Camisetas térmicas de manga longa

Moi diferentes en prestacións

As que mellor transpiran son as que menos quentan, e viceversa, polo que convén coñecer o uso que se lles vai dar
1 Febreiro de 2006
Img analisis 2 listado 129

Moi diferentes en prestacións

/imgs/20060201/analisisb1.jpg Os tecidos futuristas que facilitan a transpiración, que secan axiña e que manteñen a calor corporal parecen máis propios da exploración espacial ca do día a día sobre o planeta Terra. Agora ben, o desenvolvemento de novos materiais permite confeccionar prendas con propiedades nunca antes vistas e, o que é mellor, a prezos alcanzables. É o caso das camisetas térmicas: concibidas ó primeiro para o deporte (son idóneas para o esquí, o ciclismo ou a montaña) van gañando adeptos no uso urbano, pois ofrecen illamento térmico sen que o usuario se teña que envolver en varias capas de roupa.

Analizáronse oito camisetas interiores térmicas de manga longa, distintas cores, tecido fino e talle L, con prezos que van desde os 35 euros de Online ata os 64 euros de Duofold. A mellor relación calidade-prezo é Ternua, das máis baratas (46 euros), a máis resistente e cun comportamento axeitado no resto de parámetros. Outra opción interesante é Grifone (58 euros), das que mellor garda a calor, aínda que tarda en secar e lle saen ‘bólas’. Para usuarios que buscan unha gran transpirabilidade (por exemplo, en deportes moi aeróbicos nos que a eliminación da suor é clave para manter a temperatura), Trango (57 euros) é a idónea.

Tensión ata esgazalas

Pensadas ó primeiro para a práctica deportiva, espérase destas camisetas que sexan duradeiras e resistentes. O laboratorio comprobou a resistencia ó estourido do tecido e das costuras probando a tensión máxima que aturan ata romperen. As oito superaron o mínimo que fixa a norma, de 450 quilopascais (kpa), se ben con diferenzas: a mellor, ben lonxe do resto, foi Ternua (o tecido rachou ó aplicar 1.078 kpa e as costuras ó aplicar 1.150 kpa) e, as máis débiles, Online (471 kpa o tecido e 516 as costuras), Trango (543 kpa e 548 kpa) e Duofold (599 kpa e 557 kpa).

En sentido estrito, non todas se corresponden co talle L (son algo máis pequenas do que deberían), se ben a norma está pensada para camisetas de punto (máis ríxidas) e non elásticas, como as analizadas. A única non ergonómica é Patagonia, e as que máis se cinguen ó corpo son Online e The North Face.

A composición das camisetas Duofold e Online non é a que declaran os seus fabricantes, polo que incumpren a norma: no primeiro caso, trátase dun 92% de poliéster e un 8% de elastano (anuncian 96% e 4%) e, no segundo, dun 78% de poliamida e un 22% de poliéster (indican 85% e 15%). Sexa cal sexa a súa composición, o feito de que as fibras empregadas sexan ocas favorece o illamento térmico, a capacidade de absorción de líquidos e a velocidade de propagación do líquido cara ó exterior. Unha vez analizado ó microscopio un corte transversal de cada camiseta, só Grifone utiliza fibras circulares ocas, as que mellor gardan a calor. O resto tamén son circulares, pero macizas. Canto menor sexa a gramaxe do tecido, menos pesará a prenda e, xa que logo, máis cómoda resultará. Só Duofold resulta máis pesado có resto, e éo cun valor notablemente superior (335 g/m2).

Calor e suor

As tres funcións básicas destas camisetas son evitar a perda da calor natural que produce o noso corpo, facilitar a transpiración e manter o corpo seco tras a actividade deportiva.

A resistencia térmica indica o grao de illamento da calor: canto maior sexa este parámetro, a prenda máis eficazmente gardará a temperatura corporal. Para comprobalo, colocouse cada camiseta sobre unha placa metálica porosa quentada electricamente a 35 ºC, que simula a pel humana. A proba desenvolveuse dentro dunha cámara climática a 20 ºC e cun 65% de humidade relativa e nela mediuse canta calor deixaban pasar. O valor mínimo esixible son 0,010 m2 C/W. Todas superaron o mínimo: Grifone (0,052 m2 C/W) e Duofold (0,061 m2 C/W) demostraron ser as mellores por mor das súas eficientes capas illantes (a primeira, por empregar fibras ocas e, a segunda, polo seu tecido de punto groso de dobre capa). A menos illante é Helly Hansen (0,012 m2 C/W, rozando o que indica a norma), seguida de Trango, The North Face e Online.

Para que unha camiseta sexa transpirable debe ofrecer unha boa capacidade de absorber a suor e, xa que logo, manter a pel seca, se ben iso redundará nun maior tempo de secado. Calcúlase medindo canto líquido é capaz de reter cada prenda: Trango é a mellor e Helly Hansen, Online e The North Face son as que menos auga son capaces de gardar. Unha vez absorbida a suor, as camisetas deben ser capaces de transportala ata o exterior da prenda. Helly Hansen, Duofold, Online e The North Face demostraron unha nula ou moi baixa capacidade de propagación da auga, ó contrario có resto, que tivo un bo comportamento. A resistencia das camisetas ó paso do vapor ofrece unha idea aproximada de como se comportarán na evacuación da suor. A proba é semellante á de resistencia térmica, aínda que neste caso a camiseta está en contacto cunha membrana microporosa, impermeable á auga pero permeable ó vapor de auga, que recobre hermeticamente a placa quentada electricamente e a través da que se fai pasar o líquido. Sete aproban (Trango, con nota) e Duofold falla pola súa moi baixa transpirabilidade.

Secado non tan rápido

Cando acabou o ensaio de capacidade de absorción (é dicir, cando cargaban con todo o líquido que daban) pesáronse cada cinco minutos ata obter o peso orixinal. Helly Hansen bota 25 minutos, Online, 30 minutos e The North Face, 70 minutos, é dicir, como parece obvio, as que menos empapan son as que menos tardan en secar. E, viceversa: Grifone e Duofold precisan 330 minutos para perderen a auga. Trango é a única que rompe esta tendencia: é, con diferenza, a que máis auga atrapa, pero só a terceira peor no secado.

As camisetas pódense dividir en dous grupos: Grifone, Ternua, Patagonia e Duofold (as catro usan fibras descontinuas) son menos transpirables, pero a súa capacidade de absorción e de propagación da auga é axeitada e secan decontado. Helly Hansen, Online, Trango e The North Face (de fibras continuas) tiveron resultados inversos. En xeral, a máis cómoda segundo estes parámetros é Trango.

O desgastamento

/imgs/20060201/esqui.jpg Para comprobar se co uso se forman ‘bólas’ no tecido (coñecidas como efecto ‘pilling’), as camisetas sometéronse a 18.000 ciclos de fretado nun aparello que exerce un efecto de “batedura” do tecido contra si mesmo e contra as paredes dunha caixa de cortiza normalizada. Grifone e Duofold, as peores, presentan unha resistencia inferior á mínima esixida para estas prendas, cun desmelloramento moi evidente. Ternua e Patagonia, que tamén usan o mesmo tipo de fibra, tamén obtiveron resultados discretos. As outras catro son dun fío de fibra continuo, e nelas non se observou desmelloramento no tecido.

Os dous tipos de suores (a ácida e mais a alcalina) poden estragar a cor das prendas. Non laboratorio simúlase a suor con dúas solucións de histedina, unha ácida e outra alcalina, coas que se empapa o tecido da camiseta, e colócase entre dous tecidos patrón de algodón branco prensados entre dúas placas de vidro sometidos a 12,5 kpa (quilopascais) durante 4 horas a 37 ± 2°C. As oito superaron esta proba. Tamén todas aprobaron o test de solidez ó fretado seco que indica a propensión do tecido a desprender a súa cor pola fricción con outras prendas, tanto en húmido coma en seco.

Logo de dez lavados domésticos á temperatura recomendada polo fabricante comprobouse o aspecto que ofrecían as prendas. En Grifone, Ternua, Patagonia e Duofold apareceron peluxe e contaminación de fibras. As recomendacións de lavado e estirado son diversas, pero os que pretendan secalas na secadora deberanse decantar por Grifone, Patagonia, Helly Hansen e Duofold, porque as outras catro aconsellan o secado tradicional.

Encollen e destinxen?

As camisetas térmicas interiores deben ir axustadas ó corpo sen apertar. Tras os sucesivos lavados e secados domésticos deben manter a chamada estabilidade dimensional, é dicir, non deben encoller. Para comprobalo, o laboratorio someteu as oito camisetas a múltiples lavados e secados seguindo sempre as instrucións do fabricante. O encollemento que se lles permite ós tecidos de punto debe ser como moito do 3%. Ningunha das oito camisetas encolleu máis do permitido lonxitudinal nin transversalmente. A que mellor mantén as súas dimensións iniciais é Trango (só encolle un 0,5%), mentres que a máis variable resulta Helly Hansen, ata un 2% máis pequena que cando se mercou.

O lavado tamén pode facer que as cores das camisetas (algunhas delas moi intensas) migren a outras roupas durante o lavado, co conseguinte deslucimento das prendas. O test de solidez ó lavado consiste en lavar cada camiseta xunto cun pano branco para comprobar se este acaba colorado. Todas as camisetas superaron esta proba, aínda que Duofold demostrou o peor comportamento: o pano branco quedou lixeiramente tinxido.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito camisetas interiores térmicas de manga longa que custan desde os 35 euros de Online ata os 64 de Duofold. Están deseñadas para manteren a calor natural do corpo e para permitiren a saída da suor evitando a incómoda sensación de frío tras o exercicio.
  • A composición do tecido declarada nas etiquetas de Duofold e Online non se corresponde coa real.
  • Todas aproban en resistencia e protección térmica, aínda que no primeiro apartado destaca Ternua e no segundo Grifone e Duofold. Trango é a máis transpirable.
  • Nos tecidos de Grifone e Duofold fórmanse máis ‘bólas’ (pilling) das que permite a norma. Tras a proba, a desmellora nas dúas era evidente.
  • Helly Hansen, Duofold, Online e The North Face presumen na información técnica que axuntan de seren transpirables, pero caracterízanse por presentaren unha baixa ou nula velocidade de propagación de auga.
  • A mellor relación calidade-prezo é Ternua, unha das máis baratas e cun comportamento axeitado en resistencia térmica e transpirabilidade. Outras boas opcións son Trango, para quen precise unha boa transpirabilidade, e Grifone, para quen busque unha resistencia térmica superior.
Marcas Ternua Trango Grifone Pata- gonia The North Face Helly Hansen Online Duofold
Prezo (euros) 45,95 56,95 57,75 52,50 54,95 46 34,95 64
Peso prenda (g) 269 198 268 269 160 174 124 365
Uso de secadora Non Non Non Non
Composición declarada (%) 100% poli- ester 100% poli- ester 100% poli- ester 100% poli- ester 95% poli- propileno
5% elastano
100% poli- propileno 15% poliester
85% poli- amaida
96% poliéster
4% elastano
Composición real (%) 100% poli- ester 100% poli- ester 100% poli- ester 100% poli- ester 97% poli- propileno
3% elastano
100% poli- propileno 22% poliester
78% poli- amaida
92% poliéster
8% elastano
Peso por unidade de superficie (g/m2) 207 133,5 209 181,5 173,5 134 152 335
Comportamento mecánico
Resistencia ó estoupido do tecido (kPa) 1078 543 711 742 662 801 471 599
Resistencia ó estoupido das costuras (kPa) 1150 548 724 786 651 699 516 557
Comportamento fisiolóxico
Resistencia térmica (m2 C/W) 0,034 0,016 0,052 0,036 0,017 0,012 0,019 0,061
Capacidade de absorción de auga (%) 227,5 405,5 355 261 102 59,5 46 302,5
Velocidade de propagación de auga (mm/seg) 4,09 5,41 4,98 4,49 0,05 0,05 0,05 0,35
Capacidade de secado rápido (min) 210 270 330 150 70 25 30 330
Resistencia ó vapor de auga (m2 Pa/W) 3,91 1,75 4,05 3,34 3,29 2,31 2,82 6,49
Comportamento ó uso
Resistencia ó pilling (de 1 a 5) 4 4 3 3,5 4 5 4,5 2
Solidez á suor ácida (de 1 a 5) 4,5 5 5 5 5 5 5 4,5
Solidez á suor alcalina (de 1 a 5) 4,5 5 5 5 5 5 5 4,5
Solidez ó fretado en seco (de 1 a 5) 4,5 5 5 5 5 5 4 4
Solidez ó fretado en húmido (de 1 a 5) 5 5 5 5 5 5 4,5 4,5
Comportamento ó lavado
Durabilidade ó lavado doméstico (de 1 a 5) 4 5 2 2,5 5 4,5 4,5 3
Estabilidade dimensional ó lavado e secado domestico Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto
Solidez ó lavado (de 1 a 5) 4,5 5 4,5 5 5 5 4,5 4

Un a un

Unha a unha, 8 camisetas térmicas

Ternua "Birru Polartec Power Dry "

/imgs/20060201/ternua.jpg 45,95 euros
A mellor relación calidade-prezo, polos seus valores adecuados en todos os parámetros. Con pescozo alto e dobre, cremalleira central e con costuras (tipo ‘overlock’). A máis resistente.

Trango "Polartec Power Dry"

/imgs/20060201/trango.jpg 56,95 euros
Opción interesante. A mellor en transpirabilidade; arreda decontado a suor da pel, mitigando a sensación de frío tras o deporte. Con pescozo alto e dobre, cremalleira central protexida e costuras (tipo ‘overlock’). Das prendas máis lixeiras e menos resistentes.

Grifone "DuPont Thermolite"

/imgs/20060201/grifone.jpg 57,75 euros
Opción interesante. Das mellores en resistencia térmica: a única con fibras ocas. Con pescozo alto e dobre, cremalleira central e con costuras (tipo ‘overlock’). Das que máis tempo botan para secaren. Fórmanse abundantes ‘bólas’.

Patagonia "Capilene"

/imgs/20060201/patagonia.jpg 52,50 euros
Con pescozo alto e dobre, cremalleira central e costuras (tipo ‘overlock’). A menos ergonómica. Tras os lavados obsérvase unha desmellora to evidente.

The North Face "Layering System"

/imgs/20060201/north.jpg 54,95 euros
Sen pescozo alto, sen cremalleira e sen costuras (Seamless), máxima adaptabilidade ó corpo. Baixa capacidade de absorción da suor e velocidade de propagación. Das que antes secan.

Helly Hansen "Lifa Sport"

/imgs/20060201/helly.jpg 46 euros
Con cremalleira central protexida, costuras (tipo ‘overlock’) e sen pescozo alto. Das máis lixeiras e das peores en resistencia térmica. Baixa capacidade de absorción da suor e velocidade de propagación. Das que antes secan.

Online Sports Underwear "Poliester elité y poliamida skinlife"

/imgs/20060201/online.jpg 34,95 euros, a máis barata.
Sen pescozo alto, sen cremalleira e sen costuras (Seamless), máxima adaptabilidade ó corpo. A composición do tecido non se corresponde coa indicada na súa etiqueta. Baixa capacidade de absorción da suor e velocidade de propagación. Das que antes secan. A menos resistente.

DUOFOLD "High permormance base layer"

/imgs/20060201/duofold.jpg 64 euros, a máis cara.
Con pescozo alto e dobre, cremalleira central e costuras (tipo ‘overlock’). O tecido máis pesado. A composición do tecido non se corresponde coa indicada na súa etiqueta. A que mellor mantén a calor, a menos transpirable. Tarda en secar. Das menos resistentes. Fórmanse abundantes ‘bólas’.