Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Infancia e entretemento : Lecer en soidade

As novas tecnoloxías contribuíron á aparición de novas modalidades de lecer máis individuais e sedentarias. O parque, as chapas, as bólas e o bocadillo foron substituídos polo centro comercial, os videoxogos, a televisión e a hamburguesa.

Dereito a xogar

/imgs/20070301/img.informe.05.jpg A Convención sobre os Dereitos do Neno recoñece o dereito “ao descanso e ao esparexemento, ao xogo e ás actividades recreativas” de todos os nenos e nenas. As diversas actividades lúdicas que practican os nenos inflúen no seu posterior desenvolvemento, de xeito que os pequenos que se entreteñen con videoconsolas ou con Internet son máis introvertidos e solitarios ca os que xogan na rúa.

Estas son algunhas das reflexións incluídas nun estudo realizado pola Universidade de Granada, no que se afonda sobre a evolución das técnicas de xogo e a importancia da actividade lúdica no desenvolvemento dos nenos. Os expertos coinciden en que o exceso de actividades extraescolares e o abuso de videoxogos ameazan unha das actividades máis educativas pero menos valoradas da infancia: o xogo espontáneo, no que os nenos crean as súas propias normas e poden desenvolver a súa imaxinación e creatividade.

Nunha sociedade que está marcada por un ritmo de vida apresurado e por unhas axendas sobrecargadas, tanto de adultos coma de nenos, o tempo que pais e fillos teñen para facer actividades xuntas redúcese. Os pais teñen pouco tempo para os seus fillos, ata o punto de producirse extremos como o deses “nenos chave” que saen do colexio e van sós para a casa, onde máis ou menos se “buscan a vida”.

Un informe publicado pola Academia Americana de Pediatría (AAP) no último número da revista Pediatrics destaca que o xogo lles permite aos nenos expresaren a súa creatividade e desenvolveren a súa imaxinación, a súa destreza manual e as súas aptitudes físicas, cognitivas e emocionais, polo que é importante para o desenvolvemento saudable do cerebro. Entre as virtudes do xogo non estruturado destaca que cando se xuntan varios nenos aprenden a traballar en grupo, a compartir, negociar, resolver conflitos e a defender os seus puntos de vista. E cando teñen ocasión de xogar cos pais, os nenos perciben que os adultos lles prestan toda a súa atención e contribúe a construír relacións duradeiras. O xogo duplica a capacidade de concentración e de memoria do neno, polo que a aprendizaxe resulta máis sinxela cando realiza este tipo de actividade, segundo un estudo do Colexio de Pedagogos de Cataluña.

O impacto das TIC nos menores

O impacto das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) na vida social provocou un profundo cambio nos comportamentos e hábitos de lecer dos nenos e mozos con respecto aos das súas xeracións precedentes. O tempo que os mozos dedican a chatear, a entreterse cos videoxogos e a navegar pola Rede aumenta ano tras ano a un ritmo espectacular. En España, o caso dos adolescentes é aínda máis sintomático: boa parte deles pasa acotío máis de seis horas expostos ás novas tecnoloxías (Internet, móbiles, videoxogos, reprodutores mp3, etc.).

Os expertos coinciden en afirmar que as TIC non son malas nin boas en si mesmas. O abuso dos xogos en liña, por exemplo, pode crear adicción, problemas ergonómicos e mesmo visuais, pero o seu uso racional pode servir como elemento rehabilitador (por exemplo, para a estimulación de determinadas funcións psicomotrices e de axilidade de reflexos). A clave está no uso que se faga destes novos medios de información e de lecer.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións