Restaurantes: analizados 180 menús infantís de 14 capitais

Menús infantís en restaurantes: pouca variedade e baixa calidade dietética

Un 93 % non inclúe legumes nas súas opcións, un 78 % tampouco verdura e outro 56 % nin sequera peixe
1 Febreiro de 2013
Img tema de portada listado

Menús infantís en restaurantes: pouca variedade e baixa calidade dietética

Comer fóra da casa cando se teñen fillos é, ás veces, todo un reto. Ademais da batalla do “isto gústame, isto non me gusta”, a aventura moitas veces comeza por atopar un restaurante que inclúa na súa carta un menú infantil e que, ante todo, sexa equilibrado.

E é que a alimentación non só ha de coidarse na casa, tamén nun restaurante se poden educar os máis pequenos na arte de comer de xeito saudable e equilibrado. Co propósito de coñecer a calidade nutricional dos menús infantís que se ofrecen nos restaurantes do noso país, EROSKI CONSUMER visitou 180 restaurantes situados na Coruña, Barcelona, Bilbao, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Santander, Sevilla, Valencia e Vitoria. En cada local, solicitouse información detallada sobre a oferta culinaria para os máis pequenos (tipo de pratos, ingredientes, técnicas culinarias etc.), coa escusa de ser pais ou nais dun neno de 5 anos e de querer comer fóra un sábado calquera. Non sempre dispoñían dun menú infantil por escrito, pero mentres uns optaban por ofrecer pratos combinados, outros deseñaban un menú infantil tendo en conta a súa carta e outros adecuaban o menú dos adultos.

En liñas xerais, observouse que os menús infantís analizados non ofrecen pratos variados nin equilibrados. Case a metade deles non logra aprobar o exame dietético proposto por EROSKI CONSUMER, fundamentalmente pola insuficiente variedade de alimentos que inclúen (os legumes e a verdura non son nada frecuentes), pola repetición nas gornicións e nas salsas (case sempre patacas fritas ou salsa de tomate frito) e polo excesivo emprego de técnicas culinarias graxas (fritos, empanados e rebozados). En canto ao prezo, os menús custan de media 12,5 euros.

Como se fixo

O método de análise consistiu en valorar, segundo as recomendacións dietético-nutricionais da estratexia NAOS e da Asociación Española de Pediatría (AEP), a composición dos pratos (verduras, farináceos, peixes, carnes, sobremesas e pan) de cada menú infantil, así como as súas gornicións (incluíanse verduras e eran variadas), as técnicas culinarias utilizadas (con máis ou menos graxa) e tamén se valorou se ofertaban froita fresca de sobremesa e pan integral para acompañar. Ademais, consultouse a posibilidade de acceder a un menú dietético especial sen sal, sen glute, vexetariano e/ou baixo en calorías.

En total, cada un dos menús analizados podía obter un máximo de 14 puntos, distribuídos do seguinte xeito: 2 puntos por ofrecer verduras, arroz/pasta ou pataca e legumes; 1 punto se menos do 50 % destes pratos non contiñan alimentos de orixe animal; 2 punto se o menú infantil incluía igual número de carne e derivados (salchichas, despoxos etc.) ou de ovo e de peixe; 1 punto se máis do 50 % destes pratos non eran precociñados; 2 puntos se máis do 50 % dos pratos estaban cociñados con aquelas técnicas culinarias que menos graxa lles achegan aos alimentos (como cocido, á prancha, ao forno…); 2 puntos se as gornicións e as salsas eran variadas e se incluían verduras; 1 punto se había froita fresca nas opcións de sobremesa; 1 punto se se podía escoller pan integral; 1 punto se se podía optar a auga; e, finalmente, 1 punto se era posible acceder a menús especiais/dietéticos (sen sal, sen glute, baixos en calorías, menús vexetais etc.).

Calidade dietética mellorable

A dieta dos máis pequenos debe ser variada e equilibrada e ha incluír alimentos de todos os grupos lácteos, carnes, peixes e ovos, froitas, verduras e hortalizas, legumes e cereais. Así mesmo, os doces e as graxas deben tomarse con moderación porque posúen unha gran cantidade de azucres sinxelos e de graxa saturada e poucas vitaminas e minerais.

Convén intentar cumprir esta máxima non só no fogar, senón que tamén é importante ter a oportunidade de comer dun xeito san e equilibrado fóra da casa. Pero, é isto unha realidade ou unha quimera? Dos 180 menús analizados por EROSKI CONSUMER, o 56 % aproba o exame (o 16 % obtén un “moi ben”, o 17 % un “ben” e o 23 % un “aceptable”), pero o resto, o 44 % dos restaurantes analizados, suspende en calidade dietética (un 14 % con “moi mal”, un 13 % con “mal” e o resto cun “regular”).

Con todo, detectáronse diferenzas por localidades. Son poucas as localidades onde non suspende ningún menú infantil analizado, e estas son Bilbao e Vitoria. Ademais, é en ambas as dúas capitais onde se atoparon os dous menús infantís mellor valorados (cun 8,9 nos dous casos). Non obstante, Murcia destaca como a cidade onde é máis doado comer equilibrado para os máis pequenos, posto que cinco dos doce menús analizados obtiveron máis dun 7 de cualificación. Tamén destaca positivamente Logroño, onde só un dos dez restaurantes onde ofreceron menú infantil suspende cun “regular”. Polo contrario, os peores menús infantís atopáronse en Oviedo, onde seis dos dez analizados se valoraron cun “moi mal”. Séguenlle Málaga, Pamplona e Sevilla, con máis do 70 % dos menús suspendidos; e Barcelona e Madrid, con máis da metade.

Máis verdura, por favor

Un menú infantil de calidade debe incluír polo menos un prato de ensalada ou de verdura e se, ademais, ofrece legumes e/ou variedade doutros farináceos (arroz, pasta, patacas), consegue unha maior puntuación. Así mesmo, o menú é aínda máis saudable se na oferta deste tipo de pratos non se abusa dos ingredientes de orixe animal (embutidos, ovo duro, carne picada, atún, surimi, queixos etc.).

Pódense realizar pratos moi nutritivos e apetecibles se se combinan as verduras con arroz, pasta, pataca ou legume (paella de verduras; espaguetes con rustrido de verduras e salsa de tomate; espinacas, acelgas, borraxe, verza ou coliflor con garavanzos etc.) ou se se fan ensaladas de arroz e pasta. Outra opción que convén ter en conta é ofrecer como entrante unha ensalada sinxela (só con ingredientes vexetais), ademais do resto de pratos.

No estudo, dos 180 menús infantís analizados, só un 22 % incluía como mínimo un prato de verdura ou ensalada, mentres que nun 66 % deles se podía atopar pasta e/ou arroz. O recurso máis habitual son os macarróns á boloñesa e o arroz con tomate frito. Ademais, malia os beneficios recoñecidos dos legumes, só un 7 % os incluía como prato na oferta de menú (en Bilbao, Logroño, Málaga e Oviedo).

En materia de verduras ou ensaladas, destacaban de xeito sobresaínte Bilbao e Logroño porque en máis das dúas terceiras partes dos menús alí analizados daban a oportunidade de escoller un prato de ensalada ou de verdura (10 en Bilbao e 7 en Logroño). Non obstante, en ningún dos avaliados en Málaga, Oviedo e Pamplona se atopou esta opción.

Como dar exemplo

O fogar é o lugar onde se adquiren principalmente os hábitos alimentarios. Os nenos observan a nosa forma de comer, os alimentos que inxerimos, os que compramos, como cociñamos e, deste xeito e de forma progresiva, vanse afacendo aos nosos hábitos. Para dar bo exemplo dentro e fóra da casa:

  • É conveniente acostumalos a que realicen cinco comidas ao día. A dieta equilibrada debe repartir as calorías ao longo do día: almorzo 20 %, xantar 10 %, comida 35 %, merenda 10 %, cea 25 %.
  • A importancia de almorzar: aconséllase consumir lácteos, cereais/pan/galletas e froita ou zume de froita fresca. Reducir ou eliminar o consumo de bolería industrial.
  • A auga é sempe mellor que os refrescos ou os zumes envasados (teñen pouca cantidade de froita e moitos azucres simples).
  • Hai que comer en familia sempre que sexa posible. Comer devagar e sen distraccións (TV, videoxogos).
  • Para a hora do recreo e da merenda, aconséllase prepararlles pequenas porcións, co fin de non lles quitar o apetito cando toque xantar ou cear. Aconséllase variar cada día.
  • Moderar o consumo de carne nos nenos, especialmente a procesada (salchichas, hamburguesas…), así como de embutidos, pola gran cantidade de graxa e sal que levan.
  • Reducir o consumo de sal e utilizar, de ser posible, a sal iodada. Os alimentos enlatados, os aperitivos (patacas fritas, froitos secos…) e os precociñados conteñen elevadas cantidades de sal.
  • Se o seu fillo come nun comedor escolar, deberá coñecer o menú para así poder complementar a súa dieta co resto de comidas que realiza na casa.
  • Hai que educalos para que “coman de todo”. Antes de concluír que un alimento non lle gusta a un neno, é conveniente prepararllo de diferentes maneiras. Por exemplo, se rexeita o puré de cabaciña, pódeselle preparar en tortilla, rustrido con outras verduras que lle gusten, recheo de xamón cocido e queixo etc.
  • Non utilizar os alimentos como premio ou castigo. Este hábito fará que os nenos aprendan a utilizalos cando se sintan tristes ou enfadados, para “castigarnos” e tamén para agradarnos”, o que pode favorecer a aparición de desordes alimentarias.
  • Hai que estimulalos dende pequenos para que leven unha vida activa (pasear, andar, subir e baixar as escaleiras) e para que dediquen parte do seu ocio á práctica dalgún deporte.
  • Cociñar san: hai que reducir os fritos e incrementar os alimentos cociñados á prancha, fervidos ou asados. Débese evitar condimentar os pratos con salsas industriais. Convén acostumalos aos sabores naturais.

Equilibrio entre carne e peixe

É moi habitual incluír tamén carnes ou peixes acompañados de diversas salsas ou gornicións. En liñas xerais, o costume gastronómico pasa por incluír máis carne ca peixe. Este último é un alimento tan nutritivo como a carne e, se é azul, mellor, porque ten un tipo de graxa máis saudable. De feito, a Asociación Española de Pediatría aconsella o consumo de peixe fronte ao da carne, polo seu menor contido enerxético e polo seu mellor perfil graxo.

Por todo iso, é recomendable contemplalo como opción diaria e valórase positivamente que os menús infantís ofrezan polo menos unha porción de peixe. Non obstante, comprobouse que menos da metade dos menús infantís analizados inclúen peixe entre as opcións do menú. En Pamplona, por exemplo, ningún dos dez avaliados contén esta opción, mentres que en Vitoria oito dos dez si a ofrecen.

Ademais, o acompañamento deste tipo de pratos inflúe tamén na calidade dietética do menú. As salsas e as gornicións “abrigan os pratos”, achegan variedade, estimulan o apetito e proporciónanlles maior valor de saciedade ás comidas. En ocasións, cáese no erro de utilizar a mesma salsa para diferentes pratos, xeralmente de tomate. Algo similar acontece coas patacas fritas, que adoitan ser o único recurso para ofrecer de gornición nos segundos pratos. Pero pódense empregar ensaladas, verduras refogadas, rustridas, salteadas ou á prancha (cabaciña, berenxena…), pementos vermellos e verdes, champiñóns e cogomelos, puré de pataca, arroz ou chícharos salteados etc. Malia as recomendacións, só un de cada catro menús infantís ofrecía gornicións e salsas variadas. O habitual é atopar salsas de tomate frito e patacas fritas conxeladas. Destacan de xeito positivo oito dos doce menús infantís analizados en Murcia: un deles ofrecía un aliño de vinagre de Módena e caramelo, carochos fritos con perexil e allo, unha salsa de fungos con cebola e patacas refogadas con champiñón, cebola, tomate e viño branco.

Para acompañar todas estas delicias, é aconsellable o pan integral porque ten un maior contido en fibra e nutrientes reguladores, como vitaminas e minerais. Non obstante, tres de cada catro restaurantes non daban a posibilidade de comer con pan integral, sempre era branco.

A clave: cociñar sen graxa

Para evitar que a comida resulte pesada e demasiado calorífica para os nenos é fundamental reparar nas técnicas culinarias. É recomendable utilizar aquelas que menos graxa lles acheguen aos alimentos -as que empregan auga (cocido ou fervido, ao vapor… ), á prancha ou ao forno- e convén tamén utilizar menos de tres ou catro veces por semana os fritos, os rebozados, os empanados, os guisos e os estufados (máis graxos e enerxéticos e de máis difícil dixestión).

Non obstante, un 43 % dos menús analizados inclúen pratos nos que se utilizaron técnicas culinarias que lles achegan máis graxa aos alimentos; en especial, fritos, empanados e rebozados. En concreto, en Oviedo, onde en todos os menús analizados os fritos, empanados e rebozados superaban a prancha ou o forno. Ao contrario que os de San Sebastián, onde mandaba a prancha, o forno e a comida cocida.

Neste sentido, inflúe a formulación que se fai do menú infantil. Un de cada dez establecementos oferta pratos combinados, xeralmente unha mestura de fritos e empanados (croquetas, escalopes, luras á romana, ovo frito, patacas fritas, embutido etc.). Malia que son pratos que lles encantan aos nenos, resultan demasiado graxos e con moitas calorías. Isto acontece especialmente en Oviedo (6 dos 10 locais visitados ofertan pratos combinados) e en Sevilla (6 dos 12 analizados).

Puntos positivos: froita fresca e auga

Unha das conclusións máis positivas do estudo é que como sobremesa, no 82 % dos menús infantís analizados, se incluía a froita fresca e en todos os avaliados a auga era sempre unha opción.

Por último, outro valor engadido é que os establecementos de hostalería e restauración ofrezan a opción de menús “dietéticos” adaptados a necesidades dietéticas especiais, como alerxias e intolerancias alimentarias. Sería igualmente un valor extra se existise a posibilidade de escoller pratos vexetarianos dentro de toda a oferta do menú do día.

Tres de cada cinco menús infantís analizados incluían este tipo de menús dietéticos. Destacaban positivamente A Coruña, Barcelona, Murcia e Vitoria, onde en todos ofrecían esta posibilidade. Iso si, en gran parte deles solicitaban que avisasen con antelación para poder preparalos de forma axeitada, sen présas e cos alimentos apropiados.

12,5 euros por menú infantil

Os 180 restaurantes visitados cobran unha media de 12,5 euros polos menús infantís. Non obstante, entre localidades hai diferenzas de ata o 66 %: en Barcelona, a media é de 16,3 euros, mentres que en Valencia é de 9,8 euros.

Por debaixo do prezo medio, sitúanse os establecementos visitados en Murcia (9,9 euros de media), Málaga (10,2 euros), Santander (11 euros) e Pamplona (11,4 euros); e na media sitúanse os restaurantes analizados en Vitoria (12,1 euros de media), Logroño (12,2 euros), Bilbao (12,5 euros) e Madrid (12,6 euros). Por outra banda, despois de Barcelona, as cidades máis caras son San Sebastián (15,4 euros), A Coruña (14,2 euros), Sevilla (13,7 euros) e Oviedo (13,9 euros).

A gran pregunta é se o custo dun menú infantil ten relación directa coa calidade dietética e nutricional dos pratos que o compoñen. Neste caso, as diferenzas non son amplas: os mellores menús infantís (é dicir, aqueles que obteñen unha puntuación superior a 7 puntos) custaron unha media de 12 euros, mentres que polos peores (aqueles que suspenderon o exame nutricional) había que desembolsar unha cantidade similar, 12,6 euros de media.

Todos estes prezos inclúen os elementos básicos que deben compoñer un menú: dous pratos, pan, bebida e sobremesa, aínda que é certo que non todos os prezos dos 180 menús infantís analizados os incluían, polo que se consultou o seu custo e agregouse. Por exemplo, o pan cobrábano á parte en catro locais analizados en Madrid, dous en Sevilla e un en Barcelona. O prezo medio era de 1,4 euros a cesta de pan.

Ademais, oito restaurantes avaliados en Málaga, dous en Sevilla, e un en San Sebastián e Santander, respectivamente, cobraban á parte a bebida: 1,9 euros de media pola botella de auga e 2 euros polos refrescos. E, por último, outros cinco establecementos visitados en Málaga, tres en Oviedo e un en San Sebastián e Sevilla, respectivamente, tamén cobraban á parte a sobremesa: 3,6 euros de media.

O mellor menú infantil

Prezo: 12,50 euros (pan e bebida incluídos) Lugar: Bilbao Nota: moi ben

O menú

  • Primeiros:

    • Lentellas
    • Cinta ao queixo Philadelphia
    • Coliflor fervida co seu refrito
    • Ensalada mixta (leituga, tomate, pataca cocida, ovo cocido, conserva de bonito, espárragos, surimi, aceite de oliva, vinagre aromatizado)
    • Porros á vinagreta
  • Segundos:

    • Escarapote fresco á bilbaína
    • Ovos á cazola con chistorra
    • Salchichas de polo con puré de patacas
    • Lombo adobado á prancha con pementos e cogomelos
    • Estufado de poldro á xardineira
  • Sobremesas:

    • Iogur
    • Bólas de xeado de sabores
    • Tortas variadas (de arroz, de chocolate etc.)

As sobremesas poden substituírse por froita fresca

Puntos positivos

  • Verdura+legumes+pasta
  • Só dous dos pratos con verdura e farináceos levan alimentos de orixe animal
  • Un prato de peixe
  • Non son alimentos precociñados, senón frescos
  • A maior parte dos pratos están cociñados con técnicas culinarias que non achegan excesiva graxa
  • As gornicións son variadas e inclúen verduras
  • Inclúe a posibilidade de substituír as sobremesas por froita fresca
  • Tamén ofrece un lácteo sinxelo: iogur
  • Pódese escoller auga como bebida

Puntos negativos

  • Hai máis pratos de carne/ovos ca de peixe
  • Non se pode escoller pan integral
  • Non hai oferta de menús especiais/dietéticos, aínda que os pratos son baixos en sal