Enquisadas 2000 persoas de 25 a 69 anos de 9 comunidades autónomas sobre a influencia da crise nos hábitos alimentarios familiares

Fogares en crise: as familias moderan a cantidade e a calidade das súas compras en alimentación

Un 24 % dos responsables destas compras enquisados cren que, dende que comezou a crise, a súa dieta é menos saudable e isto achácano ao seu menor poder adquisitivo e a que os produtos alimenticios son máis caros
1 Outubro de 2014
Img tema de portada listado 123

Fogares en crise: as familias moderan a cantidade e a calidade das súas compras en alimentación

O poder adquisitivo das familias españolas afúndese. Segundo o INE, os ingresos dos fogares durante 2012 ascenderon a 26.775 euros de media, un 11 % menos ca en 2008. Cada traballador gañou tamén en 2012 unha media de 22.726 euros brutos, un 0,8 % menos ca en 2011. As cifras non enganan e o aumento do paro (superior ao 24 %) e a redución dos soldos daqueles que logran manter o seu traballo causaron efecto na economía familiar.

Os gastos multiplícanse e ás familias non lles queda máis remedio ca tomar medidas e impoñer recortes. E a alimentación, como segunda partida máis importante do orzamento doméstico, non escapa a este axuste. Tal e como mostra a Enquisa de orzamentos familiares do INE, as familias españolas dedicáronlle á alimentación 4141 euros en 2012, un 9,5 % menos ca catro anos atrás.

Os expertos nutricionistas temen que cun orzamento limitado non se realicen as mellores eleccións e que se produza un desequilibrio nutricional no afán de non gastar máis da conta. EROSKI CONSUMER quixo indagar neste asunto e saber se a crise económica modificou dalgún xeito os hábitos nutricionais e de compra de produtos alimenticios da poboación. Para iso, realizou entre agosto e setembro unha enquisa en liña dirixida a persoas de entre 25 e 69 anos de 9 comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco.

O estudo confirma que as familias españolas tomaron medidas para conter o gasto en alimentación. Por exemplo, durante a compra, o 92 % compara máis os prezos e arredor do 85 % evita gastos superfluos e pon máis atención nas ofertas.

Ademais, o 83 % dos entrevistados substitúe un alimento por outro similar por consideralo máis económico e un de cada dous modera tanto a cantidade como a calidade do produto que compra. Principalmente, adquiren menos bolería e galletas, chocolate, embutidos, carne de bovino (vaca ou tenreira) e máis carne de ave. E un 22 % xa non compra marisco, nin moluscos, nin crustáceos.

Estes cambios na dieta non pasan desapercibidos para os consumidores, que son os que, en primeiro lugar, xulgan os efectos das súas eleccións nutricionais. Un de cada catro entrevistados considera que, dende que se iniciou a crise, a súa dieta é menos saudable (en maior medida en Castela-A Mancha e na Comunidade Valenciana) e achácano a que teñen un menor poder adquisitivo e a que os produtos son cada vez máis caros.

O perfil dos enquisados

Un de cada dous enquisados é home e a idade media do conxunto da mostra é de 43 anos. De feito, o groso dos entrevistados sitúase entre os 30 e os 49 anos. Todos os consumidores consultados son responsables das decisións da compra dos produtos de alimentación na súa casa. O 56 % encárgase só desta tarefa e outro 44 % compártea con outra persoa.

O tipo de familia máis habitual nesta enquisa é aquela composta por unha parella con fillos (o 46 % do total dos entrevistados). Tamén o son as parellas sen fillos e cun familiar ao seu cargo (o 29 %) e aquelas persoas que viven soas (un 12 %). Nun de cada tres deses fogares, residen menores de idade.

No 46 % dos casos, a principal fonte de ingresos na familia é o propio entrevistado e, na maioría dos casos (un 67 %), ese diñeiro procede dun traballo por conta allea. Dende que estalou a crise económica en 2008, un 24 % dos fogares quedaron nalgún momento sen esa fonte principal de ingresos (un 33 % nos formados por familias monoparentais) unha media de 15 meses. Un 19 % continúa nesta situación.

Canto gastamos, cando e onde

Gastos de comida mensuais

Cada mes, as familias enquisadas por EROSKI CONSUMER din gastar unha media de 343 euros. En Galicia, ese montante alcanza os 368 euros, mentres que en Navarra se cifra en 295 euros. Cando o responsable da compra dos produtos alimenticios é unha persoa de entre 60 e 69 anos, o desembolso supón 441 euros (un 29 % máis que a media). Non obstante, se se trata dunha persoa nova de entre 25 e 29 anos, o orzamento medio é de 273 euros.

Por tipo de familia, a maior número de integrantes, maior investimento: dende os 208 euros mensuais das persoas que viven soas, ata os 425 euros das parellas ou familias monoparentais con fillos e outro familiar ao seu cargo.

Estes cálculos aproximados dos enquisados non difiren moito dos obtidos na Enquisa de orzamentos familiares. Segundo o INE, as familias españolas fixeron en 2013 un desembolso de cerca de 4100 euros de media por fogar, un orzamento que diminuíu un 10,5 % dende que comezou a crise en 2008.

Porén, algúns enquisados por EROSKI CONSUMER percíbeno doutro xeito. Un 64 % dos entrevistados asegura que aumentou o orzamento que lle dedica á alimentación familiar, creno así especialmente os mozos de entre 30 e 39 anos, os entrevistados cataláns e vascos e as familias monoparentais ou compostas por unha parella con fillos e outro familiar ao seu cargo. Incluso concretan que ese orzamento familiar creceu 100 euros de media.

Pola contra, outro 20 % dos enquisados si pensa que o orzamento doméstico que destina á alimentación diminuíu (especialmente na Comunidade Valenciana e en Andalucía e, por tipos de familia, nas monoparentais). Non obstante, manexan un decrecemento de 154 euros de media ao mes, cando o INE o cifra en arredor de 40 euros mensuais de media.

A compra en crise

A compra de produtos alimenticios é unha práctica moi habitual. O 71 % dos consumidores consultados asegura facela cada semana, un 22 % a diario e un 7 % cunha frecuencia maior. Os que teñen máis tempo, as persoas de entre 60 e 69 anos, realizan a compra a diario en maior proporción, o 31 % deles así o asegura.

Porén, a crise influenciou a forma de facer a compra. Por un lado, o 54 % dos entrevistados asegura que cambiou o tipo de establecemento de compra habitual para atopar produtos alimenticios máis económicos. Agora, o 63 % faino no supermercado e o 29 % no hipermercado.

Ademais, nos últimos 5 ou 6 anos, o 92 % dos enquisados adoita comparar máis os prezos dos produtos alimenticios que desexa adquirir e o 83 % asegura que pon máis atención nas ofertas. Dous hábitos que se repiten en maior medida entre os responsables da compra máis novos (de entre 25 e 29 anos) e as familias monoparentais ou compostas por unha parella con fillos e outro familiar ao seu cargo.

Así mesmo, o 84 % evita gastos superfluos ou caprichos para aforrar e o 77 % recoñece que adquire máis produtos de marca branca, sobre todo en Andalucía, na Comunidade Valenciana e en Castela-A Mancha.

Que compramos e canto custa?

Cambios na cesta da compra

Pero os consumidores enquisados non só miran e comparan máis, o costume máis habitual nesta recesión é a de substituír un tipo de alimento considerado máis caro por outro máis económico. Faino o 83 % dos responsables de compra entrevistados, especialmente os mozos de entre 25 e 39 anos e os que forman unha familia con parella ou monoparental con fillos e outro familiar ao seu cargo.

A carne de bovino, o marisco, o molusco, o crustáceo, o peixe branco e a carne de ovino e caprino considéranse os alimentos máis caros, mentres que os máis económicos son as pastas, a carne de ave e o arroz.

Ademais, un de cada dous consumidores consultados admite que modera a cantidade de produto que adquire. En maior medida, fano os responsables da compra no seu fogar de entre 50 e 59 anos, as persoas que viven soas e as parellas ou familias monoparentais con fillos e outro familiar ao seu cargo.

Así, máis do 40 % dos consumidores consultados adquire menos carne de bovino (vaca ou tenreira), embutidos e galletas, bolería, pastelería, repostería e chocolates. Entre o 31 % e o 38 %, tamén reduciu a cantidade de peixe e marisco, queixo, produtos lácteos como batidos e sobremesas lácteas, froitos secos, patacas fritas de bolsa, caramelos de goma e outras lambetadas, azucre, confeituras e mel, salsas, bebidas refrescantes, zumes, viño e cervexa.

Pola contra, o 35 % adquire máis carne de ave (polo, galiña ou paspallás) e arredor do 20 % máis verduras e hortalizas, froita fresca e pasta.

Pola súa banda, outros consumidores decidiron ir máis alá e sacar da súa cesta da compra algúns alimentos que consideran un luxo. O 22 % dos entrevistados eliminou o marisco, os moluscos e os crustáceos, así como algunhas bebidas alcohólicas, coma os licores.

Arredor do 15 % tampouco inclúe a carne de ovino e caprino (año, ovella ou cabra), produtos precociñados ou preparados, as salsas, as patacas fritas de bolsa, os caramelos de goma nin lambetadas parecidas. En similar proporción, tamén abandonaron o chocolate e os froitos secos.

Non obstante, non só varía a cantidade de produtos que adquiren, tamén a calidade. O 51 % dos entrevistados recoñece que a crise económica o obrigou a reducir a calidade dos produtos alimenticios que compra, especialmente as familias monoparentais ou en parella con fillos e outro familiar ao seu coidado.

Recortar sen desaxustar

A alimentación tamén hai que coidala en tempos de crise. A pesar de que a sombra dos recortes ameace o orzamento doméstico, existe a posibilidade de abaratar custos sen descoidar a dieta e sen a converter nunha ensalada de graxas saturadas e de calorías que desaxusten o noso equilibrio nutricional, co conseguinte empeoramento da saúde. Estes son algúns consellos para conseguilo:

Antes de comprar:

  • Levar unha contabilidade cos gastos semanais en cociña.
  • Realizar un plan de menús semanal.
  • Planificar as compras e non adquirir alimentos de forma improvisada, xa que posteriormente pode que non se aproveiten ao máximo.
  • Non acudir á compra en xaxún ou naqueles momentos do día nos que se ten máis fame.

Durante a compra:

  • Axustarse a unha lista da compra elaborada con antelación e que recolla as necesidades alimentarias.
  • Escoller os alimentos de tempada e de orixe local.
  • Comparar os prezos dos alimentos e identificar as boas ofertas.
  • Prescindir de caprichos caros e innecesarios.

Na casa:

  • Recuperar a comida caseira, pois ao elaborala na casa redúcense custos e pódese coidar mellor a calidade dos pratos.
  • Recorrer ao arroz, á pasta e aos legumes como prato principal, que son alimentos básicos con prezos accesibles.
  • Elaborar unha boa potaxe ou “comida de rancho”. As carnes e os peixes sempre son produtos máis caros ca o quilo de arroz, de pasta ou de legumes. Por iso, pensar en receitas que conxuguen ambos os dous tipos de alimentos dá como resultado un prato saboroso e nutritivo.
  • Cambiar os refrescos pola auga, moito máis económica e sen calorías nin azucres que poidan desequilibrar a dieta.
  • Levar uns hábitos de comida racionais e non compulsivos: se se mastiga ben e máis lentamente dixírese mellor e cómese menos. Tamén é recomendable evitar as lambetadas e unha inxestión de azucres excesiva fóra das horas de comida.
  • Aproveitar as sobras para facer novos pratos: buscar receitas para as sobras de comidas, como croquetas, lasañas, migas etc.
  • Conservar os alimentos apropiadamente: conxelar aqueles que poidan pasarse de data.

Variou a nosa dieta coa crise?

Todo é máis caro?

E é que o 86 % dos entrevistados está convencido de que o prezo dos produtos alimenticios, por regra xeral, aumentou dende que estalou a crise económica. Creno así especialmente as mulleres, os mozos de entre 25 e 39 anos, os castelán manchegos e as familias monoparentais.

E esta percepción non é de todo errónea. Segundo os datos do INE, a partir de 2010 e ata 2013, os prezos dos produtos alimenticios fóronse encarecendo ano tras ano: un 0,8 % en 2010, un 2 % en 2011, un 2,8 % en 2012 e un 0,8 % en 2013. Non obstante, no que levamos de ano, o IPC da alimentación entrou en terreo negativo dende 2009 e a variación foi do -1,5 %.

A dieta

Un 70 % dos enquisados recoñece que variou a súa dieta dende que comezou a crise (na súa maioría, os mozos e as familias monoparentais). Un exemplo é que o 36 % asegura que aumentou o consumo de patacas, un produto moi recorrente en época de dificultades económicas. Porén, de cada catro entrevistados un admite que a súa dieta actual é menos saudable. Confésano en maior medida as mulleres, os mozos de 30 a 39 anos, as familias monoparentais e os que viven en Castela-A Mancha. Todos eles argumentan principalmente dous motivos: a diminución do poder adquisitivo e o aumento dos prezos.

E cales son esas tendencias insás? O 19 % das persoas recoñece que aumentou o consumo de bolería e repostería industrial barata, pero de baixa calidade nutricional. Ademais, o 16 % dos admite que incrementou o consumo de precociñados (croquetas, salchichas, pizzas etc.), cheos de fariñas, graxas saturadas, sal e calorías. Unha cea rápida que sacia, pero pouco sa.

Por outra banda, arredor do 20 % diminuíu o consumo de froitas e verduras e hortalizas frescas, que son ricas en nutrientes reguladores (vitaminas, minerais, fibra, antioxidantes etc.).

Aínda que cun orzamento limitado, non sempre se pode acertar á hora de facer a compra segundo os criterios de alimentación sa. E estas malas eleccións poden supoñer consecuencias para a saúde e para o físico, xa que se poden desaxustar os niveis de colesterol, triglicéridos e ácido úrico, á vez que se gaña peso. Neste sentido, un 21 % asegura que os membros do seu fogar gañaron peso.

Por necesidade

É máis, o 79 % dos enquisados controla sempre ou ás veces as cantidades de alimentos que destina a un prato. En concreto, os alimentos que adoitan estar no punto de mira son a carne, o chocolate e outros doces, os aceites e as graxas, o peixe, o marisco e os embutidos.

Así mesmo, un 45 % dos enquisados reduce as porcións que serve e mesmo e o 55 % nunca cociña (ou faino moi poucas veces) algúns pratos porque resulta pouco económico facelo. Normalmente, o ingrediente principal desa receita é o marisco.

Por sorte, non son moitas as familias nas que algún membro tivo que privarse dalgunha comida do día por ter necesidades económicas: un 13 % a merenda, un 10 % o xantar, un 6 % o almorzo, un 5 % a cea e un 3 % a comida.