Visitados e estudiados 137 establecementos de óptica de 13 cidades

Hixiene e asesoría, aspectos que cómpre mellorar nas ópticas

Convén preguntar moito, pedir orzamento en varias ópticas e pensalo ben antes de mercar
1 Febreiro de 2004
Img temap 181

Hixiene e asesoría, aspectos que cómpre mellorar nas ópticas

Varios millóns de españois sofren problemas de visión que os obrigan a usar gafas ou lentes de contacto. Para atendelos, amais de médicos oftalmólogos, hai máis de 8000 establecementos de óptica espallados por todo o país. Cando non é cambiar de lente porque expirou o seu prazo de uso, é efectuar unha graduación para comprobar como evoluciona a nosa deficiencia visual ou mercar unha montura que nos favoreza ou cambie de aspecto, ou que resulte máis acorde coas tendencias que dita a moda. En cada recuncho das nosas cidades xorden ópticas cada día máis cheas de usuarios, e gafas e lentes convertéronse nun obxecto de consumo máis, cunha utilidade práctica que non impide que posúan tamén un simbolismo equiparable ó de complementos e abelorios de clara compoñente estética.

Técnicos de CONSUMER visitaron o pasado mes de xaneiro -facéndose pasar por clientes e cumprimentando posteriormente un amplo cuestionario- un total de 137 establecementos de óptica emprazados en 13 cidades: Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Málaga, A Coruña, San Sebastián, Vitoria, Pamplona, Cádiz, Pamplona, Burgos, Murcia e Castellón; todo iso, coa finalidade de estudar a calidade do servizo que lles ofrecen ós usuarios.

A conclusión máis salientable, amais da enorme disparidade de prezos que aconsella pedir orzamento en varias ópticas e pensalo ben antes de efectuar o gasto, é que as ópticas cumpren satisfactoriamente cunha das súas tarefas fundamentais, a graduación e o diagnóstico do posible defecto de visión do usuario: só no 3% das ópticas o fallo na graduación superou (por defecto ou por exceso) as 0,25 dioptrías, e unicamente no 4% delas o usuario recibiu un diagnóstico equivocado sobre a súa deficiencia visual. Polo tanto, se ben unhas poucas cometen erros, as máis delas fan medicións fiables. Continuando cos aspectos positivos, en case todas imperan a orde e a limpeza esixibles a un establecemento sanitario no que se comercializan produtos susceptibles de lle causaren problemas de saúde ó usuario, como as molestas conxuntivites ou infeccións de ollos. De todos os xeitos, no 9% das ópticas a zona de graduación e proba de lentes presentouse desordenada, e nunha, de Valencia, a limpeza non se considerou abonda.

A información, deficiente en moitos casos

O menos satisfactorio é a información, a asesoría comercial e técnica que precisa o usuario para elixir con acerto: catro de cada dez ópticas suspenderon a proba, ó non proporcionaren datos e consellos abondos para orientar o usuario na súa elección dos diversos tipos de montura (pasta, metal, “ó aire”), lentes (orgánicos -brancos ou antirreflectintes- e minerais -brancos ou antirreflectintes-) e lentes de contacto (diarios, mensuais, normais convencionais, e ríxidos). Só o 28% ofreceron información detallada motu propio sen que o usuario a demandase, mentres que unicamente o 30% o fixeron co rigor esixible tras a solicitude expresa do técnico de CONSUMER. O 38% dispensaron información pouco precisa e o 4% non souberon responder as sinxelas preguntas formuladas.

Tamén pode relacionarse coa información a confección dun orzamento e a existencia dun cartel que informe o usuario de que os datos persoais que lle proporciona á óptica serán correctamente utilizados e protexidos, como esixe a Lei de protección de datos. Pois ben, en oito de cada dez ópticas non se viu este cartel (na Coruña lucíano todas as visitadas), e no 6% delas o usuario tivo que marchar sen un orzamento malia a solicitalo. Só nunha de cada cinco ópticas se ofreceu orzamento sen que cumprise pedilo, a actitude máis correcta cando o cliente recibiu información de varias opcións a elixir. O 55% delas deron o orzamento tras a demanda do usuario.

E en oito ópticas (catro de Málaga, unha de Vitoria, unha de Barcelona, unha de Madrid e unha de San Sebastián) negáronse a que o cliente tomase nota dos prezos que lle interesaban coa lóxica finalidade (exposta ó empregado da óptica) de reflexionar na súa casa sobre as alternativas ofrecidas e comparalas despois cos prezos doutros establecementos.

Xa nunha orde de menor relevancia, nunha de cada tres ópticas (en todas as visitadas en Málaga e en máis de seis de cada dez de Castellón e Barcelona) as monturas expostas no escaparate ou no interior do establecemento non indicaban o prezo, mentres que na metade das que ofrecían na proba tampouco o amosaban. Obvio resulta que o usuario prefire saber o custo dos produtos (o económico é un factor clave na elección de calquera produto) antes sequera de preguntar por eles.

O peor, a hixiene na proba de adaptación dos lentes de contacto

Malia os importantes ámbitos de mellora xa descritos, queda aínda o máis crítico: as deficiencias na hixiene e limpeza en que se desenvolve a proba de adaptación dos lentes de contacto.

