Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Enquisados 1050 adultos de 9 comunidades autónomas sobre os hábitos alimentarios dos nenos que coidan entre 2 o 18 anos : Durante a infancia, cométense erros alimentarios que se agravan na adolescencia

Entre os máis graves, destacan que o 51 % dos nenos polos que se consultou non come verduras nin hortalizas a diario e o 29 % tampouco froitas

Deseñar os menús e comer en familia

A conclusión

Aínda que nove de cada dez persoas consultadas por EROSKI CONSUMER consideran que os seus fillos teñen uns hábitos nutricionais equilibrados, a realidade é diferente. Na enquisa, constatouse que se cometen erros que, en ocasións, se agravan cando o neno se converte en adolescente.

O 41 % dos nenos e dos mozos polos que se consultou nunca inclúe froita no almorzo e o 57 % toma cereais azucrados ou con chocolate. Por regra xeral, o 51 % non come verduras nin hortalizas a diario e outro 29 % tampouco froitas. Non obstante, o 14 % deles toman cada día embutidos, o 12 % doces e o 9 % bolería industrial e refrescos. Ademais, cando comen, un 39 % dos nenos sempre ve a televisión.

Na adolescencia, algúns destes hábitos nutricionais empeoran; é dicir, non almorzan, non comen froitas a diario, consomen doces cada día e tamén beben refrescos. Ademais, aumenta 17 puntos porcentuais a proporción de mozos que ven a tele mentres comen.

Por outro lado, os coidadores (proxenitores, avós ou con outro parentesco familiar) tampouco seguen algunhas rutinas diarias de especial importancia para conseguir que o neno interiorice uns hábitos alimentarios correctos que lle permitan desenvolverse e ter unha boa saúde.

En primeiro lugar, un 30 % deles non planifican os menús dos nenos e o 8 % tampouco establecen un horario regular para as comidas. En segundo lugar, o 16 % non come a diario cos nenos e, cando comen xuntos, un 32 % utiliza a comida como incentivo (premio ou castigo). Por último, o 68 % adoita ter na casa bolería industrial, caramelos de goma, aperitivos e alimentos similares que poden tentar os nenos.

Planificar para regular

Durante a infancia, establécense unha serie de hábitos alimentarios que posteriormente serán difíciles de cambiar. Cunhas rutinas axeitadas, contribúese de forma positiva na construción e no modelado do corpo dos nenos e na mellora da súa saúde e no seu rendemento físico e intelectual.

A FESNAD recomenda planificar os menús dos fillos cunha periodicidade semanal para incluír neles a maior variedade posible de alimentos. Na enquisa, un 70 % dos adultos entrevistados con nenos ao seu cargo asegura que planifican os seus menús, en maior medida cando se trata dos pais e das nais. Cando os que os coidan son outros familiares improvísase máis e, se o neno é menor de 12 anos, a planificación é máis frecuente. Non obstante, ao preguntar con que frecuencia o fan, un 62 % di que diariamente e só o 37 % o facía semanalmente.

Se o neno vai ao comedor (acontece no 37 % dos casos, en especial, cando teñen entre 2 e 12 anos), tamén convén coñecer os menús escolares para poder deseñar dietas equilibradas. O 86 % das persoas entrevistadas que envían os nenos que coidan ao comedor téñeno en conta para deseñar as ceas e as merendas.

Precisamente, no deseño dos menús, a FESNAD tamén aconsella que os pequenos participen na preparación das comidas. É un xeito de que aumente o interese dos pequenos pola comida. Non obstante, só o fai habitualmente un 22 % dos adultos enquisados e, de maneira ocasional, o 38 %. A partir dos 7 anos é cando se lles deixa colaborar en maior medida.

Pero non hai que confundir este hábito co de lles preguntar aos menores que queren tomar. Segundo o programa Perseo da Estratexia NAOS, os adultos teñen a responsabilidade de elixir o menú, de comprar os alimentos e de deseñar unha dieta completa. E é que, se se lles ofrecese esta posibilidade aos pequenos, elixirían alimentos demasiado doces ou salgados. Porén, si é adecuado ofrecerlles aos nenos a posibilidade de elixir entre dous ou tres alimentos que as persoas adultas teñan xa previstos, pero dentro das opcións máis saudables.

Outro dos erros máis comúns e totalmente desaconsellados pola FESNAD é utilizar a comida como incentivo, alivio ao aburrimento ou castigo. O 32 % dos enquisados cométeno, especialmente os coidadores que non son os pais.

En familia

Un dos hábitos máis importantes é comer en familia sempre que sexa posible. Desta forma, mellórase a calidade da dieta do menor. Mesmo hai estudos que indican que estes hábitos poden evitar comportamentos de risco nos adolescentes.

Na enquisa, o 30 % dos enquisados aseguraba que come cos seus fillos tres veces ao día, un 25 % dúas veces ao día e outro 29 % unha vez ao día polo menos. O resto, un 16 %, facíao con frecuencias semanais e non diarias: entre 3 e 6 veces por semana e frecuencias superiores. Mesmo un 2 % recoñecía non comer nunca con eles.

Pero non só importa crear un ambiente familiar á hora de comer. A FESNAD tamén incide na importancia de dar exemplo no ámbito familiar e de adoptar hábitos alimenticios saudables. O 69 % dos adultos enquisados cre que os seus hábitos nutricionais predican co exemplo dunha dieta saudable (cando os coidadores son outros familiares e non os proxenitores, esta proporción alcanza o 82 %). Non obstante, outro 27 % admite que só dan exemplo ás veces e un 4 % nunca.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións