Centros de día para persoas maiores

De día no centro, de noite na casa

Seis millóns e medio de españois teñen máis de 65 anos, segundo os datos máis recentes do IMSERSO.
1 Outubro de 2002
Img temap 117

Dous millóns deles sofren algunha discapacidade, e case un millón non se valen por si mesmos na vida cotiá ó padeceren unha diminución severa ou total das súas capacidades físicas ou mentais, polo que dependen de familiares ou coidadores para se vestiren, comeren, desprazaren, asearen…

De día no centro, de noite na casa

Son os familiares directos dos anciáns quen máis a miúdo asumen as obrigas que supón o coidado constante dos anciáns incapaces, pero son moitos os que non poden ser atendidos polos seus parentes. Neste caso, as residencias de anciáns constitúen a opción máis socorrida. Pero a realidade social é a que é: en España só hai 2,7 prazas en residencias -privadas ou públicas- por cada cen persoas maiores de 65 anos e a maioría das residencias preséntanlle ó solicitante dunha praza longas e desalentadoras listas de espera.

Os centros de día, nos que os anciáns poden pasa-lo día para despois regresaren a durmir á súa casa, representan unha alternativa de atención cotiá ós maiores non válidos e dalgún xeito fan o papel de garderías, permitíndolles ós vellos seguiren vivindo na casa. Pero son tamén un complemento xerontolóxico do que se dotan as comunidades autónomas nas que faltan prazas nas residencias, converténdose nun remedio de sala de espera que acolle ó solicitante de praza nunha residencia ata que se produza a oportuna vacante. De tódolos xeitos, repítese o problema: a terceira parte dos centros de día teñen listas de espera e a media de solicitudes non atendidas é de 12 por centros con listas de espera. Este é o primeiro dato que xorde do estudio que realizou CONSUMER co fin de coñece-las características, prestacións e funcionamento deste novo recurso de atención socio-sanitaria. O informe baseouse na información proporcionada por 85 directores doutros tantos centros de día sobre a atención sanitaria, os servicios, a seguridade e os prezos dos establecementos que rexentan.

Os centros de día incluídos neste informe supoñen preto da metade dos que operan actualmente en Madrid, Barcelona, Valencia, Biscaia, Guipúscoa, A Coruña, Málaga, Alacante, Navarra, Araba, Cantabria e A Rioxa. De aí que a representatividade do estudio sexa máis elevada nestas zonas e abonda (polas nove comunidades autónomas incluídas) para o conxunto do país. CONSUMER, contando coa asesoría de xeriatras e expertos en residencias de anciáns, estableceu un sistema propio de puntuación e ponderación (valoración relativa de cada unha das variables estudiadas) para cualificar estes centros.

Poden mellorar, pero están ben

A primeira conclusión da investigación é que, aínda que algúns centros de día deben mellorar, a maioría ofrecen un servicio satisfactorio e cumpren co seu cometido. De feito, a nota media dos 85 establecementos estudiados supera os sete puntos. Así e todo, o 16% dos centros estudiados suspende en atención asistencial, baixo a que se inclúen o número de anciáns que lle corresponde a cada coidador, a existencia ou non de sala de consulta médica e de sala de curas independente dela, a dispoñibilidade dun médico de maneira permanente no centro e a súa titulación específica, e a existencia ou non de servicios de fisioterapia e rehabilitación, entre outros aspectos. Amais do asistencial, outro apartado que cómpre mellorar é a seguridade, transcendental nestes centros que acollen a residentes de elevada idade, moitos deles con importantes incapacidades físicas ou mentais. Vexámo-los datos: máis da metade dos centros de día consultados recoñecen que non realizaron nunca un simulacro de incendio, un de cada sete non conta con sistema de detección de incendios, un de cada dez carece de plan de emerxencia, e un de cada quince non instruíu o persoal do centro sobre cómo proceder en caso de incendio ou non conta con luces de emerxencia nas súas instalacións.

