Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Accesibilidade nas cidades : Cines, museos e piscinas marxinan ós discapacitados españois

Usuarios de cadeira de rodas e invidentes comprobaron "in situ" en doce cidades españolas a accesibilidade de 36 cines, 36 museos e 12 piscinas

¿Como se fixo o estudio de CONSUMER?

O deseño do estudio comezou en setembro do 2002 e as probas prácticas realizáronse entre o 11 e o 25 de novembro do 2002. A proba práctica comezou nunha zona céntrica de cada cidade. Alí, técnicos de CONSUMER e usuarios en cadeira de rodas e invidentes, colaboradores de Predif (Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos) ou da Once, partían cara a unha piscina municipal, tres cines e tres museos, seleccionados todos eles de xeito aleatorio. Desde o mesmo momento en que partiron cara a esas instalacións, comezáronse a avalia-las barreiras e facilidades que cada usuario atopaba ó seu paso. Tomouse como referencia a lexislación vixente, pero tamén se avaliaron desde un punto de vista práctico as barreiras e facilidades que atopan estes dous colectivos de discapacitados á hora de gozaren do seu tempo de lecer.

Deste xeito, comprobouse que algunhas instalacións aparentemente accesibles, non o eran na práctica. En todas elas, tívose moi en conta que os usuarios discapacitados que fixeron a proba práctica puidesen acada-lo seu obxectivo final (gozar, con toda a normalidade posible, dunha visita ó museo, da proxección dunha película nunha sala de cine ou dun baño na piscina) e as condicións nas que o facía. Nas cualificacións parciais e totais aplicouse un sistema propio de puntuacións e ponderacións creado conxuntamente por técnicos de CONSUMER e expertos en accesibilidade consultados por esta revista, se ben o criterio fundamental foi a valoración efectuada polos propios usuarios discapacitados que realizaron a proba.

O estudio dividiuse en catro bloques ben diferenciados:

Desprazamentos

Comprobouse -en todo o percorrido efectuado polo discapacitado ata chegar ó museo, ó cine ou á piscina- a situación das seguintes cuestións:

  • Impedimentos ou obstáculos nas beirarrúas: motos, material de construcción, colectores de obras, lousas levantadas, etc.
  • Impedimentos propios do mobiliario e/ou equipamento urbano, mal situados ou perigosos: caixas do correo, cabinas de teléfono, teléfonos de pé central, farois, semáforos, papeleiras…
  • Toldos, carteis, valados publicitarios, ou outros obxectos no percorrido, situados a menos de 210 cm de altura.
  • Saíntes de fachadas que invaden máis de 10 cm da anchura da beirarrúa.

E analizáronse tamén os pasos de peóns:

  • A existencia de franxas-guías transversais á dirección da marcha, ó longo do ancho da beirarrúa.
  • Diferenciación de textura e/ou cor do pavimento nesta franxa transversal.
  • Ancho mínimo de 150 cm.
  • Os bordos, rebaixados ou non, os embornais nos pasos de peóns, as reixas, etc.
  • A existencia de dispositivo de aviso sonoro nos semáforos.

No tocante ó transporte público, comprobouse se os buses urbanos que se tomaron para realiza-la proba contaban con dispositivos como ramplas ou plataformas que facilitasen o acceso a persoas con cadeira de rodas, amais de ancoraxes e dispositivos de parada accesibles, e dispositivos sonoros de situación e parada. No caso do metro, amais do habitual en materia de accesos, anotouse se había ascensores, dispositivos sonoros de situación (aviso de parada actual e próxima parada). Nos taxis comprobouse se estaban correctamente adaptados para ámbolos dous colectivos. Os taxis preparados para minusválidos en cadeira de rodas (ou eurotaxis) son monovolumes que contan con ramplas para facilitárlle-lo acceso e a baixada do vehículo. Nos taxis, anotouse o tempo que transcorreu entre a solicitude do taxi e a chegada deste, e o grao de adecuación de tódolos dispositivos (ramplas, ancoraxes, etc.). Nos usuarios invidentes, comprobouse se os taxis contaban con dispositivos sonoros para indicar que o taxímetro chega a determinadas fraccións de diñeiro e que unha vez rematada a carreira informen de xeito sonoro sobre a cantidade que hai que pagar.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións