Cidades e excluídos sociais

Faltan recursos para as persoas sen fogar

Hai máis axudas para o aloxamento, manutención e hixiene que para a reinserción laboral ou social dos máis pobres
1 Decembro de 2005
Img temap 248

Faltan recursos para as persoas sen fogar

Quen coide que a pobreza de solemnidade é cousa doutras latitudes, trabúcase. A UE define como familias ou persoas pobres as que sobreviven con menos do 60% da renda media per cápita do seu país. En España esta situación afecta a case o 20% dos fogares (8,5 millóns de persoas). Pero tamén dentro da pobreza hai clases ou “intensidades”. Segundo Cáritas, máis de medio millón de persoas viven sumidas na “pobreza extrema”. dispoñen do 155 ou menos da “renda media básica”, salario mínimo de subsistencia que as institucións lle conceden a quen non lles pode facer fronte ás súas necesidades básicas. Aínda peor é a situación de preto de 30.000 persoas, segundo Cáritas, que malviven entre a rúa e os centros de asistencia de cada concello.

Estímase que máis da metade das prestacións básicas dos servizos sociais están financiadas polos concellos, que lles dedican entre un 6% e un 10% dos seus orzamentos anuais. A lei 7/85 establece a obriga dos concellos de máis de 20.000 habitantes de conceder estas prestacións sociais.

/imgs/20051201/portadag.jpg
En España estas políticas sociais non están enfocadas cara á prevención e inserción social, senón ó asistencial, a través de actuacións dirixidas a colectivos concretos. Ademais, a escaseza de recursos económicos destinados a paliaren as consecuencias da pobreza impide a continuidade necesaria en boa parte das actuacións. Proba disto é que en España o gasto en protección social representaba no 2003 o 20% do PIB, un dos máis baixos de Europa (en Suecia, Francia, Alemaña e Dinamarca acada o 30%). E isto, aínda que en pobreza superamos a media europea.

Aínda que hai colectivos (vellos, mulleres, desempregados, familias…) con graves necesidades, esta revista pousou a súa ollada nas prestacións e servizos facilitados polos concellos ás persoas socialmente excluídas (pobres, transeúntes e marxinados sen fogar, inmigrantes, etc.), unha minoría que recibe escasamente o 1% do total do gasto en prestacións sociais. CONSUMER EROSKI estudou as actuacións e iniciativas de política social en 16 cidades: A Coruña, Barcelona, Bilbao, Burgos, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza.

Chama a atención a gran diversidade e heteroxeneidade dos servizos sociais ofrecidos polos concellos, o que dificulta a comparación e proporciona algúns datos sorprendentes. O tamaño e número de habitantes dunha cidade, por exemplo, semella non ser determinante para explicar as diferenzas nas prestacións entre unhas cidades e outras. Nos albergues concertados de Valencia, por exemplo, hai preto do dobre de camas dispoñibles ca en Madrid e Barcelona. En Córdoba hai só cinco prazas máis ca en Burgos, aínda que esta cidade practicamente dobra a segunda en habitantes. Os orzamentos dedicados a Asuntos Sociais tamén deparan diferenzas. En Vitoria, o Departamento de Intervención Social xestionou o ano pasado 34 millóns de euros, moi lonxe dos 9 millóns de Benestar Social de Málaga, unha cidade co dobre de poboación. E en Barcelona o orzamento da Dirección de Servizos de Benestar Social ascendía en 2004 a pouco máis de 21 millóns de euros, moi por baixo dos 29 millóns da Área de Acción Social do concello de Bilbao, con case cinco veces menos poboación. Así e todo, cómpre dicir que en Barcelona o Plan Municipal para a Inclusión Social en 2005 conta cunha dotación de case 56 millóns de euros.

Pura subsistencia

As prestacións que reciben estes colectivos están encamiñadas a garantir a súa subsistencia: os servizos de información, manutención, primeira acollida, aloxamento e hixiene están moito máis estendidos cós de reinserción laboral ou social, os educativos ou formativos, ou os de atención psicolóxica e sanitaria. Segundo os expertos, este carácter tan asistencialista determínao a escaseza de recursos económicos dedicados a este labor. Boa parte destes servizos sociais están convidos ou son proporcionados por ONG como Cáritas ou a Cruz Vermella, que reciben subvencións das administracións públicas para desenvolveren este labor; non obstante, a escaseza destes recursos económicos fai que moitas delas teñan que botar man do seu voluntariado.

