Enquisados 1335 usuarios de www.consumer.es sobre o littering ou o abandono intencionado de residuos en espazos públicos

Littering, un problema de educación e pouco civismo

Os enquisados perciben que o principal responsable deste comportamento incívico é o cidadán
1 Novembro de 2016
Img tema de portada listado 215

Littering, un problema de educación e pouco civismo

A xestión dos residuos urbanos é un dos grandes problemas aos que se enfrontan todas as cidades. Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en España recolléronse preto de 468 quilogramos de residuos urbanos por habitante en 2013. O tipo de lixo que se recolleu de forma separada foi, en primeiro lugar, papel e cartón (un 25 %); en segundo lugar, animais e vexetais (un 22 %) e, en terceiro lugar, vidro (un 18 %).

O Sistema Integrado de Xestión de Residuos (SIG) Ecoembes cifra o número de colectores amarelos en 366.339 e os azuis suman 200.618. Ecovidrio, pola súa banda, calcula que dispón ao longo da xeografía española dun total de 202.646 depósitos. Ademais, o cidadán español dispón de aproximadamente un milleiro de puntos limpos ou ecoparques onde depositar os seus materiais perigosos (pilas, baterías, aceites, electrodomésticos ou mobles de gran tamaño), así como papeleiras ao longo e ancho das rúas das súas cidades.

E, non obstante, a pesar de todos estes colectores distribuídos por toda a xeografía española, continúa producíndose o fenómeno littering ou o acto de tirar ou deixar obxectos no chan ou en calquera outro lugar non destinado a ese fin.

Por este motivo, EROSKI CONSUMER, a Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios (Hispacoop) e a Plataforma Envase e Sociedade (PES) levaron a cabo un estudo de percepción, co obxectivo principal de aproximarse ao coñecemento, á percepción e á implicación do cidadán no abandono intencionado de residuos en espazos públicos.

Para iso, entrevistáronse durante o mes de xuño un total de 1335 usuarios do portal www.consumer.es mediante a técnica CAWI (Computer Assisted Web Interview) ou enquisa en liña asistida por ordenador.

Conclusións principais e perfil dos enquisados

Falta de educación

De acordo cos resultados principais deste estudo de percepción, o problema do littering xérase por unha falta de educación do cidadán e a solución para reducilo e paliar os seus efectos pasa fundamentalmente por unha adecuada información, educación e concienciación.

O cidadán pensa que o envase representa na problemática do littering máis do que supón na práctica, o que confirma a necesidade de incidir nunha estratexia de información e formación. Doutra banda, móstrase comprometido á hora de xestionalo adecuadamente e de non abandonalo nos espazos públicos, unha actitude que supón un bo caldo de cultivo para que arraiguen as estratexias educativas.

Littering gl

Características principais da mostra

Datos demográficos. Os entrevistados máis participativos tiñan entre 41 e 55 anos (supuxeron un 29 %) e, por sexos, un 62 % da mostra eran mulleres.

A enquisa realizouse nas 17 comunidades autónomas e nas 2 cidades autónomas (Ceuta e Melilla). As persoas procedentes da zona centro e norte de España (Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, A Rioxa, Madrid e Navarra) constituíron un 38 % do total da mostra, os da costa mediterránea (Cataluña, Illas Baleares, Valencia e Murcia) representaron o 25 %, os da costa norte (Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco) un 21 %, os do centro sur de España (Andalucía e Estremadura) o 12 % e o 4 % restante correspondía a persoas das Illas Canarias e das dúas cidades autónomas.

En canto ao nivel de estudos, un 53 % dos participantes na investigación tiñan estudos universitarios ou superiores e só un 3 % non tiña estudos.

Hábitos de reciclaxe. O 63 % dos entrevistados aseguraba reciclar sempre na casa, aínda que outro 29 % recoñecía facelo só ás veces. Unicamente un 8 % confesaba non reciclar nunca.

Se se analiza esta información segundo o nivel de formación dos enquisados, un 70 % daqueles que contaban con estudos universitarios confirmaban que sempre reciclaban, fronte ao 56 % que tamén o aseguraban e non tiñan estudos universitarios. Precisamente, aqueles sen estudos universitarios eran os que máis admitían non reciclar nunca (un 10 %).

A este respecto, convén salientar que existen numerosos estudos que demostraron que factores socioeconómicos como o nivel de educación teñen unha correlación positiva cun comportamento medioambientalmente favorable.

Por zonas xeográficas, os enquisados da costa norte son os que máis concienciados estaban coa reciclaxe, xa que o 74 % deles afirmaba reciclar sempre na casa, fronte ao 64 % do total de España e o 51 % das Canarias e das cidades autónomas.

Xeración de residuos de envases. Durante a enquisa, a maior parte dos enquisados mostraron un comportamento ambiental positivo. O 97 % deles aseguraba que nunca deixaba os seus residuos de envase fóra do espazo destinado para ese fin. Todos eles buscaban o colector específico para reciclalo e, en caso de non atopalo, o 45 % gardábao ata dar cun e o 40 % tirábao nunha papeleira. Só un 1 % dos enquisados admitía renderse desde o principio e tiralo directamente ao chan.

Así, os entrevistados con estudos universitarios foron os que mostraron un comportamento ambiental algo máis favorable: un 46 % deles non cedería ata atopar o colector oportuno, fronte ao 44 % daqueles sen estudos universitarios que tamén o farían. Non obstante, un 15 % destes últimos recoñecen que finalmente tirarían o envase nunha papeleira, fronte ao 10 % dos quen teñen estudos universitarios que tamén admiten este comportamento.

A este respecto, nun estudo realizado en 2011 polos expertos nixerianos Oluyinka Ojedokun e Shyngle Kolawole Balogun demostrouse que o factor da educación estaba amplamente relacionado coa xeración de residuos en espazos públicos, e son os de maior nivel educativo os que mostran un maior compromiso ambiental.

Por regra xeral, no estudo tamén se comprobou que aqueles entrevistados que non reciclaban nunca eran os que menos se preocupaban de desfacerse dos seus envases no colector adecuado cando se atopaban fóra da casa e, ademais, eran os que máis abandonaban estes envases no chan (un 3 % deles).

Impacto e frecuencia

Un problema con significado

Practicamente a metade dos enquisados coñece o significado da palabra littering ou “abandono de lixo en espazos públicos”. Só un 2 % da mostra confúndeo co problema dos lixos mariños (envases ou materiais non orgánicos que flotan no mar), seguramente debido ao peso das campañas de concienciación sobre o abandono de residuos.

Ademais, os enquisados que afirman reciclar son os que máis claro teñen o concepto de lixo en espazos públicos (o 53 % acertou). Pola súa banda, aqueles que recoñecen non reciclar nunca confundiron máis o concepto co desperdicio alimentario (o 6 % fronte ao 0,6 %, de entre os que reciclan sempre).

Segundo os enquisados, os principais motivos polos cales se abandona lixo de maneira intencionada en zonas públicas son a falta de educación e a preguiza. Critícase menos a falta de mobiliario urbano para conter os residuos. Así, toma forza a idea de que a xestión dos colectores, papeleiras e outros mobiliarios son un problema menor para o cidadán.

Residuos que deixan pegada

Nunha escala onde o 1 é un nivel baixo e o 10 un nivel alto, os enquisados valoran por encima dos 7,5 puntos de media o impacto ambiental que ten o littering nos diferentes ámbitos.

Por regra xeral, destacan que o maior impacto do abandono intencionado de residuos se causa nos mares e nos océanos (déronlle unha puntuación media de 9) e despois nos ríos e nos lagos (con 8,8 puntos).

A valoración máis reducida lévana as rúas das zonas urbanas (con 7,5 puntos), os parques e xardíns das zonas urbanas (con 7,7 puntos) e os recintos públicos onde se celebran eventos (con 7,8 puntos).

Os máis frecuentes

Segundo os enquisados, os obxectos que se adoitan atopar abandonados na natureza son bolsas de plástico, cabichas e botellas ou botes de plástico. Pola contra, os que se atopan menos habitualmente son os bastonetes dos oídos.

Segundo os estudos de caracterización de residuos abandonados en espazos públicos na Unión Europea, os obxectos que máis se acostuman a atopar son as cabichas (41 %) e despois os envases (28 %). Por tanto, a percepción do cidadán non se afasta demasiado da realidade, xa que nestas caracterizacións inclúense as bolsas de plástico dentro da fracción envases.

Responsables

Culpables

Os enquisados son categóricos á hora de atopar o principal culpable da xeración de lixo abandonado en espazos públicos: o propio cidadán. Segundo eles, é el quen á fin e ao cabo deposita os seus residuos nos espazos que non foron deseñados para ese fin. Despois, están as empresas e as administracións públicas.

Ao considerar o cidadán como principal responsable, os entrevistados cren que a mellor forma de evitar o littering é investir en información e sensibilización ao cidadán, así como sancionar a quen abandona o lixo. Así mesmo, opinan que tamén conviría mellorar os sistemas de xestión de residuos e implantar uns novos.

A contradición

A maioría dos participantes da enquisa afirma non tirar case nunca lixo en espazos públicos. E, cando se lles pregunta por obxectos concretos (cordas, gomas de mascar, botellas, tapóns, alimentos, bolsas de plástico, cabichas ou embalaxes de papel, entre outros), aseguran que non é habitual que os refuguen dese xeito. Así mesmo, a maior parte dos entrevistados declara non tirar residuos de envases nas vías públicas e, de facelo nalgunha ocasión, déixanos na rúa en maior medida que noutros lugares, como praias, xardíns e parques.

Porén, estas declaracións resultan contraditorias, xa que consideran o cidadán como o principal responsable da existencia do littering e mencionaron as bolsas de plástico e as botellas ou os botes de plástico como os tipos de residuos máis frecuentes nas vías públicas.

Iso si, en canto á reacción dos enquisados cando atopan un envase no chan, só un 25 % dixo que o recollería e depositaría nun colector ou nunha papeleira. Outro 37 % só o faría se ese colector ou papeleira estivesen preto e o 35 % non faría nada.

Consecuencias e solucións

Os entrevistados cren que as consecuencias máis graves do littering son a contaminación da auga e os problemas na fauna. Despois, consideran importantes outras como a contaminación do chan, un maior gasto nos servizos de limpeza, a contaminación do aire, as pragas e a proliferación de enfermidades.

A solución mellor valorada polos enquisados foi a educación e a concienciación cidadá (logra unha puntuación media de 9 nunha escala onde 1 é a peor valoración e 10 a mellor), seguida moi de preto por multas ou sancións económicas (8,7 puntos de media). Novamente, o aumento do mobiliario é a última opción exposta polos enquisados.

Envases domésticos

A realidade socioeconómica actual provocou que o envase doméstico aumentase a súa produción e consumo nos últimos anos. Segundo os datos do INE, os envases mixtos e as embalaxes mesturadas ocupan un 14 % do total de residuos urbanos que se recolleron en 2013.

Neste sentido, os cidadáns consultados perciben que os envases domésticos supoñen unha gran parte do lixo que se abandona intencionadamente en espazos públicos. De feito, o 77 % deles cre que constitúen máis do 50 % deses residuos. Só un 22 % dos enquisados o sitúa por debaixo.

Por zonas xeográficas, quen en maior medida considera que os envases domésticos supoñen máis da metade dos residuos de littering reside no centro sur (un 80 % dos participantes na enquisa) e na costa mediterránea (o 79 %).

Con todo, esta percepción é errónea e está afastada da realidade. No que respecta ao lixo continental, hai poucos datos, pero a media de diversos estudos realizados na Unión Europea sitúa a porcentaxe de envases nos lixos abandonados intencionadamente en espazos públicos ao redor dun 28 %. A escala global, os envases no littering terrestre son aproximadamente do 18 %.

Ademais, segundo os datos recentes do Magrama sobre o littering en zonas costeiras, a porcentaxe de envases no total de residuos caracterizados (é dicir, tapas, tapóns, bolsas de aperitivos, envoltorios de lambetadas e xeados, botellas e garrafas de bebidas e bolsas de plástico) é dun 12 % na costa mediterránea, dun 15 % na zona noratlántica, dun 20 % na demarcación canaria e dun 31 % na demarcación suratlántica.