Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Visitados e analizados 22 zoos e acuarios de todo o país : Mal en conservación de animais e mediocres en educación ambiental e atención ó cliente

Un de cada tres, mal en conservación

No que afecta á conservación das especies mediante programas concretos e no traballo destinado a fomentar e preserva-lo benestar animal, suspende o 36% das instalacións. Os máis criticables son o Zoo de Córdoba, o Aquarium Terrarium de Madrid, o Zoo de Vigo e o Río Safari Elxe. O Zoo de Barcelona obtivo unha cualificación inmellorable. Outro sobresaínte recaeu no de Xerez da Fronteira. Non son de recibo, por exemplo, as goridas dos osos de Safari Madrid, que consisten en grandes tubos de formigón. É salientable que só o zoo de Cabárceno (Cantabria) proporciona un trato digno ós réptiles, un benestar menosprezado por case tódolos centros. Onde máis fallan, de tódolos xeitos, é na inexistencia de programas de cría en catividade de especies ameazadas e de programas para reintroducir especies na natureza. Tampouco se presta a atención suficiente á protección dos animais respecto de certas liberdades que se toman os visitantes menos concienciados. A parte máis positiva é o estado físico aparente dos animais que se cualificou, en xeral, de máis ca aceptable.

A penas se investiga

Máis da metade dos centros zoolóxicos a penas realizan investigación científica. Entre os peores non podían falta-los tan citados Aquarium Terrarium de Madrid, zoo de Córdoba, Río Safari Elxe e Safari Aitana, ós que se engade o Safari Park Vergel de Alicante, que merecen, os cinco, un cero (non fan nada) en investigación. Pero tamén hai excepcións a este lamentable panorama científico: o de Xerez da Fronteira obtén un dez, polos seus numerosos e prestixiosos traballos de investigación, mentres que o de Cabárceno, en Cantabria e o Aquarium donostiarra conseguen un sobresaínte. As contribucións científicas publicadas en revistas especializadas polos nosos zoos nos últimos cinco anos foron case nulas, mentres que só se alcanza un aprobado raspado de media no que fai referencia á pertenza ou relación con outros centros, asociacións e institucións.

Cómo se fixo (a metodoloxía)

  • Un equipo de biólogos especialistas en espacios protexidos e conservación de animais, tras establecer un cuestionario e fixar un sistema de valoración e ponderación, visitou e analizou, en febreiro e marzo de 2000, un total de 22 zoos e acuarios de todo o país.
  • Os técnicos percorreron as instalacións de cada centro. Posteriormente, mantiveron unha entrevista co responsable de cada recinto e estudiaron os documentos internos (xestión, relacións con entidades…) do centro.
  • Analizáronse, en cada centro, 47 variables divididas en catro grupos. O primeiro é a atención ó visitante e a calidade lúdica e educativa do centro, e agrupa 25 cuestións, entre elas os accesos ó centro, aseos, hostalería, e as medidas para garanti-la seguridade do público fronte ós animais. Comprobouse a atención médica que dispensa o centro ós visitantes e se conta con plan de emerxencia. Tamén se contabilizou o tempo que permanecen abertos ó público, e se anotou se había sinais para se orientar no interior do recinto. Así mesmo, tivéronse en conta as visitas guiadas que se ofrecen, a atención personalizada e o material divulgativo, ademais das actividades que promove o centro e a facilidade de toma de contacto co zoo (Internet, teléfono, fax e correo electrónico). Comparouse o grao de adaptación das instalacións ás necesidades dos minusvalidos, os puntos de información interactivos, as estructuras dedicadas á interpretación ambiental e as publicacións do centro. Avaliáronse tamén os espacios en que viven os animais, así como a facilidade para a observación das especies, a proximidade física a elas e o número de crías que se poden ver. Por último, a calidade e diversidade de exhibicións e actuacións protagonizadas polos animais.
  • O segundo grupo é a educación ambiental. Comprobouse se o centro conta cun programa documentado de educación, a cantidade e calidade da información (carteis, paneis…) á que pode accede-lo público no recinto, o material educativo que ofrece o centro e as actividades e exhibicións educativas que organiza.
  • O terceiro apartado, a conservación, comprende os programas de cría en catividade, de reintroducción na natureza de especies concretas, e outros servicios de conservación da fauna. Tamén se avalían os ambientes que habitan os animais, así coma o seu estado físico e anímico e a súa seguridade fronte ás posibles insensateces do público. Tamén se comprobou a existencia de carteis que lembren ós usuarios cál debe se-lo seu comportamento ante os animais, e se indagaron as técnicas de manexo e control (contracepción, eutanasia sen dor, necropsias…) das especies en cada centro.
  • O cuarto bloque era o traballo de investigación. Analizáronse os proxectos de investigación en que cada centro traballa na actualidade, as contribucións científicas publicadas nos últimos cinco anos, a pertenza a organizacións e institucións e os programas coordinados con outros centros ou institucións.
  • Unha vez recollida toda a información de cada centro, realizouse o informe final. Os criterios de ponderación do valor de cada cuestión dentro de cada apartado (moi distintos: a seguridade do público fronte ós animais merece un valor de ata 5 puntos mentres que a existencia de área recreativa infantil “vale” 0,5 puntos) foron consensuados polos técnicos de CONSUMER e os expertos. En canto ós criterios de ponderación de cada apartado respecto dos outros tres, decidiuse que os catro representaran o mesmo (25% cada un) á hora de obte-la media final de cada centro.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións