Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Menús escolares: analizados, durante dúas semanas consecutivas, os menús diarios de 211 colexios de 18 provincias españolas : Mellora a calidade dos menús escolares, aínda que un de cada tres non pasa do 'aceptable'

Un 17% dos centros visitados non inclúe verduras como mínimo un día á semana e os alumnos de unha de cada dez escolas non comen nin unha porción de peixe de luns a venres

A froita fresca ofrécese polo menos dous días á semana

O máis correcto nun menú san e equilibrado para os máis pequenos é que a sobremesa de máis da metade dos días da semana estea composta por froita fresca, mentres que o resto das xornadas lectivas se pode optar por lácteos sinxelos como iogures, calladas ou queixiños. O 97% dos centros estudados serven froita fresca un mínimo de dous días á semana (no 2004 a proporción ascendía ao 92%).

Pouco abuso de precociñados e derivados cárnicos graxos

Unha práctica dos comedores escolares é recorrer aos produtos precociñados e derivados cárnicos graxos (san xacobes, croquetas, empanadillas, hamburguesas, salchichas Frankfurt, varas de peixe e similares, aros de lura…), por seren baratos, bos de cociñar e de boa aceptación entre os cativos. Aínda que a súa achega de graxas, sodio e calorías desaconsella a súa inclusión na alimentación coitá dos nenos, comprobouse que no 5% dos 211 colexios estudados se recorre a estes produtos máis de dúas veces por semana (hai catro anos, a proporción ascendía ao 15%).

Doces, só en contadas ocasións

É habitual que en días festivos ou especiais aparezan no menú os pratos preferidos polos rapaces, como pasteis ou bolería. En liñas xerais, constatouse unha redución no recurso a estes produtos nos últimos catro anos. De feito, ningún dos 211 centros analizados os inclúe máis de dúas veces á semana. Os xaropes de froita e as sobremesas lácteas como cremas e flans son os alimentos que foron substituíndo os pasteliños que se ofrecían como sobremesa para finalizar a comida nalgunhas escolas incluídas no informe do 2004. Naquel estudo, un 3% dos centros foi penalizado por servir máis de dúas veces por semana estas pequenas tentacións.

Menús para todos

A preocupación dun centro escolar pola alimentación dos seus alumnos tamén se reflicte nas facilidades para aqueles nenos que precisan atencións especiais por circunstancias médicas ou por conviccións relixiosas. En nove de cada dez centros estudados, amais da comida convencional ofrécese a posibilidade de preparar pratos alternativos para aqueles menores con problemas de diabete, sobrepeso, alerxias ou que non consomen certos produtos por motivos relixiosos ou culturais. 17 escolas analizadas non dispuñan desas alternativas e mesmo unha delas, localizada en Araba, se negou a facilitar esta información por considerala confidencial.

Sen diferenzas entre escola privada, concertada ou pública

En liñas xerais, a calidade dietética dos menús escolares non rexistra variacións significativas en función da titularidade pública, privada ou concertada do centro. Nos concertados e privados, o 87% dos menús analizados supera o exame de CONSUMER EROSKI, aínda que case o 11% o fai cun mediocre ‘aceptable’ como nota media. Entre os públicos, aproban o 86%, aínda que deles o 21% se conforma cun ‘aceptable’. A proporción de suspensos tamén é moi similar (arredor dun 13%).

Os resultados si varían en función de quen elabora o menú (o propio centro, unha empresa externa ou ambos os dous). A teor dos datos, a mellor fórmula é a que inclúe o traballo conxunto dos cociñeiros do propio colexio xunto coa empresa externa (con notas de entre ‘ben’ e ‘moi ben’ no 77% dos casos que se decantan por este modelo), seguido dos menús preparados por un servizo de cátering, a opción escollida por máis da metade dos centros estudados (o 53% deles obtén un ‘moi ben’). Para rematar, as carencias máis evidentes detectáronse naqueles menús deseñados en exclusiva polo persoal do centro escolar (case a metade non logran superar o ‘aceptable’).