No positivo, figuran os servicios que os centros de día lles ofrecen ós seus usuarios, se ben algunhas prestacións se revelan moi susceptibles de mellora: a metade dos centros non contan con servicio de transporte propio para achegaren os usuarios ó establecemento, o 60% non informa oficialmente por escrito sobre a situación de cada usuario ou faino só moi ocasionalmente e case a metade dos centros de día non ofrecen unha dieta adecuada ás necesidades concretas dos usuarios con necesidades dietéticas especiais (tan numerosos nesta poboación de elevada idade), e case o 30% dos centros non conta con biblioteca.

Outra constatación é que aínda que os centros de día públicos e concertados obteñen unha valoración media algo mellor, as diferencias cos privados son pouco significativas. Ademais, os que non chegan ó aprobado na súa cualificación global (só o 5% dos estudiados), son todos eles de titularidade pública. De tódolos xeitos, cómpre matizar que son suspensos altos: ningún obtivo menos de 4,4 puntos na valoración global.

No tocante á situación por provincias, destacan Araba, Madrid e A Rioxa, onde a nota global anda arredor dos 7,5 puntos, mentres que as de resultados menos eloxiables son A Coruña, Barcelona e Navarra, se ben conseguen de media 6,5 puntos de nota global.

Atención asistencial

Seis de cada dez centros dispoñen dun coidador para cada cinco anciáns, ratio que, segundo os especialistas consultados, se pode considerar óptima para estes centros. Pero a este dato positivo hai que engadir outro menos favorable: dous de cada dez centros de día declaran contar con entre 8 e 12 anciáns por coidador, unha cantidade insuficiente se se teñen en conta as condicións de dependencia de boa parte dos seus usuarios.

Por outra banda, o 16% dos centros non contan cunha sala de consulta médica, infraestructura moi conveniente para un centro no que o tratamento terapéutico é un obxectivo esencial. E o 6% dos centros consultados carecía de sala de curas, se ben moitos deles utilizan a sala de consulta tamén para as curas.

Entre os que non dispoñen dun médico permanente (o 66% dos consultados), un de cada tres centros contan cun servicio concertado: o médico acode cando a súa presencia é requirida. Nunha proporción semellante de centros, o médico acode varios días á semana e no resto dos que non dispoñen do sempre desexable médico permanente, en caso de eventualidade desprazan o enfermo ó hospital. E uns poucos esgrimiron un argumento tan pouco convincente coma o de que non están obrigados a teren médico.

Independentemente de se o médico está no centro de maneira permanente ou non, o idóneo é que o facultativo que atende os anciáns sexa xeriatra ou médico internista. Pois ben, só un de cada tres centros de día contaba cun médico desa especialidade. No resto, trátase preferentemente dun médico de cabeceira, se ben en poucos casos se trataba de psicólogos, dietistas ou neurólogos.

Por outra banda, un dos servicios de maior importancia, especialmente entre os incapacitados físicos, é o tratamento fisioterapéutico. Cómpre subliñar que o 12% dos centros carece desta prestación e que o 30%, malia a a ofrecer, non a dispensa en condicións idóneas.

Servicios dos centros de día

O transporte da persoa maior ó centro de día por parte dos familiares significa, con frecuencia, un problema loxístico cotián, paliado só no 42% dos casos cun transporte propio do centro que recolle os usuarios nas proximidades do seu domicilio e os desprazan ata o propio establecemento. Só en moi poucos casos, a ausencia deste transporte se compensa coa existencia dun transporte público que achega o usuario ó centro. Pero esta é unha solución parcial, debido á escasa ou nula mobilidade dalgúns usuarios e a diversos problemas loxísticos: o bus, tren ou metro que deixa o usuario lonxe do centro, a necesidade de tomar varios medios de transporte para chegar ó destino… Chama a atención, polo tanto, que a metade dos centros carezan dun medio de transporte propio para permitirlles ós seus usuarios chegaren ó centro dunha maneira segura e cómoda.

No tocante á comunicación cos familiares, aínda que non é imprescindible, non está de máis que o centro informe de xeito oficial e por escrito sobre a evolución e a situación do ancián. Aínda que a comunicación informal poida funcionar fluída e correctamente, a realizada por escrito é unha garantía que asegura o fluxo de información entre o centro e a familia. Pois ben, o 62% dos centros non informa oficialmente e por escrito da evolución do familiar, e entre os que o fan repártense a partes iguais os que emiten a información con periodicidade semanal e mensual.

Por outra banda, a existencia de cuartos de baños xeriátricos considérase imprescindible, pero o 3% dos centros consultados carece deles.

De tódolos xeitos, unha das carencias máis evidentes que detectou este informe é a relativa á comida: o 46% dos centros de día non ofrecen dietas personalizadas para os usuarios con necesidades especiais.

Ademais, o programa de animación sociocultural orientado ó colectivo de anciáns debe ser ambicioso e eficaz. A situación neste aspecto é boa: tan só o 7% dos centros de día carece destes programas, e no 70% realízanse catro ou máis actividades distintas de tipo cultural, musical, físico ou de terapia ocupacional.

A escasa capacidade dos usuarios dos centros de día para se desprazaren á consulta de especialistas como otorrinolaringólogos, oftalmólogos ou dentistas, crea a necesidade de que os centros de día se encarguen de canalizar este tipo de servicios. Neste sentido, tódolos analizados contan con consultores que acoden ó centro, aínda que tan só no 40% se oferta este servicio gratuitamente.

Todos, por outra banda, contan con zona axardinada ou teñen un parque a unha distancia inferior ós 250 metros, polo que os momentos de agradable espallamento están relativamente garantidos. E no 85% deles ofrécese servicio de peiteado, aínda que tan só un de cada tres non cobran por el. O prezo máximo cifrouse en 18 euros e o mínimo en 0,6 euros, mentres que a tarifa media por amaña-lo cabelo foi de 6,7 euros. No tocante á podoloxía, precisa nestes centros debido á deterioración que xeralmente sofren os pés dos vellos, o 22% dos consultados non contan con este servicio, e entre os que o ofrecen tan só a terceira parte o fan de xeito gratuíto ou incluído na cota. O prezo anda arredor dos 10 euros. Para rematar, a lectura é sempre un exercicio recomendable que se torna idóneo na vellez, xa que require un exercicio intelectual que obriga a traballa-la mente á vez que entretén. Neste sentido, é criticable que o 29% dos centros consultados non dispoña de biblioteca.

¿Que son os centros de atención diúrna?

Trátase de centros non residenciais que atenden a persoas maiores con autonomía reducida. Os anciáns non dormen con eles, senón que pasan nos centros un determinado número de horas e volven á casa a durmir. Algunhas residencias de anciáns contan tamén con prazas de atención diúrna.

Os centros de día permiten que as persoas maiores que non se poden valer por si mesmas estean atendidas de día e que de noite continúen vivindo no seu domicilio habitual, co que manteñen a súa relación familiar. Nas zonas nas que as prazas de residencias de anciáns non cobren a demanda existente, os centros de día tórnanse unha ferramenta xerontolóxica complementaria ás residencias, paliando relativamente esa carencia de prazas. Así, convértense en certos casos no paso previo ó ingreso nun centro residencial: son a “sala de espera” das residencias onde se atende ó usuario ata que se libra unha praza nunha residencia.

¿De quen dependen?

Poden ser de titularidade pública, concertada e privada. Os primeiros dependen das administracións autonómicas ou provinciais, e os últimos xestiónanse de xeito privado, mentres que os concertados combinan a titularidade privada con certas prazas concertadas (ás veces, todas elas) rexendo nestas as mesmas condicións e requisitos ca nas prazas públicas.

Tipos de centros de día

Hainos para válidos, para asistidos, centros mixtos, e os psicoxeriátricos, estes últimos para persoas con problemas psíquicos. Os primeiros, os menos comúns, son de titularidade privada. Os centros para asistidos ou dependentes son os máis comúns e atenden a persoas que precisan axuda para as súas actividades cotiás. En ocasións, admítense persoas válidas que por circunstancias persoais ou sociais se poden equiparar ás dependentes ou as que vivindo soas ou con familiares e podendo manter un grao de autonomía aceptable, se atopan en risco de perdela por razón de idade avanzada, desamparo social ou enfermidade.

¿Cal é a finalidade dos centros de atención diúrna?

En teoría: mitiga-las perdas funcionais dos nosos vellos ou minora-las súas dificultades, favorecendo o mantemento no seu medio habitual de convivencia. Débenlles ofrecer ós maiores tanto coidados e servicios terapéuticos coma programas que promovan o seu desenvolvemento sociocultural. Deben intentar que o vello se sinta case coma na casa, e para iso é indispensable que teña capacidade de elección. Deben permiti-la maior autonomía de decisión en canto ás actividades que quere realizar, o grupo de persoas coas que comunicarse a cotío e mesmo no tocante ó que se come. En definitiva, deben facer posible que os vellos, amais de seren atendidos, poidan gozar do seu tempo libre.

¿Que servicios ofrecen?

Manutención, atención á saúde, axuda nas actividades da vida cotiá, rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, asistencia social, dinamización sociocultural e soporte familiar. E tamén, atención xeriátrica e rehabilitadora, coidados persoais, asistencia médica de carácter preventivo, terapia ocupacional, atención psicosocial, actividades físicas e de tempo libre e transporte ó centro, en réxime de media pensión, que ten como obxectivo último o desenvolvemento das súas capacidades funcionais e da súa integración na comunidade.

Horarios e prezos

Os centros de día xeralmente permanecen abertos de luns a venres (aínda que os hai que dan cobertura tamén as fins de semana) durante oito horas ó día. As fórmulas varían en función do centro se ben predomina o horario de nove da mañá ata as cinco da tarde. No tocante ós prezos, que varían en función do nivel de dependencia do ancián (asistido, semi-asistido ou válido), nos centros privados a tarifa por día oscila entre os 13,8 euros e os 52 euros, e a media é duns 25 euros. Nos públicos e nas prazas concertadas, a cantidade que se paga varía segundo a comunidade autónoma. Polo xeral, trátase dunha porcentaxe da renda anual do usuario. A fórmula máis utilizada parte duns máximos diarios ou mensuais e recorre a uns baremos en función da situación económica do ancián. Algunhas comunidades autónomas fanse cargo da diferencia que hai que pagar no caso de que a porcentaxe da renda aplicada non chegue a cubrir ese máximo estipulado, mentres que noutras esta diferencia vai xerando unha débeda que cumprirá liquidar cando chegue o final da estancia no centro. Estas porcentaxes, os baremos aplicables e os máximos establecidos poden variar mesmo dentro da mesma provincia en función da titularidade das prazas públicas, xa que poden ser prazas públicas municipais ou das comunidades autónomas.

Criterios de calidade e táboa comparativa

Naturalmente, un bo centro de día é aquel que conta coas instalacións e o persoal axeitado para desenvolver e cumpri-los obxectivos de terapia de rehabilitación física e social. É dicir, o que dispón do persoal preciso e suficiente (o ideal é que non haxa máis de 5 anciáns por coidador), conta cun médico internista ou xeriatra -ou cun servicio concertado áxil e de calidade-, e salas de fisioterapia e instalacións orientadas á convivencia e ó desenvolvemento das diversas actividades socioculturais. E se buscamos un centro excelente, sería aquel que amais de todo o anterior, promove no ancián un sentimento de autonomía e independencia, factores determinantes no nivel de satisfacción das persoas maiores que utilizan este tipo de centros. Este sentimento de autonomía fai mención á posibilidade do ancián de decidir e actuar con independencia no funcionamento do propio centro. O xeito de conseguilo baséase en proporcionarlle ó usuario a máxima liberdade de elección posible, desde permitirlle a este toma-la decisión sobre se ingresar ou non no centro ata poder elixi-las actividades que quere realizar ou o grupo de persoas con quen as vai realizar.