Bebidas isotónicas

Eficaces cando o deporte é intenso e se súa moito

Ó axudar a repor axiña a auga e os sales minerais perdidos coa suor, poden aumentar o rendemento e mellorar a recuperación
1 Xullo de 2004

Eficaces cando o deporte é intenso e se súa moito

Ó practicar deporte elévase a temperatura corporal. Para regulala, prodúcese a suor, que supón que o noso organismo perda auga e sales minerais. Á súa vez, a perda destes sales fai que diminúa o rendemento físico e que a recuperación sexa máis lenta. As bebidas isotónicas conteñen azucres e sales minerais á mesma presión osmótica có sangue. Pola súa composición, este líquido sae do estómago, pasa ó intestino, onde é absorbido, e de alí chega ó torrente sanguíneo sen dificultade, o que favorece a rápida asimilación dos seus constituíntes.

Inxerir bebidas isotónicas favorece o rendemento deportivo e axuda a repor axiña as perdas ocasionadas polo exercicio físico intenso.

Durante un adestramento, e mesmo no transcurso dunha competición deportiva nun ambiente caloroso e húmido que dure menos dunha hora, abonda con manter unha axeitada hidratación, o que se consegue bebendo auga antes, durante e despois do exercicio. Así e todo, co fin de evitar o temido desfalecemento causado pola hipoglicemia (descenso dos niveis de glicosa en sangue) e a diminución do rendemento, sempre que se fai exercicio físico pódese recorrer ás bebidas isotónicas. Cando o exercicio é intenso e duradeiro ou se practica nun ambiente caloroso con abundante perda de suor, o corpo perde auga e electrólitos e diminúen o azucre en sangue e o glicóxeno. Por iso, convén repor axiña estas substancias, función que cumpren as bebidas isotónicas (proporcionan unhas 300 calorías por litro) que, inxeridas antes e durante o exercicio, axudan a atrasar a fatiga e a mellorar o rendemento; consumidas despois da actividade, aceleran a recuperación. Outra vantaxe é que acurtan o tempo de diarrea, conxuntura na que cómpre tomar líquidos. A súa composición é similar á do soro oral que venden as farmacias, e polo seu agradable sabor, acéptanse mellor có soro.

En síntese e táboa comparativa

O que deu de si a análise

  • Analizáronse sete bebidas isotónicas de sabor ácido ou a limón, con formatos desde 200 mililitros ata un litro e prezos desde os 1,2 euros por litro de Up Grade ata os 5,75 euros por litro de Santiveri.
  • Son un complemento alimenticio composto de auga, azucres e sales minerais que favorece o rendemento físico e a recuperación de deportistas que realizan esforzo físico intenso durante máis dunha hora ou nun ambiente caloroso e con moita perda de suor.
  • Cando se fai deporte, unha axeitada inxestión de auga abonda case sempre para garantir a hidratación do noso organismo.
  • Gatorade, Powerade, Isostar e Nutri Sport conteñen colorantes artificiais. Só Nutri Sport emprega edulcorantes artificiais (aspartamo e acesulfamo) e Santiveri e Nutri Sport son as únicas con vitaminas. Santiveri engade, ademais, aminoácidos esenciais.
  • Na cata, Powerade e Up Grade, con 6 puntos, foron as mellores, mentres que Isostar (4,6) e Nutri Sport (4,5) ocuparon as peores posicións.
  • A mellor relación calidade-prezo é Isostar e como segunda opción queda Up Grade. Para quen desexe unha achega extra de vitaminas, Nutri Sport é a máis interesante. Neste produto, os resultados da cata non pesaron tanto coma noutros de consumo menos utilitario.
Marca ISOSTAR UP GRADE POWER- ADE AQUARIUS GATO- RADE NUTRI SPORT SANTI- VERI
Prezo (euros / litro) 2,38 1,20 2,10 1,26 2,06 3,22 5,75
Etiquetaxe Inco- rrecto Correcto Correcto Correcto Inco- rrecto Inco- rrecto Correcto
Azucre
Fructosa (%) 0,4 0,5 1,1 1,3 1,2 2,8 7,1
Glucosa (%) 0,4 0,5 1,1 1,3 1,6 1,5 0,3
Sacarosa (%) 4,3 4,7 4,3 3,5 2,2 ND 0,3
Maltosa (%) 1,0 Non contén Non contén Non contén 0,6 0,5 Non contén
Total azucres (carbohidratos sinxelos) (%) 6,1 5,7 6,5 6,1 5,06 4,8 7,7
Minerais
Sodio (mg/100 ml) 70,8 23,9 52,5 23,2 51,1 37,2 37,7
Potasio (mg/100 ml) 18,4 7,5 5,6 2,1 15,8 30,1 32,2
Magnesio (mg/100 ml) / (%CDR) 12,7(4,2%) 2,1 (0,7%) 2,1 (0,7%) 0,3 (0,1%) 5,3 (1,8%) 3,4 (1,1%) 6,8 (2,3%)
Calcio (mg/100 ml) / (%CDR) 31,2 (3,9%) 7,2 (0,9%) 3,2 (0,4%) 2,2 (0,3%) 0,7 (0,1%) 10,8 (1,4%) 12,4 (1,6%)
Cloruros (mg/100 ml) 43,8 30,3 6,4 25,7 46,8 25,2 106,5
Fosfato (mg/100 ml) 41,0 17,6 Non contén 5,6 25,0 65 12,3
Vitaminas
Vitamina C (ácido ascórbico) (mg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 8,8 (14,7%) 14,6 (24,3%)
Vitamina B1 (tiamina) (mg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 0,3 (21,4%) Non contén
Vitamina B2 (riboflavina) (mg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 0,2 (12,5%) Non contén
Vitamina B6 (piridoxal) (mg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 0,4 (20%) Non contén
Pantotenato cálcico (mg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 1,3 (21,7%) Non contén
Vitamina B12 (cianoco- balamina) (µg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 0,2 (20%) Non contén
Vitamina A (retinol) (µg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 1859 (232,4%)
Vitamina E (mg/100 ml) / (%CDR) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 1,6 (16%) 16,5 (165%)
Colorantes 1
Amarelo de quinoleína (E-104) (ppm) 1,3 Non contén Non contén Non contén 2,3 9,9 Non contén
Amarelo laranxa S (E-110) (ppm) 0,5 Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén
Edulcorantes 2
Aspartamo (E-951) (ppm) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 42,5 Non contén
Acesulfamo (E-950) (ppm) Non contén Non contén Non contén Non contén Non contén 42,2 Non contén
Cata (1 a 9) 4,6 6,0 6,0 5,5 5,5 4,5 5,5

CDR: reflicte a porcentaxe da cantidade diaria recomendada que subministran 100 mililitros da bebida para cada un dos nutrientes

1 Colorantes: Ambos son colorantes artificiais

2 Edulcorantes: Ambos son edulcorantes artificiais

Unha por unha

Unha por unha, sete bebidas isotónicas

Isostar

  • Sae a 2,38 euros/litro.
  • A mellor relación calidade-prezo. Incumpre a norma de etiquetaxe. Ofrece máis glicosa ca frutosa, o que se considera positivo. Contén as maiores cantidades de sodio, magnesio e calcio. Emprega dous colorantes artificiais. Na cata, a segunda peor, con 4,6 puntos: é criticada por “insípida”.

Up Grade

  • Sae a 1,20 euros/litro, a máis barata.
  • Outra boa opción. Un dos menores contidos en sodio. Non utiliza colorantes nin edulcorantes. Na cata, unha das dúas mellores, con 6 puntos: gabada por “refrescante” e polo “sabor que deixa”, pero criticada por “transparente”.

Powerade

  • Sae a 2,10 euros/litro.
  • O menor contido en cloruros. A única que carece de fosfatos. Emprega colorantes artificiais. Na cata, unha das dúas mellores, con 6 puntos: gabada por “doce”, polo seu arrecendo, por “refrescante” e polo “sabor que deixa”; e criticada por “pouco sabor” e “cor artificial”.

Aquarius

  • Sae a 1,26 euros/litro, a segunda máis económica.
  • As menores cantidades de sodio, potasio e magnesio. Non utiliza colorantes nin edulcorantes. Na cata, 5,5 puntos: gabada por “doce” e “sabor que deixa” e recibe comentarios desfavorables por “pouco sabor” e “transparente”.

Gatorade

  • Sae a 2,06 euros/litro.
  • Incumpre a normativa de etiquetaxe. Ofrece maior cantidade de glicosa ca de frutosa, o que se considera positivo. A menor cantidade de calcio. Emprega colorantes artificiais. Na cata, 5,5 puntos: gabada pola súa cor e polo seu “sabor agradable”, e criticada por “pouco amarga”.

Nutri Sport

  • Sae a 3,22 euros/litro, a segunda máis cara.
  • Incumpre a normativa de etiquetaxe. Ofrece maior cantidade de frutosa ca de glicosa, o que se considera negativo. A maior cantidade de fosfatos. Engade vitaminas hidrosolubles e liposolubles. Ó beber un envase conséguese a cantidade diaria recomendada para as vitaminas B1, B6, B12 e pantotenato cálcico. Emprega colorantes artificiais e é a única que engade edulcorantes (aspartamo e acesulfamo). Na cata, a peor, 4,5 puntos: é criticada por “amarga”, “cor artificial” e “sabor que deixa”.

Santiveri

  • Sae a 5,75 euros/litro, a máis cara.
  • Contén case sete veces máis frutosa ca glicosa, o que se considera negativo. As maiores cantidades de potasio e cloruros. Engade vitaminas, amais de aminoácidos esenciais. Ó beber un envase supérase a cantidade diaria recomendada en 3 e 4 veces para as vitaminas E e A. Non utiliza colorantes nin edulcorantes. Na cata, 5,5 puntos: eloxiada por “refrescante”, recibe críticas por “cor apagada” e “sabor amargo”.