Albergues municipais

Dos máis de 600 centros que segundo o INE hai en España para atender a persoas sen fogar, tres de cada catro son privados e están xestionados maioritariamente por entidades relixiosas. O gasto anual de todos eles representa 118 millóns de euros. En case todos os concellos estes albergues son privados, pero están concertados entre o concello e asociacións sen ánimo de lucro. Madrid dispón dun albergue municipal con 254 prazas e dun centro de baixa esixencia -pódese botar a noite alí sen requirimentos especiais- e outros equipamentos para as noites de inverno, mentres que o de Barcelona ten 237 prazas, o de Zaragoza 176 camas, o de Murcia 147, o de Vitoria 115 e o de Málaga 100 prazas.

O resto de cidades ofrecen menos dun cento de prazas, pero case todas dispoñen doutros centros ou instalacións (por exemplo, de acollida invernal en San Sebastián, Madrid, Barcelona e Bilbao). Outras contan con prazas ou camas concertadas en aloxamentos de privados xestionados por ONG, e hainas tamén que xestionan (e pagan) prazas en pensións ou hoteis.

Case todos os albergues permanecen abertos todos os días do ano durante 24 horas ó día e facilitan algúns servizos e prestacións comúns: á parte do aloxamento, dispoñen de servizos de comedor, aseos e duchas, roupeiro e lavandería, consigna e recibo de correspondencia. Son menos comúns servizos e prestacións sanitarias, atención psicolóxica, salas multiuso ou de lecer, garderías, salóns de peiteado, bibliotecas ou asistencia xurídica.

As noites que se pasan nestes albergues poden estar limitadas, normalmente entre tres días e unha semana para cada usuario. En Barcelona, Granada, Málaga, Oviedo e Pamplona non hai límite no número de días de uso destes albergues, pero en Burgos non se poden superar os dous días cada tres meses (agás persoas en situación de longa estancia, ás que se lles permite o uso indefinido), en Zaragoza seis días cada tres meses, en Córdoba sete días, en San Sebastián tres días e en Vitoria tres días, aínda que a estancia pode ser indefinida nalgúns casos. Aínda que se fixen límites para as estancias, pódense prorrogar por motivos de saúde, traballo, etc., en función dos informes remitidos polos servizos sociais de cada concello.

Algúns albergues esixen que os usuarios cumpran requisitos: ser maior de 18 anos (os menores, acompañados por pais ou titor), que teñan documentos de identificación (en Pamplona aconséllase estar empadroado), que carezan de recursos económicos e que, amais de respectaren as normas de funcionamento do centro, non sexan consumidores de alcohol ou drogas nin amosen un carácter violento.

Noutros casos esíxese que a persoa se poida valer por si mesma (San Sebastián, Granada e Valencia) ou que se comprometa a un plan de traballo (Barcelona). En Valencia, os albergues utilízanse só en emerxencias (inundacións, derrubamentos), aínda que o concello ten prazas concertadas en aloxamentos de asociacións privadas.

Comedores sociais

En España hai entre 20.000 e 24.000 prazas de comedor para persoas con poucos recursos económicos. Os seus usuarios non son só persoas excluídas da sociedade, hainas que teñen vivenda pero pasan por graves problemas económicos e ten que acudir a eles. A maioría destes comedores son atendidos por asociacións benéficas, ONG e fundacións e reciben axudas públicas para a súa xestión: subvencións, convenios, concertos.

Valencia dispón de sete comedores sociais (catro municipais e tres privados), Barcelona de seis (tres de cada tipo), Pamplona e Granada de tres (todos, concertados nestas dúas cidades) e Málaga, A Coruña e Zaragoza de dous. Vitoria, San Sebastián, Valladolid, Córdoba e Oviedo conta cun só comedor. Prazas dispoñibles: Barcelona dispón de máis de 750 nos seus seis comedores (municipais e concertados) e Valencia e Granada de 400 prazas. Málaga e Oviedo teñen preto de 200 prazas e o resto das cidades que deron datos ofrecen entre 50 e 160 prazas. A maioría destes comedores son gratuítos. Non o son en Vitoria (a comida custa 4 euros e a cea 3 euros, aínda que sete de cada dez usuarios dispoñen de bonos do concello para comeren gratis), nin en Valencia nin na Coruña (tres euros por comida), nin tampouco en Oviedo, aínda que na capital asturiana o prezo é simbólico: apenas 0,50 euros por servizo, aínda que non é imprescindible pagar para acceder ó comedor.

Os servizos que se ofrecen tamén son diferentes entre as cidades. Nos comedores da Coruña, Barcelona, Córdoba e Valencia só se serve o xantar, nos de Vitoria, Valladolid, Murcia e Oviedo ofrécense xantar e cea, e os máis completos son os de Bilbao, Burgos, Málaga e San Sebastián: serven almorzo, xantar e cea. En Burgos, no comedor social concertado con Cáritas, sérvese tamén a merenda. En Pamplona dispénsanse o almorzo e o xantar, e en Granada dous dos comedores soamente serven xantares e o outro, xantar e cea.

Nos comedores sociais de Barcelona, Vitoria, Burgos, Málaga e Valencia os usuarios poden elixir menú (hainos específicos para persoas de diferentes culturas e para as que seguen dieta por prescrición médica). Nos da Coruña, Barcelona, Málaga, Oviedo, Córdoba, Burgos e Vitoria sérvense menús especiais os días de Nadal, festas tradicionais e feiras da localidade. Na maioría das cidades non se pide ningún requisito para beneficiarse do comedor social, pero en Barcelona esíxese seguir un plan de traballo acordado co Departamento de Servizos Sociais e en Málaga non se pode acudir durante máis de 15 días consecutivos.

Os comedores de Barcelona, Burgos, Córdoba, Málaga e San Sebastián abren todos os días do ano, os de Pamplona pechan nas festas patronais, os da Coruña o 25 de decembro e o 1 de xaneiro e o de Vitoria e o comedor social privado de Málaga en agosto. Para paliar este déficit asistencial adóptanse medidas: en Vitoria e Pamplona facilítanse vales para comer nalgunha cafetería ou restaurantes, e en Córdoba e Murcia repártense a cotío bocadillos e bolsas de comida fría para quen queda sen praza nos comedores cando estes se enchen.

Talleres de inserción

O obxectivo da maioría destes proxectos e programas é favorecer a inclusión social e laboral das persoas marxinadas ou excluídas. Adoitan consistir en cursos, obradoiros, programas, etc. que tratan de facilitar a reinserción na sociedade e no mercado de traballo das persoas socialmente excluídas. Moitas destas iniciativas organízanse con institucións e ONG.

Entre as materias que se imparten nos cursos e obradoiros destacan as técnicas de busca de emprego, de orientación laboral, ocupacionais, de formación profesional específica (cociña, habilidades manuais, soldadura, etc.), os obradoiros educativos (idiomas para inmigrantes, alfabetización), os obradoiros de mellora da autoestima ou os de orientación para o autoemprego. Son moi poucos os concellos que dispoñen de cifras que revelen o número de persoas excluídas que se reinsiren laboral ou socialmente logo de acudir a estes obradoiros e programas de inserción.

Tamén en axudas económicas directas a variedade de iniciativas e programas dificulta a comparación. Algúns concellos reparten axudas como as rendas mínimas de inserción social e as axudas económicas de urxencia. Cada unha das normativas autonómicas que as regula denomínaas dun xeito (renda mínima de inserción, salario social, ingreso mínimo de solidariedade, ingreso mínimo de inserción, renda básica…), aínda que todas coinciden en sinalar que a súa finalidade é garantir uns ingresos mínimos de subsistencia ás unidades familiares ante situacións de necesidade ou carencia de recursos e patrimonio, sempre que non poidan ser cubertas por outras prestacións como a Seguridade Social ou as de desemprego. Para concedelas, esíxese estar empadroado e residencia previa na comunidade autónoma de como mínimo un ano, amais dunha idade mínima (normalmente, a partir dos 25 anos e ata os 65 anos). Ademais, fíxanse baremos e criterios para acceder a estas axudas.

Tamén se lles dan subvencións ás asociacións e ONG que realizan tarefas de acción social en cada concello. Case todos os concellos destacan que colaboran con asociacións privadas que reciben axudas (sobre todo, económicas, aínda que tamén materiais, como a cesión de espazos) para as tarefas de acción social que realizan. Cada concello colabora con distintas asociacións, aínda que a maioría cita a Cáritas, á Cruz Vermella, a diversas asociacións de axuda ó colectivo xitano e a fundacións e congregacións relixiosas.

Outros equipamentos e servizos

  • Duchas e servizos de hixiene. Na maioría das cidades este servizo atópase dispoñible en albergues ou aloxamentos sociais, aínda que son de acceso público e as pode utilizar calquera persoa que o solicite, estea aloxado ou non. Normalmente ofrecen tamén servizo de lavandería e muda diaria de roupa.
  • Centros de estancia diúrna. En Barcelona, Pamplona, Burgos, Granada, Córdoba, A Coruña, Vitoria e Valencia dispoñen de centros de estancia diúrna para persoas sen fogar. A súa función é a de favorecer a inclusión e as relacións sociais das persoas marxinadas. En moitos centros realízanse actividades abertas, obradoiros ou saídas e dispoñen de estancias para facilitar a permanencia das persoas no centro (salas de televisión, de lectura, de xogos ou de lecer).
  • Pisos tutelados ou de emerxencia social. O seu obxectivo é facilitar a inserción social de familias. A miúdo contan con apoio socioeducativo, e serven para que as persoas sen recursos dispoñan dunha vivenda digna.
  • Centros de baixa esixencia. Son aloxamentos para transeúntes ou con graves problemas de marxinación. Nestes centros é posible pasar a noite sen necesidade de requirimentos especiais (trámites burocráticos, requirimentos de identificación…), aínda que hai que cumprir a normativa do centro. Están especialmente destinados a persoas que viven na rúa de xeito máis ou menos permanente. Amais do aloxamento, contan normalmente con atención médica, roupa, servizo de hixiene e de alimentación.
  • Albergues de inverno. Ofrecen aloxamento nocturno e atención os días máis fríos do ano. Tamén dispoñen doutros servizos e prestacións, como a cea e o almorzo, bebidas quentes, aseo persoal…
  • Centros de información e orientación. Trátase da primeira porta á que acoden as persoas que precisan asistencia dos servizos sociais na maioría das cidades. Neles informan e asesoran sobre os recursos sociais dispoñibles. Tamén se encargan da xestión e tramitación de axudas e do deseño de proxectos para a inserción.

O perfil dos sen teito...

En España hai máis de oito millóns e medio de pobres. Con todo, danse diferentes “intensidades” de pobreza. A peor situación sófrena as 30.000 persoas que, segundo Cáritas, están sumidas na pobreza máis extrema: os marxinados sen fogar. Así e todo, os sen teito son, en España, un grupo máis numeroso se nel se inclúe, como se fai noutros países europeos, a quen vive en chabolas ou infravivendas: nese caso habería 3 millóns de persoas dentro deste grupo da pobreza extrema. O perfil maioritario destas persoas extremadamente pobres corresponde a un home de 40 a 50 anos que vive da mendicidade, padece adiccións, carece de ingresos e acostuma durmir na rúa. A inmensa maioría está no paro e nunca cotizou á seguridade social, polo que carece de prestacións por desemprego. Destaca o seu precario estado de saúde: a miúdo sofre depresións, enfermidades mentais e adiccións. Neste grupo de poboación son máis frecuentes o analfabetismo, as toxicomanías, a delincuencia e todo tipo de problemas.

De todos os xeitos, ese perfil está comezando a cambiar. Segundo Cáritas, as mulleres representan entre o 15% e o 20% deste colectivo, e os mozos arredor do 25%. No tocante a estes últimos, a maioría son fillos de drogodependentes ou alcohólicos, sufriron malos tratos na súa infancia ou tiveron que abandonar o seu fogar na adolescencia. Tamén é cada vez máis frecuente a presenza de traballadores inmigrantes novos. E aínda que predominan as persoas solteiras, aumenta o número de separados e divorciados.