Elixir sistema de calefacción

Cómpre adaptalo a cada vivenda e zona xeográfica

A calefacción representa o 64% do consumo enerxético total dunha casa, gasto que se pode rebaixar se se instala o sistema máis axeitado para cada caso.
1 Xaneiro de 2003
Img informe listado 203

Cómpre adaptalo a cada vivenda e zona xeográfica

As baixas temperaturas propias da época invernal na que estamos obrigaron a que en moitos fogares se puxesen a traballar os sistemas de calefacción. En España máis dun millón de vivendas dispón de calefacción colectiva e máis de tres millóns contan cun sistema individual (electricidade, gas natural, propano, butano, fuel…), co conseguinte incremento do consumo enerxético.

Segundo datos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), do Ministerio de Industria e Enerxía, máis da cuarta parte do consumo final de enerxía e das emisións de CO2 teñen a súa orixe nos fogares españois (vivenda e vehículos). Un estudio elaborado por este organismo sinala que cada familia gasta de media 1.200 euros anuais en enerxía e emite 4,6 toneladas de CO2. A suma do gasto familiar alcanza a cifra de máis de 15.000 millóns de euros, o que representa un 3,5% do Producto Interior Bruto (PIB). O consumo distribúese a partes iguais entre a vivenda e o vehículo privado.

A calefacción representa o 64% do consumo enerxético total dunha casa; un gasto excesivo que se pode rebaixar se realizamos un uso correcto dos sistemas de calefacción. Elixi-lo sistema de calefacción máis axeitado para cada vivenda e familia é unha tarefa que require un estudio polo miúdo das características do noso fogar, do custo que estamos dispostos a asumir e do tipo de clima do lugar onde residamos. A oferta é ampla e hai sistemas para tódalas necesidades.

A enerxía elixida para quenta-lo 34% dos fogares españois é o gas natural. Cataluña, Madrid, o País Vasco, Cantabria e Baleares, son, por esta orde, as Comunidades Autónomas que fan un maior uso do gas natural como fonte de calefacción. A electricidade é a fonte de enerxía pola que optaron Comunidades cun clima máis benévolo, alcanzando o 12% do consumo enerxético total. Nas Canarias, Andalucía, Murcia, Estremadura e nas Baleares as máis das vivendas teñen na electricidade a súa fonte de calor.

Tipos de calefacción

Calefacción eléctrica. Acumuladores

Os acumuladores de calor son aparellos de aspecto semellante a unha estufa ou radiador que consomen enerxía eléctrica para producir e almacenar calor durante a noite, aproveitando a tarifa nocturna -que é durante a noite máis dun 53% máis barata- nun máximo de oito horas. Os acumuladores “soltan” a calor ó longo do día, a medida que as necesidades de calefacción o requiren.

Hai dous tipos de acumuladores: estáticos e dinámicos. Os primeiros son os máis axeitados para habitacións pequenas, con necesidades permanentes de calefacción, e nas que non se desexa un control exacto da temperatura. A regulación de descarga dos dinámicos é mellor, polo que a súa instalación resulta máis aconsellable en espacios máis grandes, e en dependencias nas que se desexe unha regulación de temperatura máis fina ou unha restitución máis rápida da calor.

  • Pros. Máximo rendemento cun mantemento nulo. O custo con tarifa nocturna é menor ó dos sistemas de gas. Permite regular diferentes temperaturas na vivenda, e pódese instalar en calquera lugar, sen necesidade de obra. Non consome osíxeno no punto de producción, nin produce fume nin gases contaminantes, e reduce o risco por coexistencia entre gas e electricidade.
  • Contras. Prezo elevado en comparación cos aparellos eléctricos tradicionais. Sen embargo, se se compara con sistemas baseados en caldeira e circuíto de auga os prezos son moi competitivos. A regulación da descarga de calor é peor ca cos aparellos eléctricos convencionais, xa que unha parte da calor almacenada se descarga sen intervención do usuario. En vivendas antigas, cunha instalación eléctrica deficiente, require a miúdo unha reforma intensiva da instalación eléctrica, o que encarece notablemente o prezo final. Ademais, o prezo do quilovatio por hora sofre durante o día un incremento do 3%.
  • Recomendado. Climas fríos.
  • Prezo. Desde 1.700 euros.

Calefacción radiante.

A calefacción radial é o sistema de transmisión de calor máis natural, e consiste nunha estructura de tubos baixo o chan que conteñen auga quente; a superficie de calor é maior e realmente o corpo non chega a sentir nin frío nin calor, senón que se mantén á súa temperatura natural (35ºC ou 36ºC). Pódese integrar no chan, teito ou paredes, aínda que é máis efectiva nos dous últimos. E é que a enerxía radiante viaxa a través do espacio sen quenta-lo propio espacio: unicamente se converte en calor cando contacta cunha superficie máis fría.

  • Pros. É invisible e confortable. Proporciona unha calor máis sa, xa que non reseca o ambiente. A calor expándese rápida e uniformemente por toda a casa, acadando unha serie de graos de modo homoxéneo en toda a casa. O chan radiante dirixe a calor ó interior do espacio e reduce ou elimina as temperaturas excesivas nas paredes exteriores e nos teitos. Isto pode producir aforro de enerxía de entre un 10 e un 30%. Os sistemas de chan radiante tamén son capaces de refresca-lo ambiente facendo circular auga fresca no canto de quente.
  • Contras. Para a súa instalación, e para detectar e amañar posibles avarías cómpre ergue-lo chan da vivenda. Non é recomendable en casas pequenas, nin en climas moi temperados. É unha alternativa se só se vai usar dous ou tres meses ó ano.
  • Recomendado. Climas fríos.
  • Prezo. Desde 3.000 euros.

Bombas de calor.

Este sistema, semellante ós aparellos de aire acondicionado, permite gozar dunha temperatura ideal durante todo o ano: calefacción en inverno, aire acondicionado no verán e deshumedectación en épocas intermedias, nun único aparello. Esta posibilidade de frío/calor fai dos aparellos con bomba de calor o sistema ideal para zonas temperadas ou cálidas. Para obte-lo máximo confort é imprescindible que o cálculo das frigorías e calorías precisas se realice con suficiente fiabilidade. Como exemplo, pódese dicir que para arrefriar ou quentar un dormitorio se precisa un aparello dunhas 1.750 frigorías/calorías e para un salón de 25 m2, un de 3.000 frigorías/calorías aproximadamente.

  • Pros. A gran vantaxe da bomba de calor reside na súa eficiencia enerxética en calefacción, xa que é capaz de proporcionar máis enerxía cá que consome, aproximadamente entre 2 e 3 veces máis. Para acada-lo mesmo efecto consome menos enerxía (entre un 30% e un 65%) ca outros aparellos ou sistemas de calefacción e o seu custo é máis reducido. Axunta dous servicios nun só aparello e nunha soa instalación, o que limita o investimento necesario e simplifica as instalacións. Non hai perigo de incendio ou explosión, xa que non existe acumulación de combustibles nin tubos de combustibles ou chama. Non existe risco de intoxicación, xa que non ten saída de fume.
  • Contras. En zonas onde as condicións climáticas invernais son especialmente adversas ou cando a temperatura exterior é moi baixa, pode ter dificultades para proporcionar toda a calor necesaria. Se se instala a bomba de calor por conductos, o prezo elévase considerablemente, preto de 6.000 euros, xa que cómpre baixa-los teitos da vivenda, incorporar conductos, etc.
  • Recomendado. Climas cálidos.
  • Prezo. Desde 1.200 euros.

Gas natural.

Este sistema de calefacción é un dos máis empregados. O gas natural é limpo, non contamina e é eficaz. A calefacción individual de gas natural quenta os fogares a través de radiadores por toda a casa, e caracterízase por ser un combustible cómodo pois non é preciso preocuparse nin do seu almacenamento nin da súa distribución. Unha vez instalado, pódese empregar tanto como calefacción como para a producción de auga quente e para a cociña.

  • Pros. Permite unha doada regulación da calor polas habitacións. Ademais, non require tanques de combustible, de xeito que se aforran o mantemento, revisións e a preocupación de face-lo pedido cada certo tempo. É posible manter toda a casa á mesma temperatura, evitando os molestos cambios bruscos de temperatura dunha habitación a outra. A colocación estratéxica dos radiadores permite unha calor homoxénea en toda a casa. O sistema de radiadores ofrece unha calor saudable, sen excesos, gradual e uniforme evitando os sistemas de aire tan prexudiciais para as persoas con problemas alérxicos ou respiratorios, e combustións que emitan gases tóxicos.
  • Contras. Non tódalas poboacións teñen acceso á rede de gas natural. Nas vivendas onde non haxa unha instalación previa (caldeira, radiadores…) o custo increméntase considerablemente.
  • Recomendado. Climas fríos.
  • Prezo. Desde 2.400 euros.

Elixi-la calefacción máis adecuada

  • Se a súa vivenda se atopa nunha zona fría, elixa un sistema que manteña a calor de xeito constante.
  • No caso de que o seu fogar estea situado nunha zona cálida, abondará cun sistema que permita acada-la temperatura ideal de xeito puntual.
  • Estudie as posibilidades técnicas de efectua-la obra que supón a instalación. Sopese o desembolso económico que suporá e pense en cántos anos o amortizará.
  • Para optar por unha fonte de enerxía de subministración continua cómpre que a súa vivenda estea situada nunha zona onde haxa rede de distribución e que dispoña de acometida (chave de edificio).
  • Cando se trata de sistemas que precisan a subministración de combustible a granel (bombonas de butano, gasóleo…) deberá coñece-lo servicio de reparto, a frecuencia da distribución e a accesibilidade dos vehículos de transporte á vivenda. Se a súa vivenda se atopa nunha área de frecuentes nevadas, teña en conta que a provisión de combustible se pode ver interrompida pola inaccesibilidade dos camións de reparto.
  • Teña en conta o mantemento posterior que vai precisa-lo sistema de calefacción que elixa, xa que será un gasto para toda a súa vida útil. Tódalas instalacións de calefacción, agás a eléctrica, requiren inspeccións periódicas que deben realizar empresas instaladoras autorizadas.
  • Antes de se decidir por un ou por outro sistema, non esqueza que nalgúns casos é preciso almacenar combustible, coa conseguinte posibilidade de explosións, fugas ou lume.

Ademais cómpre ter en conta:

  • As dimensións da vivenda, a súa orientación, uso e a necesidade de quentala total ou parcialmente.
  • O espacio dispoñible para a colocación do sistema elixido.
  • A existencia ou non dun sistema anterior.
  • A necesidade ou non de dispor de subministración de auga quente.
  • O uso que se faga da instalación (as horas que permaneza na casa).