Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Zonas peonís: estudadas 57 das principais rúas peonís de 13 cidades : Máis da metade suspenden

As infraccións ás restricións para vehículos son frecuentes, a maioría falla en sinalización e en accesibilidade, e o equipamento é escaso en moitas rúas

Multas moi distintas segundo as cidades

As sancións (mínimas, porque poden ser maiores en determinados casos) por estacionar indebidamente en zona peonil (deixando á marxe as custas da grúa) son moi distintas entre as cidades estudadas: a máis forte é a que rexe na Coruña (96 euros), seguida de Málaga, Barcelona e Almería (arredor dos 90 euros). As máis liviás son as de San Sebastián e Valencia (30 euros) e Vitoria (case 46 euros).

No tocante ás multas por circulación de vehículos non autorizados en zona peonil, van desde os moi persuasivos 150 euros de Barcelona ata os 30 euros da Coruña e os 60 euros de Pamplona e Málaga. Son tamén onerosas as sancións en San Sebastián, Bilbao (100 euros), Murcia (96 euros), Vitoria, Oviedo e Valencia (arredor dos 90 euros).

Agás en Málaga e na Coruña, a contía das multas é superior cando a infracción consiste en circular indebidamente en zonas peonís que cando se trata de estacionar nelas. En Pamplona e Madrid a sanción é a mesma nos dous casos (60 e 84 euros respectivamente).

Naturalmente, o establecemento destas sancións económicas exerce un efecto disuasorio, pero tan importante coma a súa implantación normativa é que os infractores sexan multados cando así procede.

O equipamento das zonas peonís

/imgs/20040501/img.tema-portada03.jpg Un aspecto esencial é o seu correcto estado de limpeza e mantemento. Foi satisfactorio comprobar que só o 10% das rúas analizadas tiña o pavimento lixoso (excrementos, lixos, papeis, desperdicios). Doutra banda, só no 16% das rúas visitadas o pavimento presentaba irregularidades ou lousas e lastros soltos ou con buratos que propician a formación de pozas ou que supoñan un risco de caída para os peóns. No tocante ás papeleiras, en 3 de cada 4 rúas peonís presentaban un bo estado de uso, pero só nun 40% das rúas visitadas o número de papeleiras era o adecuado. Outra cuestión importante (por seguridade e comodidade) é a iluminación: case o 95% das rúas estudadas conta coa suficiente, tal e como se puido comprobar coa visita nocturna que se realizou a cada rúa. Ademais, tres de cada catro destas rúas dispoñen de farois específicos para as zonas peonís, na súa maioría de estilo clásico (nas zonas vellas) ou de deseño moderno acorde co resto do mobiliario urbano. Tamén se agradece que as zonas peonís conten con árbores, pero máis da metade non os teñen, debido nalgúns casos á estreiteza dalgunhas rúas, situadas as máis delas nas zonas vellas das cidades. Comprobouse que practicamente todas as árbores destas rúas se atopaban en bo estado de conservación. Con todo, tan só a metade dispuñan de enreixados na súa parte inferior para evitar tropezos e facilitar a conservación do espazo no que están plantados. Outra vez en positivo, estimouse que en case o 90% das rúas con árbores o número delas era adecuado.

Non todo é andar: de vez en cando convén descansar, e para iso os bancos son fundamentais. O malo é que o 56% das rúas peonís visitadas non dispoñen de bancos e que nunha de cada 8 das que os teñen, algúns víanse lixosos ou estragados. Agora ben, en todas as rúas con bancos habíaos en número abondo. Ó igual ca co resto do mobiliario urbano (agás con papeleiras e farois, sempre imprescindibles), a inexistencia de bancos nalgunhas zonas peonís pode desculparse pola carencia do espazo preciso para colocalos de xeito que non dificulten ou entorpezan o tránsito dos peóns.

Haberá quen coide que os testos con plantas ou flores son un luxo innecesario nas cidades, pero tamén quen argumente que lle achegan natureza, vida, beleza e ledicia ó contorno urbano. Este informe estudou este aspecto nas zonas peonís, e comprobouse que na metade das rúas visitadas non había testos con plantas, e que onde se vían, na terceira parte dos casos o seu estado de conservación e mantemento non era o adecuado. Doutra banda, andar non só cansa senón que tamén dá sede. Malia iso, tan só no 23% das rúas peonís estudadas había fontes de auga potable. E das existentes, unha de cada 13 non funcionaba. Teno moito peor o cidadán que precise darlles resposta ás súas necesidades fisiolóxicas: só nunha das 57 rúas peonís se atopou un aseo público que, ademais, estaba fóra de servizo.

Para rematar, queda o apartado cultural e estético das rúas peonís: só no 20% das analizadas existía polo menos unha obra de arte, se ben todas elas se atopaban en perfecto estado de conservación.

Sinalización e accesibilidade

/imgs/20040501/img.tema-portada04.jpg
Nunha de cada seis rúas peonís púidose comprobar a inexistencia de sinais que lles prohibisen o acceso e a circulación ós vehículos. E tan só o 35% das rúas contaban con sinais específicos (figuras humanas sobre fondo azul) que informasen de que se trata dunha rúa ou zona peonil. Destes sinais un de cada seis estaban deteriorados ou non cumprían a súa función, ó non se poder apreciar claramente o sinal desde un vehículo.

Tamén decepciona que só o 18% das rúas peonís conte con paneis cun plano desa zona da cidade ou dos lugares próximos de maior interese (monumentos, museos, edificios públicos…). Pero máis importante aínda é que en máis da metade das rúas peonís se atoparon elementos que interrompían o normal desprazamento dos peóns (estadas de obras, coches ou motos mal estacionados, carteis publicitarios de comercios, contedores de obras, terrazas de establecementos hostaleiros demasiado amplas) ou que, nalgúns casos, comprometían a súa seguridade.

Tamén se mirou se había escaleiras nestas zonas peonís (habíaas nunha de cada dez) e se cumprían os requisitos de accesibilidade para usuarios que se desprazan en cadeira de rodas. Pois ben, en só o 4% das zonas en que se viron escaleiras, estas estaban en mal estado (buratos, lousas rotas, chanzos desnivelados…), non tiñan varanda ou non contaban con rampla. Continuando coa seguridade, reparouse en elementos de risco para a integridade física dos usuarios (vehículos circulando fóra do horario de carga e descarga a velocidade excesiva, lousas rotas, chans moi esvaradíos, lousas ou lastros soltos, buratos no pavimento, pozas de auga, irregularidades importantes no firme…) nunha de cada tres rúas visitadas.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións