-VB5 0,5 mm

  • 1,85 euros o bolígrafo. Escribir 1.000 m sae a 0,48 euros
  • Outra boa opción. Dos máis pequenos. A maior cantidade de tinta e moi resistente ao esmagamento. De escritura fina.
  • Proba de uso: o preferido polos consumidores: gusta o seu tapón, o grosor, o trazado e a fiabilidade da escritura. Suspende no fácil que a tinta esborrancha o papel.

Staedtler Stick

  • 0,24 euros o bolígrafo. Escribir 1.000 m sae a 0,06 euros, o máis barato
  • Dos máis lixeiros e curtos. De escritura fina.
  • Proba de uso: o que menos gustou, suspendeu en deseño, trazo e fiabilidade da escritura. Dos que menos esborranchan o papel.

Bic Cristal

  • 0,33 euros o bolígrafo. Escribir 1.000 m sae a 0,20 euros
  • A mellor relación calidade-prezo. O máis lixeiro e o de menor diámetro. O menos resistente ao esmagamento.
  • Proba de uso: deseño mellorable (4,8 puntos de 10), tamén suspende en trazo e fiabilidade da escritura (4,8 puntos).

Pilot BX-V5 0,5 mm

  • 2,03 euros o bolígrafo. Escribir 1.000 m sae a 0,62 euros
  • Dos máis curtos. Moi resistente ao esmagamento e co trazo máis fino.
  • Proba de uso: dos que máis gustan polo seu tapón, grosor, cor e homoxeneidade do trazo e fiabilidade da escritura e polo pouco que esborrancha o papel.

Stabilo Bionic

  • 2,56 euros o bolígrafo. Escribir 1.000 m sae a 0,62 euros
  • O máis pesado e groso. Dos que máis metros escribe. Dos trazos máis anchos.
  • Proba de uso: suspende en grosor e cor de trazo (demasiado intenso) e porque esborrancha o papel. O deseño mellor valorado.

Inoxcrom Slick Pen

  • 0,96 euros o bolígrafo. Escribir 1.000 m sae a 0,67 euros
  • É o máis resistente á flexibilidade. Dos que menos metros escribe.
  • Proba de uso: o segundo que máis gustou, pero suspende en trazo de escritura homoxéneo e en fiabilidade

Bic Cristal Xel

  • 0,61 euros o bolígrafo. Escribir 1.000 m sae a 1,20 euros, o máis caro
  • Dos máis lixeiros e o máis longo. Dos que ofrecen máis tinta. O trazo máis ancho. O que menos dura. Pouco resistente ao esmagamento.
  • Proba de uso: dos que menos gusta polo seu deseño, polo tapón e polo que esborrancha o papel.

Paper Mate Flexigrip Ultra

  • 1,43 euros o bolígrafo. Non se puido comprobar os metros que escribe.
  • O único con pulsador retráctil e, polo tanto, sen tapón. O que menos tinta ofrece. Moi resistente ao esmagamento pero o peor en flexibilidade.
  • Proba de uso: non obtivo valoracións especialmente positivas ou negativas.