Accesibilidade nas cidades

Cines, museos e piscinas marxinan ós discapacitados españois

Usuarios de cadeira de rodas e invidentes comprobaron "in situ" en doce cidades españolas a accesibilidade de 36 cines, 36 museos e 12 piscinas
1 Decembro de 2002
Img temap 126

Cines, museos e piscinas marxinan ós discapacitados españois

Case unha de cada dez persoas no noso país sofre discapacidades importantes. Delas, máis dun millón teñen problemas graves de visión e 3.325.000 teñen dificultades severas para se desprazaren, segundo datos do INE. Coñécense ben os problemas que estes usuarios especiais atopan para se desenvolveren en actos tan cotiáns como acudir ó traballo en trasporte público ou realiza-las compras en calquera establecemento. Outro dos aspectos nos que estes colectivos atopan trabas, e no que se centra este informe, é o relacionado co lecer.

Co fin de analiza-la accesibilidade a diversas alternativas de lecer, técnicos de CONSUMER inspeccionaron, acompañados por discapacitados da ONCE e de PREDIF (plataforma estatal de discapacitados físicos) 36 cines, 36 museos e 12 piscinas localizados en 12 cidades, e desprazáronse por elas para examinaren se no percorrido efectuado polo discapacitado ata chegar ó museo, ó cine ou á piscina, hai impedimentos ou obstáculos (mobiliario urbano mal situado, obxectos no camiño, carteis, valados publicitarios…) que lles impidan moverse con autonomía e comodidade.

As conclusións do estudio, que manexou máis de 200 variables de accesibilidade, demostra que cines, museos e piscinas presentan deficiencias tan importantes en materia de accesibilidade que dificultan e mesmo impiden que os discapacitados gocen do seu tempo de lecer. Son moi poucas as instalacións que teñen os seus servicios adaptados para que usuarios de cadeiras de rodas e invidentes poidan gozar do seu tempo de lecer con comodidade e independencia. As cidades estudiadas neste informe foron Bilbao, Madrid, Barcelona, Valencia, A Coruña, Málaga, San Sebastián, Alacante, Vitoria, Pamplona, Oviedo e Santander.

No tocante a quen se despraza en cadeira de rodas, este informe demostra que o 72% dos cines visitados en toda España non están ben adaptados, e que o mesmo acontece co 55% dos museos e co 58% das piscinas municipais. Noutra proba práctica, anotáronse as barreiras (obstáculos en rúas e beirarrúas, vaos, transporte público…) coas que se atopan os minusválidos cando se desprazan para acudiren a estes lugares de lecer. E os datos son concluíntes: as doce cidades suspenden. No tocante ós invidentes: un de cada tres cines non están adaptados, dous de cada tres museos suspenden e unha de cada catro piscinas municipais resulta na práctica inaccesible para as persoas con capacidade visual reducida. E nos desprazamentos que efectúan os cegos, o suspenso volve ser inapelable: ningunha cidade aproba. A relativa mellor puntuación da adaptación destes lugares de lecer para os invidentes débese, en boa parte, a que a colaboración dos empregados é decisiva, mentres que as necesidades dos minusválidos en cadeira de rodas están máis relacionadas con elementos arquitectónicos como accesos, aseos específicos, guindastres para “baixalos” ata a piscina, ou lugares reservados para eles no interior do cine. En cines e museos non se tivo en conta se as instalacións posuían marcas-guía no chan para que os invidentes se puidesen orientar, xa que ningunha contaba con este equipamento. Nin tampouco que só o 16% dos museos incorporaban dispositivos (como pulsadores que mediante unha narración expliquen a obra, ou carteis explicativos en braille) para que os invidentes os poidan visitar con proveito.

Cines e minusválidos en cadeira de rodas

O motivo principal polo que o 70% dos cines suspenden é a deficiente accesibilidade na entrada e nos despachos de billetes, e a carencia de espacios adaptados nas salas de proxección. No 22% dos cines observáronse barreiras infranqueables (banzos e ramplas perigosas) e no 14%, aínda que o acceso era posible, cumpría superar obstáculos, como chanzos. No tocante ás prazas reservadas para minusválidos nos cines ós que se puido acceder (o 78% dos estudiados), detectáronse deficiencias: no 18% non había espacios habilitados para discapacitados e no 21% tratouse de colocalos no corredor. No 61% das salas existían asentos reservados, aínda que nunha de cada tres estes asentos estaban na primeira fileira, o que foi cualificado polos usuarios como “tortura” debido á mala calidade de visión e á incómoda postura para ve-la película. Na práctica, catro de cada dez cines impedíanlles ós minusválidos faceren uso dos aseos; nun de cada tres casos, esta imposibilidade debíase a fallos na adaptación do aseo (para acceder a el cumpría superar escaleiras; aseo dedicado a fins distintos ó previsto; cabina que non permite o xiro ou pecha-la porta…) e en dous de cada tres corresponde a cines que, simplemente, non dispoñen de aseos adaptados. No tocante ás barreiras para transitar con comodidade dentro do cine, comprobouse que eran comúns corredores estreitos, escaleiras que imposibilitan o acceso ás salas e moquetas que dificultan o tránsito coa cadeira. No 22% das salas os minusválidos atopáronse con dificultades severas para se moveren polo interior. E se o usuario dunha cadeira de rodas precisa aparcar nas inmediacións do cine, só conta con aparcamento específico en menos da metade dos casos.

Cine para cegos, difícil

O 36% dos cines suspendeu o exame, aínda que non se penalizou que ningún cine contase con teléfono gratuíto ou folletos en braille para comunicárlle-la carteleira ós invidentes. No 83% dos casos un empregado acompañou o invidente ó entrar na sala, pero só o 64% o fixo tamén ó remata-la proxección. Este 64% é a porcentaxe de cines que aproban o exame. Tódolos cines se mostraban libres de obstáculos ou, cando os había, estaban aliñados no interior da sala.

Museos e cadeiras de rodas

O 55% dos museos suspendeu o exame. As variables máis críticas para os usuarios de cadeira de rodas foron os accesos e as barreiras no interior do museo. Púidose acceder ó 92% deles, pero nun destes de cada cinco foi posible porque os técnicos de CONSUMER lles prestaron axuda ós incapacitados. Nuns casos debíase á existencia de chanzos e noutros a que, ó comprobar que o persoal do museo non atendía o timbre da porta exterior, específica para minusválidos, o técnico desta revista buscou e atopou algún empregado do museo. Dos museos ós que foi posible acceder, no 36% non se puideron visitar algunhas áreas ou salas porque había barreiras arquitectónicas que o impedían. Isto traduciuse nun suspenso para estes museos. No 42% dos museos, sen embargo, os minusválidos non atoparon ningunha traba para visitalo con comodidade. No resto, as barreiras refírense a incomodidades no tránsito ou á exposición de obras inaccesibles para o usuario debido á súa localización (excesivamente altas ou en vitrinas con escasa visibilidade desde a cadeira de rodas). Os aseos: tan só os tiña ben adaptados o 48% dos museos. E, para rematar, só a metade dos museos poden dicir que preto de alí hai un aparcamento reservado para minusválidos.

Museos para cegos

O 67% dos museos non aprobou o exame dos usuarios cegos. E tan só o 16% adoptou medidas para facilitárlle-la estancia e aproveitamento no museo. Os que o fixeron, ademais, só ofrecen esta adaptación nun número reducido de obras expostas. Valorouse positivamente que se lles permitise ós cegos palparen as esculturas para deste xeito poderen aprecia-lo volume e textura da obra. En só a metade dos museos que contaban con ascensor este estaba adaptado con números en braille e/ou dispositivo sonoro de aviso de parada e situación. Os poucos (o 33%) que superaron o exame fixérono porque algún empregado se prestou a realizar, a carón do invidente, unha visita guiada -sen custas nin horario prefixado, porque cando supuña gasto ou se esixía cita non se valorou tan positivamente- explicándolle ó usuario cego as obras do museo.

