ENQUISADAS MÁIS DE 1500 PERSOAS MAIORES DE 16 ANOS PARA COÑECER O SEU COMPORTAMENTO CON RESPECTO Á INFORMACIÓN ALIMENTARIA QUE SE FACILITA A TRAVÉS DOS ALIMENTOS

Etiquetaxe de alimentos: novidades que pasan inadvertidas

Un 63 % dos consumidores consultados non percibiu os cambios introducidos pola normativa europea
1 Xaneiro de 2016
Img tema de portada listado 179

Etiquetaxe de alimentos: novidades que pasan inadvertidas

A información nutricional deixou de ser voluntaria e subiu de categoría. Desde decembro de 2016, o Regulamento 1169/2011 obrigará a incluíla en todos os produtos alimenticios, incluídos aqueles que producen empresas de cátering e os comercializados a distancia.

E a que tipo de datos se refire? Ao número de calorías ou á cantidade de carbohidratos de carbono, azucres, proteínas, sal ou graxas saturadas; información que se debe expresar por 100 gramos ou 100 mililitros. Ademais, a etiqueta debe ofrecer a cantidade diaria que é recomendable tomar dun nutriente determinado, o que permite calcular canto se está consumindo e o que falta para chegar á cifra aconsellada.

Pero a información nutricional non é o único aspecto da etiquetaxe que vai cambiar. A nova regulamentación leva incorporando novidades desde hai pouco máis dun ano, co fin de lograr unha etiquetaxe máis clara. Algunhas delas son o tamaño da letra, a procedencia da materia prima e a introdución da información sobre alérxenos na lista de ingredientes.

A introdución destas modificacións levou a Hispacoop (a Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios á que pertence a EROSKI) a estudar o comportamento dos consumidores con respecto á información alimentaria que se facilita a través dos alimentos. O obxectivo era saber o nivel de coñecemento dos cambios realizados na normativa aplicable a todos os alimentos destinados ao consumidor (baseada no Regulamento europeo n.º 1169/2011, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2011, sobre información alimentaria facilitada ao consumidor).

Así, o “Estudo do comportamento do consumidor sobre a información alimentaria” recolle os resultados dun total de 1511 entrevistas a responsables de compras do fogar en España, realizadas entre outubro e novembro de 2015. Delas, 1000 foron telefónicas e 511 obtivéronse, en liña, a través da plataforma web de EROSKI CONSUMER (www.consumer.es). A mostra total distribuíuse por sexo, idade (maiores de 16 anos), hábitat e comunidade autónoma (as 17 e as 2 cidades autónomas).

Conclusións xerais

No momento da enquisa, comprobouse que o 63 % das persoas consultadas non percibira cambios na etiquetaxe e tamén se observou que algúns dos aspectos que introduce o novo regulamento non son moi coñecidos. Por exemplo, no que se refire á información de alimentos non envasados que se consomen nos establecementos fóra do fogar; case sete de cada dez responsables de compra enquisados non sabían que se pode acceder á información obrigatoria de todos os alimentos envasados ou sen envasar.

Malia todo, do estudo despréndese que o consumidor responsable das compras do fogar lle dá moita importancia á información alimentaria, a pesar de que un de cada cinco enquisados non lea a información que aparece nos envases dos alimentos.

Por regra xeral, os enquisados continúan fixándose especialmente nas datas de caducidade e de consumo preferente. Con todo, comprobouse que dous de cada cinco tamén len a etiquetaxe para ver as características dos alimentos e procuran elixir produtos baixos en sal, lixeiros etc.

Por último, case a metade dos responsables da compra enquisados teñen problemas coas condicións de lexibilidade das etiquetas.

Importancia e lectura da etiquetaxe de alimentos

A importancia de saber

A información alimentaria é fundamental para a maior parte dos consumidores. Un 57 % dos enquisados valórana como “moi importante” (cunha puntuación entre 9 e 10 puntos, nunha escala onde 0 é o mínimo e 10 o máximo) e un 33 % como “importante” (entre 7 e 8 puntos). Só un 11 % lle dá unha “menor importancia” (un 9 % concédelle entre 5 e 6 puntos e o 2 % menos de 5).

Por segmentos (sexo, idade, clase social, ingresos do fogar e comunidade autónoma), todos os grupos lle outorgan á información alimentaria unha puntuación media superior a 8 puntos. Iso si, os mozos de entre 16 e 24 anos concédenlle 9 puntos de media.

Fíxanse?

Aínda que a maioría dos consumidores consideren importante a información alimentaria, realmente fíxanse nela á hora de comprar produtos? O certo é que si. O 94 % dos enquisados miran a data de caducidade ou de consumo preferente (deles, o 84 % faino habitualmente) e o 81 % len as características dos alimentos e procuran elixir alimentos baixos en sal, lixeiros, sen azucres, sen graxas etc. (arredor do 48 % fano con frecuencia). Ademais, catro de cada dez responsables das compras buscan alimentos requiridos por algunha dieta, enfermidade, alerxia etc. (deles, un 20 % fano habitualmente).

Aqueles con ingresos mensuais no fogar superiores aos 2000 euros son os enquisados que len en maior medida a etiquetaxe coa información sobre as características dos alimentos, fronte aos maiores de 65 anos e que ingresan ata 750 euros.

O interesante

Os datos da etiquetaxe sobre os que a normativa introduciu cambios (país de orixe ou lugar de procedencia, información nutricional e sobre alérxenos, lista de ingredientes, cantidade neta, condicións de conservación) suscitan interese entre os enquisados. No entanto, algúns destacan sobre outros: o 59 % habitualmente fíxase na lista de ingredientes, o 56 % nas condicións de conservación e o 54 % na información nutricional (valor enerxético, contido en graxas, hidratos de carbono, fibra, proteínas e sal).

Pola súa banda, unha terceira parte dos responsables da compra consultados nunca se fixan na información sobre alérxenos, probablemente porque só ten importancia naqueles fogares nos que algún membro da familia sofre alerxias ou intolerancias.

Por segmentos, a lista de ingredientes e a información nutricional interésalles especialmente ás mulleres. Tamén os menores de 25 anos enquisados reparan nos datos nutricionais dos alimentos. Pola súa banda, os maiores de 65 anos consultados e aqueles con ingresos mensuais de ata 1250 euros len en maior medida as condicións de conservación e o país de orixe ou o lugar de procedencia.

Ademais de interesar, este tipo de datos tamén poden influír na decisión de compra das persoas enquisadas. Por orde, a data de caducidade ou de consumo preferente inflúe nun 31 % dos responsables de compra; as declaracións “baixo en sal”, “lixeiro”, “sen azucres” ou “sen graxa” nun 16 %; as listas de ingredientes nun 15 % e o país de orixe ou o lugar de procedencia nun 11 %.

Percepción das novidades

As novidades

No momento da enquisa, o 63 % dos responsables de compra enquisados e que habitualmente se fixan na etiquetaxe dos alimentos non notou cambios nesta canle de información nos últimos 6 meses.

Os que si o fixeron (un 36 %) identifican varias modificacións, concretamente nos ingredientes que causan alerxias ou intolerancias (percibiuno un 17 %), na claridade da información nutricional e na orixe vexetal dos aceites e graxas vexetais (un 10 %, respectivamente). Tamén convén salientar outros, aínda que en menor medida: os datos nutricionais están agrupados e visualízanse máis facilmente, a información obrigatoria está dispoñible e é accesible, a palabra “sodio” substituíuse pola de “sal” e agora comunícase cal é o país de orixe ou o lugar de procedencia do produto ou do ingrediente primario.

Sobre a información nutricional

Un dos cambios máis importantes da nova normativa refírese á obrigatoriedade da información nutricional. Na enquisa, un 72 % dos responsables de compra confirmou que se fixaba nela.

E que datos consideran os máis relevantes? Un 32 % decantouse polos relacionados coas graxas saturadas, outro 23 % polo valor enerxético (as calorías), o 15 % polas graxas trans e o 11 % polos azucres. En menor medida, menciónanse tamén outros elementos como o sal (ou o sodio), as graxas monoinsaturadas ou poliinsaturadas, as vitaminas, as proteínas, outros hidratos de carbono como os polialcohois ou o amidón, a fibra alimentaria, os minerais e outros.

