Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Enquisadas máis de 1100 persoas que padecen alerxias ou intolerancias a algún alimento : Desconfianza e inseguridade entre alérxicos e intolerantes alimentarios

Unha de cada catro persoas pensa que os produtos nunca se etiquetan axeitadamente e máis da metade cre que nos establecementos hostaleiros non se toman as precaucións necesarias

Á hora de compra...

Desconfianza e inseguridade

Na enquisa queda clara a desconfianza e a inseguridade dos participantes á hora de comprar e de saír a comer fóra da casa.

En primeiro lugar, un de cada cinco entrevistados sente que habitualmente non pode facer a compra con total seguridade en calquera establecemento e un 37 % só ás veces. É máis, un de cada catro pensa que os produtos nunca se etiquetan de maneira adecuada. Comprar resulta aburrido e difícil e reclaman unha información o máis detallada e lexible posible.

Así mesmo, para tres de cada cinco enquisados ir comer fóra supón un risco para a súa saúde. E é que, ao pedir o menú, máis da metade dos enquisados opinan que en hostalería nunca se toman as precaucións necesarias: avisar sobre a posible presenza de alérxenos nos pratos, detallar ao máximo os ingredientes nas súas cartas e menús, evitar a contaminación cruzada no almacenamento e manipulación dos produtos e dispoñer de útiles de traballo exclusivos para os menús infantís. De aí que esixan máis formación no ámbito da hostalería en materia de alerxias e intolerancias alimentarias.

A compra: máis cara e diversificada

Se para calquera somerxerse na xungla de marcas, prezos e tipos de produtos pode ser complexo, para os alérxicos e intolerantes alimentarios é moito peor e, segundo a súa opinión, suponlles un maior esforzo económico.

Un 90 % dos enquisados consideran que o carro da compra dun alérxico e intolerante alimentario é máis caro que o dunha persoa sen estas enfermidades. Creno en maior proporción os intolerantes (un 92 % deles, fronte ao 86 % dos alérxicos entrevistados). Dan mesmo unha estimación media: un 46 % máis caro.

Convén salientar que o 57 % dos alérxicos e intolerantes enquisados non poden facer a compra dos seus produtos alimenticios básicos nun mesmo comercio, senón que necesitan ir a varios para reunir todo o necesario. Isto é o que opinan, en maior medida, en Estremadura, ao contrario que os enquisados navarros. Tanto alérxicos coma intolerantes teñen o mesmo problema en similar proporción.

Así, o 77 % dos alérxicos e intolerantes enquisados di que fan a compra no supermercado e un 66 % no hipermercado. Outro 40 % opta tamén polas tendas especializadas e un terzo polo comercio ou polo mercado tradicional. Apenas hai diferenzas por tipo de enfermidade, pero si por comunidade. Aínda que en todas elas a maioría compra en supermercados e hipermercados, a segunda opción non sempre é o mercado ou o comercio tradicional; en Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Castela e León, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura e Galicia, prefiren as tendas especializadas.

Rutinas

Durante a compra, un 47 % dos enquisados asegura que no seu fogar compran por separado os produtos destinados á persoa alérxica ou intolerante. Ademais, outro 89 % afirma que comproba sempre se na etiqueta hai advertencias específicas. E é que a etiquetaxe é fundamental para o colectivo de alérxicos e intolerantes alimentarios porque é o lugar onde se proporciona a información máis importante. Sobre a etiqueta, establecéronse normas que obrigan os fabricantes a que indiquen a presenza nos alimentos de ingredientes que causan alerxias e intolerancias e a que eviten a súa contaminación accidental con alérxenos que estean presentes noutros produtos.

Non obstante, a este respecto, un de cada catro pensa que os produtos nunca se etiquetan do xeito adecuado e un 48 % opina que só ás veces. Consideran que as etiquetas non especifican o suficiente os aditivos, ingredientes, especias ou conservantes, nin tampouco as cantidades. Engaden que a frase “pode conter trazas” é unha xeneralidade e que non os saca de dúbidas. En ocasións, mesmo se viron obrigados a chamar o fabricante para determinar se o produto contiña o alimento en cuestión ou non.

Pero non só reclaman información máis detallada, senón tamén máis lexible porque a letra lles resulta pequena. Tamén insisten en que as traducións a outros idiomas xeran confusión. Por todo iso, ofrecen unha solución: incluír nas etiquetas un punto específico con información para alérxicos e intolerantes alimentarios doadamente identificable e o máis detallada posible.

Compra segura?

A seguridade alimentaria é fundamental para todos, pero unha de cada cinco persoas entrevistadas con alerxias e intolerancias alimentarias considera que nunca pode facer a compra con total seguridade en calquera establecemento. Outro 37 % di que só ás veces, pero un 41 % opina que sempre. Apenas hai diferenzas entre intolerantes e alérxicos, pero si por comunidades. Mentres nas Illas Baleares un 53 % cren que sempre poden facela totalmente seguros, a metade dos rioxanos dixeron que compraban habitualmente temerosos.

Neste sentido, un 57 % deles menciona o comercio tradicional como un tipo de establecemento que lles inspira maior inseguridade, para outro 41 % é o hipermercado e para, aproximadamente, un terzo é o supermercado. Por último, internet e as tendas especializadas en alimentos para alérxicos e intolerantes son inseguras para unha de cada cinco persoas entrevistadas.

Os enquisados inseguros, á hora de comprar, destacan varios motivos que xustifican o seu temor: a escasa variedade de produtos específicos para alérxicos e intolerantes ofrecidos, a falta de información existente, a falta de formación do persoal e a posible contaminación cruzada, especialmente entre os produtos frescos.

Case catro de cada cinco persoas entrevistadas opinan que as marcas non fan o suficiente por desenvolver alimentos libres dos principais alérxenos. E preto de sete de cada dez tamén cren que nin sequera as organizacións alimentarias se esforzan o suficiente por desenvolver normas e códigos alimentarios para protexer este colectivo.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións