Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Escolas infantís : Continúan a faltar prazas nas garderías públicas

A situación practicamente non mudou nos últimos 6 anos. As públicas, en termos xerais, son algo mellores cás privadas. A dotación e cualificación do persoal segue sendo satisfactoria

Que pasa coas tarifas das garderías públicas?

Aínda que as tarifas máximas das garderías públicas poden ser caras, rara vez chegan a aplicarse: a escaseza de prazas é tal que quedan cubertas polas familias con menos ingresos económicos, que teñen preferencia. Os criterios de admisión (renda per cápita, proximidade ó domicilio, familia numerosa ou con irmáns matriculados no centro) serven tamén para fixar a tarifa de escolaridade e dos servizos extra. Na maioría das públicas non se cobra por matrícula e, cando o fan, o máximo é 60 euros, mentres que as hai privadas que cobran máis de 180 euros por matricularse. Os prezos do comedor pódense incluír na cota mensual ou pagarse á parte. Nas tarifas de escolaridade por xornada completa hai diferenzas: nas públicas de Madrid, Málaga, Sevilla ou Valencia contémplase mesmo a posibilidade de custo cero se a situación familiar o esixe, mentres que nas de Biscaia, Guipúscoa e Álava (180 euros mensuais) e Barcelona (136 euros) a discriminación positiva limítase á admisión: a factura é a mesma. As máis caras atopáronse en Málaga e Sevilla: ata 240 euros ó mes. O prezo do horario ampliado (o neno permanece no centro unha hora máis do horario convencional) é económico, arredor dos 10 euros, pero non é frecuente que as públicas amplíen o seu horario convencional, de entre 7 e 8 horas ó día.

Como elixir gardería

  • Visite varios centros para comparar os servizos que prestan, as súas infraestruturas, horarios, etc.
  • A proximidade do centro á nosa casa ou lugar do traballo é importante.
  • Elixa unha gardería na que os nenos estean agrupados por idades e formando grupos reducidos:
    • Para nenos de menos de 1 ano, non máis de 8 nenos por cada educador.
    • Para nenos de 1 a 2 anos, non máis de 13 nenos por cada educador.
    • Para nenos de 2 a 3 anos, non máis de 18-20 nenos por cada educador.
    • Para nenos de 3 a 6 anos, non máis de 25 nenos por cada educador.
  • Avalíe a seguridade da escola infantil:
    • Ventás: a unha altura que impida a súa apertura por parte dos nenos.
    • Portas: con sistemas e proteccións que impidan que os nenos poidan pillar os dedos, e con pechos.
    • Enchufes e aparellos eléctricos: a maior altura da habitual e/ou protexidos.
    • Produtos de limpeza e afíns: gardados en armarios ou habitacións pechadas.
    • Esquinas e columnas: protexidas con bandas de goma.
    • Sistemas de calefacción: preferibles os de chan radiante ós radiadores convencionais (que deben estar protexidos).
  • Pregunte polo programa educativo: obxectivos pedagóxicos, programa de actividades…
  • Comprobe a titulación dos educadores. As máis axeitadas son: Mestre Especializado en Educación Infantil, Técnico Superior en Educación Infantil. Tamén son válidos cursos de Educación Infantil homologados, e os títulos en pediatría ou psicoloxía tamén son adecuados.
  • Convén reparar, ou pedir referencias, na dilixencia, amabilidade e paciencia dos empregados e no trato que lles dispensan ós nenos.
  • Debe ser un establecemento de uso exclusivo, con acceso propio e independente e contará cunha serie de espazos mínimos. Como referencia, velaquí algunhas: aulas divididas en función das idades dos nenos, con non menos de 20 metros cadrados, ben ventiladas e iluminadas, de ser posible con luz natural; un espazo para usos múltiples de polo menos 30 metros cadrados, e un espazo amplo para xogos e un patio, preferiblemente ó aire libre; aseo en cada aula con material sanitario abondo, visible e accesible desde a propia aula, e con polo menos dous inodoros, dous lavabos e unha cristaleira que lle facilite ó educador o coidado do resto dos nenos mentres un deles utiliza o baño; aseo propio e independente para o persoal, separado dos dos nenos e nenas, e despacho de dirección ou secretaría.
  • O chan será cálido, ben rematado para evitar tropezos, de material non esvaradío e bo de limpar, e as paredes, lisas, sen saíntes e de doada limpeza.
  • É preferible que o horario sexa flexible, permitindo a entrada e saída dos nenos a diferentes horas, aínda que se aconsella que non pasen máis de 7 ou 8 horas diarias no centro. Moitas garderías dispoñen de horario ampliado (o neno pode ser recollido unha hora máis tarde, ou entrar antes do horario habitual). Este servizo cóbrase á parte, mensualmente.
  • No tocante ó comedor, valore o prezo, a hixiene das instalacións e a adecuación dos menús ás necesidades nutricionais dos nenos. Esixa que lle informen do que comeron e/ou merendaron a cotío; así poderalle dar na cea os alimentos que mellor complementen ós inxeridos ó mediodía e á tarde.
  • Pregunte se informan por escrito sobre a evolución do seu neno ou nena, as actividades que realizou, o seu comportamento, os seus progresos, as incidencias con outros nenos ou con educadores, se come ben ou non…
  • Esixa un teléfono de contacto ó que poida chamar se xorde calquera incidencia.
  • Teña en conta outras prestacións, como transporte (pregunte prezo, horario e itinerarios), horario ampliado, se lles dan o almorzo ós cativos, etc. Estas prestacións polo xeral páganse á parte, pero resultan moi útiles.

Se ó seu fillo lle custa adaptarse á gardería...

  • Ó primeiro, acudirá só unhas horas á escola e, ós poucos, irase ampliando o horario. Nalgúns centros, os pais poden permanecer os primeiros días un cacho na aula co neno, para axudalo a se familiarizar co novo contorno.
  • Cada neno ou nena exterioriza de xeito distinto o que lle supón acudir á gardería. Algúns choran, outros quedan sós nun recuncho, dormen mal… Mesmo poden perder o apetito ou volverse nerviosos. Isto forma parte do proceso de adaptación: hai que ser comprensivos; esa inquietude irá desaparecendo, aínda que o proceso non sempre é constante e pode haber altos e baixos. Polo tanto, moita paciencia!
  • Evitemos comparacións con outros: cada neno é diferente.
  • Léveos á escola sen présas nin nervios, que vaian tranquilos e relaxados. E non prolonguemos as despedidas.
  • Ó rematar a xornada na gardería, animemos o neno a compartir as súas experiencias e amosemos interese, ledicia e entusiasmo ante os seus progresos.
  • Comparta as súas dúbidas e emocións cos educadores: orientarano e tranquilizarano.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións