Piercing e tatuaxes: 105 establecementos de 13 cidades, analizados

Fanse sen dar a información imprescindible e en condicións moi mellorables

1 Marzo de 2004
Img listado afondo

Fanse sen dar a información imprescindible e en condicións moi mellorables

Non se dispón de cifras estatísticas fiables sobre a súa implantación real, pero ninguén discute que a afección ó piercing e ás tatuaxes experimentou un gran pulo durante os últimos anos. E iso traduciuse en que o negocio aumentou enormemente a súa facturación e en que proliferaron nas nosas cidades os establecementos que colocan piercings ou gravan tatuaxes nos corpos dos seus clientes.

Os profesionais do sector indican que esta moda “é unha cuestión de estética, sobre todo entre os máis novos”, á vez que matizan “hoxe as perforacións teñen moita máis aceptación cás tatuaxes”. Os piercings percíbense como unha intervención temporal, mentres que se sabe que a tatuaxe é para sempre, polo seu carácter indeleble, salvo que os eliminemos da nosa pel mediante prolixas, complexas e (no caso do láser) moi caras técnicas que, ademais, non sempre resultan completamente eficaces.

Coa finalidade de estudar o servicio que se lles ofrece ós usuarios, técnicos de CONSUMER que se fixeron pasar por clientes visitaron o pasado mes de febreiro 105 establecementos dedicados á colocación de piercings e á gravación de tatuaxes en 13 cidades: Barcelona, Madrid, Valencia, Bilbao, Málaga, A Coruña, San Sebastián, Vitoria, Pamplona, Murcia, Almería, Alacante e Oviedo. Os locais visitados foron 73 establecementos exclusivamente dedicados a estas prácticas e 32 centros de beleza e de estética nos que se realizan outras actividades para a estética persoal. Para confeccionar o cuestionario que cubriron os técnicos unha vez realizada a visita contouse coa colaboración de médicos dermatólogos e partiuse tanto da normativa que algunhas comunidades autónomas lles aplican a estes establecementos coma do eloxiable -por moi esixente- código de boas prácticas da Asociación Nacional de Mestres Tatuadores e de Piercing.

O primeiro que cómpre dicir sobre este tema é que desde un punto de vista médico e sanitario, trátase dunha práctica desaconsellable: en ambos os dous casos prodúcense feridas na pel ou en certas partes do corpo e tanto en piercings coma en tatuaxes existe o risco de reaccións alérxicas e de contraer -por contaxio vía utensilios non debidamente esterilizados- enfermidades graves como o SIDA ou a hepatite. Médicos e profesionais do body art coinciden en que son moitos os clientes que non adoptan as precaucións precisas e que, malia a recente e só parcial regulación do sector en España, algúns establecementos non cumpren cos requisitos mínimos.

En definitiva, quen pensa facerse un piercing ou unha tatuaxe debe acudir a profesionais cualificados que, amais de garantiren unha hixiene impecable e unha calidade técnica satisfactoria, informen sobre as prevencións necesarias e sobre os coidados posteriores.

Suspenso case xeneralizado en información ó usuario.

A principal conclusión da investigación é que nos máis dos establecementos o cliente non recibe a información necesaria para saber se pode ou non decorar o seu corpo con estas técnicas -non exentas de riscos- e para evitar os problemas que poidan xurdir.

Noutras palabras, son moi poucos os que asesoran ben o usuario, malia a que a información e os consellos son imprescindibles. Polo tanto, son minoría os que lle ofrecen ó cliente as explicacións que cómpren antes de colocar un piercing ou unha tatuaxe: o 85% dos profesionais non lle preguntaron ó cliente se padece algunha alerxia, enfermidade ou problema de cicatrización que desaconselle a intervención, o 55% non informaron de precaucións antes de realizarse unha tatuaxe, como a de non acudir en xaxún e non inxerir alcohol ou consumir drogas previamente, e o 64% non explican o proceso de colocación dun piercing ou da realización dunha tatuaxe: se cómpre anestesia, canto dura a sesión…

Ademais, tan só no 40% dos establecementos recomendaron a necesaria aplicación de crema hidratante unha semana despois de colocar a tatuaxe e durante un mes. Continuando coas tatuaxes, no 75% dos locais non se proporcionaron consellos sobre os coidados necesarios, como non lavalo con esponxas nin toallas, non arrincar as bostelas ou costras, non bañarse en piscinas nin no mar durante o proceso de cicatrización, ou a conveniencia de lavalo con xabón neutro.

Esta insuficiente información é o principal motivo do suspenso case xeneralizado que mereceron os establecementos analizados. Tal como indican os dermatólogos (médicos especialistas na pel), ambas as prácticas constitúen lesións na derme, polo que convén que o usuario estea ben informado sobre os problemas que poden xurdir (infeccións, reaccións alérxicas, etc.) e sobre os coidados que se requiren posteriormente: pomadas antibióticas e cicatrizantes, necesidade de non tomar o sol no caso de se tatuar, ou a limpeza que require un piercing.

A colocación dun piercing ou dunha tatuaxe pode ser motivo de infeccións, de irritacións, de alerxias e mesmo -se non se respectan as medidas hixiénicas- da transmisión de graves enfermidades víricas, como a hepatite ou o SIDA.

Limpeza e hixiene, mellorables

En xeral, os locais atopábanse en correcto estado de limpeza e hixiene tanto na zona de traballo coma na de recepción. Así e todo, detectáronse carencias que cómpre corrixir: no 63% dos establecementos carecíase dunha zona de esterilización específica, no 25% os chans e paredes da zona de traballo non eran de materiais de doada limpeza e desinfección, como lousas ou azulexos, e no 16% non se garantía a intimidade do cliente, xa que a zona de traballo separábase con simples cortinas ou biombos. Outras prestacións mellorables: máis da terceira parte dos tatuadores e perforadores non usan máscara, un de cada seis non lavan as mans ó comezo e remate da intervención, e nun de cada cinco casos ou non hai angarellas ou está mal equipada, ou ben a saba de papel ou de tea non está limpa abondo.

Doutra banda, os establecementos obtiveron un aprobado xeral en hixiene e en esterilización dos utensilios de traballo, aínda que un de cada cinco non permitiron comprobalo. Estes profesionais, polas características do seu traballo, deberíanlle permitir ó cliente comprobar en que estado se atopan os materiais e utensilios de traballo antes de efectuaren o piercing ou a tatuaxe. O que está en xogo é a saúde do usuario.

O que opinan os usuarios

Realizáronselles 200 enquisas a cidadáns de todo o país que se colocaran un piercing ou que realizaran unha tatuaxe. Os resultados da enquisa amosan unha situación semellante á plasmada pola investigación sobre o terreo, aínda que os usuarios afirman que foron informados máis e mellor do que indicaron os técnicos desta revista.

Entrando nas conclusións da enquisa, os materiais de traballo foron desprecintados en presencia do cliente no 95% dos casos, cando na proba práctica os que non permitiron comprobalo superaba o 20%. No tocante ó equipo de tatuadores e perforadores, os datos da enquisa son peores cós da proba: se nesta o 43% dos profesionais vestían con bata branca, os enquisados din que foi así no 17% dos casos. A máscara viuse no 63% dos casos na proba, mentres que os usuarios a lembran en só o 28% dos profesionais.

No tocante ó asesoramento, todos os usuarios de piercing afirman que se lles explicaron os coidados posteriores á colocación, mentres que na visita o 60% dos profesionais non o fixo convenientemente. O propio acontece coa consulta sobre posibles alerxias: o 62% dos enquisados lembran que lles preguntaron, pero na visita a proporción redúcese a un 16%.

Xa nas tatuaxes, o 30% dos usuarios aseguran que non se lles advertiu sobre a necesidade de non inxerir alcohol nas horas previas (fronte ó 63% da proba) e ó 59% non se lles advertiu da conveniencia de non acudir en xaxún, fronte ó 82% da proba. E o 40% dos enquisados afirma que non se lles preguntou sobre se padecían algunha enfermidade ou alerxia, fronte ó 86% que non o fixo na nosa visita.

No tocante ós coidados e advertencias posteriores, só o 1% dos consultados declaran que non foron informados, mentres que na proba práctica o 35% dos centros non fixeron estas advertencias.

Para rematar, só o 4% dos enquisados din que non se lles recomendou absterse de tomar o sol nin raios UVA, fronte ó 57% de centros que non lles deron esta información ós técnicos de CONSUMER.

Estas diferencias á hora de reflectir a mesma realidade (no resto dos aspectos estudiados os datos son semellantes) pódense deber a que os usuarios teñan a percepción de seren ben informados porque as advertencias e consellos lles foron transmitido despois de efectuarse o traballo. Os técnicos de CONSUMER non se fixeron piercings nin tatuaxes porque esta revista as considera prácticas de risco que, sendo ademais prescindibles, non resultan aconsellables. Acudiron ós centros facéndose pasar por clientes interesados e demandaron toda a información posible, pero en ningún caso a que os profesionais ofrecen unha vez rematada a intervención.

Outra posible causa desta disparidade é que os técnicos de CONSUMER -convenientemente asesorados por dermatólogos e por bos profesionais do sector- se amosasen máis esixentes cós usuarios á hora de valorar a cantidade e calidade da información facilitada.

Os prezos, moi distintos: convén comparar

Para comparar os prezos dos 107 establecementos visitados solicitouse en todos eles un servizo idéntico: o mesmo sinxelo piercing e a mesma sinxela tatuaxe. A cidade máis cara para o piercing (incluída a colocación) foi Barcelona, cunha media de case 49 euros, cando a das 13 cidades é de 35 euros. Séguea Pamplona, con case 45 euros. As máis baratas foron Málaga (22 euros de media) e Madrid, con 17 euros. É precisamente en Madrid onde maior diferencia de prezos (ata 34 euros) se rexistrou entre os establecementos comparados. Outras cidades con diferencias importantes de prezo son Almería, Oviedo, Alacante e Bilbao.

En tatuaxes, onde a media do estudo foi de 52 euros, a cidade máis cara foi Murcia (67,5 euros de media), seguida de Barcelona e de Vitoria, ambas por riba dos 58 euros, e de Bilbao, con case 57 euros. A máis barata foi Oviedo (42,3 euros), seguida de Alacante (44,3 euros). As maiores diferencias nunha cidade anotáronse en Vitoria, Almería e Oviedo, arredor dos 40 euros. Conclusión: aínda que o usuario debe priorizar na elección do establecemento a hixiene, a información e a calidade técnica do traballo, convén comparar os prezos entre varios destes locais, porque as diferencias entre uns e outros permiten evitar innecesarios sobregastos.

Criterios de calidade nun centro de piercing ou tatuaxe

Os numerosos riscos que entraña a colocación de piercings ou tatuaxes fan conveniente que o usuario se fixe, á hora de elixir o establecemento, nunha serie de condicionantes:

  • O local terá tres zonas diferenciadas: de recepción, de traballo e de esterilización dos materiais. Estas zonas deben ser espaciosas, para que o profesional e o cliente se atopen cómodos.
  • A limpeza, hixiene e estado óptimo de conservación é fundamental en todas as zonas, especialmente na zona de traballo.
  • Na zona de traballo, o mobiliario estará absolutamente limpo, non haberá animais nin materiais ou obxectos fóra de lugar; os chans e paredes serán de materiais de doada limpeza, e non se verán manchas de ningún tipo. Esta zona debe preservar a intimidade do usuario: non estará exposta a ollos alleos.
  • Os utensilios, desprecintados en presenza do cliente, gardaranse en armarios pechados. Os destinados a penetrar na pel deben desbotarse diante do cliente e os que contactan coa pel deben ser previamente esterilizados.
  • O profesional utilizará unha indumentaria axeitada: roupa (bata branca) e calzado específicos, máscara e luvas dun só uso. Debe lavar as mans ó comezar e ó rematar a súa actividade, e cada vez que esta se interrompa.
  • As angarellas (o centro debe contar con ela) na que se deita o cliente disporá dun papel ou saba que protexa o contacto co corpo do usuario, e deberá trocarse tras cada uso.
  • Antes de realizar a tatuaxe ou piercing, o profesional informará verbo dos riscos que comporta (alerxias, problemas de cicatrización e outros), sobre como debe acudir o cliente ó centro (sen inxerir recentemente alcohol ou drogas, sen tomar aspirinas, e non acudirá en xaxún), sobre os factores que inflúen na colocación dun piercing ou tatuaxe nunha zona ou noutra do corpo e, para rematar, explicará os coidados necesarios para o mantemento do piercing ou tatuaxe: pomadas, gasas, non tomar o sol nin bañarse en piscinas ou no mar ata transcorrido un tempo, uso de cremas hidratantes, etc.

Antes de colocarmos un piercing…

  • Asegurémonos de que non padecemos enfermidades ou infeccións. Un simple arrefriado ou unha dor de moas debilitan o noso sistema inmunolóxico.
  • Comprobemos que temos aplicada a vacina antitetánica.
  • Saibamos que o verán é a época menos recomendable para facerse un piercing: son os meses en que máis se súa e nos que se acode á praia ou piscina. A auga do mar ou a da piscina, sumada á suor corporal, aumenta a posibilidade de infeccións.
  • Ata un ano despois da colocación as persoas con piercings non poden ser doantes de sangue.
  • Os menores de idade deben amosar a autorización paterna por escrito para a colocación dun piercing.
  • Teñamos en conta que hai partes do corpo (a lingua, o embigo, as mamilas, os beizos, os xenitais) nas que é máis doado que os piercings poidan ser arrincados co rozamento ou ó quedaren enganchados na roupa. E que as zonas de mucosas (boca, nariz, lingua e xenitais) son máis proclives ás infeccións.
  • Evitemos colocar o piercing nunha zona da pel que presente rozaduras, queimaduras, grans, reaccións alérxicas ou síntomas de calquera enfermidade dermatolóxica.
  • Para evitar infeccións ou a transmisión de enfermidades, acudamos a centros que respecten as normas de hixiene e prevención de riscos sanitarios no tocante ás condicións do local, utensilios e materiais de traballo, particularmente no relativo á esterilización do material e á utilización de materiais dun só uso. Comprobemos que o centro está autorizado para a realización destas actividades.
  • Elixamos un piercing fabricado con materiais hipoalerxénicos, como titanio ou aceiro cirúrxico.
  • Todo o material destinado a atravesar a pel, as mucosas ou outros tecidos debe ser estéril e dun só uso. Os que se utilicen na operación e que non sexan desbotables cómpre que sexan esterilizados e gardados en bolsas ou recipientes estériles.
  • Esixámoslle ó profesional que limpe e que desinfecte a parte da nosa pel que vai perforar.
  • Solicitemos factura tralo pagamento do servizo; é importante para unha posible reclamación.

Cando xa temos o piercing colocado…

  • Durante un tempo, que varía en función do tipo de perforación, deberemos limpar e lavar o piercing coidadosamente cun líquido especial que usaremos xunto ó xabón neutro.
  • Evitemos a formación de costras ou bostelas, seguindo os consellos que nos indique o profesional.
  • Nos piercings faciais, evitemos o uso de maquillaxes ou cremas durante o proceso de cicatrización.
  • Piercings orais: debémolos limpar despois das comidas e despois de beber ou fumar.
  • Piercings xenitais: convén non manter relacións sexuais durante a cicatrización, que require entre 4 e 6 semanas.
  • Controlemos a evolución da zona onde está colocado o piercing e acudamos axiña ó médico en caso de febre, cor vermella e/ou inflamación, dor ou molestias.

Antes de facermos unha tatuaxe...

Non se deben tatuar:

  • As persoas hemofílicas, polos problemas de coagulación.
  • Quen leva marcapasos. O campo magnético que produce a máquina podería prexudicar o funcionamento do marcapasos.
  • Persoas epilépticas.
  • Quen sofre algunha enfermidade da pel, como psoríase.
  • Quen padece alerxia ós pigmentos utilizados nas tatuaxes ou ós metais (algunhas agullas son de aceiro).
  • Quen teña herpes ou fungos na zona que se vai tatuar.
  • Quen sufrira unha operación cirúrxica (como de apendicite) que amose tendencia a deixar cicatrices.
  • Os menores de idade que non presenten a autorización paterna por escrito.

Se podemos tatuarnos e pensamos facelo…

  • Saibamos que a tatuaxe é unha ferida na nosa pel. Para a súa correcta cicatrización, pidamos consello sobre as precaucións e medidas que cómpre tomar. E extrememos a hixiene na zona tatuada, antes e despois de tatuado.
  • Co fin de evitar contraer graves enfermidades infecciosas como a hepatite B e C ou o SIDA, acudamos a un centro que garanta a hixiene e a prevención ante riscos sanitarios.
  • Comprobemos que o establecemento dispón de autorización para realizar estas prácticas, que utilice métodos de esterilización dos utensilios e que as tintas e pigmentos utilizados estean homologados e se extraian de pequenos depósitos desbotables e non de envases grandes.
  • É recomendable inxerir previamente algún alimento: acudir a tatuarse en xaxún pode provocar mareos. Ademais, vaiamos descansados e relaxados, xa que se o músculo está contraído a dor que sentiremos será maior.
  • Non consumamos alcohol ou drogas polo menos 48 horas antes e despois da sesión. O alcohol é vasodilatador, polo que se sangra máis do normal durante o proceso de tatuaxe. Tampouco tomemos aspirinas dous días antes, nin café.
  • Comprobemos que o profesional usa luvas desbotables e roupa axeitada. Se cómpre afeitar a zona que se vai tatuar, debe realizarse con coitelas desbotables novas.
  • Fagamos a tatuaxe sobre unha zona da pel sa, que non presente queimaduras e que non sexa propensa a reaccións alérxicas ou enfermidades dermatolóxicas.
  • Intentemos coñecer outros traballos realizados polo profesional, para contrastar a súa calidade técnica e o tipo de debuxos que efectúa.

Unha vez realizada a tatuaxe…

  • Temos que curar a tatuaxe (con auga e xabón neutro, aplicando pomada antibiótica e tapándoa cunha gasa limpa) tres veces ó día durante polo menos unha semana.
  • Non tomemos o sol nin raios UVA ata dous meses despois.
  • Transcorrida unha semana, aplicaremos crema hidratante na tatuaxe durante un mes para evitar que a zona se deshidrate.
  • Non nos rasquemos nin arrinquemos a costra se esta se forma, porque danaría a tatuaxe. Se se crea unha costra ou bostela non se debe arrincar, deixemos que caia soa. Se non, amais de interromper o proceso natural de cicatrización, córrese o risco de que algunhas partes da tatuaxe perdan cor ou se infecten.
  • Unha vez realizada, a tatuaxe é a túa responsabilidade: lembre que a tatuaxe é como unha lesión e, como tal hai que coidala, recorrendo ós consellos e indicacións do especialista. En caso de xurdir complicacións, acude ó dermatólogo.
  • Pide factura polo pagamento do servizo: serache de utilidade no caso de que proceda realizar unha reclamación.
  • Lembra que ata un ano despois as persoas tatuadas non poden ser doantes de sangue.

Zona que imos perforar co piercing e tempo de cicatrización

Nariz e parte superior da orella: son zonas compostas por cartilaxe, polo que a cicatrización é lenta e se poden formar granulomas (lesións avultadas). O nariz é moi susceptible ante infeccións: poden colonizala os estafilococos. No pavillón auricular, a proximidade do pelo e a presión ó durmir dificultan a curación da ferida; ademais, as infeccións son difíciles de tratar porque a zona non ten o fluxo sanguíneo suficiente para que chegue ata ela o antibiótico.

Embigo: a zona máis propensa ás infeccións, debido ós seus pregos. A colocación dun piercing nesta zona esixe coidados estrictos. A roupa axustada pode orixinar problemas de cicatrización e facilitar os procesos bacterianos.

Boca: os aneis orais esixen, amais de coidados posteriores rigorosos, o emprego dunha enxaugadura bucal e non inxerir alcohol durante o proceso de cicatrización.

O tempo de cicatrización

  • Orella (zona da cartilaxe): de 8 a 12 semanas.
  • Lóbulo: de 4 a 6 semanas.
  • Cella: de 6 a 8 semanas.
  • Cello: de 6 a 12 semanas.
  • Fosas nasais: de 6 a 8 semanas.
  • Lingua: de 4 a 6 semanas.
  • Beizo: de 6 a 8 semanas.
  • Xenitais: de 4 a 6 semanas, salvo os máis profundos, que poden tardar de 3 a 6 meses.
  • No resto de piercings corporais, varía entre 6 e 8 semanas.

E se queremos eliminar a nosa tatuaxe?

Co paso dos anos, a tatuaxe tende a desdebuxarse e a perder beleza; ademais, podemos acabar cansos de portalo na nosa pel. Hai diversos métodos de eliminación da tatuaxe, pero ningún é totalmente eficaz.

Custa máis cartos eliminar unha tatuaxe ca facela. Por exemplo, por medio do láser, eliminar unha tatuaxe custa entre 700 e 6000 euros, en función do seu tamaño e da zona onde estea. Os métodos son:

  • Dermoabrasión: elimínanse as capas da epiderme onde se atopa, co que se elimina tanto esa parte da nosa pel coma o pigmento utilizado sobre ela.
  • Salabrasión (abrasión salina): líxase, ata que desapareza e cun sal especial, a imaxe tatuada. Este método deixa cicatrices.
  • Estiramento da pel: Estírase a zona de pel da tatuaxe e as zonas de arredor. Córtase a tatuaxe e a pel superficial estirada colócase no seu lugar. Deixa unha cicatriz lineal. Só aconsellable para pequenas tatuaxes.
  • Escisión: vanse cortando as zonas da pel ós poucos, en varias sesións. Deixa cicatrices.
  • Método “cover up” ou cobertura: tatúase outro modelo de tatuaxe por riba do xa existente.
  • Láser: é o máis caro, pero o máis efectivo, aínda que non garante que a pel vaia quedar coma antes da tatuaxe. E poden quedar marcas ou cicatrices.
    Os de menor tamaño custan a partir de 600-700 euros. Os feixes de luz do láser actúan sobre os pigmentos, eliminándoos. A eficacia do láser varía se se empregou pigmento negro ou de cores, e segundo a zona do corpo onde se atope a tatuaxe. Os máis difíciles de eliminar son os de cor. E canto máis tempo transcorrera desde que se fixo a tatuaxe, máis doada será de “borrar”. Se se quere quitar unha tatuaxe acabada de facer, convén agardar -polo menos- catro semanas antes de comezar, se ben o aconsellable é deixar pasar varios meses se queremos que o ton da pel volva máis axiña á normalidade. As tatuaxes de cor negra, azul escura e vermella elimínanse moi ben. As de cor azul clara, verde, morada e laranxa, só parcialmente. E as amarelas son as máis difíciles: non responden a ningún tratamento. As tatuaxes negras ou azuis escuras pódense eliminar case por completo en catro sesións. O resto require oito sesións. A sesión dura uns poucos minutos. Aínda que os impactos do láser son molestos, o escaso tempo empregado nas sesións fai que non sexa un tratamento desagradable.

    Os láser máis avanzados para o tratamento e eliminación das tatuaxes son os que emiten impulsos moi curtos (Q-witched) e que no seu interior teñen un material que se chama Neodomio: YAG, tanto normal coma de frecuencia pulsada. Así e todo, os resultados non están garantidos: hai tatuaxes que se eliminan por completo, pero noutras na zona tatuada queda unha cicatriz avermellada na pel que se irá eliminando cunha pomada antibiótica e con cremas rexeneradoras.

Tatuaxes “semipermanentes”: non pagan a pena

Segundo unha representante da Asociación de Mestres Tatuadores e de Piercing, as tatuaxes “semipermanentes” non pagan a pena, porque non só non perden definición co paso do tempo ata acabar desaparecendo (que é o que ás veces se lle promete incorrectamente ó usuario), senón que deixan antiestéticas manchas na pel. A cor destas tatuaxes, transcorridos por exemplo dez anos, queda un pouco máis apagada, pero un non profesional non sabería distinguir se se trata dunha tatuaxe convencional ou dunha semipermanente. Non son recomendables, porque sempre queda na pel o contorno da tatuaxe ou unhas feas manchas. Ó parecer, a maioría dos bos profesionais négase a tatuar con este tipo de tintas e máquinas.

As causas que inflúen en que unha tatuaxe permaneza máis ou menos tempo na pel do usuario son: a porosidade da pel, cando a tinta penetra facilmente na pel é máis sinxelo realizar unha tatuaxe, e canto máis penetra o pigmento na pel, máis consolidada e marcada queda a tatuaxe. O tatuador debe penetrar moi pouco na pel, intentará tatuar só na capa máis externa, a capa de derme que cae, pero é moi difícil.

Tintas ou pigmentos empregados. As tintas minerais ou vexetais que se empregan nas tatuaxes semipermanentes seguen sendo tintas, imposibles de eliminar totalmente unha vez que penetraron na pel. O que quedan son manchas de debuxos que se foron esvaecendo e que locen un aspecto pouco estético. En definitiva, as tatuaxes semipermanentes non desaparecen por si mesmas, a non ser que o cliente teña unha pel pouco sensible ó pigmento e o paso dos anos consiga reducir o contorno e debuxo da tatuaxe.

A opinión dun dos médicos dermatólogos que asesoraron este informe de CONSUMER é clara: ningunha tatuaxe, chámase como se chame ou sexa do tipo que sexa, pode desaparecer completamente. As tatuaxes semipermanentes realízanse mediante tintas que -independentemente do tipo que sexan- son elementos orgánicos estraños á derme do usuario e forman corpos estraños na derme, ante o cal esta reacciona creando granulomas ou manchas que nunca desaparecen totalmente. Por iso, ningunha tatuaxe realizada con elementos estraños á pel pode ser eliminado.