A normativa europea obriga, ademais, a expresar toda esta información nutricional en 100 gramos ou 100 miligramos. Dous de cada tres enquisados considera que mediante esta fórmula se axuda a entender a información. Con todo, e sobre todo os maiores de 65 anos, hai quen opina que non é así.

Así mesmo, a información nutricional tamén pode vir expresada en porcentaxes de inxestión de referencia (IR), xa sexa por 100 gramos ou 100 miligramos ou por proporción ou unidade de consumo. A metade dos enquisados que len a información nutricional fíxanse nestas proporcións, e de novo son os maiores de 65 anos os que o fan en menor medida.

Sobre a orixe

Co novo regulamento, amplíase a obrigatoriedade de incluír na etiquetaxe o país de orixe ou o lugar de procedencia do produto alimenticio ou do ingrediente principal, nos casos nos que se pode inducir a engano ao consumidor.

Nun principio, este dato era obrigatorio para a carne fresca de vacún, as froitas e as verduras, o mel e o aceite de oliva. A partir de abril de 2015, tamén o é para a carne fresca, refrixerada ou conxelada de porco, ovino, caprino e aves de curral.

Un 68 % dos responsables de compra fíxanse neste dato e, deles, case nove de cada dez escollen produtos producidos na súa rexión ou país fronte a outros.

Os propios enquisados destacan os tipos de alimentos que, ao seu xuízo, deberían levar este dato na súa etiquetaxe: a carne de vacún, porcino, caprino e outros (o 90 % así o cre), o peixe (o 84 %), as aves de curral e o leite (o 76 %, respectivamente), e o mel e o leite utilizado como ingrediente en produtos lácteos (arredor do 59 % en ambos os grupos de alimentos). Só un 3 % sinalou as froitas e as verduras.

Neste sentido, entre os enquisados que escollen a carne, chegan a un nivel de detalle superior e destacan outros datos importantes: o lugar de cría (no 88 % dos casos), o lugar de nacemento do animal (o 64 %) e do seu sacrificio (o 58 %).

En canto á etiquetaxe no leite e aos seus derivados, as persoas consultadas mencionaron a seguinte información: se a orixe se corresponde co dun Estado membro da Unión Europea ou non (un 70 %), o lugar de transformación do leite cru (o 64 % dos casos) e o lugar de muxidura (o 62 %).

Sobre os alérxenos

Outro dos cambios establecidos pola normativa de información alimentaria ten que ver coa obrigatoriedade de informar sobre os ingredientes ou substancias que poden causar algunha alerxia ou intolerancia alimentaria. Nove de cada dez enquisados responsables da compra no seu fogar afirman que debería indicarse dunha maneira máis clara a existencia de ingredientes que poden causar algunha alerxia ou intolerancia.

É máis, un 67 % deles afirmaron saber que en todos os alimentos, tanto nos envasados coma nos que non o están, é obrigatorio informar sobre a existencia deste tipo de ingredientes. Con todo, tamén merece especial atención o 32 % das persoas consultadas que recoñeceron non sabelo.

Máis ou menos legible e comprensible?

Lexibilidade

Existe unha considerable proporción de persoas que se fixan na etiquetaxe e que teñen problemas coa lexibilidade e coa claridade da información alimentaria que contén. En concreto, o 57 % dos enquisados considera que é nada ou pouco lexible e un 52 % cre que é pouco ou nada clara.

No entanto, outro 53 % dos responsables de compra do estudo si opina que a etiquetaxe é moito ou bastante comprensible e unha proporción similar (o 54 %) cre que é moito ou bastante fiable.

Ademais, máis da metade dos responsables das compras do fogar que adoitan ler a etiquetaxe (o 52 %) consideran que os símbolos gráficos que aparecen en ocasións como complemento á información alimentaria favorecen a comprensión. Porén, tamén se rexistra un 44 % de persoas enquisadas que opinan o contrario; é dicir, que xeran confusión (en maior medida, os maiores de 65 anos).

Por último, catro de cada cinco responsables de compras consultados infórmanse dos alimentos a través dos propios produtos no envase, da etiqueta ou doutro material de acompañamento. Con todo, o 36 % utiliza as novas tecnoloxías (internet, folletos electrónicos etc.) e outro 26 % pregúntalles a outras persoas.

A pesar de dispoñer dunha gran cantidade de información alimentaria, dous de cada tres enquisados descoñece que poden acceder á información obrigatoria tanto dos alimentos envasados (incluso aqueles que o consumidor pide que lle envasen ou que envase o vendedor para a súa venda inmediata) coma daqueles que non o están e dos que se ofrecen en restaurantes, comedores etc.

Principais novidades dunha etiquetaxe máis clara

O Regulamento 1169/2011 está en vigor desde decembro de 2014, salvo no que respecta á información nutricional, obrigatoria a partir do 13 de decembro de 2016. Velaquí os cambios principais que introduce:

  • Maior tamaño de letra. Deberá ser de 1,2 mm para envases de máis de 80 cm2 e de 0,9 mm para envases menores de 80 cm2. Este criterio tamén se aplicará nos produtos envasados en comerciantes polo miúdo.
  • Denominación do alimento. Deberá ser a legal (xa establecida na súa respectiva lei) e, se non existise normativa, deberá ser a habitual; é dicir, a que coñeza a poboación. E, se isto non fose posible, utilizaríase unha denominación descritiva que sexa clara. Ademais, debe incluír unha indicación da condición física dos alimentos ou do tratamento ao que se someteu (en po, liofilizado…).
  • Información nutricional obrigatoria. É o valor enerxético, as graxas, as graxas saturadas, os hidratos de carbono, as proteínas, os azucres e o sal (esta última substitúe o termo usado ata agora, sodio). Aparecerá agrupada, no mesmo campo visual, e expresada obrigatoriamente “por 100 ml ou 100 g”, o que permite comparar produtos. A información nutricional obrigatoria pode complementarse, de forma voluntaria, cos valores doutros nutrientes, como os ácidos graxos monoinsaturados e poliinsaturados, polialcohois, amidón, fibra alimentaria, vitaminas ou minerais. O regulamento non establece ningunha disposición para a etiquetaxe de colesterol, pero impide incluír o valor do colesterol dentro da táboa nutricional. Toda esta información debe presentarse, se o espazo do envase o permite, en formato de táboa coas cifras en columna ou en formato lineal.
  • Lista de ingredientes. Deben enunciarse de maneira clara e concreta para que se transmita unha información segura e fiable. Sempre deben figurar en orde decrecente de peso, segundo se incorporou ao produto cando se elabora. Os aceites ou graxas de orixe vexetal poderanse agrupar na lista de ingredientes coa designación “aceites vexetais” ou “graxas vexetais”, seguido da indicación da orixe vexetal específica.

Unha das novidades é a disposición da definición de nanomaterial artificial. Estes ingredientes deberán indicarse na lista, seguido da palabra “nano” entre parénteses. As bebidas con alto contido de cafeína terán que etiquetarse, ademais, como “non recomendado para nenos nin mulleres embarazadas e lactantes”, co contido de cafeína citado.

  • Alérxenos. Terán que diferenciarse claramente mediante o tipo de letra, o estilo ou a cor de fondo. Tamén deben indicarse en alimentos non envasados en restaurantes ou cafeterías, onde a indicación pode facerse de forma verbal
  • O país de orixe ou o lugar de procedencia. Poderase coñecer con detalle en alimentos cárnicos de porco, ovino, caprino e aves de curral nas súas formas fresca, refrixerada ou conxelada. Nos produtos cárnicos e na carne e no peixe conxelados, deberá especificarse a data de conxelación. Debe indicarse a data de conxelación ou a de primeira conxelación, no caso de que os produtos se conxelasen en máis dunha ocasión.
  • Identificación da empresa. O relevante é que se identifique un responsable, co nome e apelidos e un enderezo postal da Unión Europea.
  • Venda a distancia. A información alimentaria nestes casos estará dispoñible antes de que se realice a compra e figurará no soporte da venda a distancia ou a través doutros medios.
  • Mencións adicionais obrigatorias. Poderase coñecer se un produto se envasou nunha atmosfera protectora, se leva edulcorantes, cafeína ou ácido glicirrícico.