Analizadas a seguridade, accesibilidade, limpeza, puntualidade e a información que proporcionan 31 liñas de metro e 23 de tranvía do noso país

Metro e tranvía: cumpren coa súa frecuencia e ofrecen un bo servizo de información

Destacan positivamente os suburbanos de Sevilla e de Bilbao, unha cualificación que tamén comparte o tranvía da capital biscaíña
1 Xaneiro de 2011
Img tema listado 151

Metro e tranvía: cumpren coa súa frecuencia e ofrecen un bo servizo de información

O automóbil é un medio cómodo para moitos, rutineiro para outros e caro para todos. Un prezo que tamén está obrigado a pagar a natureza: os vehículos que transitan pola estrada son os responsables de máis da metade das emisións contaminantes que se verquen á atmosfera. Claro que para que o cidadán se conciencie e non use tan a míudo o seu automóbil a oferta de medios de transporte colectivos debe ser completa, eficaz e ambientalmente respectuosa. EROSKI CONSUMER quixo facer unha exhaustiva radiografía de dous deles, o metro e mais o tranvía, para saber como son, como funcionan e se cumpren co servizo que ofrecen.

Para iso, os técnicos de EROSKI CONSUMER convertéronse en usuarios e visitaron un total de 31 liñas de metro e 23 de tranvía, así como 62 estacións de metro e 46 paradas de tranvía na Coruña (un servizo principalmente turístico que percorre os monumentos da cidade), Alacante, Barcelona, Bilbao, Madrid, Palma de Mallorca, Parla, Sevilla, Tenerife, Valencia, Vélez-Málaga e Vitoria. Comprobaron a súa seguridade, a súa limpeza, a súa accesibilidade e a información que lle proporcionan ao usuario. Para rematar, mediuse, cronómetro en man, a frecuencia de 9 servizos por liña (tanto en metro como en tranvía) en tres franxas horarias: en día laborable, de 7 a 9 horas da mañá e de 18 a 20 horas da tarde; e en sábado, de 18 a 20 horas da tarde.

Como conclusións principais, os técnicos comprobaron que as seis redes de metro analizadas destacaban especialmente pola limpeza e mantemento: tanto as estacións como os vagóns da maioría de liñas estudadas atopábanse en moi bo estado. Pola súa banda, o tranvía aproba con nota no apartado de información. E é que nas súas paradas ou vagóns o usuario pode obter información de todo tipo: orixe e destino das liñas, nome e situación das paradas, tarifas, horario ou que facer en caso de emerxencia. Non obstante, o punto negativo está na accesibilidade: por exemplo, catro de cada dez vagóns non dispoñen dun sistema acústico ou luminoso para as persoas con minusvalidez que avise da apertura e do peche das portas. Ademais, en ambos os dous tipos de transporte os técnicos da revista comprobaron que se cumpría a frecuencia de paso na maioría dos servizos analizados (tanto no metro como no tranvía).

As tarifas nestes modos de transporte son moi diversas. Unha soa viaxe pode ter varios prezos no metro e mais no tranvía, en función do título de transporte que se adquira, de xeito que canto pode aforrar un usuario mercando un tipo de billete ou outro? Para sabelo, EROSKI CONSUMER tomou como referencia o billete sinxelo e o bono de 10 viaxes no tranvía e no metro de cada cidade (sen ter en conta os prezos de se percorrer máis dunha zona tarifaria, caso en que aumentarían). En ambos os dous modos de transporte, os maiores aforros entre ambos os dous tipos de títulos de transporte atopáronse en Valencia (un 53% de diferenza), mentres que onde o consumidor a penas nota cambio no seu peto é en Madrid, só un 10%.

Metro: limpeza e frecuencia cumprida

/imgs/20110101/tema2.jpg
Tras a análise das liñas de metro españolas, os técnicos de EROSKI CONSUMER outorgan un ‘ben’ como nota media xeral; unha valoración que coincide coa obtida polo servizo de metro de Palma de Mallorca, Valencia, Barcelona e Madrid. Os metros de Bilbao e Sevilla destacan do resto xa que rexistran unha nota final de ‘moi ben’ en ambos os dous casos. O mellor das liñas de metro visitadas corresponde á limpeza das instalacións e á puntualidade do servizo, xa que se cumpría a frecuencia de paso na maioría dos servizos analizados. Practicamente non se atopou lixo (só nun dos vagóns analizados no suburbano de Barcelona), os máis dos asentos dos vagóns atopábanse en bo estado e dentro de sete de cada dez vagóns había papeleiras (a mellor dotación observouse en Sevilla).

Resulta algo máis baixa, aínda que satisfactoria, a nota que comparten o resto de capítulos analizados (‘ben’). En liñas xerais, a información que se proporciona é boa, e destacan os casos de Valencia, Bilbao e Madrid. Nestas cidades, os técnicos outorgaron unha nota aínda maior (‘moi ben’). Non obstante, non se pode dicir o mesmo do metro de Palma de Mallorca, que obtén un ‘aceptable’. Isto débese a que no interior dos vagóns do metro mallorquino non se especifica información ningunha sobre tarifas, horario de funcionamento do servizo, frecuencia de paso de cada convoi, como actuar en caso de emerxencia ou as posibles sancións en caso de viaxar sen billete. Ademais, na metade das paradas non se viron indicativos de prohibido fumar nas instalacións, tampouco persoal nas ventaíñas de atención ao usuario, e na mesma proporción de estacións atopouse polo menos unha máquina de venda de billetes fóra de uso.

Resulta positivo o capítulo que comproba se estas liñas do suburbano (incluíndo as súas estacións e vagóns) son accesibles para persoas en cadeira de rodas ou con algún tipo de minusvalidez. Esta satisfacción non se produce en todos os casos analizados, xa que mentres que en Bilbao, Sevilla e Palma de Mallorca os servizos de metro resultan accesibles (por iso obteñen un ‘moi ben’), os de Barcelona e Valencia presentan algunhas carencias neste sentido (‘ben’, nota compartida coa nota global das seis cidades do estudo). Con todo, os fallos máis evidentes corresponden ao metro de Madrid, que non supera a nota de ‘aceptable’ neste capítulo.

É seguro viaxar en metro?

Durante as viaxes, os técnicos de EROSKI CONSUMER comprobaron como en un de cada catro traxectos as freadas eran algo bruscas e en máis de unha de cada tres viaxes, esta non resultaba cómoda e tranquila de todo debido a que o vagón vibraba en exceso e había moito ruído exterior. As medidas de seguridade cúmprense de sobra nos metros de Sevilla, Madrid, Bilbao (os tres cunha nota de ‘moi ben’), Barcelona e Palma de Mallorca (estas dúas capitais obteñen un ‘ben’ de media). Neste último exemplo, os técnicos comprobaron que faltaba algunha luz de emerxencia, intercomunicador e elementos antiincendio (mangueiras ou detector de fume) no interior do metro. Ademais, na maioría das estacións de metro de Barcelona, o espazo entre a plataforma e o vagón é moi ancho e pode ser perigoso se queda enganchado o pé dun viaxeiro, unha cadeira de rodas ou un carriño de bebé.

Agora ben, a seguridade non resultou completamente satisfactoria tras a visita realizada ao metro da capital valenciana (non logra máis ca un ‘aceptable’): non se observaron vixilantes de seguridade, mangueiras, intercomunicador ou teléfono exterior en caso de emerxencia en ningún dos tres vagóns nos que se fixo a visita ás liñas do metro valenciano. Ademais, ningún asento dispuña de cinto de seguridade, na metade das estacións non se observou iluminación de emerxencia, noutras dúas había zonas que non resultaban de todo seguras por mor da falta de iluminación ou da existencia de corredores estreitos e algo agachados e nin rastro nas seis estacións de metro de detectores de fume e lume.

Tranvía: boa información pero accesibilidade mellorable

Tras as viaxes realizadas en 23 liñas de tranvía e o exame exhaustivo de 46 paradas, a valoración global do servizo de tranvía nas 11 cidades españolas que dispoñen deste transporte é dun ‘ben’. Esta nota repártese entre o ‘moi ben’ da información e servizos ao usuario, o ‘ben’ da seguridade e limpeza e mantemento no interior dos vagóns e mais nas paradas, e a cualificación máis mediocre (‘aceptable’) cando se trata de valorar a accesibilidade. Por cidades, os mellores exemplos de tranvías corresponden ao de Bilbao, seguido de Vitoria, Madrid, Barcelona, Sevilla, Alacante, Tenerife e Parla. Por detrás están os servizos de tranvía de Valencia e de Vélez-Málaga.

Facilitarlle ao usuario unha boa información, amais de achegar unha serie de servizos que satisfagan aos viaxeiros é esencial para a boa marcha deste servizo de transporte urbano. Xa que logo, este capítulo é o mellor valorado pola revista EROSKI CONSUMER. Demóstrao que practicamente a totalidade das 46 paradas de tranvía ofrecen información sobre a orixe e o destino da liña, as tarifas vixentes ou o horario de funcionamento.

A nota global do capítulo de información e servizos (‘moi ben’) é compartida polos tranvías de Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Alacante, Vitoria e Parla. Algo máis baixa, pero non por iso negativa, é a nota que obtén o tranvía de Tenerife no tocante aos servizos e información ao usuario (‘ben’). Pola súa banda, o tranvía de Sevilla e de Vélez-Málaga débese conformar cun ‘aceptable’. Abondan algúns exemplos: nas paradas de tranvía sevillanas hai máquinas expendedoras de billetes que non funcionan e os devanditos aparellos non contan con instrucións de uso. Ademais, a penas a metade dos tranvías visitados dispón dun espazo reservado para deixar as bicicletas (as mellores cidades neste caso son Barcelona, Sevilla e Tenerife) e nos tranvías de Parla e Madrid non se observaron indicativos onde se prohibise fumar dentro dos vagóns. En liñas xerais, a información máis completa no interior dos tranvías corresponde ás visitas realizadas en Alacante e Valencia, xa que se viron carteis co plano da rede de tranvías, tarifas e prezos, horario de funcionamento do tranvía, como actuar en caso de emerxencia, sancións por viaxar sen o billete correspondente, amais do horario e da temperatura exterior.

Non obstante, non pode dicirse o mesmo da accesibilidade deste medio de transporte para as persoas con minusvalidez. Resulta insuficiente nas liñas de tranvía analizadas en Madrid, Barcelona, Tenerife, Vélez-Málaga, Valencia e Parla (comparten nota coa valoración xeral do capítulo, ‘aceptable’). Algo mellor, aínda que non accesible de todo, é o tranvía de Alacante (entre o ‘aceptable’ e o ‘ben’). Con todo, as mellores medidas de accesibilidade observáronse nas viaxes realizadas nos tranvías de Sevilla (‘ben’), Vitoria e Bilbao (estas dúas últimas capitais comparten a nota de ‘moi ben’). A nivel global, non chega á metade o número de vagóns que dispoñen dun botón de aviso para que o condutor saiba que viaxa no tranvía unha persoa en cadeira de rodas (non se viron nos tranvías de Barcelona, Sevilla, Tenerife e Parla). Por cidades, a accesibilidade non é idónea de todo debido a que os vagóns son demasiado estreitos para que unha persoa en cadeira de rodas estea cómoda en todas as liñas de Barcelona e en unha das tres analizadas en Madrid; falta pavimento dunha textura diferente (útil para persoas invidentes) na metade das paradas de Madrid e en unha de Alacante; mentres que as máquinas expendedoras e validadoras de billetes non están a unha altura apropiada para alguén en cadeira de rodas na metade das paradas visitadas en Tenerife. Para rematar, falla a accesibilidade para persoas con problemas auditivos en todas as paradas de Valencia, practicamente a maioría das de Barcelona e tres de cada catro de Tenerife e Alacante; o motivo, a ausencia de son nas máquinas de venda de billetes e tíckets de viaxe.

Cúmprese a frecuencia de paso en metros e tranvías?

Amais da visita a cada unha das liñas de metro e tranvía do noso país, os técnicos da revista contabilizaron, cronómetro en man, cal era a frecuencia de paso de cada unha delas. Para iso, tivéronse en conta 9 servizos (tanto en metro como en tranvía) distribuídos a partes iguais en tres tramos horarios previamente definidos: día laborable de 7 a 9 da mañá, día laborable de 18 a 20 horas da tarde e sábado de 18 a 20 horas da tarde.

No caso do metro, todas as liñas cumpren coa frecuencia de paso que as entidades xestoras deste transporte facilitaron, salvo nun tramo horario (de 7 a 9 da mañá) da liña 5 de Valencia, na que se anotou un atraso de ata 5 minutos entre un convoi e outro. O servizo de metro da capital valenciana ostenta a dubidosa honra de ter algunhas das frecuencias de paso máis longas, entre 15 e 40 minutos nas liñas 1 e 3 (a liña 5 ten unha frecuencia de menos de 10 minutos) segundo o tramo horario seleccionado. Tras os seus pasos vai o metro de Palma de Mallorca, no que os viaxeiros teñen que agardar entre 15 e 30 minutos, segundo sexa día laborable ou sábado, entre un servizo e outro. Pola contra, as mellores frecuencias de paso observáronse en Madrid (2-4 minutos) e en Barcelona, onde cada 3 minutos chega un metro á estación, salvo no caso de dúas liñas (6 e 8), nas que se cronometraron ata 10-15 minutos de espera. Para rematar, os servizos de metro de Bilbao e Sevilla teñen a mesma frecuencia de paso dos seus vagóns (entre 5 e 7 minutos en ambas as dúas cidades).

A mesma puntualidade que se rexistrou na maioría das liñas de metro repítese no caso dos tranvías españois, salvo nun dos tres tramos horarios das liñas 2 de Madrid, 4 de Valencia e 6 de Barcelona, con atrasos de 4, 5 e 10 minutos respectivamente. Os tempos de espera máis longos observáronse nos servizos de tranvía de Vélez-Málaga (con frecuencias de paso de ata 40 minutos) e de Alacante (entre 20 e 30 minutos transcorrían ata que o seguinte servizo chegaba á parada). Non obstante, o tempo de espera do resto de tranvías analizados é menor: Sevilla (7 minutos), Madrid e Tenerife (de 6 a 10 minutos), Bilbao (10 minutos), Vitoria (entre 7 minutos no centro da cidade e 15 en barrios periféricos), Barcelona (entre 5 e 15 minutos) e, por último, a capital valenciana (con esperas entre 10 minutos e un cuarto de hora).

Un universo de tarifas e táboas comparativas

A diversidade das tarifas e tipos de tarxetas e abonos dos metros e dos tranvías fai moi difícil establecer comparacións entre cidades. Aínda así, o billete sinxelo e o bono de 10 viaxes son os dous títulos de transporte que se repiten nunha e outra cidade. Canto pode aforrar un usuario mercando un tipo de billete ou outro? Para sabelo, EROSKI CONSUMER tomou como referencia o prezo máis económico de ambos os dous tipos de billetes no metro e tranvía de cada cidade.

No caso do metro, os maiores aforros entre ambos os dous tipos de títulos de transporte atopáronse en Valencia (un 53%) e en Barcelona (un 43%), mentres que na capital biscaíña a proporción diminúe ata un 29%. Onde o consumidor a penas nota un cambio no seu peto é en Madrid, só un 10% de aforro. Sevilla e Palma de Mallorca non dispoñen dun bono de 10 viaxes.

No que atinxe ao tranvía, o usuario de Valencia, Sevilla, Barcelona e Alacante notará as maiores diferenzas en ambos os dous tipos de billete (sinxelo e bono de 10 viaxes): entre un 53% e un 41% de aforro. Hai que ter en conta que na capital valenciana e catalá os prezos do tranvía son os mesmos ca no metro. Despois, atópanse Vélez-Málaga e Parla, onde se atoparon diferenzas de entre un 20% e un 36%, respectivamente. De novo, o lugar no que a penas hai cambios entre o bono de 10 viaxes e o billete sinxelo é Madrid, só un 10% (as tarifas son as mesmas para os metros lixeiros ca para o metro).

Cidade por cidade

Madrid

  • Metro: O servizo de metro da capital destaca de xeito máis ca positivo (‘moi ben’) en case todos os capítulos analizados (información e servizos, seguridade e limpeza das instalacións); non obstante, a súa accesibilidade é mellorable (‘aceptable’). Dúas das súas liñas de metro non dispoñen dun dispositivo (acústico e luminoso) que avise da apertura e peche de portas do vagón e, ademais, falta pavimento dunha textura diferente na metade das paradas.
  • Tranvía: Na visita ao tranvía madrileño o máis salientable corresponde á información e aos servizos facilitados ao viaxeiro, mentres que a accesibilidade é o apartado peor valorado polos técnicos da revista (por exemplo, preto da metade das liñas de tranvía visitadas non resulta accesible de todo, xa que o espazo interior dos vagóns non é o ancho abondo para unha persoa en cadeira de rodas).

Barcelona

  • Metro: A cara negativa do servizo de metro da cidade condal reside no capítulo de seguridade; e é que na maioría das estacións de metro visitadas na cidade condal, o espazo entre a plataforma e o vagón é tan amplo que resulta perigoso se unha persoa mete accidentalmente o pé ou queda ancorada unha cadeira de rodas. Con todo, destaca de xeito máis ca positivo no tocante á limpeza das instalacións.
  • Tranvía: Os capítulos mellor valorados tras a visita ao tranvía de Barcelona corresponden á limpeza das instalacións e á información que se lles facilita aos usuarios. Como exemplo: nos vagóns infórmase visual e acusticamente das posibles conexións de cada parada e o mobiliario urbano está en correcto estado de mantemento. Así e todo, a accesibilidade deste medio de transporte non acada máis ca unha nota de ‘aceptable’.

Bilbao

  • Metro: Os técnicos de EROSKI CONSUMER valoraron de xeito moi positivo o suburbano da capital biscaíña. Todos os capítulos analizados (información e servizos ao usuario, limpeza das instalacións, accesibilidade e seguridade) comparten unha nota de ‘moi ben’.
  • Tranvía: A parte máis negativa da visita realizada ao tranvía de Bilbao corresponde coa limpeza das instalacións, concretamente no caso das paradas onde se observaron restos de cabichas de cigarros e papeis en abundancia. O resto de apartados analizados (información e servizos, accesibilidade e seguridade) acadan unh oia valoración máis ca satisfactoria.

Sevilla

  • Metro: A cara negativa do metro da capital hispalense reflíctese na información e nos servizos dispoñibles para usuarios, aínda que non baixa dun ‘ben’. Pola súa banda, comprobouse, de xeito máis ca positivo, que este servizo de transporte é accesible, seguro, e que se atopaba en bo estado de mantemento.
  • Tranvía: A información que se lles facilita aos usuarios do tranvía de Sevilla resulta insuficiente (non hai un plano da rede de tranvía nin se informa do horario de funcionamento dentro dos vagóns). Non obstante, case non se atoparon carencias respecto á seguridade e limpeza das instalacións.

Valencia

  • Metro: O apartado máis positivo refírese á información que se lle facilita ao usuario (nos vagóns non faltan carteis coa rede de metro, horario de funcionamento, tarifas ou como actuar en caso de emerxencia). Non obstante, o capítulo de seguridade revélase como o máis negativo da visita feita por EROSKI CONSUMER; demóstrao que na metade das estacións non se observaron luces de emerxencia en todas as dependencias.
  • Tranvía: A información ao usuario, ao igual que acontece na análise do metro da capital valenciana, coincide como o apartado mellor valorado; así e todo, os outros capítulos analizados non logran máis ca un aceptable. Abondan algúns exemplos destas carencias: na metade dos vagóns estudados, a climatización non era a axeitada; non se observaron cámaras de seguridade en ningunha parada e tampouco se atoparon botóns de apertura de portas en relevo.

Palma de Mallorca

  • Metro: A accesibilidade e mais a limpeza do metro de Palma de Mallorca salienta dun xeito moi positivo; agora ben, as carencias son destacables no caso da información e dos servizos que se lles ofrece aos viaxeiros (por exemplo, en ningún dos vagóns de metro analizados na capital mallorquina se observou información ningunha sobre tarifas, horario de funcionamento do suburbano, frecuencia de paso de cada convoi, como actuar en caso de emerxencia ou posibles sancións en caso de non pagar o correspondente billete).

Vitoria

Tranvía: O apartado peor valorado do tranvía de Vitoria corresponde á limpeza das paradas. Con todo, a nota máis positiva recae na información e nos servizos ofrecidos aos usuarios, así como na accesibilidade do tranvía.

Alacante

Tranvía: A valoración de todos os apartados estudados no caso do tranvía alacantino é máis ca positiva. Non obstante, non acontece o mesmo no caso da accesibilidade deste medio de transporte (a nota mantense entre o ‘aceptable-ben’). Como mostra desta baixa valoración, en dúas das seis paradas visitadas non había pavimento diferente para as persoas invidentes.

Tenerife

Tranvía: Todos os capítulos analizados pola revista EROSKI CONSUMER obteñen unha correcta valoración (‘ben’), nota que empeora así que se comproban as medidas de accesibilidade habilitadas no servizo de tranvía da cidade canaria. E é que non se observou, en ningún vagón, que se habilitase un botón para que o condutor saiba que nese momento viaxa unha persoa minusválida.

Vélez Málaga

Tranvía: A valoración do tranvía da localidade malagueña repártese a partes iguais entre o máis positivo (seguridade e limpeza das instalacións) e o máis negativo, que é a información ao usuario e a accesibilidade. Nestes últimos casos destaca, por exemplo, o feito de que non apareza información de tarifas ou de frecuencias de paso nas paradas e que non se observase ningún botón de apertura de portas en relevo.

Parla

Tranvía: Os aspectos máis positivos no caso do tranvía de Parla son a información que se lles facilita aos usuarios e a limpeza das instalacións; o contrario ca a accesibilidade, que ostenta a valoración máis negativa da análise.