Erros comúns na alimentación infantil

O estilo de vida actual implica ter demasiadas obrigas diarias que rouban tempo, en ocasións, para o esencial. É o que acontece cos nenos. As angustias dos pais redundan en que os fillos cada vez estean máis sós e asuman eles a toma de decisións sobre o tempo de estudo, o tempo de lecer, etc. No caso da alimentación, o seu poder de decisión sobre o menú de cada día aumenta e, con el, o risco de se tornaren ‘malcomedores’. Tamén hai que ter en conta as modas alimentarias, porque contribúen a que se cometan algúns erros que cómpre emendar polo ben dos máis pequenos. Estes son algúns dos máis habituais:

Tomar máis de 3 produtos ou porcións de lácteos ao día:

Aínda que o leite se cataloga como un alimento fundamental e imprescindible durante a infancia porque se considera que é a única fonte de calcio, non é raro atopar nenos que toman cantidades excesivas de leite ou dos seus derivados (iogures, cremas, petit suisse ou queixiños). O abuso dos lácteos pode dar lugar a estrinximento e dor abdominal.

Tomar zumes envasados:

Os zumes puxéronse de moda e algunhas persoas cren que poden substituír a froita natural. Non obstante, no zume desaparece a fibra, os minerais e as vitaminas da froita, e só quedan os azucres. En realidade, conteñen só entre un 5 e un 8% de froita e o resto é auga. En proporción, achegan cantidades moi altas de enerxía e carecen doutros nutrientes esenciais. O seu consumo excesivo parece estar relacionado con algúns problemas de saúde como dor abdominal, caries dentais, inapetencia ou obesidade.

Substituír a froita por un zume natural:

A fibra dos alimentos vexetais é importante para que o intestino funcione mellor. O zume natural contén todos os ingredientes menos a fibra. Aínda que se pode tomar, é preferible que os nenos coman a froita ao natural, que mastiguen e saboreen distintas variedades.


Abusar de cereais azucrados e/ou chocolatados para o almorzo:

Nas últimas décadas, proliferaron os cereais (de trigo, arroz ou millo). Para os faceren máis apetecibles, van cubertos de azucre, mel ou chocolate. Isto aumenta considerablemente a cantidade de calorías sen achegar nutrientes esenciais. Os que levan chocolate tampouco son recomendables, xa que aumentan máis do debido a graxa. O máis saudable é tomar cereais sen aditivos.

Merendas brandas a base de pan de molde e bolería:

Os alimentos de consistencia algo dura favorecen o desenvolvemento dos músculos da cara e da mastigación, e ao mesmo tempo fortalecen dentes e enxivas. Pola contra, os alimentos demasiado brandos evitan ese pequeno esforzo e, como están compostos de azucres, adhírense aos dentes e contribúen a que aparezan caries. Ademais os produtos de bolería e os pans de molde inclúen graxa engadida, que non ten o pan do día. É máis aconsellable que os nenos merenden alimentos de máis consistencia, como os bocadillos de pan normal e froita.

Dar sempre sobremesa láctea no canto de froita:

Moitas familias ofrecen lácteos de sobremesa aos seus fillos porque coidan que así a alimentación é máis completa. Tamén o fan por comodidade, xa que os pícaros adoitan preferir os iogures, flans e cremas á froita, xa que os toman máis lixeiros e non hai que estonar a froita. Agora ben, a froita contén moitas vitaminas e por iso é conveniente que se afagan dende o primeiro ano a tomar a froita.

Preguntarlles aos menores que queren tomar:

A responsabilidade de elixir o menú, de mercar os alimentos e de deseñar unha dieta completa non lles corresponde aos nenos, senón ás persoas que os coidan, que teñen os coñecementos necesarios para planificaren unha alimentación variada e equilibrada. Os menores adoitan elixir alimentos demasiado doces ou demasiado salgados.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións