Estudo sobre o comportamento e a percepción dos consumidores españois sobre a xestión dos recursos e dos residuos

Irresponsabilidade no consumo

Para os consumidores non é prioritario o criterio ambiental no momento da compra
1 Xaneiro de 2017
Img tema de portada listado 222

Irresponsabilidade no consumo

A proliferación de envases só se considera un problema cando se converte nun residuo

Coa crise, os consumidores axustan a súa compra de alimentos para evitar o desperdicio

Os cidadáns teñen na súa man a posibilidade de practicar día a día un consumo responsable que contribúa a conservar o medio, a lograr un mundo equitativo e, tamén, que lles permita aforrar diñeiro. Só han de levar a cabo sete actitudes: reflexionar, rexeitar, reducir, reutilizar, reciclar, redistribuír e reclamar.

E é que, segundo a Declaración Oficial de Nacións Unidas con motivo do Cume da Terra de 2002, “unha das principais causas de que continúe deteriorándose o medio mundial son as modalidades insustentables de consumo e produción, particularmente nos países industrializados”.

Co obxectivo de informar, formar e concienciar aos consumidores sobre a importancia de previr e reducir o desperdicio alimentario, o consumo responsable e a mellora na xestión dos residuos xerados no ámbito doméstico, HISPACOOP (a Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios, da que EROSKI forma parte) realizou un estudo sobre o comportamento e as percepcións que teñen os consumidores na xestión dos recursos e os residuos.

Para iso, utilizou unha combinación de dúas técnicas: cualitativa e cuantitativa. A primeira baséase en 3 grupos de discusión (focus group) realizados en Madrid, Valencia e Sevilla a homes e mulleres de 25 a 65 anos. E a segunda fundaméntase nunha enquisa telefónica de ámbito nacional realizada durante o mes de outubro a máis de 2.000 consumidores maiores de idade.

Hábitos de compra

Criterios de compra

A compra atópase engarzada nos modos de vida dos consumidores. Neste estudo detectouse que os criterios utilizados á hora de comprar pouco teñen que ver co ambiental. Así, no momento do consumo compórtanse como meros consumidores e os criterios que guían os seus actos de compra son os dos consumidores.

Así, nove de cada dez persoas consultadas aseguran que compran alimentos que se adecúen ás súas necesidades e que eviten desperdicios. Outra 86 % busca manter o alimento fresco por máis tempo e un 82 % ten en conta a aparencia perfecta de froitas ou verduras. Outros criterios téñense menos en conta. Por exemplo, evitar xerar máis residuos, impacto ambiental dos envases ou embalaxes, o sistema de apertura e peche do produto, a facilidade do transporte ou almacenaxe e os materiais do envase ou embalaxe.

Á hora de comprar alimentos frescos envasados, as vantaxes máis sinaladas polos consumidores que participaron na investigación foron a comodidade e a rapidez por unha banda e o feito de que se conserven mellor neste formato polo outro. Isto implica que se lle dá prioridade á funcionalidade e a calidade dos alimentos frescos envasados por encima doutros aspectos.

En terceiro lugar sitúase outra vantaxe de carácter funcional, que é a de adaptar a compra ás necesidades do consumidor e, en menor medida, menciónanse outras vantaxes como que é máis hixiénico, que así o venden no seu establecemento habitual, polo prezo ou a calidade e pola información da etiquetaxe.

Pola súa banda, os principais motores da compra a granel son a adaptación da compra ás necesidades e o prezo. Así, o 37 % dos consumidores enquisados aseguran que, cando compran a granel, fano para adaptar a compra ás súas necesidades e outro 21 % faino porque adquirir neste formato é máis barato.

Cabe destacar tamén que un 9 % dos cidadáns aos que se lles preguntou sinalaron espontaneamente como principal motivo de elección da compra a granel que os alimentos son máis frescos, saudables ou naturais. Apenas un 8 % sinalou que desta forma se prevé o desperdicio do alimento e un 6 %, respectivamente, referiuse a aspectos relacionados coa calidade e a confianza (tales como a identificación da zona do produto, o trato co comerciante etc.) e que é o formato en que o venden no seu establecemento habitual.

Ga

Elección do envase: importa?

A proliferación dos envases é, segundo a investigación, un elemento característico das formas de consumo actual. Son os mozos en maior medida quen considera esta situación como un verdadeiro problema, para o que non se ten resposta.

E é que, hoxe en día, resulta practicamente impensable volver a un tempo no que todo se comprase a granel, incluídos os líquidos. Por conseguinte, é practicamente imposible evitar a compra de alimentos envasados (incluso os produtos a granel ou os artigos comprados ao peso embálanse despois).

Durante a investigación comprobouse que, á hora de comprar, o consumidor outorga máis importancia ás propias características dos produtos envasados que aos criterios ambientais que puidesen presentar os envases.

Así, tres de cada catro consumidores enquisados prefiren moitas ou bastantes veces envases que preserven os alimentos máis tempo e tamén aqueles de fácil apertura e manipulación. O 70 %, pola súa banda, opta polos envases con apertura e peche e outro 59 % dos enquisados di ter en conta moitas ou bastantes veces criterios ambientais á hora de comprar.

Hábitos de consumo

Consumo no fogar

A xestión doméstica dos alimentos e bebidas é fundamental para entender o modo en que se produce o desperdicio de alimentos nos fogares. De aí a importancia de coñecer o consumo no fogar e a súa relación cos envases, os alimentos e as súas características, máis concretamente co comportamento do consumidor en relación coas condicións de conservación e almacenaxe dos alimentos e o papel dos envases neste proceso.

Máis da metade dos enquisados aseguran aproveitar en moitas ocasións o produto unha vez aberto e tamén o 45 % segue as instrucións de almacenaxe e conservación indicadas no envase ou etiqueta. Pero é menos frecuente que almacenen os produtos no seu propio envase, o que leva a refugar o orixinal e, en caso necesario, conservar o produto adquirido noutro recipiente, envase ou material para conservar.

En canto á deterioración de alimentos conservados nos fogares, un 35 % da poboación afirma que nunca ou case nunca se lles estragan, aínda que un 57 % confesa que lle ocorre poucas veces. Só representan un 7 % aqueles cidadáns que recoñecen que se lles botan a perder alimentos bastantes ou moitas veces.

Un 48 % das persoas consultadas ás que se lles deterioran os alimentos nalgunha ocasión aseguran que o principal motivo é por esquecemento ou descoido e tres de cada dez culpan ao exceso de tempo transcorrido ata o posible consumo, polo que o produto perece ou caduca. Este motivo non é excluínte respecto do primeiro, senón máis ben complementario.

Ademais, un de cada dez consumidores sinala non saber aproveitar as sobras ou restos para utilizalos posteriormente ou noutros pratos. Outro 6 % apunta a unha mala conservación e arredor do 2 %, respectivamente, por descoñecemento sobre como conservar e outros motivos.

Uso do envase

En que medida os consumidores consultados consideran que os envases axudan a desperdiciar menos e a conservar e transportar mellor os alimentos? Nove de cada dez afirman que axudan bastante ou moito a transportar mellor os alimentos. Oito de cada dez sinalan que permiten bastante ou moito conservar mellor os alimentos. E, por último, seis de cada dez declaran que axudan bastante ou moito a desperdiciar menos alimentos.

Así, sorprende a percepción que teñen os consumidores sobre a funcionalidade dos envases, posto que non perciben que estes poidan ser un elemento fundamental para evitar o desperdicio de alimentos envasados, ben alongando a súa vida útil ou manténdoos frescos por máis tempo.

Neste sentido, só un 36 % dos entrevistados afirma que coñece ou oíu falar sobre os envases que alongan a vida dos alimentos. Pero o 68 % estaría interesado en consumir produtos cuxos envases informasen o consumidor sobre a frescura do alimento, por exemplo, a través dun cambio gradual de cor do envase ou un sistema semellante.

Por último, consultouse cos participantes do estudo sobre a forma na que conxelan os alimentos. Sete de cada dez empregan outro tipo de envase diferente do propio de venda para conxelar os alimentos no fogar, mentres que o 24 % si o fan no seu propio envase de venda.

Así, é unha práctica habitual entre os consumidores o feito de comprar alimentos frescos (carne ou peixe), redistribuílo e conxelalo posteriormente, ben en bolsas de conxelar ou en láminas de plástico. Pola contra, a práctica de conxelar no seu propio envase de venda é menos frecuente, xa que moitos consumidores conciben que o envase só serve para almacenar o alimento e expoñelo no comercio, e para o seu transporte ata casa. En ningún caso para a conservación do alimento a través do proceso de conxelación.

Ga

Hábitos de reciclaxe

Reciclaxe no fogar

Segundo a investigación, todos os consumidores consultados recoñecen a importancia da conciencia ambiental na reciclaxe. Recíclase porque hai que facelo, porque hai unha conciencia máis ou menos de que os efectos da actividade humana se nos foron das mans.

Así, comprobouse que arredor do 85 % dos entrevistados separan nos seus domicilios os envases de vidro e o papel e cartón. Os residuos de envases -botes, plásticos, briks etc.- recíclaos tamén unha porcentaxe relevante de consumidores consultados, un 78 %, e en proporción similar (un 76 %) aseguran que separan pilas, aceites, electrodomésticos e outros refugallos reciclables.

En canto aos residuos orgánicos, a incidencia de quen os separa de forma independente (55 %) ou xunto co resto de residuos (53 %) entre o conxunto da poboación é menor, o cal se produce polo feito de que o sistema de recollida selectiva de materia orgánica (colector marrón) non está implantado en todas as comunidades autónomas.

Pero, consideran cómodo reciclar na casa? Inflúe a capacidade do fogar e o número de colectores. Neste sentido, o estudo mostra que existe unha relación directa segundo a cal o aumento dos colectores nos fogares aumenta a incomodidade que estes supoñen.

No estudo comprobouse que un 50 % dos entrevistados indica a barreira da incomodidade en tres colectores, a diferenza do 74 % que a sitúa en catro. Así, confírmase que hai unha porcentaxe maioritaria e relevante de persoas para as cales a acumulación de colectores no seu fogar supón un problema á hora de separar e reciclar os residuos.

De feito, o ter que dispoñer de varios colectores para separar os diversos residuos xerados levou a que moitos fogares optasen entre reciclar uns ou outros residuos, baseándose en criterios ambientais e de espazo. Así, púxose de manifesto que algúns fogares tenden a reciclar, por exemplo, o vidro, aínda que sempre ocupe máis que os envases de plástico ou latas, por consideralo que é perfectamente reciclable e polo seu impacto ambiental nulo. Noutros casos, e de forma neglixente, fórzase á similitude entre materiais, utilizando os colectores domésticos como destino final para calquera obxecto que correspondería depositalo, pola contra, nun punto limpo.

Con todo, a consecuencia de elixir entre un ou outro tipo de colector á hora de depositar os residuos xerados no fogar, é que o resto de colectores acolla máis materiais dos que deberían, dificultado así o seu tratamento posterior. É o claro exemplo do colector de fracción resto, que se converteu nun verdadeiro caixón de xastre.

Persisten as dúbidas?

A metade dos cidadáns enquisados ten claro como se recicla. Así, un 51 % dos enquisados afirma que nunca ou case nunca dubida á hora de separar o tipo de lixo que se xera no fogar ou a que colector corresponde cada cousa. Tres de cada dez din que poucas veces dubidan e apenas representan un 15 % quen declara ter bastantes dúbidas e moitas dúbidas.

Con todo, unha das maiores dificultades para reciclar é a falta de coñecemento sobre o que corresponde a cada colector, o que leva a que os colectores dispoñibles no fogar se enchan de obxectos inadecuados ou impropios que corresponderían a outros colectores.

Por conseguinte, segundo a investigación, isto denota que hai unha marxe de mellora nos sistemas actuais de separación e reciclaxe dos residuos de alimentos producidos no ámbito doméstico.

Dúbidas sobre os SIX

O sistema de xestión de residuos (SIX) é ben coñecido por todos. Pero a pesar de que este modelo de xestión dos residuos xa leva tempo implantado, aínda segue habendo algunhas dúbidas.

Durante a investigación, comprobouse que o usual é que non se coñezan os axentes que interveñen no proceso nin tampouco cal é a relación que manteñen entre eles, de maneira que finalmente non se ten claro se a Administración recibe algún tipo de beneficio da reciclaxe ou ben é pagadora neta.

Tampouco se coñece ben cal é o ciclo (só a grandes liñas) e, cal é a eficacia real de todos os esforzos individuais e da organización dese sistema. Cumpren co seu parte na medida que entenden que ten un sentido colectivo e que apunta a esa finalidade razoable ou á conciencia ambiental. Con todo, xorden demandas de “compensación” ou de “retribución” dese esforzo individual, porque, en última instancia, descoñécese de que maneira concreta se benefician os cidadáns do seu propio esforzo por reciclar.

Polo que respecta ao seu funcionamento, enténdese de modo vago que aínda queda moito por facer ata chegar a unha situación ideal de reciclaxe do 100 % dos residuos domésticos.

Con todo, consideran que o sistema actual adoece fallos. Algúns deles están relacionados coa desigual e incompleta distribución de colectores nas distintas zonas dunha mesma cidade, o cal constitúe o principal límite para a cooperación cidadá. Resaltan que o esforzo individual chega ata onde o sistema o permite, de maneira que os fallos dese sistema producen o correspondente fallo humano: ninguén volve levar a casa os seus lixos só porque os colectores estean cheos.

E sobre o SDDR? O Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR) é un sistema que implica o pago dun depósito no momento da compra e afecta ao 9 % dos envases. O depósito poderíase recuperar no caso de que o consumidor devolva o envase no punto de venda en perfectas condicións: sen esmagar, baleiro e coa etiqueta intacta.

O estudo detectou tres elementos negativos asociados ao SDDR. En primeiro lugar, o incremento do número de colectores necesarios no ámbito doméstico, o que prexudica os fogares con menos renda e en ámbitos urbanos. En segundo lugar, que os envases deban conservarse e devolverse en perfecto estado. E, por último, vincular aos momentos de compra a práctica de desfacerse dos residuos, limitada aos horarios comerciais.

Ante a necesidade de coexistencia de ambos os modelos, SIX e SDDR, o consumidor cuestiona que o destino final do produto recollido é o mesmo que o do sistema actual, a reciclaxe, e non a reutilización do envase.

En consecuencia, os consumidores interpretan que se trata dun cambio de modelo no que prima o coercitivo fronte á sensibilización ambiental, e penaliza a quen xa reciclaban mentres que non asegura a incorporación das persoas que nunca reciclan.