Nas piscinas o problema está no acceso á auga

O 58% das piscinas suspenden o exame, pero, agás en dúas das doce estudiadas, a adaptación dos accesos de entrada era boa. As barreiras máis visibles son os obstáculos que impiden acceder a algunha zona do polideportivo. Pero se hai unha variable de gran relevancia para o minusválido nunha piscina é a adaptación do mecanismo de entrada á auga. De ben pouco serve que as instalacións estean adaptadas se non se lles facilita o acceso á propia piscina. Cinco das doce estudiadas suspenderon por non contaren cun “guindastre” ou mecanismo similar que deposita o usuario na auga, o que as converte en inutilizables para unha persoa que vai en cadeira de rodas.
E só unha non acada o aprobado xeral tendo adaptada a entrada á auga.

No tocante ós invidentes que desexan facer uso das piscinas…

Unha de cada catro suspenden o exame. No 83% delas (dez das doce estudiadas), un empregado acompañou os invidentes. E o 75% carecían de obstáculos salientables. Unha das carencias máis comúns é a inexistencia de elementos de información ou situación (carteis, paneis, etc.) para os invidentes. Ningunha piscina ofrece información en braille, só se ofrecía no ascensor. O 83% dispoñen de corcheiras que delimitan todas ou algunhas das estaxes. Nas dúas que non as teñen isto dificulta a orientación dos cegos cando nadan, aínda que en ámbolos casos o persoal da piscina se ofreceu a acompañalos mentres nadaban.

Os desprazamentos

Un discapacitado, para facer uso de piscinas, museos ou cines, ten que se desprazar pola cidade. As doce cidades foron suspendidas, tanto polos minusválidos coma polos invidentes. No caso dos usuarios de cadeiras de rodas, o suspenso xeneralizado débese fundamentalmente ó estado das rúas (estreitamento das beirarrúas, pivotes que obstaculizan o tránsito, colectores de vidro e mobiliario urbano -papeleiras, bancos, farois, sinais- mal situado, vehículos estacionados enriba das beirarrúas…), ós vaos non acondicionados -ben por careceren de rebaixamento ou pola existencia de vehículos nos mesmos-, á pouca conciencia social dalgunhas persoas e ás longas esperas que deben aturar á hora de colleren un taxi ou un bus adaptado para minusválidos. A situación cambia dunha cidade a outra, pero ningunha aproba o exame. Os eurotaxis (taxis adaptados, normalizados) non están dispoñibles en tódalas quendas, e outras veces o seu número non é abondo para atende-la demanda existente. En Alacante non se puido localizar un eurotaxi, e en Málaga, Barcelona e San Sebastián a agarda oscilou entre os 50 e os 65 minutos. No caso dos buses urbanos, se ben o 73% dos que se colleron estaban adaptados, case a metade deles evidenciaban deficiencias na súa adaptación: o conductor non se achega abondo á beirarrúa, co que a rampla non repousa sobre esta e queda un chanzo (ata a calzada) da altura do bordo, ou a rampla do bus non baixa ata o chan.

Para os invidentes, as principais barreiras nos seus desprazamentos tamén se poden englobar nos dous grupos. O primeiro está composto por elementos non propios do mobiliario urbano, como bicis, motos, coches e camións de reparto, carteis publicitarios e maceteiros de comercios, etc., que non estaban debidamente aliñados nas rúas, co conseguinte perigo para as persoas cegas. O segundo grupo está formado por lousas rotas, farois, sinais, árbores e papeleiras mal situadas, beirarrúas que se estreitan, rúas peonís transitadas por coches, bocas de incendio que, pola súa localización, poden provocar tropezos, desniveis sen diferenciar mediante o cambio de textura do pavimento, colectores para a reciclaxe non aliñados… Por outra banda, o 63% dos semáforos ós que se recorreu nesta proba non dispuñan de dispositivo sonoro de aviso para invidentes. E no tocante ó transporte público, só o 17% dos autobuses ten dispositivo sonoro de información ou localización, mentres que o metro (Valencia, Bilbao, Barcelona e Madrid) estaba adaptado para cegos en tódalas cidades que contan con este medio de transporte. No tocante ós taxis, ningún dos que se colleron dispuña de aviso sonoro que informase cada certo tempo ó invidente sonoro sobre cántos cartos leva consumidos no traxecto.

¿Como se fixo o estudio de CONSUMER?

O deseño do estudio comezou en setembro do 2002 e as probas prácticas realizáronse entre o 11 e o 25 de novembro do 2002. A proba práctica comezou nunha zona céntrica de cada cidade. Alí, técnicos de CONSUMER e usuarios en cadeira de rodas e invidentes, colaboradores de Predif (Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos) ou da Once, partían cara a unha piscina municipal, tres cines e tres museos, seleccionados todos eles de xeito aleatorio. Desde o mesmo momento en que partiron cara a esas instalacións, comezáronse a avalia-las barreiras e facilidades que cada usuario atopaba ó seu paso. Tomouse como referencia a lexislación vixente, pero tamén se avaliaron desde un punto de vista práctico as barreiras e facilidades que atopan estes dous colectivos de discapacitados á hora de gozaren do seu tempo de lecer.

Deste xeito, comprobouse que algunhas instalacións aparentemente accesibles, non o eran na práctica. En todas elas, tívose moi en conta que os usuarios discapacitados que fixeron a proba práctica puidesen acada-lo seu obxectivo final (gozar, con toda a normalidade posible, dunha visita ó museo, da proxección dunha película nunha sala de cine ou dun baño na piscina) e as condicións nas que o facía. Nas cualificacións parciais e totais aplicouse un sistema propio de puntuacións e ponderacións creado conxuntamente por técnicos de CONSUMER e expertos en accesibilidade consultados por esta revista, se ben o criterio fundamental foi a valoración efectuada polos propios usuarios discapacitados que realizaron a proba.

O estudio dividiuse en catro bloques ben diferenciados:

Desprazamentos

Comprobouse -en todo o percorrido efectuado polo discapacitado ata chegar ó museo, ó cine ou á piscina- a situación das seguintes cuestións:

  • Impedimentos ou obstáculos nas beirarrúas: motos, material de construcción, colectores de obras, lousas levantadas, etc.
  • Impedimentos propios do mobiliario e/ou equipamento urbano, mal situados ou perigosos: caixas do correo, cabinas de teléfono, teléfonos de pé central, farois, semáforos, papeleiras…
  • Toldos, carteis, valados publicitarios, ou outros obxectos no percorrido, situados a menos de 210 cm de altura.
  • Saíntes de fachadas que invaden máis de 10 cm da anchura da beirarrúa.

E analizáronse tamén os pasos de peóns:

  • A existencia de franxas-guías transversais á dirección da marcha, ó longo do ancho da beirarrúa.
  • Diferenciación de textura e/ou cor do pavimento nesta franxa transversal.
  • Ancho mínimo de 150 cm.
  • Os bordos, rebaixados ou non, os embornais nos pasos de peóns, as reixas, etc.
  • A existencia de dispositivo de aviso sonoro nos semáforos.

No tocante ó transporte público, comprobouse se os buses urbanos que se tomaron para realiza-la proba contaban con dispositivos como ramplas ou plataformas que facilitasen o acceso a persoas con cadeira de rodas, amais de ancoraxes e dispositivos de parada accesibles, e dispositivos sonoros de situación e parada. No caso do metro, amais do habitual en materia de accesos, anotouse se había ascensores, dispositivos sonoros de situación (aviso de parada actual e próxima parada). Nos taxis comprobouse se estaban correctamente adaptados para ámbolos dous colectivos. Os taxis preparados para minusválidos en cadeira de rodas (ou eurotaxis) son monovolumes que contan con ramplas para facilitárlle-lo acceso e a baixada do vehículo. Nos taxis, anotouse o tempo que transcorreu entre a solicitude do taxi e a chegada deste, e o grao de adecuación de tódolos dispositivos (ramplas, ancoraxes, etc.). Nos usuarios invidentes, comprobouse se os taxis contaban con dispositivos sonoros para indicar que o taxímetro chega a determinadas fraccións de diñeiro e que unha vez rematada a carreira informen de xeito sonoro sobre a cantidade que hai que pagar.

Museos, Cine, Piscinas e táboa comparativa

Cuestións xerais:

Se comprobó si había en las cercanías de todas las instalaciones aparcamientos reservados para minusválidos, y en su caso si las plazas eran suficientemente grandes, si estaban ocupadas por vehículos de personas sin discapacidad, y si los accesos a la acera se encontraban adaptados.

Tanto en museos y cines como en piscinas se comprobó si los accesos están adaptados para usuarios con silla de ruedas: si en el caso de haber escaleras se había acondicionado la entrada con rampa o plataformas elevadoras, etc.. Se han penalizado.

Comprobouse se había nas proximidades de tódalas instalacións aparcamentos reservados para minusválidos, e de ser así, se as prazas eran grandes abondo, se estaban ocupadas por vehículos de persoas sen discapacidade, e se os accesos á beirarrúa estaban adaptados.

Tanto nos museos e cines coma nas piscinas comprobouse se os accesos están adaptados para usuarios con cadeira de rodas: se no caso de haber escaleiras se acondicionara a entrada con rampla ou plataformas elevadoras, etc. Penalizáronse, aínda que pouco, as instalacións non accesibles desde a porta principal e que acondicionan outra entrada específica para os discapacitados. Nos tres tipos de centro avaliouse se os aseos (e vestiarios, nas piscinas) están adaptados. Comprobouse se a porta de acceso ten cando menos 80 cm de anchura, se a cabina ten a apertura cara ó exterior (tamén pode ser corredeira, ou que permita pechar desde dentro), se a capacidade de xiro no seu interior é de polo menos 150 cm, se o pavimento é antiescorregante, se hai barras abatibles e situadas nun lugar correcto, e agarradoiras adecuadas; se o lavabo está a unha altura de 70-80 cm que permita achegarse coa cadeira, e se ten billas mono-mando, se o inodoro está entre 45 e 55 cm de altura. Nos vestiarios anotouse se había espacio abondo para moverse sen problemas e tamén a accesibilidade dos despachos de billetes, en termos de altura. No tocante ós espacios interiores, comprobouse se algunha barreira arquitectónica (escaleiras, distribución de obxectos -carteis, papeleiras…- e o mobiliario: bancos ou cadeiras, etc.) dificultaba o correcto tránsito da cadeira de rodas. Penalizouse que non se poida visitar algunha sala do polideportivo. Comprobouse tamén se había, nos tres tipos de centro, carteis indicadores en braille, para os cegos.

Museos:

Comprobouse se tódalas salas e obras eran accesibles, ben pola altura adecuada das obras e carteis explicativos (no caso dos usuarios de cadeira de rodas), pola existencia de dispositivos específicos (gravación que informe sobre datos de interese sobre a obra, ou carteis en linguaxe braille), ou ben porque o persoal do museo se ofreza a realizar unha visita guiada (valorouse mellor cando se fai de xeito gratuíto e sen horario prefixado). Cando o museo tiña ascensor, estudiouse se era accesible (capacidade de xiro, ou apertura polo lado contrario ó que se entra, botóns accesibles pola súa altura e en braille para os invidentes…). E valorouse positivamente que ós invidentes se lles permita palpa-las esculturas exhibidas no museo.

Cines:

Amais do descrito ata agora, nos cines comprobouse se hai espacios reservados para persoas que van en cadeira de rodas. Observouse, cando procedía, se se trataba de sitios concretos; e, nese caso, se se podía ver ben a película desde ese emprazamento. Nos cines que non dispuñan de sitios reservados penalizáronse as situacións perigosas ou non adecuadas, como a máis habitual, no medio do corredor. No tocante ós invidentes, comprobouse se se lle ofrecía ó usuario a posibilidade de consulta-la carteleira mediante folletos en braille ou sistema telefónico gratuíto, se o persoal do cine se ofrecía a acompaña-lo cliente ata a súa localidade e se isto se fai desde a entrada do cine ou desde a entrada á sala, e se o fan tamén ó remate da proxección, e se o persoal se ofrece ou cómpre requirir esta prestación. No caso de que o cine teña ascensor, comprobouse o seu grao de adaptación para os dous tipos de discapacitados que realizaron o estudio.

Piscinas:

Amais de todo o analizado en cines e museos que sexa de aplicación nun polideportivo, nas piscinas estudiouse a accesibilidade á pileta e a existencia dalgún dispositivo (como un guindastre específico) que lles facilite a entrada á auga ós usuarios de cadeira de rodas. Tamén se anotou se o persoal das piscinas se ofrecía a acompaña-lo usuario invidente ós vestiarios, e se as estaxes da piscina contaban con corcheiras que orienten ós cegos mentres nadan.