En case unha de cada cinco ópticas, os lentes de contacto ofrecidos ó usuario non se presentaron debidamente precintados e desinfectados, ou ben non se puido comprobar este aspecto; nunha de cada tres o empregado non lavou as mans ante o usuario; en seis de cada dez accionou o mando da billa da auga coas mans (é desexable o lavabo de pedal, por máis hixiénico); nunha de cada vinte tocou algo despois de lavar as mans e antes de operar cos lentes.

Para rematar, nunha de cada cinco ópticas non se realizou a proba do xeito pausado e preciso -acompañado de explicacións e consellos- que unha manipulación tan sensible e unha decisión ás veces tan difícil requiren.

O cumprimento estrito das normas de hixiene tórnase fundamental nas ópticas, especialmente cando se fai a proba de lentes, xa que os ollos son uns órganos moi sensibles e vulnerables.

O proceso, paso a paso

Cando se visita un destes establecementos, o óptico segue un procedemento que comeza cun exame visual para detectar se variou a graduación ou se permanece estable desde a última visita, no caso de que anteriormente xa acudísemos a algún. A graduación pódese efectuar mediante máquinas automáticas, semiautomáticas ou coas tradicionais gafas de proba nas que se van inserindo lentes ata que o cliente ve de xeito nítido e claro. O recomendable é que se empregue máis dun método para determinar a graduación, xa que iso permite unha maior precisión. Pero só o 40% das ópticas recorreu a máis dun sistema (o máis común foi a máquina semiautomática). E no 9% negáronse a realizar a graduación se non se garantía a compra; isto aconteceu en todas as estudiadas en Madrid e nunha de Barcelona e Pamplona. Tras determinar a graduación, comeza o proceso de compra, durante o cal o usuario terá que elixir entre unha gran variedade de monturas, cristais ou lentes de contacto. Para atinar, é case imprescindible o asesoramento do óptico, xa que hai información sobre novos materiais, vantaxes e desvantaxes dos diversos tipos de cristais, monturas e lentes… que convén coñecer, especialmente se é a primeira vez que se acode a unha óptica ou que se efectúa unha compra. Despois, anótanse, xunto á graduación do cliente e ó produto adquirido, os datos persoais do usuario, pero a súa xestión está suxeita á Lei de protección de datos.

A proba de adaptación de lentes de contacto mensuais busca confirmar que o cliente se sente cómodo con eles, que se adaptan correctamente ós seus ollos e que os tolera, de aí a importancia de que se realice esta proba antes de realizar a compra, especialmente cando o cliente ten unha elevada graduación. No 44% das ópticas suxeriuse realizar esta proba, e no 36% accederon a realizala cando se solicitou expresamente. En case unha de cada dez dixeron que non as podían realizar nese momento, mentres que no 11% comunicaron que non efectuarían a proba se non había garantía de compra. As ópticas onde se rexistraron máis negativas dese estilo foron as de Madrid (o 90% negáronse). A mesma situación deuse en dúas ópticas de Valencia e Bilbao, e nunha de Castellón e Pamplona.

Gama e prezos das monturas

Hai tres tipos de montura para gafas: de pasta, de metal e as coñecidas como “ó aire”. As máis novidosas e caras son estas últimas; son máis discretas e -segundo gustos- máis estéticas, pesan menos e resultan máis flexibles cás demais. É importante que se lles ofrezan ós usuarios os diferentes tipos de monturas, para que poidan valorar cal se adapta mellor ás súas faccións e ás súas expectativas de uso e de gasto. As máis comunmente ofrecidas polos optometristas foron as de metal (tan só un 2% non as propuxo), mentres que as de pasta non foron ofrecidas no 12% dos casos e as “ó aire”, no 26%.
O prezo das monturas varía moito, dependendo do modelo, da marca e da tempada. Os técnicos de CONSUMER comprobaron que a diferenza entre a máis barata e a máis cara foi de 93 euros nas monturas de pasta, de 129 euros nas de metal, e de 271 euros nas monturas “ó aire”.

Tras solicitar en todas as ópticas as monturas de pasta máis baratas, comprobouse que en Burgos as hai por só 14 euros, mentres que nas visitadas en Valencia, Vitoria e San Sebastián non se podían mercar por menos de 40 euros. Efectuada a mesma xestión coas de metal, víronse en Cádiz e Burgos por 13 euros ou menos, mentres que nas visitadas en Barcelona, Vitoria e Madrid, non se podían conseguir por menos de 40 euros.

E as monturas “ó aire” podíanse mercar por 32 euros e mesmo menos en Pamplona e na Coruña, mentres que nas ópticas visitadas en Barcelona e en San Sebastián non as había por menos de 90 euros. Queda patente a enorme diversidade de prezos, e a conveniencia tanto de reflexionar sobre as diversas alternativas de montura como de visitar varias ópticas antes de decidir cal mercar.

Os lentes das gafas

Maior relevancia que coñecer a oferta de monturas ten coñecer os tipos de cristais que podemos utilizar, xa que esta cuestión transcende o meramente estético. Hai dous tipos de lentes, orgánicos e minerais. Os primeiros ofrecen maior resistencia á rotura e menor peso, pero ráianse facilmente e son máis caros cós minerais. O cristal orgánico endurecido reduce o problema de raialo, mais non o soluciona totalmente. Tamén os hai antirreflectintes -que inclúen o endurecido-, recomendables para conducir, ver a tele ou permanecer diante do ordenador. Os lentes minerais non se raian tan facilmente e son un chisco máis baratos, pero son máis fráxiles e pesan máis. Hai dous tipos: brancos e antirreflectintes.

Obvio resulta que, para elixir mellor, ó usuario convenlle atoparse cunha gama ampla e variada de lentes. Pero o 42% das ópticas non ofreceron cristais orgánicos brancos, no 51% non amosaron os orgánicos endurecidos, e no 8% non se ensinaron os antirreflectintes.
O antirreflectinte é, tecnicamente, un cristal mellor, pero tamén o máis caro: o prezo medio da parella alcanza os 108 euros, mentres que os endurecidos custan 82 euros de media e os brancos só 50 euros.
Nos cristais minerais, os brancos non foron ofrecidos na metade das ópticas e os antirreflectintes, no 44%. A media de prezo dos brancos foi de 34 euros e a dos antirreflectintes, de 66 euros.

Lentes de contacto: hai que elixir ben

Os lentes de contacto máis comúns son os mensuais, os normais convencionais (duran entre ano e ano e medio) e os ríxidos (case en desuso), que duran un período de dous ou máis anos, segundo o trato que reciban. Os lentes diarios proporcionan maior comodidade, pero saen máis caros.

No 8% das ópticas non ofreceron lentes de contacto mensuais, mentres que os normais convencionais non se propuxeron no 47%. Os ríxidos, para rematar, non se suxeriron en oito de cada dez ópticas. No tocante ós prezos, o custo medio dos mensuais foi de 60 euros, mentres que nos normais convencionais a media foi de 140 euros. Para rematar, os xa pouco comercializados lentes de contacto ríxidos custaban de media 110 euros. Tanto en lentes coma en lentes de contacto, os prezos aumentan consonte o fai a graduación (a máis dioptrías, maior prezo). Non procede comparar prezos máximos e mínimos das cidades, porque en cada unha foi un técnico de CONSUMER (cunha graduación concreta, distinta da dos demais) quen efectuou a proba, pero si ten sentido comparar os prezos de cada cidade, ó se tratar dunha mesma graduación. As diferenzas son enormes: en Castellón, por un par de cristais orgánicos brancos pediron desde 28 ata case 300 euros, e en Cádiz desde 25 ata 150 euros, mentres que noutras cidades (Madrid -en todas, 70 euros-, Málaga -os mellores prezos: en ningunha óptica custaban máis de 16 euros- e Valencia), os prezos eran semellantes. Cos lentes de contacto aconteceu algo semellante. Vexamos un exemplo: os lentes mensuais custaban en Madrid desde 14 ata 222 euros e en Valencia desde 36 ata 178 euros, mentres que en Málaga e Burgos a diferenza máxima para este produto era de 8 e 3 euros, respectivamente. O que queda claro con estes exemplos é que na maioría das cidades os prezos de lentes e lentes de contacto (ó igual que acontecía nas monturas) varían moito dunha óptica a outra, polo que convén visitar varias e comparar os seus prezos antes de mercar, xa que o aforro pode ser importante.

Para atinar nas ópticas

  • Os oftalmólogos son médicos: poden detectar patoloxías oculares e receitar medicamentos.
  • Os ópticos-optometristas poden efectuar medicións e vender lentes, pero non diagnosticar patoloxías. Se as detectan, recomendarán visitar o oftalmólogo.
  • Solicite, cada vez que acuda a unha óptica, unha revisión da vista ou un exame optométrico, xa que puido variar a súa graduación; algunhas realízanos de xeito gratuíto e sen compromiso de compra.
  • Esixa un orzamento e visite varias ópticas: a gama de monturas, lentes e lentes de contacto, así como a tarifa de prezos, é moi diversa entre unhas e outras. Comparando elixirá mellor e aforrará.
  • Pida que lle informen -detalladamente e con tempo abondo- das características de cada un dos produtos que lle aconsellen.
  • Antes de ir á óptica, reflexione e determine o uso que lles dará ás gafas: se son só para ler, para ver a televisión ou para telas de reposto, elixindo as monturas máis baratas aforrará moito. No tocante ós cristais e lentes de contacto, valóreos tamén tendo en conta as necesidades de uso.
  • Solicite unha proba de lentes de contacto antes de mercalos, máis aínda se está sopesando comezar a usalos: hai quen non os tolera ou a quen lle resultan incómodos.
  • Esixa que os lentes de contacto de proba sexan abertos diante de vostede: comprobará se están esterilizados e precintados.
  • Comprobe que o óptico lava as mans antes de realizar a proba de lentes de contacto e que non toca nada antes de manipulalos. É conveniente que o lavabo se accione mediante pedal, porque evita a posible contaminación das mans do técnico.