Analizáronse 100 menús de comida rápida PSEUDOSAUDABLES en 10 localidades: 30 de hamburguesas, 30 de pizzas, 20 de bocadillos e 20 de kebabs

Dous de cada tres menús de comida rápida analizados teñen deficiencias nutricionais

O 68 % inclúe algún tipo de alimento en exceso (habitualmente proteico), no 89 % non pode escollerse pan integral e no 71 % non se ofrece froita na sobremesa
1 Febreiro de 2014
Img tema listado 194

Dous de cada tres menús de comida rápida analizados teñen deficiencias nutricionais

A comida rápida ten éxito entre a poboación. Os motivos? A rapidez do servizo, os baixos prezos e a flexibilidade de horarios. Pero ten tamén a súa cara menos amable: é comida pouco saudable porque en pequenas cantidades concentra moitas calorías, non ten apenas vitaminas e fibra e achega unha alta cantidade de graxas e de colesterol. Malia todo, a comida rápida atrae. Estados Unidos é o principal consumidor (concentra o 35 % do gasto no eido mundial) e, en comparación, España sitúase á cola. Aínda así, os datos reflicten que no noso país cada vez consumimos máis comida lixo e que o crecemento é máis rápido ca noutros países industrializados; en especial, en Cataluña, Andalucía e Madrid. Con todo, tamén é certo que nos últimos tempos as cadeas de comida rápida, motivadas pola maior preocupación da sociedade pola súa saúde, introducen elementos saudables nos seus menús. EROSKI CONSUMER quixo comprobar a calidade dietética destes menús, aparentemente máis benévolos.

Como se fixo

Para iso, analizáronse as propostas en 10 cidades: A Coruña, Barcelona, Bilbao, Logroño, Madrid, Pamplona, Donostia-San Sebastián, Sevilla, Valencia e Vitoria. Decidiuse deixar de lado as grandes franquías, xa que os resultados serían pouco dispares. No seu lugar, fixouse a atención en establecementos tradicionais e en locais que inclúen nas súas cartas hamburguesas, bocadillos, sándwiches, pizzas, pratos combinados…

Durante a observación, en cada unha das cidades solicitáronse dez menús saudables de comida rápida (un prato principal, unha gornición ou un entrante, unha bebida e unha sobremesa), tres nos que o elemento principal fose a hamburguesa, tres a pizza, dous o bocadillo e dous o kebab.

Os colaboradores da revista achegábanse ao local e solicitaban os menús máis saudables (xa fosen de hamburguesa, pizza, bocadillo ou kebab); é dicir, pedíanlle ao empregado do establecemento que fose el quen os aconsellase sobre o máis saudable que dispoñían.

Sistema de puntuación

A calidade dietética do centenar de menús analizados baséase nun sistema de puntuación elaborado coa axuda dos expertos en dietética e nutrición de EROSKI CONSUMER, entre os que destaca Julio Basulto. Os criterios nutricionais baséanse na máxima de que a comida ou a cea debe ser variada e completa. Todos os alimentos teñen un lugar na dieta. Iso si, é fundamental buscar un equilibrio nutricional:

  • As verduras sempre deben estar presentes, xa sexa como ingrediente principal ou como gornición.
  • Así mesmo, é recomendable utilizar máis técnicas culinarias que acheguen menos graxa.
  • Considérase un valor engadido a posibilidade de elixir pan integral, este último cun maior contido en fibra e con efectos beneficiosos para a saúde.
  • O máis conveniente é ofertar como opción principal froita fresca de tempada e non outras sobremesas máis sofisticadas e calóricas.

Consonte estas cuestións, cada menú analizado podía obter un máximo de 18 puntos: polo prato principal 9 puntos, pola gornición ou o entrante 5 puntos, pola bebida 2 puntos e pola sobremesa outros 2 puntos. Despois, eses puntos convertíanse cunha escala de 0 a 10 puntos (máis detalle na lenda da táboa).

Aprobado, pero mellorable

Non existe unha dieta ideal que sirva para todo o mundo. Para usar ben os alimentos é preciso escollelos ben, combinalos equilibradamente, distribuílos correctamente durante o día e tamén preparalos e cociñalos adecuadamente. É un feito que a alimentación inflúe na nosa saúde e é de recibo que os locais de comida rápida, tan en boga hoxe en día, tamén lle dean a oportunidade ao consumidor para comer saudablemente.

En conclusión, o centenar de menús analizados por EROSKI CONSUMER obtivo unha valoración media de “aceptable”. Dous de cada tres aprobaron o exame de calidade dietética e suspendérono un 33 %. Entre os suspensos, un 21 % quedou no “regular”, un 11 % no “mal” e un 1 % no “moi mal”. Pola contra, entre os aprobados, un 34 % logrou o “aceptable”, un 27 % o “ben” e un 6 % o “moi ben”.

E é que, a pesar de solicitar un menú de comida rápida saudable, as propostas recibidas contan cunha serie de carencias nutricionais. Por localidades, foron os menús analizados en Barcelona, Bilbao, Valencia e Vitoria os que obtiveron a mellor cualificación: un “ben”. Con todo, os estudados en Logroño, Pamplona e Sevilla só alcanzaron un “regular”. Pola súa banda, A Coruña, Madrid e Donostia-San Sebastián quedaron no “aceptable”.

Por tipo de menú, cualificáronse cun “ben” aqueles nos que o prato principal era un bocadillo, mentres que os de hamburguesas e pizzas quedaron no “aceptable” e os de kebabs no “regular”.

Combinacións de alimentos, a clave

Hai que lembrar que nos momentos nos que adoitamos tomar este tipo de comida rápida, convén consumir cereais ou tubérculos, verduras e hortalizas e alimentos proteicos (carne, peixe, ovo, legumes ou froitos secos). Non importa se están separados en varios pratos ou xuntos nun único prato.

Durante a análise nutricional, comprobouse que na metade dos casos se propón como opción saudable unha combinación de alimentos na que a carne (máis vermella ca magra) é a opción principal e acompáñana verduras e hortalizas. Así mesmo, en dúas de cada cinco ocasións ofrecen un prato principal vexetariano, normalmente trátase de pizzas coa maioría de ingredientes vexetais (agás o queixo).

A primeira ollada, as combinacións de alimentos non eran erróneas, posto que só nun 7 % dos menús de comida rápida analizados faltaba algún dos grupos de alimentos mencionados con anterioridade: nun 4 % alimentos proteicos, nun 2 % verduras e hortalizas e nun 1 % cereais ou tubérculos. Con todo, é importante engadir tres situacións que provocan un aumento das calorías. En primeiro lugar, a hamburguesa é un alimento rico en enerxía, proteínas, graxas e sodio; todos eles nutrientes que lle sobran á poboación española.

Pola súa banda, as pizzas inclúen grandes cantidades de queixo (en ocasións, ata 100 gramos), un alimento graxento e calórico cuxa base non adoita ser integral. Ademais, no 73 % dos lugares onde se pediu un menú cuxo prato principal fose a pizza, había que compartila porque non se ofrecían pizzas individuais. Entre quen si tiñan esta opción (un 27 %) non se trataba dunha porción, senón dunha pizza máis grande: só nos tres establecementos de Logroño ofreceron ración. O consello nutricional é que unha porción de pizza é suficiente e resulta abondo nutritiva, sen necesidade de lle engadir nada máis á comida, salvo unha ensalada como entrante e, de sobremesa, unha froita ou un lácteo sinxelo coma o iogur. E, por último, a carne de kebab, mariñada e picada con potenciadores de sabor e moito sal que logo conxelan e que se serve no momento enfornado.

Rápido e saudable?

A quen non lle apetece algunha vez pecar e comer unha saborosa hamburguesa ou unha porción de pizza quente acabada de saír do forno? Estes pequenos descoidos non teñen por que ser prexudiciais para a saúde se se toman certas precaucións e sempre que o seu consumo sexa ocasional.

  • Trata de elixir aqueles alimentos que conten cun baixo contido de graxas. Por exemplo, a carne magra, peixe, vexetais e hortalizas frescas.
  • Reduce outros alimentos máis graxos, coma o queixo, o beicon, os embutidos etc.
  • Evita técnicas culinarias coma os fritos en abundante aceite ou os rebozados, e opta por outras moito máis saudables, coma a prancha ou o forno.
  • Evita as salsas ou as cremas de alto contido calórico. Ademais do ketchup ou da maionesa, existen outras opcións máis lixeiras como as salsas de iogur, de tomate ou o pesto.
  • Substitúe as patacas fritas e elixe verduras e hortalizas como acompañamento.
  • É recomendable elixir pan integral ou de cereais, con máis fibra e maior densidade nutritiva.
  • Á hora de escoller a bebida, o máis aconsellable é optar pola auga.
  • Tamén nas sobremesas é recomendable elixir froita fresca ou lácteos sinxelos (iogur ou callada).

Cales eran os ingredientes principais?

A carne era a protagonista do prato principal na metade dos menús analizados. Deles, só no 45 % era magra, de ave. No resto, a carne era vermella (no 37 % de vacún e no 22 % de porcino). Neste sentido, os expertos consideran que é mellor darlle prioridade ao consumo de carnes magras, para mellorar a calidade e a esperanza de vida, polo seu menor contido en graxas saturadas. Pola súa banda, os cereais eran o ingrediente principal en todos os menús de pizzas (o pan) e só nun 10 % das ocasións as verduras e hortalizas (nun de cada tres bocadillos) e nun 5 % o peixe (nunca en pizzas ou en kebabs).

En practicamente todos os establecementos consultados aseguraban que o alimento principal non era precociñado. No 95 % dos casos, indicouse tamén que se cociñaba con técnicas culinarias que lle achegan menos graxa ao alimento: no 44 % faise ao forno, no 36 % á prancha, no 13 % cru e no 2 % cocido. O 5 % das veces que se utilizaron técnicas graxas foron frituras, empanados e grella. Por tipos de menú, nas hamburguesas o ingrediente principal cociñábase á prancha na maioría das ocasións, a pizza sempre ao forno, o bocadillo tamén á prancha ou cru e os kebabs ao forno.

Pan si, pero non integral

Aproximadamente a metade da enerxía que necesitamos debe provir de alimentos ricos en hidratos de carbono. Elaborado exclusivamente con fariña, auga e sal (este último ingrediente é prescindible), o pan non contén ningún nutriente cuxo consumo excesivo se asocie cun maior risco no desenvolvemento de patoloxías como a obesidade, a diabetes, as enfermidades de vasos sanguíneos e corazón etc. No estudo, o 99 % dos menús estudados inclúe pan no prato principal: xa sexa como “abrigo” da hamburguesa, do bocadillo e do kebab, ou como base na pizza.

O que si é importante é promover o consumo de pan integral. Con todo, entre os 100 establecementos analizados só un 11 % ofrecían a posibilidade de escollelo, en especial en Barcelona (na metade deles) e nos menús que incluían bocadillo (en tres de cada dez ocasións).

Coidado coas salsas

As salsas acompañan e enriquecen os pratos; con todo, hai que ter especial coidado, xa que supoñen calorías extra. Por exemplo, unha vinagreta pode engadirlle unhas 165 quilocalorías a unha ensalada e só unha cullerada sopeira de bechamel 123 quilocalorías. Polo tanto, convén utilizalas en pequenas cantidades.

Un 53 % dos pratos principais analizados incluían unha media de 1,6 salsas (os de hamburguesas 2,1). As máis habituais eran a maionesa, o ketchup, a salsa de iogur (nos kebabs) e a mostaza, e no 72 % das veces non eran caseiras. Ademais, tamén en sete de cada dez ocasións estaban xa incorporadas ao prato, unha suma de calorías con pouca marxe de decisión para o consumidor.

Gornición: moita pataca, pero tamén ensalada

Durante o estudo realizado, en 96 dos 100 casos propúxose acompañar o bocadillo, a hamburguesa ou a pizza cun entrante ou gornición. En dous de cada tres casos, aconsellábanse como opción saudable verduras e hortalizas (ensaladas).

Por localidades, na Coruña e en Barcelona ofrecían verduras e hortalizas en todos os establecementos analizados; a diferenza de Sevilla, Logroño e Donostia-San Sebastián, onde destacaba a proporción de locais nos que optaban polas patacas fritas.

Pola súa banda, por tipos de menú tamén sobresaían os menús kebab porque en 10 dos 20 analizados tamén ofrecían patacas fritas como gornición, fronte a outras opcións, coma arroz basmati, faláfel ou ensalada que aconsellaban outros locais deste tipo.

De novo, no 95 % dos establecementos aseguran que non se trata de alimentos precociñados e un 77 % utiliza técnicas culinarias que non lle achegan graxa ao alimento. E é que, ao ser máis da metade ensaladas, os seus ingredientes sérvense crus. Con todo, aqueles que propoñen patacas usan a fritura (no 22 %).

Ademais das ensaladas de tomate, cenoria e cebola, e das patacas fritas, tamén existen outro tipo de opcións igualmente saudables que non foron tan frecuentes, pero que destacan por ser algo máis innovadoras ca o resto. Por exemplo: verduras asadas (cabaciña, cebola, espárragos verdes e pementos), ensalada de froitos secos (leituga, améndoas, piñóns, noces e queixo), caldo de polo e verduras (cenoria, apio, allo porro e allo), pementos asados ou ensalada de rúcula, polo, aguacate e limón. Pero tamén hai exemplos menos saudables, coma os nuggets de polo.

Desequilibrio nutricional?

Engadir unha gornición ou un entrante pode complementar o prato principal ou provocar un exceso de alimentos. No estudo, no 67 % das ocasións, engadíronselle verduras ao menú, nun 44 % alimentos proteicos e nun 27 % cereais ou tubérculos. Polo tanto, repítense varios grupos de alimentos en dúas de cada tres ocasións, destaca negativamente que no 63 % das veces sexan alimentos proteicos, aínda que tamén cereais ou tubérculos (no 37 %).

Onde maiores excesos se cometen é nos menús analizados en Madrid (en todos), en Donostia-San Sebastián e Sevilla (en 9, respectivamente) e en Pamplona (en 8). Por tipo de menús, prodúcese un desequilibrio nutricional maior en catro de cada cinco menús de pizza e de kebab.

No estudo, un exemplo de boa combinación de alimentos entre o prato principal e a gornición é a seguinte: bocadillo vexetal con polo (polo acompañado de leituga, tomate e cebola) e, como gornición, unha mestura de verduras (leitugas variadas, pementos, cabaciñas, cogomelos e cebola). Pola contra, tamén hai exemplos de combinacións erróneas: pizza con tomate, mozzarella, polo, cebola, allo, perexil, gambas e atún; e a iso engádenlle unha gornición de nuggets de pito. En definitiva, un exceso de alimentos proteicos.

Bebida e sobremesa

A auga é a bebida máis saudable para acompañar unha comida ou unha cea e ofrécena no 60 % dos establecementos analizados (todos os de Donostia-San Sebastián e Bilbao e ningún da Coruña). Ademais, un 19 % aconsella tamén refrescos sen azucres engadidos, especialmente na cidade galega e na sevillana. A vantaxe deste tipo de bebidas refrescantes sen azucre é que o valor enerxético é cero. Agora ben, o consumo continuado de refrescos tampouco é saudable.

Cando chega o momento da sobremesa, orixínanse outros puntos fracos da comida rápida que aumenta o valor enerxético do conxunto. E, en efecto, durante o estudo, comprobouse que a metade dos empregados consultados por EROSKI CONSUMER ofrecían un doce (xa fose xeado, tortas, flans etc.). Ocorría especialmente en Sevilla (en 8 ocasións) e en Madrid e Pamplona (en 7 ocasións).

Con todo, un 29 % ofreceu unha froita e/ou un lácteo sinxelo, en especial en establecementos da Coruña, Barcelona, Donostia-San Sebastián, Valencia e Vitoria.

12,7 euros por menú

Unha das características máis atraentes da comida rápida é o seu aparente baixo prezo. No estudo, os 100 menús analizados tiñan un custo medio de 12,7 euros. Existen diferenzas apreciables por tipo de menú e por localidades. En primeiro lugar, os que inclúen pizzas son o dobre de caras que os kebabs: as primeiras supoñen un desembolso medio de 17,3 euros, fronte aos 8,1 euros dos segundos. Pola súa banda, os menús con bocadillos tamén son máis económicos e o seu prezo medio atópase por debaixo da media do estudo, en 10,4 euros. Os que levan hamburguesas están na media, 12,8 euros.

Por localidades, en Sevilla e en Logroño ofrecen o menú máis barato: de 7,9 euros de media na primeira e de 8,9 euros de media na segunda, a diferenza do custo global dos menús analizados en Pamplona, que dobra estas dúas cifras e supón un desembolso medio de 16,4 euros. Así, no resto de cidades, só tres teñen prezos por debaixo da media: Madrid (con 11,4 euros), Valencia (con 11,8 euros) e A Coruña (con 12 euros). E por encima sitúanse Donostia-San Sebastián (13,9 euros), Bilbao (14,5 euros), Vitoria (15,2 euros) e Barcelona (15,5 euros).

Con todo, está relacionado o prezo dos menús coa súa calidade? A resposta é afirmativa. E é que os mellores menús de comida rápida (é dicir, aqueles que aprobaron o exame de calidade dietética) custaron unha media de 6,1 euros), mentres que polos peores (aqueles que suspenderon o exame nutricional) había que desembolsar 4,2 euros, un 31 % menos.